A vida sexual de Manuel Antonio. Segunda conferencia

A vida sexual de Manuel Antonio. Segunda conferencia

0 comentários 🕔09:26, 05.Fev 2014

SEGUNDA CONFERENCIA

Boas tardes, estou outra vez perante vostedes para continuar co tema do meu «traballo»: A vida sexual de Manuel-Antonio. Unha vida, como lles adiantei na miña anterior comparecencia, de cuxas vicisitudes ninguén nin ningún ou ningunha dixo antes palabra e das que non se coñece absolutamente nada, ou case nada.

Antes de entrarmos de cheo no tema que me trae e que vostedes, por obriga académica, aturan imperturbabelmente debido, segundo me dixo o Dr. Losada mentres estabamos a xantar, a que a asistencia comporta ou implica un número determinado de «créditos». Seica estes «créditos» teñen a ver cousa algunha coa nota final do curso. Síntoo moito por vostedes, non por min, xa que para un servidor estas conferencias implican ou comportan unha axuda monetaria que sempre vai ben. A pena é que só poidan ser catro intervencións, mais así están as cousas. E mentres vostedes contan as miñas conferencias en número de «créditos» eu debo avalialas en número de euros, que é máis interesante. Mais abandonemos os créditos e os cartos e vaiamos ao tema polo que me pagan e no que vostedes, ao cabo, invisten.

Na miña intervención de hai unha semana avanzaba o tema de Manuel-Antonio e máis a cidade, e acababa por dicir que onde se sentía ben o poeta era no seu Rianxo natal, en Asados. Mais, tamén o avancei, Manuel-Antonio coñecía algunhas cidades, entre elas Vigo, onde viviu un tempo a estudar para ser piloto, non aéreo, claro, senón de «navegación» marítima. E aínda que afirmaba que este non era o tema que me traía aquí, polo mesmo prezo vou facer un avance do que pensaba o rianxeiro sobre a cidade de Vigo.

O poeta apreixou moi ben o que era a cidade de Vigo naquel tempo, comezos dos anos 1920. Exactamente, en 1921. Nunca carta ao seu curmán Roxelio (coñecido máis tarde como «Roxerius»), datada o 24 de marzo de 1921, explícalle as súas primeiras impresións. Eis o que di, o que escribe:

…Porque eu en Vigo estou n’un deserto: un deserto poboado de pantallas cinematográficas.
Ó primeiro tratei d’estudar a psicoloxía viguesa, y-agardaba iste tempo para encher follas. Deixei xa o traballo: a min paréceme que Vigo non ten alma, e d’aquela, adiós psicoloxía!
Craro está que eiquí hai cartos, iñoranza, fachenda e foot-ball… Mais como ningunha d’istas cousas me chega moi preto, resulta que me resulta isto un pouco incomprensíbel. Ista opinión ten tan soio un carauter momentáneo; mais adiante, podo ver outra cousa.
Agora ben, isto dito, é falando da alma ouxetiva de Vigo: a y-alma suxeitiva, a y-alma miña en Vigo, xa é outra cousa.
Hai un ambente cosmopolita que desacorda un pouco c’o meu ambente d’até agora, pro que tamén fai funzoar a maxinazón, e fáiseme cousa nova.
As ruas, de noite, teñen un aspeuto de pervertimento e deformidade en segredo (istes cines de putas pintadas, istas tabernas semimisteriosas, istes mangantes que van matando en borrachera as horas noiturnas de descanso; as carcaxadas histéricas que saen do fondo de calquera curruncho; unha puta calexeira que che aborda temerosamente, c’unha escitante fracasada; os mariñeiros eistranos que pasan falando falas desconecidas; as luces adormentadas dos barcos da badía).
Y-eu paseiando soio, débolle algo, e chegarei quizais a deberlle moito a todo iso.
Istes tempos foi cando mais lembrei os versos de Carrere:
Noche de la ciudad. ¡Oh gran encantadora!, etc.
E pol-o día: ises barcos negros de fume e vellos que traguen n’a popa unha bandeira desconecida; ises veleiros que se perden ô lonxe, camiño do misterio; isas pitadas anónimas das sirenas no fondo dos días de brétema…
Pro, fora do monocle que eu, ou outro do meu temperamento, teña pra mirar a Vigo, a cidade queda definida n’un númaro do “Faro”: moitos anunzos, catro notizas, notas deportivas, y-un pouco de literatura chabacana; isto é Vigo en sí mesmo.
A pesar de todo, eu case que estou tirando a porme a tomar apuntes pra facer un ensaio sóbor d’os cartos, a fachenda, a iñoranza y-o football. Engadindo a istes catro polos da vida viguesa algun outro elemento que quizais non coneza pol-o d’agora eu, coido que se podería filosofar. (1)

A cita é longa, como se di sempre nestas ocasións, pero ten moita «enxundia», ou non ten desperdicio, para sermos máis formais. Mais tamén como se engade nestes casos, vai servirnos para introducírmonos no tema que vou tratar e tamén, en certa maneira, no pensamento «social» de Manuel-Antonio. Tamén, claro, para entendermos algúns dos seus poemas. Mais non se asusten: non vou aquí e agora, e en ningunha outra parte, analizar os poemas do rianxeiro dedicados a Vigo ou a calquera outra cidade, que os hai. Non vou falar nin do símbolo, nin da imaxe, nin da metáfora, nin das figuras, nin das metonimias, nin das dislocacións espazo-temporais, nin da estrutura e tantas outras cousas con que nos mallan até facer irrecoñecíbel o poema, a poesía dos poemas de Manuel-Antonio. Xa teñen vostedes, supoño, e supoño que supoño ben, abondo profesores e profesoras que lles falan deses tan interesantes e aborrecidos e acaso inútiles temas.

O texto, o fragmento, longo, de carta que acabo de ler, serve para sabermos que Manuel-Antonio captou, perfectamente, a esencia –a partir da existencia– da cidade de Vigo. Unha cousa que se lle facía completamente nova. No fondo, esa novidade dará como froito un poema recollido en Con anacos d’o meu interior. Engado, ademais, que moitos versos e algún poema máis, deste libro que só coñecín en 1972, cando Domingo García-Sabell, da man da Editorial Galaxia, publica as súas Poesías (as de Manuel-Antonio, claro) completas, están atravesados pola «impresión» que a cidade da oliveira causou no «vangardista». O poema titúlase «Liridade noitámbula». E por sorte para vostedes vou lelo integramente. Por sorte, digo, porque sempre lles será máis grato a intervención do poeta que a miña:

Eu vin-che
cidade convulsa
anestesiada unha noite:
chovía.
Espellaban
escorregando
as rúas
e o espanto d’as luas
d’os escaparates
a ringoleira de faroes que se ría
coma unha procesión de disparates.
Un paraugas noitámbulo
esquivába-se
n-o anónimo d’a rúa transversal. .
Un reloxe pasivo
espreguizába-se
c’unha voce estraña d’o Ben e d’o Mal.
O reutiliño rascaceos
até se convencéu da mansedume espritoal
d’o budista chover
e o hermetismo foi sentimentoso.
D’os carrís esquencidos d’o tranvía
non se sabe o desexo misterioso
n-o paralelo rego que fuxían.
Foi unha ausolución
o rumorexo longo e bó d’a y-auga
d’a salvaxe soberba diaria
d’o mastodonte camión.
Eu vin-che
cidade convulsa
anestesiada unha noite que chovéu
Somellábas-te menos allea
menos vulgarenta
e menos…
que sei Eu!
Suxerenza dos gatos
que fan d’o día unha vulgaridade
e de noite
n-os ollos fogos-fatos
n-as siloitas d’escentricidade
e n-os choros de gaita diluída
van sinfoniando a vida.
Eu vin-che
cidade convulsa
anestesiada unha noite:
Chovía
n-o sedento d’a miña repulsa
e n-o sedento ermo d’o teu día.

O poema (e renunciamos a ver nel, como nos outros poemas que leremos, calquera «símbolo» freudiano) está datado en maio de 1921, dous meses despois da carta enviada ao seu curmán Roxerius e da que lemos un fragmento. En pouco máis de dous meses, Manuel-Antonio «apreixou» a cidade de Vigo e esta fíxolle «funcionar a imaxinación». Con todo, o poeta repele a cidade. O seu mundo é outro. (E o seu pensamento «social» non parte da cidade, senón da aldea, da vila mariñeira que é Rianxo. De aí que nestes momentos, en 1921, sexa debedor dos homes das Irmandades, do seu pensamento «social» a respecto da cidade, da vila podre, que dicía Cabanillas.) Por iso, talvez por iso, o rianxeiro capta, como dixemos, a esencia da cidade. Porque a esencia dun lugar, dunha cidade, non é, xa que logo, a descrición do seu itinerario ou da súa significación simbólica. A cidade dáse a contar e a contemplar neses signos que son os porches e as fachadas, as enseñas, as farolas, os carteis e construcións (é dicir, as vías do tranvía, os camións, os rañaceos, os paraugas abertos para se protexer da choiva, a vulgaridade da cidade, os reloxos, etc), e que esperan, como as estatuas alegóricas, que se esperte o seu sentido esquecido e, por tanto, inesquecíbel. E para espertar este sentido esquecido hai que ser ao tempo abondo vello e abondo novo, é preciso chegar á vez demasiado tarde, cando a paisaxe urbana está ameazada, a piques de desaparecer, e demasiado cedo, cando a cidade non tomou aínda un novo rostro. E é así porque todos eses signos non deben ser lidos e descifrados no seu significado sociolóxico, histórico e a fortiori espiritual, senón que deben ser lidos, na deriva dun paseo –o poema narra, ao cabo, un paseo nocturno do poeta, non si?–, como anxos de pedra ou de papel atentos a un acontecemento descoñecido, prometidos a unha resurrección noutra cidade e noutro tempo. Eis por que Manuel-Antonio capta, apreixa, o sentido dos signos que lle lanza a cidade de Vigo. Eis porque Manuel-Antonio apreixa a esencia da cidade como tamén será capaz de apreixar a esencia do seu lugar natal: os poemas de Viladomar, e outros espallados nos seus diferentes libros, ou non reunidos en ningún deles. Mais o poeta rianxeiro non só le e descifra os signos que lle «lanza», que emite, a cidade: ve os seus «heroes». Retomemos partes do fragmento da carta ao seu curmán Roxerius que lin antes. Vigo é un «deserto poboado de pantallas cinematográficas», goza dun «ambente cosmopolita» (2), inzado de «cines de putas pintadas», de «tabernas semimisteriosas», de «putas calexeiras» que abordan ao poeta, de mangantes borrachos, de mariñeiros que falan idiomas estraños, de veleiros que se perden ao lonxe no misterio, de gargalladas que saen do fondo de calquera curruncho, de luces adurmentadas dos barcos e de vellos barcos que portan bandeiras descoñecidas, atravesado por rúas que de noite teñen un aspecto de «pervertemento». E a cidade móvese polos cartos, os anuncios, a ignorancia, a fachenda e o futbol… Vemos, xa que logo, que os «heroes» da carta de Manuel-Antonio non son homes de vontade, grandes caracteres, almas fortes, son «seres», «heroes» melancólicos ou desencantados: o lumpenproletariado… Non son heroes propiamente ditos, só o serán cando a cólera, a raiba ou a indignación os movan, os –e disimúlenme máis unha vez a palabra– «propulse». Verémolos quince anos despois, perseguidos, asasinados, fuxindo ao monte ou a fuxiren polo mar en procura da liberdade ou da morte pola auga. Outros, de seguro, convertéronse en dandis, outros acaso se suicidaron e algún, deshonrando os seus antigos compañeiros e compañeiras, formou parte dos criminais e represores que os perseguiron, encarceraron, mataron…

De aí que Manuel-Antonio captase, apreixase a esencia da cidade olívica, tanto nas cousas como nas persoas, e ás veces as frases feitas serven para algo. Que o poema, o primeiro, que lle dedica á cidade –logo virán outros de que non falaremos, pois non é o tema que me trae hoxe aquí–, non sexa un poema simbólico, nin realista, senón un poema «alegórico» era a saída «natural» para o poeta. E como prometín non analizar nada para non aborrecelos nin aborrecerlles a tarde, anotemos, simplemente, que a alegoría –e remítome ao grande Walter Benjamin– é unha exposición, unha mostra. Unha alegoría non está feita para significar, representar, producir sentido ou coñecemento. A alegoría está aquí, entre nós, no noso tempo, para ser remarcada, notada, contemplada como un monumento en ruínas. Emblema, brasón, monograma ou sinatura, debe ser lida como se contempla unha caligrafía, como se descifra un xeroglífico, é dicir, como un sistema de escrita en lingua estranxeira, en caracteres descoñecidos. A alegoría, dicíanos Lessing no seu Laocoonte, revela a súa natureza de monograma [ou de estenograma], que non está feito para ser interpretado e dar lugar a unha hermenéutica ou á enumeración de diversos graos ou posibilidades de sentidos, senón está unicamente feito para ser contemplado (lido ou escrutado), logo tomado e repetido, é dicir, para ser citado, soletrado (nomeado) ou mobilizado (lembrado, rememorado). É en si o seu propio referente, non contén ningunha outra significación e non vale como testemuño ou sinatura. Mais… deteñámonos. Leamos o poema como o que é: unha alegoría, e volvamos ao tema que nos trae hoxe aquí: Manuel-Antonio, a súa vida sexual.

Se a alguén de vostedes lle deu por ler as poesías do noso autor, sabe que escribiu moi poucos poemas en que saia unha muller. Noutra palabra, escribiu moi poucos poemas de «amor». Logo, nun alarde de erudición, enumerareinos todos. Mais antes de enumeralos quero tratar, moi por riba, o tema dos poemas de amor no século XX. Non teñan medo, non se asusten, non vou facer un inventario polo miúdo. Aparte de que sobrepasa as miñas forzas, a tarefa sería aburridísima e, en certo xeito, até noxenta. Só gustaría, moi superficialmente, citar uns exemplos antes de entrarmos en materia. Non sei en que materia, mais non se preocupen, entrarei en materia. De momento, a materia é os poemas de amor dos grandes poetas do século XX. Nótase unha, digamos, desgana nestes a tratar o tema. Abonda con lermos a Pound, Aragon, Valéry, Rilke, Eliot, Claudel, os dous Guillén, Cernuda, Espriu, Cunqueiro, Carles Riba, Díaz Castro, Brecht, Prévert ou mesmo Vallejo e tantos outros para decatarnos (e só falamos dos xa clásicos do século pasado e que están mortos). Poucos poemas de amor escribiron, se é que escribiron. (Non esquezamos que, a principios do pasado século, un poeta expresionista alemán escribiu uns versos que, en certa maneira, foron prófeticos: «Xa estamos fartos de ser idiotas da alma, liberámonos estrondosamente do amor».) E naqueles poetas en que o tema do amor aínda perdura: Neruda, ás veces, Éluard ou o propio André Breton, case sempre é baixo a mera exaltación sexual. E o mesmo acontece na novela. E se se ocupa do amor o novelista –Joyce, Proust, Miller, Durrell, Lawrence e algún outro– é para reducilo, como diría Joan Fuster, ao «mecanismo opaco da carne». No século XX o «amor» quedou para os cantantes de baladas melódicas, os seriais e telenovelas e a literatura sentimental producida en serie. Se os grandes escritores e poetas do século XX «tocaron» ou cantaron tanxencialmente o tema do «amor» é moito máis que natural que un poeta que se quería, digamos, «moderno» non o tocase. Ou que pasase por el de «refilón». Como así foi o caso de Manuel-Antonio. O que non quere dicir que non tivese vida sexual, ou amorosa.

Nunha carta, moi importante, dirixida a Rafael Dieste e datada o 27 de febreiro de 1921, o autor de Viladomar, escríbelle ao seu amigo e coetáneo: «Hastra fai pouco estaba asombrado de min mesmo: non podía crêrme que pasase tanto tempo sin unha muller domeñante. Pro, lendo a Baudelaire, faloume d’o amor â muller que non conocemos, e foi unha revelanza». Despois de ler este fragmento de carta, unha carta en que di moitas cousas interesantes sobre Baudelaire, algún psicanalista afeccionado, sexa da tendencia que for, agás a jungiana, pode, ou podería, tirar conclusións máis ben erróneas, aínda que nun primeiro momento poderían semellar atinadas. Podería falar da sublimación. Da adoración da muller, xa que logo, da súa negación, ao non ver nela unha persoa viva, actuante, con sentimentos, senón, simplemente, unha imaxe a adorar. Podía falar do poeta como amante do amor sen se decatar do desexo de eternidade que conteñen estas palabras. No entanto, cómpre aclararmos que o «amor á muller que non coñecemos» baudelerián contén en si unha grave pexa: non se ama un ser real, senón o que este ser simboliza ou pode simbolizar. Pode producirse, nestes casos, un estado que chamaría de semi-lucidez, é dicir, amar nesa muller ideal a procura do pasado no presente: ama o amor, non o que é amar. Paul Éluard, en «La Dame de carreau» (A dama do azulexo) describe este estado en que se ve unha imaxe única e non recoñecida que vén habitar moitos rostros, que se encarna en diversas formas sen permitírmonos reparar en ningunha: «E é sempre o mesmo testemuño, a mesma mocidade, os mesmos ollos puros, o mesmo xesto inxenuo dos seus brazos arredor do meu pescozo, a mesma caricia, a mesma revelación.// Mais non é nunca a mesma muller.// As cartas dixeron que a atoparía na miña vida, sen recoñecela.// Amante do amor». Amante do amor, o ser que deita esta frase é un ser que se ama a si propio. O verdadeiro amor non se ama a si mesmo. O amante do amor é un ser apaixonado. E a paixón é a incapacidade de pensar con verdade, é a incapacidade de ter a vontade de realizar o amor cunha persoa. Eis o que as frases de Manuel-Antonio, en primeira instancia, nos descobren. Mais, antes de continuarmos, cabe, xa que logo, facernos unha pregunta: Manuel-Antonio realizou o amor? É dicir, tivo unha vida sexual? Non adiantemos os acontecementos, xa que este será o tema da miña proxima intervención dentro dunha semana…

Mais antes de acabarmos hoxe, e esquecendo as posíbeis teorizacións que poden deitar deste fragmento, acho que contén un dato moi, ou abondo, claro: «non podía crêrme que pasase tanto tempo sen unha muller domeñante». O que quere dicir, e paso por enriba, de momento, do sintagma «muller domeñante», que antes xa pasara o poeta, que no momento de escribir esta carta non cumprira aínda os 21 anos de idade, un tempo cunha muller… «domeñante». Quen era esta muller? En verdade, ningún dos seus biógrafos ou pseudo-biógrafos di palabra sobre o tema. Como tampouco a di o poeta na súa correspondencia nin nos seus poemas, aínda que cómpre subliñarmos que catro poemas de amor que se coñecen, ou que eu enumero como poemas de amor, do rianxeiro, foron todos escritos despois da data desta carta. É dicir, despois de febreiro de 1921. Os poemas, segundo eu ou segundo o meu parecer, son os seguintes: «Liridade inconcreta», incluído en Con anacos d’o meu interior, datado no mes de Santos de 1921; «A vida», no mesmo libro e sen data; «Madrigal», que forma parte de Foulas e leva como data de escrita xaneiro de 1924; «Elexía», incluído tamén en Foulas e datado en agosto de 1924. Eis, xa que logo, os catros poemas de «amor» escritos –a non ser que escribise outros que nunca se coñeceron e, talvez, nunca máis se coñecerán– por Manuel-Antonio. Sabemos, vostedes e máis eu, que un poema de De catro a catro, «Lied onhe Worte», acaba cunha arroutada antisentimental, ou antisentimentalesca: «Noiva miña/ vestida de lua/ que romantizas/ ¡tan cursi!/ pol-o xardín/ Sentei-me a proa/ fumando a miña pipa/ Pero outra noite pensarei en ti». E se ben nalgún que outro poema aparecen alusións, de que se falarán na seguinte conferencia, máis ou menos sexuais, e mesmo referentes á vida sexual do poeta, non hai outros poemas en que o rianxeiro se refira a un seu amor ou a unha súa «noiva». Ás referencias á muller, tanto na correspondencia como na obra poética de Manuel-Antonio non son nulas, mais ninguén poderá negar que son menos que escasas.

E máis nada por hoxe, verémonos a semana que vén. Até entón, non sen antes recomendarlles que continúen a ler a poesía de Manuel-Antonio.

Boas, xa, noites.

NOTAS
(1) Nótese o sabor, avant-la-lettre, benjaminiano (de Walter Benjamin) destes parágrafos. Ou, quizais, debería afirmar, baudeleriano. «Sabor» que, infelizmente, non acaba de se plasmar nos borradores de A novela de Ramón Cruceiro, que publicou Xosé Luís Axeitos en Manuel-Antonio, Obra completa. Prosa, A Coruña, Col. Clásicos da Academia, Academia Galega/Fundación Barrié, 2012. [Nota de 2013.]
(2) O que Manuel-Antonio non podía saber, tanto polo país e época en que naceu como pola tradición en que xa se inscribía, é aquilo que nos ensinou o sociólogo americano Richard Sennet: «la liberación del dominio de los propios sentimientos se refiere a la posibilidad de experiencia impersonal en que la persona observa una convención, representa un papel o participa en un formulismo». E o seu espazo, «el lugar clásico es la ciudad; su nombre clásico es cosmopolitismo». É dicir, a cidade ou é cosmopolita ou é unha aldea que oprime e constrinxe aos seus moradores.

Nota: A ilustração de cabeçalho pertence ao Calendário erótico do galeguismo, à venda na Sacauntos Cooperativa Gráfica, a quem agradecemos a colaboração.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *