Un rodeo por fóra

Un rodeo por fóra

0 comentários 🕔00:13, 01.Jan 2014

Que o nacionalismo galego contemporáneo, contrariando en boa medida a vocación universalista do galeguismo, mira pouco para fóra, é cousa sabida. Máis alá de loables compromisos individuais, o certo é que con independencia de asuntos puntuais ligados ás políticas comunitarias nas que é difícil deslindar o interior do exterior e outras incidencias colaterais a maiores, a falla de iniciativa é unha característica incontestable.

Ten, non obstante, o nacionalismo como movemento a responsabilidade histórica de situar a súa Galicia no mundo nun tempo en que resulta máis doado ca noutras épocas pasadas e nun momento en que as institucións fan deixación de funcións e dan as costas de forma rotunda a unha política exterior minimamente compartida e merecedora de tal nome. Ese espazo ocuparao a sociedade civil, como tamén é costume, alá onde sexa posible, de forma consciente ou inconsciente, de forma tamén un tanto inconexa e desvertebrada, con mil impulsos como mil graos de area, o cal restará efectividade tanto na formulación discursiva como no alcance da súa acción.

A nova emigración, os novos recursos da comunicación, a diáspora tradicional, xunguidos ás capacidades endóxenas onde, alén da política propiamente dita, existen niveis de excelencia á altura de calquera baremo global en numerosos campos, brindan oportunidades para que unha Galicia de seu proxecte con ambición esa obriga para coa humanidade de preservar e desenvolver a súa identidade orixinaria.

As cousas móvense en Europa e no mundo; son tempos de grandes mutacións onde xorden diferentes oportunidades que cómpre identificar, calibrar e aproveitar. Pero estamos fóra dos circuítos dun cambio sobre o que reflexionamos pouco.

Cumpriríalle a Galicia en 2014 un gran esforzo para facerse oír no exterior, unha tarefa que pode concitar a unanimidade de moitas vontades, achegando unha plataforma, civil, independente e leal, que xere esa cultura de relacións e de traballo, o achegamento preciso para ir pechando feridas dentro, exacerbadas en tempos recentes tamén pola carencia dun distanciamento que anteporía realismo onde proliferou tanta verdade pequena.

Polas características da sociedade galega, a recuperación da nosa autoestima colectiva fronte a unhas autoridades autodestrutivas selectivamente do propio, non virá só da política instrumentada polos actores tradicionais nin dos procesos de imitación que procuran asimilar dinámicas que non botan raíces na nosa sociedade, instalada noutros eixes, senón da apertura de vías xenuínas e acaídas á nosa forma de ser, desempeñando en tal sentido un papel esencial o factor da lexitimación exterior.

Precisamos situar outra Galicia no mundo, e dotármonos de instrumentos para iso, organizados dende a base, non contra as institucións, pero si como expresión dunha diplomacia pública que complemente e poña en valor os nosos recursos e xere un contradiscurso asentado nesa xenerosidade que nos reclama altura de miras e compromiso a partes iguais.

Sobre o autor / a autora

Xulio Ríos

Xulio Ríos

(Galiza) Director do IGADI e Director do Observatorio da Política China.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *