A sidra, un pracer ancestral (II)

0 comentários 🕔18:07, 15.Jan 2014

A produción de mazás en Galicia a comezos do século XX era superior á do resto do estado en conxunto. Daí tamén a gran variedade autóctona que chega aos nosos dias, como a branca cerosa, a camoesa, a dulzairiña, a rabiosa de Callobre, a ollo mouro, a príncipe de cedo, a duraza, de peruco ou repinaldo roxo, as tabardillas, as tres en cuña, a roxelia, a maranfosa, a raineta raiada, a mingau, etc, por citar algúns entre os mais de 50 tipos autóctonos diferentes de maceiras.

E é que en Galicia, as mazás e as maceiras foron dende sempre froitas e árbores tremendamente populares e habituais na práctica totalidade dos fogares galegos. Este arraigo pódese observar tamén na toponimia e na microtoponimia, onde se constatan que só no noso país hai máis topónimos referidos ás mazás que no resto do estado xunto (valores equivalentes aos da produción de mazás): o topónimo Mazanceiras pola zona de Santiago, Maciñeira pola zona de Ortegal, Mazás en Ferrol e Laracha, Portomazás en Aranga-A Coruña, Maceiras en toda a geografia galega mais fundamentalmente na provincia da Coruña, e mesmo en Arteixo temos “O campo das maceiras”, “O monte das maceiras” e “As maceiras”; Maceda aparece fundamentalmente en Lugo e Ourense, Mazaeda só se rexistra na Fonsagrada, Maseda na Mariña lucense, Pomar, Pomares, Pumar, Pumares, Pomariño, Pumariño, e Pumarega son moi abundantes tamén por toda Galicia, e Pumarega en concreto nas beiras do río Eo; Manzaneda en ourense, Mazairas é moi abondoso en Ourense e sur de Lugo, Macieira en Bretoña-A Pastoriza-Lugo; ademais doutros derivados como Mazandán, Mazaido, Mazaille, Mazais, Mazairo…

Ao que debemos sumar as fermosísimas composicións toponímicas como A chousa, horta, leira, lomba ou zarra das maceiras, O prado, toxal ou horto das maceiras; A louseira, A braña ou As regas das macieiras; O pouso das mazanceiras, O chouso do rego dos pumares, A agra da fonte pumar, A cha de pumariño, A cortiña da Pumarega, etc.

Tamén temos innumerábeis referencias a lagares, que son os lugares destinados a elaborar tanto a sidra como o viño, partillando practicamente os mesmos espazos, materiais e ferramentas. Hainos tamén por toda a xeografía galega e en zonas onde non se atopa tradición de viño, o que pode implicar unha referencia a antigos lagares de sidra. Así, temos Lagar, Lagariño ou Lagareiros, por exemplo.

Por suposto todos estes topónimos tamén se dan en apelidos propios do país. Hainos que falan ás claras da tradición sidreira galega: As Sidras, no concello de Carnota-A Coruña, A leira da Sidra, nas Somozas-A Coruña, A Fonte da Sidra, en Vigo, O hórreo da Sidra, na Pontenova-Lugo, O lugar da Sidra, en Cospeito-Lugo, Pereira-sidral, no Valadouro-Lugo, A Sidreira, en Paderne-A Coruña, Os Sidreiros, nas Somozas na Coruña.

É tremendamente curioso que no folclore galego, a pesar das moitas referencias ás mazás e ás maceiras, non hai, que eu saiba, ningunha referida á sidra, o que contrasta cos centos de cantigas referidas ao viño, feito que pode entenderse como indicativo de que a sidra é unha bebida máis de tomar na casa e o viño unha bebida máis social.

Exemplos de cantigas referidas ás mazás son as seguintes:

“Moza bonita no mundo
non había de nascer,
porque é como a mazá
que todos a queren comer”

“As rapazas desta aldea,
cando van pastar o gando,
van apañar mazás
das mazanceiras do amo”

“Aldeiña de Moares,
aldea que todo ten,
boas mazás, boas peras
e boas mozas tamén”

Como tamén merece atención o refrán:

“Mellor que das mazás falar, é dalas a probar.”

Agora en Galicia hai moitas iniciativas persoais, privadas e empresariais para a elaboración da sidra, mais aínda non chegou a se converter nunha bebida socialmente arraigada como outrora, á altura do viño ou da cervexa. A sidra, coa estratexia adecuada, podería ser unha bebida que de novo recuperase o esplendor que tivo noutros tempos e que ten noutros lugares, pero é necesario prestixiala e probabelmente asociala a un ritual, como en Euskadi, onde vai ligada ás sidrarías, que son lagares ou locais acondicionados ao modo tradicional onde se toma acompañando un bife, tortilla de bacallau, queixo, ou noces e marmelo, que é como se degusta fundamentalmente no seu tempo. En Guipúscoa tómase nas sagardotegis de Hernani ou Astigarraga entre outras, como principais lugares, e ligada ao ritual de retirar a espita da barrica ou kupela, e coa presión do chorro que manda a sidra a varios metros cada persoa que o desexe, sempre baixo a atenta vixilancia do dono do local ou o vidreiro, recolle co seu vaso a cantidade de sidra que estime oportuna… A retirada da espita e a recollida da sidra realízase baixo o berro “Txox” máis actual, e que antigamente era “Mojón”…. Como dato histórico está recollido a través de manuscritos a gran popularidade da sidra entre os mariñeiros vascos na Idade Media e xa posteriormente nos séculos XVI e XVII cando os baleeiros vascos que ían á pesca do bacallau e da balea, para a que levaban gran cantidade de sidra nas súas bodegas para a inxesta propia, unha práctica que foi decaendo paulatinamente xunto coa pesca da balea.

En Asturias a sidra é a bebida tradicional por excelencia dende hai moitos séculos, e as primeiras referencias datadas por escrito aparecen en documentos do século XIII, sobre todo a través de doazóns de terras a mosteiros. A partir de aquí as referencias son frecuentes. Na actualidade a sidra goza de gran prestixio en Asturias e esta comunidade é a principal produtora e consumidora desta bebida, que chega a exportar a todo o mundo en todas as súas variedades. É unha bebida social asociada ás comidas tradicionais asturianas como os peixes, as carnes, as diferentes sobremesas, etc. A sidra convértese nun bo xeito de comunicación humana a través do ritual do escanciado e de compartir vaso, botellas e conversa entre varias persoas en calquera local, máis especialmente nas sidrarías, moi abondosas por todo o territorio asturiano, aínda que tradicionalmente máis no centro-leste da rexión, xa que no occidente, desde tempos recentes, estaba máis estendida a cultura do viño.

O escanciado é un ritual propiamente asturiano, de orixe relativamente moderna, que consiste en erguer a botella por riba da cabeza e deixar caer un fino chorro de sidra que será batido no lateral dun vaso de cristal cunhas características específicas co obxectivo de osixenar a bebida e darlle o punto de agulla preciso para ser tomada. O ideal é botar só un grolo, que en asturiano se denomina culín. E de aí de culín en culín ata rematar as botellas que se estimen oportunas. Certo é que se derrama bastante sidra mais segundo eles a inxesta gaña en corpo e sabor. Eu non o teño moi claro.

Asturias é o único lugar do mundo onde a sidra se escancia ou bate desta maneira, sendo xa case coma un deporte do que hai mesmo competicións e concursos. E é que este sistema está, a pesar de non ser moi antigo, moi arraigado, e entre os asturianos prestixia a sidra e é moi valorado. As festas asturianas onde a sidra se sitúa no lugar central denomínanse Espichas e os cantos típicos soen ser as Tonadas ou Tonás.

En Galicia a sidra comeza a facerse agora de novo en grandes lagares e producións importantes como a de Manzanova en Chantada, mais a acollida popular é de momento lixeira. Hai festas da sidra en varios lugares de Galicia que contan xa un bo número de edicións e con boa participación, como a do Santo Cristo do Vilán en Fornelos de Montes (Pontevedra), que leva XX edicións, a que organiza o bar Xoldra en Guitiriz, que leva sete anos fecundos, a XIV festa da mazá e a sidra en Marín-Pontevedra, a tamén XIV edición da festa da sidra de Bembrive en Vigo ou a XVII festa da mazá en Redondela ou a 1ª edición da sidra da Estrada onde se está a fabricar artesanalmente sidra natural na actualidade tamén, e nunha produción importante.

Eu entendo a sidra como unha bebida particularmente interesante. Se está ben elaborada de xeito natural é moi sá e saborosa, e sen dúbida debería estar ligada á cultura e ás tradicións desta terra. Debería ser asociada a xantares tradicionais, á música e á convivencia como acontece en Euskadi, Asturias e Bretaña. A mágoa é que non hai sidrarías galegas onde poder degustar a sidra feita no país acompañada dos nosos xantares e das nosas músicas para propiciar un espazo de encontro. Lugares de calidade, que de momento semellan reservados para outro tipo de actividades que xa son moi pouco orixinais.

Se cadra a cuestión era só comezar.

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *