Unha curiosidade: dous poemas de Jean-Paul Sartre

Unha curiosidade: dous poemas de Jean-Paul Sartre

0 comentários 🕔09:00, 22.Jan 2014

Jean-Paul Sartre, no fondo, non amaba a poesía, a pesar de que o seu, talvez, mellor texto sexa, en palabras de Perry Anderson, Mallarmé. La lucidité et sa face d’ombre, un ensaio inacabado, que segundo o historiador inglés superaría o seu Flaubert, é dicir, O idiota da familia. Porque Sartre, cando falaba dun poeta, poucas veces se refería á súa poesía, ou á poesía en xeral, que se ben non desprezaba tíñaa a menos (véxase o seu Que é a literatura?) e o exemplo paradigmático sería o seu Baudelaire. Como dixeron no seu día Octavio Paz e… Ramón Otero Pedrayo –léase con atención o ensaio do galego, Baudelaire, publicado nos números 16 e 17 da revista Grial–, a resposta do poeta a Sartre está… nos poemas de Baudelaire. Outro dos poucos traballos do filósofo dedicado á poesía, a un poeta, é «O home e as cousas», sobre o poeta Francis Ponge, que data de 1947, e pouco máis.

Nas súas obras de creación, nas obras teatrais, non aparecen case poemas. Supomos, e unha suposición que pode cualificarse de parva, que, talvez, na súa primeira mocidade artellou algún poema. Quen sabe. Con todo, hoxe, a non ser que haxa máis perdidos nalgún caderno, coñécense dous poemas de Sartre. Un deu a volta a toda Europa a inicios dos 50 baixo a forma de canción, interpretada por Juliette Greco, mais sobre todo polo grupo Les Frères Jacques: «Na rúa dos Blancs-Manteux». Esta canción compuxéraa Sartre para ser interpretada polo personaxe de Inés en A porta fechada: retocada, «regaloulla» á cantante, mesmo con música do propio Sartre, ben que a este non lle agradaba (a música). Finalmente púxolle música o gran Joseph Kosma. O outro apareceu xa a finais da vida de Sartre, no outono de 1979 (lembremos que o autor d’As palabras morreu en abril, o día 15, de 1980). O segundo poema de que falamos, «Ho he ho», foi dado a coñecer polo seu ex-amigo e íntimo inimigo Raymond Aron. Como curiosidade, e para que o lector galego «desfrute» deles, damos a tradución destes dous poemas.

Na rúa dos Blancs-Manteux

Ergueron un estrado
E botaron farelo nun balde
E era un cadafalso
Na rúa dos Blancs-Manteaux
O verdugo ergueuse cedo
Porque tiña traballo
Cómpre que talle xenerais
Bispos, almirantes,
Na rúa dos Blancs-Manteaux
Na rúa dos Blancs-Manteaux
Víronse damas núas comme il faut
Con fermosas lilainas
Mais faltáballes a cabeza
Rolaba desde enriba co sombreiro posto
Na cuneta dos Blancs-Manteaux

* * * * *

No número 7 (outono de 1979) da revista Commentaire (páx. 464-467), fundada e dirixida por Raymond Aron, aparecía publicado un poema de Jean-Paul Sartre, coa seguinte nota do seu director, que fora amigo do filósofo francés na súa mocidade até 1946, en que romperon por motivos ideolóxicos. Aron presentaba así o poema:
«Nun dos cadernos que a École Normal Superiéure puña á nosa disposición hai uns sesenta anos (1), encontrei, escrito no papel amarelo, un poema que Jean-Paul Sartre me dera».
Eis o poema de Sartre

Ho he ho

Son un rapazolo que non quere medrar
O Xogo, o Xogo do vento nas árbores
O Xogo das follas no vento
O Xogo do Mar no mar
O Xogo do sol na pedra branca
E a natureza que é o meu xogo preferido
Pensades que os vou deixar alá
Como bonecas estripadas
Polo pracer de me converter nun home?

Son un rapazolo que non quere medrar
As cousas que coñezo
Os homes coñécenas tamén
Mais non sabe xogar con elas
E a elas escravizáronse
Coñecen coma min a Verdade
Mais dela son escravos
E xuran coas mans espatuladas
Perante os Tribunais
Está aquí a Verdade?
Mais cando fago pompas de xabón
A verdade das miñas pompas é o seu tinte verde ou violeta
E as cousas marabillosas que se ven a través
E é tamén a maneira abraiante e propia de cada unha delas
Que teñen de rebentar
A verdade, cando falo comigo mesmo
É o tinte verde ou violeta dos meus pensamentos
Son as cousas marabillosas que vexo a través meus pensamentos
Oh palacios, oh deuses, as rapaciñas que danzan nas pompas
E é tamén a maneira singular que teñen
De rebentar repentinamente
E o xogo da Verdade é un dos meus preferidos
Porque son un rapazolo que non quere medrar

Todo é xogo, todo é xogo para min no mundo
Xogo no éter cos remuíños dos ventos
Que me arrastran sen parar, non importa onde, coa cegueira das tempestades
Máis vólvome achar tan puro como me colleron
Aínda que tiven días enteiros as peores poeiras por compañeiras
Porque a nordesía no meu corpo e a tormenta no meu corazón só son xogos
Se queredes saber como son de puro
Oh pobos de homes maduros, humillados por cousas serias
Mirade a miña boca pura como un canto de grilo
E que provoca un tenro sorriso porque está feita para xogar
Mirade os meus ollos, ladróns dos raios de sol
E que os devolven para brincar ao vello astro paternal
(Quen dirá o xogo dos ladróns de sol?)
Admirade o balanceo cómico e encantador dos meus rizos
E cando á miña vista o lamento perdido da vosa infancia fixera deitar os vosos prantos
Pensade que a miña alma é cen mil veces máis pura que o meu rostro
Porque son un rapazolo que non quere medrar

O xogo poderoso lévame cos seus risos e a súa indiferenza por todas as cores
E o seu amor por todas as cousas
Dá os seus nomes as miñas flores
Logo os esquece e dalle mil outros cunha graza aplicada
Apaixónase e retén o seu alento
Tende os brazos, vai chorar
E eis que estoupa de riso
Como un ceo sombrío esgazado polo sol
E que verte a alegría pola súa chaga luminosa inesgotabelmente
É un xogo de voar a dúas pulgadas de terra
Logo de me forxar unha trampa que me aperta como torno
E de finxir ter medo, de facer chorar unha penumbra de tormenta nos meus ollos e o meu corazón
E de voar de novo, polo xogo da resurección
Facendo caer de narices os meus gardiáns como un Señor
Facendo estourar a miña trampa
Como un morto que fermenta fai estourar o seu ataúde
Nada é serio no mundo. Para min a natureza é un sorriso
E como ao sorriso tenro da súa nai
O neno responde cun riso sonoro
Eu respondo tamén ao sorriso mollado de prantos da natureza
Por un gran riso de neno
Porque son un rapazolo que non quere medrar

Podo xogar tamén coas institucións do homes
Os ollos ardentes cunha febre seria
Lánzanse baixo as súas pesadas máquinas
Que avanzan soas e os esmagan
Mais eu pondo un pé na roda que xira e me quere engolir
Saltando sobre o leme onde se fatiga o temoneiro
Baixando as grandes murallas de aceiro como unha pendente herbosa
Rubindo despois os piares e as columnas
Amolo a estas carcasas de ferro, a estas engrenaxes que me queren apañar
E dominando o seu arrepiante gruñido
A miña voz aguda bérralles
Son un rapazolo que non quere medrar.

NOTA
(1) Un pouco menos, xa que Sartre estudou na elitista École Normal de 1924 a 1929.

U5VULr

[Foto: Wikipédia]

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *