As tres almas de Galicia

As tres almas de Galicia

0 comentários 🕔12:30, 05.Fev 2014

De onde somos? Pois de aquí e de alá. Somos europeos por imperativo xeopolítico, pero iso non quer dicir que un non poida sentir mais afinidade con un caboverdiano e ata cun arxentino, sobre todo en momentos de silencio, ca con un sueco ou un teutón. Isto non supón que ser europeo e sentírmonos europeos sexa un problema, senón que a lingua, a historia, e ata a ideoloxía, entre outros, conforman patróns de conduta persoal e colectiva que se superpoñen ás simplezas do tipo común e reducionistas que se derivan da aplicación mecánica da xeografía. Hai case un século, a Galicia máis avanzada estaba á vangarda do europeísmo cando na península, mesmo en boa parte da intelectualidade, predominaba a caverna.

As virtudes e riquezas de Galicia nese contexto son incomparables, a non ser que entendamos como “problema”, como os ruíns, que ser de aquí e de alá é un inconveniente insuperable que dispersa as nosas enerxías. Debe haber poucos países no mundo onde proliferen tantos bizantinismos que nos deixan esgotados. Pero vese que non hai bebedoiro milagroso contra iso. En tempos híbridos como os que vivimos, pola contra, esas almas “dispersas” que nos habitan permítennos tirar proveito, se actuamos con intelixencia e operatividade, dun capital relacional que vale o seu peso en ouro.

Obviamente, somos parte de Europa. Non hai jangada de pedra, a non ser literaria. E a nosa economía e o noso comercio impoñen unha realidade contra a que non só non debemos revirarnos senón que debemos explorar e explotar en propio beneficio. Na práctica, esas magnitudes empíricas fóronse superpoñendo claramente ao que algúns cualifican de sentimentalismo e que renegan de afán algún da vena celtista. Non entro na discusión científica, pero é unha renuncia absurda produto dun exceso de purismo. Hai elos comúns que nos afinan cos pobos célticos en maior medida ca con moitos outros pobos europeos.

Polo demais, esas mesmas almas explican que nos sintamos mais próximos dun cubano ou dun ecuatoriano ca dun holandés. Ou ata dun angolano se nos comparamos cun flamenco por mais que as realidades sexan tan distantes e dispares. Pouco poden dicirnos algunhas Europas onde podemos sentirnos mais estraños que en Montevideo.

Se Galicia virase a súa mirada con maior frecuencia e con un horizonte amplo cara fóra, capaz de transcender a política ou a economía, non soamente relativizaría os seus dramas, tantas veces tan incriblemente desconcertantes, senón que recoñecería a súa propia versatilidade como característica nacional. A cultura ten aquí unha gran función a desempeñar.

Esa forma de ser e de estar só pode xerar admiración alá onde se manifeste entre quen ignora, sen prexuízos, o que somos. Hai motivo para agradecer e exhibir con orgullo esa rica ambigüidade que nos define e na que radica a nosa forza. A teima de nos querer facer só dun sitio, con límites espesos, renega disto. E por iso, desvalendo a complexidade en lugar de potenciala, tanto empeño en que só sexamos de aquí ou de alá.

Sobre o autor / a autora

Xulio Ríos

Xulio Ríos

(Galiza) Director do IGADI e Director do Observatorio da Política China.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *