Un cuarto propio. Urbano Lugrís: a pintura como refuxio

Un cuarto propio. Urbano Lugrís: a pintura como refuxio

0 comentários 🕔12:00, 12.Fev 2014

Urbano Lugrís (A Coruña, 1908 – Vigo, 1973), xa é tópico repetilo, é considerado un pintor atípico, raro. Mitificado pola pluma de escritores que compartiron con el episodios vitais entre a marxinalidade e a bohemia, foi durante moito tempo, quizais debido a esa mesma mitificación, moi mal coñecido como creador, aínda que este descoñecemento semella cada vez máis superado.

O artista coruñés pasou polo Madrid republicano, realizando traballos escenográficos no famoso grupo “La Barraca” con Federico García Lorca e nas Misiones Pedagógicas, a grande aventura de rexeneracionismo cultural emprendida pola República. Logo de facer a Guerra Civil como soldado, na posguerra foi dos que ficaron vivindo entre o medo e o silencio. É a partir dos anos corenta cando o seu estilo se define e comeza a súa intensa produción, que manterá até os seus derradeiros días, deixando unha ampla obra, en moitos casos realizada en murais para os máis diversos estabelecementos, obra muralística que cumpría catalogar e recuperar na medida en que se poida aínda salvar, e da que temos testemuños excelentes no mural da Confraría de Pescadores de Malpica (1951) ou no do Museo Massó de Bueu (1948). Un patrimonio espallado por hoteis, bares e restaurantes, maioritariamente perdido para sempre.

Urbano Lugrís Fantasía mariñeira (pormenor)

Nas obras dos anos corenta, como Fiestra (1943, Pinacoteca Fernández del Riego, Vigo); Fantasía mariñeira (1946, Colección Fundación Novacaixagalicia), Mar dos Sargazos (1946, Colección Novacaixagalicia) ou Anticuario do porto (1946, Colección Novacaixagalicia) podemos apreciar o particular mundo do artista, os seus interiores con frecuencia resoltos por medio de composicións ateigadas de obxectos, cunha tendencia marcada ao horror vacui. Salienta tamén o seu paisaxismo máxico, de estraña beleza, que lembra, é evidente, o mundo onírico surrealista -Reflexo ilusionado dun amigo (1946, Colección Novacaixagalicia) ou Principio e fin (1948, Colección Novacaixagalicia)- pero que tamén evoca co seu etéreo estatismo o paisaxismo quatrocentista italiano ou o universo flamengo -os seus azuis lévannos aos famosos azuis de Patinir-, en especial os seus fabulosos nocturnos.

Nas obras de menor formato traballa cunha maior concentración e contención temática que favorece a apreciación de calidades coloristas e lumínicas: un exemplo é a fermosa Lenda mariña (1944, Colección Novacaixagalicia) en azuis ou en A onde iría (1944, Colección Novacaixagalicia) e Sen título -Mariña- (ca. 1951, Colección particular) en grises. En xeral, as súas máis austeras paisaxes costeiras son enormemente depuradas e nelas a atención céntrase en elementos temáticos máis restrictos, con azuis ou verdes de tonalidades variadas, que favorecen a evocación e que contrastan coas súas composicións máis recargadas, ateigadas de obxectos.

Coa antes citada Cuarto do vello mariño (1946, Pinacoteca Fernández del Riego, Vigo) o pintor crea unha obra de valor singular; o lenzo, partindo dun carácter aparentemente anecdótico, acaba por se conformar como unha pintura de enorme orixinalidade. Nel o artista constrúe unha auténtica natureza morta como reflexo do eu. Nela os obxectos reproducidos no cuarto mariñeiro son un retrato do mundo referencial do artista. Este tipo de utilización da natureza morta maniféstase con anterioridade en artistas da vangarda internacional, como é o caso de Alexander Ródchenko, autor dunha fotografía Natureza morta con Leica (1930) en que unha cámara, unha pluma e un caderno son os obxectos elixidos, que son tamén un retrato do propio autor e do seu ambiente e inquedanzas estéticas, coa cámara fotográfica como paradigma da modernidade e da nova creatividade reprodutiva. Igual concepción podemos observar nun cadro de Maruja Mallo: Elementos para o deporte (1927, col. part., Madrid). Nel a pintora converte as raquetas, bólas, etc… nunha auténtica “antivanitas”, nunha natureza morta da modernidade. No cadro de Lugrís, en que o referente barroco é igualmente evidente, tamén se lle dá volta aos valores barrocos. Se nas naturezas mortas barrocas os obxectos podían adquirir un valor moralizante, O cuarto do vello mariño deita tamén un sentido simbólico, mais dun simbolismo que aposta pola subxectividade do eu, en que os obxectos representados posúen a maxia, a saudade e a inquietante estrañeza que o mundo ideal do autor defende.

Urbano Lugrís Lugris_Sen_título-Mariña-,_c._1951Outro aspecto fulcral da obra pictórica de Urbano Lugrís é o universo mariño que está fortemente relacionado co literario. Lugrís foi poeta ocasional -asinaba co pseudónimo de Ulyses Fingal-, amigo de poetas e lector afervoado de literatura do mar. Este mesmo mundo temático é o que o leva a homenaxear a Manuel Antonio –ligazón inequívoca coa nosa vangarda- e a Jules Verne, ou a facer dialogar, en versos e pinturas, mariñeiros e sereas.

A escolla de referentes literarios en Lugrís é todo menos casual. Verne é a aventura en estado puro, a vontade de abertura a novos mundos desde a ollada do neno que quere voar e navegar, ser asemade o Capitán Nemo e viaxar á lúa. Manuel Antonio é naturalmente o poeta navegante cunha actitude que se materializa nun individualismo inconformista e posuidor dun universo mental e dunha actitude evidentemente antiburguesa. Para Urbano Lugrís o autor de De catro a catro é o poeta maior do mar para o que a navegación é a experiencia vital, a travesía, a singradura, a vida que flúe nun mar que é tránsito, dinamismo da vida e de onde todo sae e a onde todo torna, a máis profunda esencia da vida.

O tratamento da temática galega por parte do pintor, ao longo dos anos corenta e cincuenta, é tamén representativo do momento que vive a nosa cultura e das dificultades para a súa expresión pública. Lugrís incorpora aos seus lenzos temas da tradición cultural galega, é o que acontece no cadro Berbés (1943, colección Galería Montenegro, Vigo) coa lírica medieval, inserindo un libro, a xeito de natureza morta, co nome de Martín Codax e enriba unha vieira ou no Tríptico de San Gonzalo (colección particular, Vigo), en que parte duns versos de Álvaro Cunqueiro sobre unha lenda medieval galega. Cómpre lembrar que para a cultura galega, en pleno proceso de construción no período anterior á Guerra Civil, a literatura medieval era un referente redentor ao redescubriren o xenio creativo galego nos primeiros tempos da lingua, redimíndoo do esquecemento. No contexto dunha cultura acosada, como a da posguerra, esta reivindicación é un acto celebrativo, xa que a literatura das orixes estaba desaparecida –igual que a nosa cultura moderna era negada-; estamos, pois, perante un acto salvador que quere proxectarse do pasado ao futuro. Os escritores, e tamén os pintores, achan daquela nas nosas orixes literarias un lar que se converte en causa dunha nova fascinación e permite recrear un imaxinario común, afastado no tempo mais vivamente sentido como propio, mítico, cálido e misterioso á vez.

Urbano Lugrís Berbés

Na difícil supervivencia da posguerra este sentido do referente medieval aínda se agudiza máis, ao ser dos poucos aspectos culturais galegos algo tolerados polo réxime, xa que o entende desde un arcaísmo (neotrobadorismo) máis ou menos inofensivo.

A obra de Lugrís é, pois, enormemente orixinal mais nunca illada, nin falta de referencias. É a súa unha pintura que bebe do realismo máxico da arte de entreguerras, tanto que podería estar presente o seu traballo sen desentoar nun libro como o famoso Realismo máxico. Post expresionismo de Franz Roh. En común co realismo máxico a pintura de Lugrís ten unha perturbante ambivalencia entre reprodución fiel da realidade e creación autónoma da imaxe. Non debemos esquecer este ámbito artístico xeral porque cando Urbano Lugrís comeza a súa obra el, e o medio intelectual en que se forma, están moi ao tanto do acontecer no mundo da arte en Francia, Italia e Alemaña, países en que se están a desenvolver os realismos de entreguerras.

Neste sentido, a pintura do noso artista ás veces lembra a Giorgio de Chirico ou a metafísica e en ocasións o surrealismo máis canónico, non faltando na súa produción creacións dun explícito onirismo surrealista que se podería emparentar, diferenzas de estilo á parte, con René Magritte, Paul Delvaux, Salvador Dalí ou Óscar Domínguez.

Como precedente seu, entre os pintores galegos, poderiamos sinalar a Francisco Miguel, pintor asasinado polos fascistas ao comezo da Guerra Civil, un artista ligado á vangardista revista Alfar e esteticamente achegado aos presupostos do realismo máxico europeo de entreguerras que, sen dúbida, Lugrís coñeceu no ambiente cultural republicano d’A Coruña en que se formou o noso pintor.

Sobre o autor / a autora

Carlos L. Bernárdez

Carlos L. Bernárdez

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *