A vida sexual de Manuel Antonio. Terceira conferencia

A vida sexual de Manuel Antonio. Terceira conferencia

0 comentários 🕔10:00, 12.Fev 2014

TERCEIRA CONFERENCIA

Ola, outra vez boas tardes. Xa estamos chegando case ao final da miña intervención. A próxima semana terán o pracer de me perderen de vista e eu de cobrar os cartos que me prometeu o Dr. Losada, polo que estou impaciente de que chegue ese anseiado día. Porque a verdade, se me preguntasen que significa para min dar unhas conferencias, unha serie de conferencias, nun lugar como este, que algúns teñen case por sagrado, diría o que dixo o uruguaio Juan Carlos Onetti cando lle preguntaron que significaba para el o Premio Cervantes. Respondeu, laconicamente: «10 millóns de pesetas». Infelizmente, non é o que me van pagar a min. Mais vaiamos ao tema polo que me pagan: A vida sexual de Manuel-Antonio.

Creo lembrar que na intervención da semana pasada lles lin o trecho dunha carta do poeta rianxeiro ao seu coetáneo e amigo Rafael Dieste en que o autor de Con anacos d’o meu interior dicía, exactamente: «Hastra fai pouco estaba asombrado de min mesmo: non podía crêrme que pasase tanto tempo sin unha muller domeñante. Pro, lendo a Baudelaire, faloume d’o amor â muller que non conocemos, e foi unha revelanza». Xa expliquei o que significaba o amor á muller que non coñecemos e as súas derivas máis ou menos «escapistas» ou, por dicilo con outras palabras, irreais. Tamén dixen que por estas palabras poderíase colixir que Manuel-Antonio podía estar anteriormente baixo o influxo dunha «muller domeñante» e preguntaba quen puidese ser esta muller.

O mito da «muller domeñante» é, e perdoen vostedes a expresión, unha parida colateral do pensamento de don Sexismundo Freud, a quen, por outra banda, respecto moito, non vaian acreditar o contrario. Este mito provén, en certa maneira, da asimilación das mulleres á nai perdida, polo que se pide á muller amada (sic), antes de nada, que o seu amor sexa maternal. O que trae consigo, por outra banda, unha «castración» da muller en canto tal. É dicir, o home europeo «inventa» o mito da muller «domeñante» porque é incapaz de afrontar a unidade da esencia feminina, unidade do erotismo e máis a sexualidade. Esa incapacidade conduce ao home –europeo, remarco– a empobrecer a vida sobrenatural da muller, que se converte así en vida natural e ao mesmo tempo, en tanto que tal, vida non-natural. A isto corresponde a estraña disociación que, resultando dos instintos primitivos do home, permite percibir o feminino soamente baixo as imaxes simultáneas da puta e da amada inaccesíbel: a puta son todas as mulleres; a amada inaccesíbel: a nai. E a muller «domeñante» sería, simplemente, unha conxunción, na mente enferma do home occidental, destas dúas.

Con todo, tendo en conta a personalidade da nai do poeta, acho que a muller «domeñante» que estraña Manuel-Antonio ten máis a ver cun arquetipo máis ou menos mítico que coa nai real do poeta, dona Purificación, de nome. Talvez, e isto é unha suposición máis, tería a ver esta «muller domeñante» coa avoa materna do poeta, con quen pasou os seus anos de nenez: os anos en que a armazón da personalidade psíquica do poeta se vai realizando, conformando, que con outra muller, real ou mítica, que coñecera o poeta? Tamén, e voltamos ao doutor vienés, non hai que dubidar que a esencia do amor masculino é o desexo de volver encontrar esa nai dos primeiros días, de fundirse de novo con ela, con aquela da que o tempo nos separou. (Tamén, un amante da psicanálise coma min, debería ter en conta a temperá desaparición do pai, mais de momento deixarei de lado o famoso «complexo» do rei de Tebas.) Aí entrariamos nunha especie de «histeria» masculina que nunca diagnosticou a ninguén –a histeria ten nome de muller, segundo os psicanalistas clásicos– o caro autor d’O malestar na civilización. Era, xa que logo, Manuel-Antonio un histérico masculino? Un histérico tout court? Tal cousa eu, leigo na materia, non podo afirmar, aínda que talvez puidese ser que si. Mais todo isto non nos achega un dato positivo, é dicir, un feito real, sobre a vida sexual do poeta.

No seu «Prólogo» ás Poesías (completas) de Manuel-Antonio, Domingo García-Sabell apunta, para o ano 1921, que parece ser o ano chave para intentar esclarecermos a súa vida sexual, a do poeta rianxeiro, non a de don Domingo: «En Rianxo, ou en Asados, pequenas escaramuzas sentimentaes». Como se dicía nos anos 80, «Ollo ao piollo, King-Kong!». García-Sabell non achega datos concretos sobre estas «pequenas escaramuzas sentimentais». No entanto, pódese dicir que debían ser amores de aldea ou de vila, sen maiores consecuencias. Ou con consecuencias menores. Un magreo. Uns beixos. Talvez masturbacións mutuas. Acho que as cousas non pasaron a maiores e que a nostalxia da «muller domeñante» é máis mítica do que real. E se é real, foi anos atrás, cando o poeta era aínda un mociño. Talvez unha rapaza de Asados, de maior idade que el, o introduciu no «sexo», como acontecía aínda en aldeas e en pequenas vilas nos anos 50, cando as mozas tiñan medo de pasaren a maiores cos mozos da súa idade ou máis grandes e se dedicaban a «asediaren» e «incorporaren» a tímidos rapaces de menor idade no sempre interesante mundo da sexualidade. E non hai que esquecermos que, segundo todos os seus «biógrafos», Manuel-Antonio era tímido. Ou acaso a nostalxia da «muller domeñante» provén dalgunha experiencia cunha prostituta nunha casa non sancta do Pombal compostelán cando a estadía do poeta nesta vila? É un dato a ter en conta. Mais un dato que agora, no novo léxico, se chamaría «virtual».

Nunha carta ao poeta Victoriano Taibo datada en Vigo, o 20 de maio de 1921, escríbelle: «Non teño moza; ou mellor dito non teño moza ô uso. Podería dicir como Baudelaire que amo o país onde non estou y-a muller que non coñezo. E tampouco o diría ben, porque case sempre hai unha figura de muller que me obsesiona, só que poucas veces chego a dicirllo». A muller que o obsesiona, a figura de muller que o obsesiona, sábese, por propia confesión, é a figura da «muller domeñante». Nesta epístola a Victoriano Taibo confesa, directamente, que case sempre hai unha «figura de muller que me obsesiona, só que poucas veces chego a dicirllo». É dicir, coñeceu mulleres «domeñantes», obsesionábano, máis nunca lles dixo nada. Talvez nin lles dirixiu palabra. Ora ben, un mozo solteiro, en 1921, nunha cidade como Vigo, quizais se dedicaba ás prostitutas «fracasadas». Simplemente, para se liberar da «obsesión». Eis outro dato «virtual».

A obsesión da muller, «domeñante» ou non, parece que perseguiu ao poeta durante todo o ano de graza de 1921. Noutra carta, dirixida a Álvaro Cebreiro, datada o 27 de Nadal dese ano, en Asados, escríbelle ao amigo e artista: «Estou por coller moza eiquí. Pero non sei si me quede con Carmiña d’o Couto ou con Lelucha de Rivas. ¿A ti que che parece?». Non se sabe quen eran estas mulleres, aínda que semella que Cebreiro as coñecía. Pódese imaxinar que eran «mulleres domeñantes» naturais de Asados ou de Rianxo. Ou, talvez, simplemente amigas da nenez coas que xogara a «médicos e enfermeiras», a pór inxeccións e esas cousas que se usaban como eufemismos do acto máis ou menos sexual cando nenos e/ou mociños. No entanto, pódese, tamén, afirmar que estes amores eran máis ou menos platónicos, e que a idea de botar moza era colocarse nunha posición determinada para poder realizar a súa misión como poeta. Non esquezamos que os grandes poetas que coñecía Manuel-Antonio eran todos poetas casados. Que gran poeta do XIX e de comezos do XX era célibe? Pódense adiantar os nomes de Lautréamont, de Rimbaud… Dalgún máis? Se repasamos os nomes dos grandes poetas do XIX, veremos que os poetas célibes fórono por causas de «forza maior», e fóra dos casos de Lautréamont –por falta substanciosa de datos–, de Rimbaud –pola súa escolla sexual–, Hölderlin –a súa loucura–, Novalis –a súa morte prematura–, Leopardi –a súa «deficiencia» física–, Baudelaire –que se ben non casou morreu, como todos vostedes deben, ou deberían saber, sifilítico– e algún máis que agora non lembro, todos os outros casaron: Victor Hugo, Verlaine, Mallarmé, Bécquer, Rosalía, Shelley, Laforgue, etc. O mesmo se pode dicir dos poetas de comezos do século XX: Apollinaire, Valéry, Pessanha, Claudel, Salvat-Papasseit e todo un monte deles que non é necesario reseñar. Aínda que houbo grandes poetas que fracasaron nos seus intentos de matrimonio: Pessoa, Sá Carneiro… e outros que non podían casar polo seu estado civil, como Hopkins. A realidade é que a poesía non se entende sen a sexualidade –non vou falar aquí e agora da conscupiscencia dos poetas de todos os tempos, da súa promiscuidade sexual: é un tópico e, como tal, por todos coñecido. Mais se esta concupiscencia, esta promiscuidade, é un tópico, o caso do matrimonio é un dato revelador que sempre se deixa de lado, se «obvia», que diría un posmoderno. Matrimonio e poesía non están rifados, como pode pensar algún romanticoide despistado. O amor, segundo Edgar Morin, «é o súmmum da unión da loucura e máis a sabedoría (…) O amor leva en si precisamente esa contradición fundamental, esa presenza simultánea da loucura e máis a sabedoría». Ora ben, talvez a sabedoría só chega a emparentar co amor cando este se realiza no matrimonio. Cómpre non esquecermos o que nos dixeron os clásicos da psicanálise: Freud, Ernest Jones. Ferenczi, Tausk…: o dilema do home non adoita ser moral, senón psicolóxico. Non se lle pide que elixa entre o ben e o mal, nin entre o legal e máis o prohibido, pídeselle moito máis: que escolla entre a unidade e a diversidade, entre a conciencia dunha personalidade como un todo e a dunha personalidade disgregada. A solución marital do conflito reprime o sentimento de desunión do eu, achégao ao estábel feminino e proclama a vontade do goberno do eu. Co matrimonio, o complexo de Edipo chega ao seu fin: o home empequenece, reprégase na súa patria e no seo da esposa maternal. É dicir, volta ao útero da Gran Nai. Da «muller domeñante». E só así, deixémonos de caralladas, o poeta chega aos cumios da poesía: á sabedoría. E a sabedoría chega ao amor, en realidade, mediante o matrimonio, que dirixe a loucura –outros chámanlle alteridade– cara un fin determinado: a poesía. Desde os gregos, talvez desde os xudeus (en realidade, desde o nacemento de calquera pobo), sabemos que o ser humano produce dúas linguaxes a partir da súa lingua: a linguaxe racional, empírica, práctica, técnica, é dicir, a linguaxe da sabedoría. A outra linguaxe é a linguaxe símbólica, mítica, máxica. Estas dúas linguaxes poden estar xustapostas ou mesturadas. Cando se mesturan: prodúcese a poesía. Ou cando menos o «estado» en que se produce a poesía. E ese estado só é posíbel cando se conxuga amor e razón. É dicir: o matrimonio. Eis o que intuíron, sen talvez comprendelo, os grandes poetas de que falaba antes. Eis o que intuiu Manuel-Antonio. De aí que lle fale a Cebreiro de botar moza. E que lle pida consello.

O pedir consello ao amigo neste caso demostra unha duplicidade por parte do rianxeiro. Por unha parte, entende que debe buscar moza. Por outra, a moza que máis lle conveña… para a súa produción poética. De aí a procura do consello do amigo. Porque no fondo, Manuel-Antonio non se interesaba por ningunha destas dúas mulleres. Percibíaas como mulleres «non-domeñantes». Eran mulleres que «coñecía», de aí que tampouco se puidese «namorar» delas. Moitos contras, importantes, e poucos pros, nímios, concorrían nestas dúas mulleres, que non son coñecidas dos lectores do poeta –nin dos seus biógrafos– e que nunca serán xa coñecidas. Mais a escrita de Manuel-Antonio é clara. Dubida entre unha e outra. É dicir, non lle interesa ningunha. Ao cabo, non sei se houbo consello por parte de Álvaro Cebreiro, o único que sei, o único que se sabe, é que non botou moza. Nin Carmiña d’o Couto nin Lelucha de Rivas nin ningunha outra. Nin en 1921 nin nunca.

Por outra banda, tamén podo afirmar que talvez ningunha das dúas «chamadas» e nunca «escollidas» xamais souberon das intencións do poeta. Nun poema incluído en Con anacos d’o meu interior, «Liridade inconcreta», datado en novembro do xa mítico, para a vida sexual de Manuel-Antonio, 1921, canta a unha muller determinada, da que non se sabe o nome e da que se falará máis adiante, e que non é ningunha das dúas mencionadas polo poeta na súa carta a Cebreiro. Talvez foi esta a «muller domeñante» que vive na nostalxia do poeta e da que fala a Dieste. Mais esta foi unha muller coñecida por el. Se se le con atención o poema, percíbese que o poeta quere deter o tempo para estar ao lado do ser amado, para que non se lle escape, para que non fuxa. Lendo o poema atentamente, o que, me dá a impresión, nunca fixeron nin estudosos nin biógrafos –por lles chamar dalgunha maneira– do rianxeiro, o lector decátase que, como din os cataláns, «aqui hi ha marro». É dicir, que é algo máis que un poema de «amor». De aí que deite, no fondo, unha forte e fonda tristeza. E a tristeza, sábese moi ben, non é un sentimento como os outros. É o sentimento en estado puro. A tristeza é ese sentimento que en razón da súa pureza, gruñe á expresión e desconfía da linguaxe, se debemos acreditar en Françoise Proust. A mesma malfadada pensadora francesa, descoñecida por estes lares e que nada ten a ver co xenial autor de La Recherche, continúa a dicir: «Mais xustamente, é un sentimento [a tristeza] que, aínda que intenta dicirse, se detén e se retén, fixado e inmobilizado, “mudo”: a expresión interrómpese “no medio do seu traxecto”». Mellores palabras, estas últimas, non se poderían encontrar para falar deste poema. Poema que, claro, goza dese «gruñido» e desconfía totalmente da linguaxe e, ademais, se interrompe, «no medio do seu traxecto». Eis o que «di» o poema:

Héiche de pór de par
d’un morto reloxe que teño
Non sei que hora ficóu a marcar
dendes non sei canto fai que pendura
Eisí che quero Eu
Inconsciente de Ti
máis que canto me diga isa pura
momentaneidade
O por qué non-o sei
Meu amor inconscente
E’ que tampouco conezo de Ti
meu inconscente amor
máis que isto que che repetirei:
Héi-che de pór de par
d’un reloxe detido que teño
sin sabe-la hora
que ficóu a marcar.

Non cabe dúbida ningunha que o poema está dedicado a unha «muller» que, nun momento dado, se lle «escapou» ao autor. E por iso, o seu amor, inconsciente por partida dupla –inconsciente é o amor do poeta; a amada tamén é inconsciente, e mesmo é inconsciente dela (de Ti)– quere o poeta detelo, poñelo ao lado dese reloxo que non sabe a hora «que ficóu a marcar», é dicir: detívose. Ao póla «de par d’un morto reloxe que teño», «de par dun reloxo detido que teño», o poeta quere que o seu amor fique aí, canda o reloxo, canda el, a ser sempre o amor que viviu nun intre dado, aínda que xa non sexa, por así dicilo, un «ser humano», aínda que non «latexe» como o reloxo xa non dá as horas. Non analizarei, como dixen de principio, nin este nin ningún outro poema de Manuel-Antonio, mais acho que este poema en concreto, e outros que veremos, demostran, ás claras, que o poeta non ignorou muller, todo o contrario. Que a muller do –e no– poeta chegase a ser, en certos momento, un «mito», ese é outro problema que se me (ou se nós) formula e ao que non se lle albisca solución por parte ningunha. Ou si.

Dicía hai un anaco que este poema, «Liridade inconcreta», estaba dedicado a unha muller coñecida polo poeta. Unha muller que, despois de ler o poema debo supor «domeñante», que namorou «perdidiñamente» ao poeta até chegar el a querer deter o tempo para que o seu amor nunca se acabase. O problema que se me presenta é que non puiden dar con ela, aínda que si logrei identificala. «Pois imos ben», poderían comentar vostedes e non tería nada que reprocharlles. Mais, tamén, cómpre termos en conta que estou a falar dun tema sobre o que non temos ningún dato tanxíbel, nin mesmo real. Debo moverme entre suposicións, virtualidades e intentar desenguedellar a vida sexual dun home, neste caso do poeta galego Manuel-Antonio, «o vangardista», a partir de cabos soltos que o poeta deixou na selva da súa correspondencia e na floresta da súa poesía. Sábese que hai papeis inéditos: Domingo García-Sabell prometeu editalos, mais nunca o fixo e agora dormen, seica, nunha desas fundacións que adoitan comprar bibliotecas e legados para que sexa imposíbel traballar con eles. Talvez entre eses papeis aparecería algún texto que nos dese unha pista máis clara, máis contundente, sobre a vida sexual do seu autor. Mais mentres eses papeis non aparezan, debemos xogar, en certa maneira, coa «virtualidade» (1).

Para acabarmos esta conferencia, máis ben charla, de hoxe, vou descubrir, finalmente, quen era a muller «domeñante» pola que, se diría hoxe, «suspiraba» Manuel-Antonio. O dato achégao García-Sabell no tan citado «Prólogo» ás Poesías do rianxeiro. O eminente doutor compostelán, aínda que talvez a el lle gustaría que o alcumásemos de curandeiro, di exactamente ou, mellor dito, escribe: «O rapaz estudaba en Rianxo [era no curso 1919-1920] e iba un día si e outro non a Vilagarcía a adeprender inglés cunha dona daquela nacionalidade. (O inglés era disciplina obrigada na Escola de Náutica.)». Esta dona, de nacionalidade inglesa, da que só sabemos que se chamaba Nora, é a «muller domeñante», a «figura de muller» que sempre estaba presente en Manuel-Antonio. A realidade é que souben desta «revelación» grazas a unha casualidade, que seguidamente paso a explicar.

Cando hai case un ano o Dr. Losada me ofreceu esta serie de conferencias e ditoume, como dixen, o tema, aproveitei unha estadía, por vacacións, en Galicia para chegarme até Vilagarcía. Xa tomara notas do prólogo de García-Sabell e tiña curiosidade por saber quen era aquela dona inglesa, se é que era inglesa, en todo caso británica, que lle dera leccións do idioma de Byron ao noso poeta. Púxenme en contacto, por email, co poeta Anxo Pastor, que aínda que natural de Vilardonas-Ribas de Sil, vive en Vilagarcía, onde dirixe, ou dirixía, hai uns anos que non sei nada del e nestes tempos de crise nunca se sabe, unha galería de arte na cidade arousá, «Arcana». Coa axuda de Anxo Pastor e os seus contactos, case todos a traballar na Concellería de Cultura da vila pontevedresa e outros membros dunha asociación cultural cuxo nome non lembro, como digo, grazas a Anxo Pastor e a estes contactos puidemos dar cunha velliña, Eudivixes M…, que lembraba unha muller, chamada Nora, da que non sabía o apelido, de nacionalidade británica, aínda que, segundo dona Eudivixes era dun lugar chamado Abirdin ou Aberdeen ou algo así (escocesa, xa que logo). Non se lembraba moi ben dela, sabía, iso si, que gañaba a vida dando clases de inglés e que viñera a Vilagarcía para coidar a tumba do seu marido, que estaba soterrado no Cemiterio Naval Inglés, ou «Cemiterio dos ingleses», como é coñecido. Segundo a mesma señora, Nora era unha muller duns 30 ou 35 anos, de nariz respingona, ben «conservada», sempre moi ben peinada e perfumada, a vestir de loito, o que facía a súa figura un pouco máis delgada do que en realidade era. Dona Eudivixes lembraba que tiña mal xenio e un cu un «pouco grande» para o seu corpo. Moitos de Vilagarcía quixeran casar con ela, mais a todos desdeñara. Non se acordaba do poeta e, por suposto, de ningún amor da «inglesiña», como lle chamaban na vila, mais sabíase que se entendía con alumnos, sobre todo un que era de Rianxo. «Éralles un pouco putanga», díxonos dona Eudivixes. Nora vivía perto do que hoxe é o concello, nunca casa con bufarda. Ao non saber, ou non lembrar, dona Eudivixis que cargo ou categoría tiña o defunto marido de Nora, non puiden dar co seu apelido, xa que ningunha máis das persoas consultadas lembraba moito máis que a señora Eudivixes. Algunha confirmounos que se chamaba Nora, pero máis nada. Outra quixo lembrar que Nora se fora de Vilagarcía cando comezara a Guerra Civil Española. E outra máis díxonos que derá clases de inglés na que fora academia de Xosé Núñez Búa. Consultados os papeis desta academia particular, en que deron clases algúns poetas e escritores galegos, resultou que o único profesor de inglés que tiveran antes de 1936 fora un home, John O’Reilly, irlandés. Por se alguén de vostedes ten algún familiar en Vilagarcía, ou por se o azar quere que un día se publiquen en folleto estas conferencias, darei o nome de todos os «ingleses» que nestes momentos están soterrados no Cemiterio Naval Inglés de Vilagarcia, e os seus cargos ou categorías. Talvez a algún lector lle soe algún deles e, como o azar é produto da necesidade, como dicía, seica, Hegel, ao mellor, como se di, salta a lebre e alguén, un día, lembra algo.

Os mariñeiros «ingleses» soterrados na vila do Salnés son os seguintes. Cargos ou categorías e nomes:
Gardamariña: Hugh R. Baldwym.
Mariñeiros: Percival José, Patrick Healy, A. Hollier, Alfred Saet e Hodson.
Artificieiro: Harold Mounce.
Maior: Richard Warder.
Aprendices: Cliford Slade e Jas Maurice Brown.
Lugartenentes: Foley Wreker e George Osborne.
Timonel: Alberd Brand.

E por hoxe acabamos. Dentro dunha semana, á mesma hora, acabarei as miñas charlas. E para que estean vostedes contentes, falareilles un poco de Nora e e doutras mulleres que encheron a «vida sexual» do poeta de Rianxo. Dareilles, tamén, a coñecer un documento inédito até hoxe. Un documento que, como comprobarán vostedes, informa moito sobre Manuel-Antonio. Non sei se moito tamén sobre a súa vida sexual, mais algo ten a ver con esta. E co pastel nos dentes, como se di, despídome de vostedes

Até a próxima semana.

Boas noites.

NOTA
(1) Escritas estas palabras, anúncianse as obras completas do noso poeta, coa publicación de textos inéditos, dos que, até a hora de hoxe, só viu lume un volume: Prosa, en edición, máis que discutíbel, de Xose Luís Axeitos.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *