Tonantzin

Tonantzin

1 comentário 🕔18:14, 15.Jan 2014

Tenían un templo dedicado a la madre de los dioses,
que ellos llaman Tonantzin.

Fray Bernardino de Sahagún.

A principios dos anos noventa, vivindo aínda en Madrid, contactei cun grupo cuxa procura espiritual xiraba –nunca mellor dito– ó redor das danzas mexicanas, en xeral, e huicholes, en particular; danzas antigas, danzas de poder “xamánicas”.
Daquela adoitabamos practicar unha vez á semana, no retiro, na parte “oriental” do xardín onde aínda hoxe se congregan toda caste de buscadores anímicos. Logo de conformarmos un círculo, a persoa que “dirixía” as danzas convocaba os espíritos das sete direccións (norte, sur, leste, oeste, enriba, embaixo e mailo centro) espallando, asemade, o fume dunha cunca de copal.
De todas as danzas que bailabamos, maraca en mao, a miña preferida era a de Tonantzin, “a nosa venerada mai”, a enerxía e o amor da cal invocabamos patexando con todas as nosas forzas o chao. Partindo dise ritmo que eu xa tiña máis que interiorizado, escribín un bo día, un gran día pra min, o poema homónimo que arestora, recomposto en galego, forma parte da memoria afectiva dos meus mellores amigos e dos membros do Grupo Superrealista Galego ó que teño a inmensa sorte de pertencer.
Xa de volta á Galiza, formei, xunto con outros compañeiros, coma Tono Galán, un proxecto de índole poético-dramático-musical chamado Fuso Negro, o cal naceu precisamente a raíz do poema “Tonantzin”, o primeiro de todos os que interpretabamos que tivo unha música de seu (aínda que nunca a mesma exactamente, xa que xogabamos moito coa improvisación). Algún tempo despois (finais do 2012), tras asistir a unha actuación do grupo Infusiones Musicales, ocorréuseme a idea de contactar cos seus compoñentes, Alberto Laso (sitarista) e Karlos Barral (percusionista co que xa traballara en Fuso Negro) a fin de crear e de gravar unha nova versión do tema.
A gravación tivo lugar n’A Cruña, cas Alberto Laso e Susana Fernández (quen nos acompañou, animou, alimentou e aturou con infinito agarimo!), entre os meses de xullo e setembro do 2013. Karlos Barral ocupouse de toda a percusión que se escoita (agás da campaíña tibetana e do talking drum, que os tocou eu) e Alberto Laso, sinte de tocar o sitar, exerceu de técnico de son.
Os nosos medios foron absolutamente precarios (mesmo é probable que se sinta de fondo o chío dalgunha das innumerábeis gaivotas que pairan arreo por ise rueiro ou aterran na terraza da casa!) mais a nosa ilusión e o noso abraio perante os “achados” musicais cos que nos agasallaba, de cando en vez, o azar obxectivo compensaron de sobra tal escaseza.
Á espera de novos galanos –froito, quizais, das actuacións en directo– e dalgún vindeiro “puído”, nin o Alberto, nin o Karlos nin eu damos aínda por rematado o tema. Mais, polo de agora, esta é a versión II de “Tonantzin” creada por quen isto asina coa axuda do talento de Infusiones Musicales e, xaora, da compaixón da Mai de Todos os Seres.

      tonantzin_definitivo

Xoán Abeleira

Nota sobre a ilustração do cabezalho: Madre Tonantzin, (Mural on wall on 16th and Sanchez in San Francisco 7′ x 32′)

1 comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *