<em>Pola porta de atrás</em>: <em>Obra completa. Prosa</em>, de Manuel Antonio

Pola porta de atrás: Obra completa. Prosa, de Manuel Antonio

1 comentário 🕔09:00, 26.Fev 2014

I

Xustificación

Esta «serie» ou «sección» que encetamos hoxe disertará sobre libros que saíron, cando menos, hai un ano. Algúns outros que terán a mala sorte de seren lidos por nós, foron publicados hai moito, moitísimo máis, até catro ou cinco anos. Non se tratará, porén, dunha sección que veña rescatar nada –os famosos libros que ninguén le e que resultan ser «xeniais» (na nosa literatura, a acreditarmos o que se afirma na maioría das recensións, nove e medio de cada dez –sempre hai un que non chega a obra mestra: queda nas portas)– nin, por suposto, a facer xustiza a ninguén: a xustiza literaria, xa nolo avisaba hai un século Paul Valéry, non existe, nin postumamente; nin a reintroducir no circuíto de lectura novos ou vellos «clásicos», ou a proclamar un novo «canon»: un, en verdade, é anticlerical e non ten vocación de conego ou cóengo: así que, de canon, nada de nada: talvez algo de canón, si que gustaría tivesen estas «recensións». Moitos dos libros recensionados pasaron sen pena nin gloria, como a maioría dos libros que se publican en galego: a actualidade dun libro, hoxe, é, como moito de dúas ou tres semanas, agás as famosas excepcións. Outros foron recibidos con alborozo e de contado esquecidos. Outros máis pasaron a formar parte diso que lle chaman canon. E outros… mais acabemos con toda esta xustificación. A única xustificación válida é que nestas recensións, talvez ás veces un pouco longas, intentarei dar a miña «versión dos feitos», é dicir, a miña lectura: parcial, política e partidaria. Sobre todo partidaria, pois como afirmaba Walter Benjamin, e quen non está de acordo co «mestre»? (tantas veces mal citado e peor comprendido, mesmo por quen isto asina, claro), na súa segunda das teses –xa se sabe que o autor de Sentido único era moi dado a isto das teses– sobre «a técnica do crítico»: «Quen non poda tomar partido, debe calar».
A xustificación debía continuar, sobre todo para informar ao posíbel lector destas liñas que quen isto asina non le case literatura galega: moi pouca, e menos aínda desde hai ano e medio, cando fechou a única libraría que recibía as novidades galegas, de libros galegos, en Barcelona; por tanto, ao mellor resulta que o que un afirma, partidariamente, foi superado polo mesmo autor en escritos ulteriores: con todo, non o creo. Por exemplo anda por aí un escritor que pare a tira de libros (mesmo, seica, ultimamente lle deu pola novela policial): eu só lin del a primeira cousa que publicou, e algún que outro artiguiño, así, artiguiño, non artigo. Afirmo, e en voz alta, que quen artellou aquela «cousiña» é incapaz, por moito empeño que lle meta, e máis empeño, por certo, métenlle os seus reseñadores, de alcanzar, literariamente falando, os cumes de, por exemplo, Marcial Lafuente Estefanía, ou de Dan Brown, que é moito peor que Estefanía. Non mo cren? Compren, lean e comparen. Ben, acabemos xa e vaiamos coa primeira destas recensións.

*********

Hai xa case, ou sen case cando isto saia á luz, dous anos apareceu o volume Obra completa. Prosa, de Manuel Antonio, en edición e notas de Xosé Luís Axeitos Agrelo, conformando o primeiro volume de «Clásicos da Academia», pagado pola Fundación Barrié e publicado conxuntamente por esta e máis a Real Academia Galega.
[Antes de entramos no cerne do asunto, é dicir, no libro de Manuel Antonio, teriamos que lanzar unha serie de auto-reflexións. Unha parva (ou non tan parva.) Desde hai uns anos teimamos, todos, en escribir Manuel-Antonio ou, mesmo, Manuel Antonio: por que? El asinaba Manoel-Antonio, a que vén ese cambio? A ninguén se lle ocorreu, que eu saiba, cambiarlle o nome a Ánxel Fole por Anxo Fole, que sería o galego «correcto» ou oficial. Claro que Manoel-Antonio non pode protestar, nin coa escrita nin, infelizmente, tampouco co pé, que dirían os surrealistas.
As outras son máis complicadas (sic). Un poeta como Manoel-Antonio, que non era un poeta de xogos florais, persoa comprometida civicamente, pode ser editado cunha bolsa dunha fundación como a Barrié? Durante moitos anos, todos, pero todos, calamos diante das barrabasadas das diferentes caixas –dos seus directivos– galegas: daban cartos para a «cultura», promovían premios e exposicións, etcétera, etcétera: e todos tan contentos: até que chegou a hora da verdade. Todos sabemos de onde proveñen os cartos da Barrié (salve, Castrelo do Miño!): é lícito publicar Manoel-Antonio baixo o seu selo?
Hai anos, alá polos inicios dos anos 70 do século pasado, apareceu en París unha revista titulada Libre, entre cuxos colaboradores estaban Juan Goytisolo, Mario Vargas Llosa, José Donoso, Carlos Fuentes, Severo Sarduy, etc. etc., é dicir, o máis «granado» da literatura española e latinoamericana do momento. No seu primeiro número incluía, como colaboradores, a nomes como García Márquez e Julio Cortázar. Até que salta o «escándalo»: a revista estaba financiada por Albina de Boistouvray (neta do boliviano Patiño, rei do estaño e, evidentemente, martelo de mineiros reivindicativos e apoio constante de todos os réximes ditatoriais que se sucederon en Bolivia, golpe tras golpe, até hai uns días, como quen di). A redacción e colaboración da revista estouraron por todas as partes, e quedaron, como sempre, con aqueles escritores para quen unha tribuna vale máis que a moral, e cos escritores máis dereitistas, con Vargas Llosa á cabeza –con todo, cómpre afirmarmos que o peruano non alcanzara aínda os cumios aos que nos ten afeitos agora, politicamente falando. Libre convertíase así na sucesora de Cuadernos para la libertad de la cultura (por certo, un dos máis importantes dirixentes da sección española era o coruñés César Alvajar, delegado en París do Consello de Galicia) e de Mundo Nuevo, esta última dirixida por Emir Rodríguez Monegal, publicada en París, e pagada pola CIA a través da Fundación Ford; a primeira citada, directamente subvencionada polos servizos secretos americanos, sen intermediarios. Era moral, para un intelectual de esquerdas, colaborar nesa revista (Libre), por moita liberdade que lle deixasen, nun momento que os golpes militares para-fascistas se sucedían continuamente en Latinoamérica? Alguén pensaba que os cartos de Patiño ían servir para financiaren a revolución en Latinoamérica? Evidentemente, García Márquez, Cortázar e outros fuxiron da revista como do lume. E non se trata, agora, de defendermos os defuntos, a deus grazas, réximes comunistas, senón de defendermos unha integridade moral que, normalmente, só defendemos de boca para fóra. Sentíndoo moito: hai lugares, institucións e persoas coas que non se pode colaborar. Por tanto, é lícito publicar a Manoel-Antonio baixa a éxida da Fundación Barrié, ou do BBVA, ou doutra destas institucións, que fixeron os seus cartos explotando o seu país, mellor dito, a súa xente (non esquezamos que detrás da Barrié estaba a empresa que máis promoveu a emigración galega a Europa nos anos 1960-70)? Así están as cousas, e, tememos, así continuarán. Entre a intelectualidade hai moita indignación, asínanse moitos «manifestos» e peticións, mais á hora da verdade, cantos se negan a colaboraren con certas institucións cuxa orixe é escura, ou moi clara, segundo o miremos? Acabo.]
Continuemos co tema desta recensión, que por momentos se nos escapa. O volume Prosa, de Manoel-Antonio é, segundo o seu editor, o primeiro dunha serie de cinco que conformarán as obras completas do rianxeiro. En palabras súas (p. 11): «O plan da publicación da obra completa de Manuel Antonio contempla a posibilidade de cinco volumes: o primeiro para a prosa, o segundo e o terceiro para o riquísimo epistolario, inédito en grande parte, o cuarto para a poesía e un derradeiro volume destinado á biografía do escritor rianxeiro». É dicir, catro tomos de escritos de Manoel-Antonio e un último no que, á parte da biografía do autor de De catro a catro, o seu curador nos promete a reprodución dunha «serie de escritos, notas, documentos e iconografía diversas que se conservan, inéditos, entre os papeis do autor» (p. 11). Todo un programa, abofé: veremos cantos anos leva publicalo.
O presente volume divídese en tres partes: Prosa literaria, na que se inclúen textos literarios xa publicados ou inéditos de Manoel-Antonio: contos, textos que máis semellan poemas en prosa que relatos, xornadarios, etc. Prosa ensaística, que se subdivide en «De tema literario e cultural» e «De natureza política», que, como a anterior, inclúe textos publicados e textos inéditos. E Traducións, de «Prosa» e de «Poesía».
Aquí se formula, ao reseñador, outro problema. Un problema que se formula, sempre, cando se publican as obras completas, inzadas de inéditos, dun autor. O problema formulado é duplo: literario e moral. Tomemos un exemplo doutras literaturas, ou doutros «sistemas literarios», que gustaría dicir un/ha pedante deses ao/á que estamos tan afeitos que xa tomamos como colegas de toda a vida. Na colección La Pléiade, da francesa editorial Gallimard, durante dez anos (de 1998 a 2008) publicáronse as Oeuvres complètes, de André Breton, en catro volumes. Moi ben. Ora, cada volume incluía unha serie, demasiado longa, de poemas inéditos que o autor de Nadja nunca publicara, nin en revistas. Había que publicar eses poemas? Alguén pensa que André Breton tiña dificultades en colocar estes poemas nalgunha das revistas que ou ben dirixía el ou ben lle demandaban colaboración? Eses poemas eran, simplemente «borradores», por dicilo dalgunha maneira, que lle serviron ao seu autor para artellar outro poema, ou o que fose. Se non os queimou, non foi pensando na posteridade, senón, quizais, por un exceso de «cariño» cara a produtos que consideraba inferiores ao que el podía crear e, xa que logo, impublicábeis. Hai que dicir que a maioría deses poemas non engaden nada á gloria do fundador do surrealismo. Ou que dicir das novelas «póstumas» de Julio Cortázar, El examen e El divertimento: nada engaden á gloria do arxentino, todo o contrario, talvez lle botan un pouco de lama ao seu renome como novelista. Se unha vez rexeitadas polas editoriais, cando puido publicalas non o fixo, debeu ser porque as consideraba non só superadas pola súa propia obra literaria, senón dunha calidade mínima que non pagaba a pena dar a coñecer. Iso si: herdeiros e editores talvez se forraron. Xa máis perto de nós, a quen se ocorreu publicar Unha historia da arte, de Otero Pedrayo, co ben que quedaba no limbo dos inéditos? Se este libro cae nas mans de alguén que non coñeza o seu autor, a opinión que tirará del non será, precisamente, excelente. Etcétera, etcétera.
Eis xa que logo o que acontece con Manoel-Antonio. Cando o rianxeiro ten a oportunidade de publicar un libro de poemas, non entrega ás Edicións Nós nin Viladomar, nin Foulas, nin Con anacos d’o meu interior: entrega o que el considera que se debe publicar, que está á altura das súas miras como poeta: De catro a catro. E non entrega, malia o éxito que tivo no seu momento, ningún libro máis a ningunha editorial. O mesmo vale dicir da prosa. Aquí recóllense moitos textos de prosa inéditos, a maioría: porque non intentou publicalos o poeta? Talvez consideraba que só eran exercicios. Cousa que, por certo, é o que son. Non se pode afirmar, como fai o editor, ao falar da prosa narrativa de Manoel-Antonio: «Xa non serán soamente os Risco, Otero Pedrayo, Castelao e Dieste os que figuren nas páxinas antolóxicas do conto galego» (p. 31).
Formulado o problema literario: que engaden todos estes inéditos, que nunca quixo publicar, ou que nunca acabou de escribir, á obra de Manoel-Antonio? Será cousa de discutilo, mais non é este o momento, aínda que si sexa o lugar. Digo, formulado o problema literario, queda o problema moral: temos dereito a publicar os textos dun escritor falecido que este non tomou en consideración ou que, simplemente, considerou borradores e/ou probas, ou textos inacabados, etc.? Se os publicamos, en nome de que ou en nome de quen? Maiormente, sabemos, estes inéditos (eis o caso de Breton, e de tantos outros), eis o caso de Manoel-Antonio, nada engaden de calidade á súa obra. En todo caso, engaden un plus de «curiosidade», ou de lamento: o que puido ser e non foi. Mais teñen estes inéditos de Manoel-Antonio moito que ver coa literatura? Uns si e outros non. Así que, o primeiro que cómpre dicirlle ao lector que entra nunha obras completas nunca revisadas polo seu autor, é que talvez o autor non estaría de acordo co que se acaba de publicar e entregar a pública lectura: un autor falecido que non deixa por escrito cal debe ser a posteridade, cando menos até que duren os dereitos de autor, da edición das súas obras, é sempre un inocente que acaba imputado e declarado culpábel non se sabe ben por que, aínda que se sabe por quen.

(a seguir)

POLA PORTA DE ATRÁS
Reseñas serodias
XGG

Obra Completa. Prosa, Manuel Antonio, Edición e notas, Xosé Luís Axeitos Agrelo

II

Hora é, acho, despois de todos estes prolegómenos un pouco longos de máis, de iniciar en verdade a recensión da edición da Prosa, de Manoel-Antonio.
Na «Na introdución xeral», no apartado «A nosa edición», Xosé Luís Axeitos Agrelo afirma, «à juste titre» que «Non se caracteriza a nosa cultura literaria por unha rica tradición editora. Temos a proba coa obra de Cunqueiro, do que cando estamos a celebrar o centenario do seu nacemento non dispoñemos dunha obra edición crítica acorde coa categoría do escritor de Mondoñedo. Son demasiadas as edicións perpetradas a granel e sen denominación de orixe». (O problema das «edicións críticas» na cultura galega ten unhas causas que non imos, agora, analizar nin descubrir; mais comecemos por ser todos un pouco máis modestos e confesémonos que, infelizmente, e a pesar de todos os pesares, a literatura, a cultura galega móvese no terreo das vontades: o día que falte a vontade, acabouse a literatura galega: non hai mercado para sostela, e ese é un dos problemas con que se enfrontan as edicións críticas.) Polo dito, todo aquel que inicia a lectura deste volume de Prosa, de Manoel-Antonio, espera que non sexa unha edición a granel e que teña unha verdadeira denominación de orixe. De aí, dedúcese, que Axeitos opte por unha «edición filolóxica, que reproduce con absoluta fidelidade os manuscritos autógrafos do autor, respectado os seus hábitos gráficos». Que menos! E que sorte!, ter nas mans os orixinais do autor, non sempre acontece o mesmo. E ás veces hai autores que se negan a que se vexan os seus orixinais cando se fan as súas obras completas en vida: Julien Gracq, ou Nathalie Sarraute, que negaron os seus orixinais aos editores respectivos cando prepararon as súas obras completas para La Pléiade. É dicir, Axeitos tivo a sorte de contar cos orixinais de Manoel-Antonio e reproduciunos tal como o poeta os escribiu, mais talvez non como el os publicaría. Moi ben, esa pode ser a denominación de orixe. Ora, o produto, denominación á parte, é de calidade? Porque a un viño pode dárselle unha denominación de orixe, mais pode ser intragábel. Por outra parte, nos orixinais poden coarse erros, erros que hai que corrixir. Hai uns anos, nunha edición de Otero –tan manipulado el– a curadora, co pretexto de que non tocaba letra do texto de Otero, para respectalo, daba a impresión de que quería que o escritor de Trasalba aparecese como parvo (ou a curadora gozaba dunha cultura incomún). No texto de Otero, entre outros, e non vou espraiarme, aparecían, erros de imprenta, Frend por Freud, Ramus por Ramuz, Courand por Conrad: a curadora non os corrixía. É máis, no limiar, ao falar de escritores (sic) estranxeiros citados por Otero falaba de Frend, no canto de Freud. Pois ben, supomos que os erros que se coan nesta prosa son debidos á imprenta, non a Manoel-Antonio, polo tanto, o curador debeu avisar no prólogo que se se coaban erros eran debidos aos trasgos da imprenta, non ao poeta, xa que eses erros tamén se coan nas diversas presentacións que lle apón aos diversos apartados. Non imos recensionar os que atopamos (e existirán algúns máis, evidentemente) para non aborrecer ao lector: non paga a pena, iso si, desmerecen calquera edición.
Unha edición dun clásico do século XX, como é o caso, deixando manuscritos e erros ou grallas de imprenta á parte, acho, debe constar de cinco apartados (sic): un prefacio, un bo prefacio, evidentemente. Que é un bo prefacio? Non aquel que nos dá a historia do texto, senón o que nos entrega a necesidade de lelo. O estabelecemento do texto –se é posíbel comparándoo con outras edicións–; cousa que, por exemplo, non fai Axeitos cando reproduce Máis alá!, tantas veces reeditado, como tampouco algúns outros textos que foron reproducidos posteriormente á súa aparición orixinal en revistas (A Nosa Terra, Grial, etc.). É máis, nin menciona estas «reproducións», como se non existisen, e que, talvez, lle serviron para encontrar un ou outro texto que non se atopaba entre os orixinais de Manoel-Antonio –non os menciona porque non pertencen, os que reproduciron e/ou recuperaron eses textos, á tribo universitaria e académica? A ver se nos decatamos que durante moitos anos a literatura galega desenvolveuse, maiormente, na prensa: diaria, semanal, mensual, trimestral ou anual. As notas, que van desde a extrema concisión á exhaustividade. Axeitos apúntase á extrema concisión, tanta que deixa sen cantidades de información ao posíbel lector –logo falaremos. Unha boa cronoloxía e unha bibliografía: a cronoloxía é correcta no que se refire a Manoel-Antonio, á súa vida e á súa obra: mais o poeta vivía nun país, nunha sociedade dada, e quen lea esta cronoloxía non saberá –se non o sabe antecipadamente–, por exemplo, que en 1923 hai un golpe de estado en España que instaura unha ditadura, etc. En canto á bibliografía, aquí, talvez por tratarse na súa maioría de textos inéditos, falta calquera tipo de bibliografía, que supomos se entregará en próximos volumes ou na biografía que se nos promete.
Os diversos prefacios, ou introducións, que entrega Axeitos nos diferentes apartados son puramente informativos, ou están secuestrados pola figura da súa edición: o que se reproduciu na anterior entrega sobre a narrativa de Manoel-Antonio. Ou ás veces, ese «secuestro» lévalle a escribir que, talvez, «a falta de formación en italiano, xunto co xiro ao fascismo que desde 1919 deu Marinetti ao movemento, afastaron del o interese de Manuel», ao ser notoria , entre as traducións do poeta, «a falta de poetas do primeiro gran ismo, o futurismo». Home, tamén faltan poetas doutro gran ismo, o expresionismo alemán. Por tanto, haberá que botarlle á culpa á falta de formación en italiano, xa que, por exemplo, nunha carta a Ramón Villar Ponte, datada o 22 de outubro de 1924, escríbelle ao viveirense: «Ademais compre a guerra pra nos enfortecer n-ela, que é a “única hixiene d’o mundo”, en parolas de Marinetti: “O que non nos mata, fain-os máis fortes”, dixo Nietzsche». É dicir, que desprezo, cando menos até 1925, por Marinetti non o había en Manoel-Antonio. Logo, non o sei; e do que non sei non falo. Doutras afirmacións que se verten nas diferentes introducións, non vou falar: estariamos a discutir moito tempo. Mais hai unha que chamou a miña atención, talvez porque está nas primeiras páxinas: «Foi mágoa [que non se puidesen publicar certos textos de Manoel-Antonio durante o franquismo] porque a nosa cultura pasou toda a nosa longa posguerra necesitada do maxisterio do rianxeiro, que tiña capacidade e prestixio dabondo para certificar a compatibilidade entre modernidade e nacionalismo, lección que aínda hoxe non temos aprendida de todo» (p. 13). Certificar a compatibilidade entre nacionalismo e modernidade, que é posíbel, levaríanos moi lonxe e por vieiros que, nestes momentos, non queremos transitar. Por outra banda, teriamos que aclarar de que modernidade se trata: económica, política ou cultural, interrelacionadas mais, como demostrou a historia, tamén autónomas. Ademais, gustaría saber en que é máis moderno, literariamente falando, Manoel-Antonio que, por exemplo, Ramón Otero Pedrayo. [Facendo comparantismo un pouco parvo: quen é máis moderno, literariamente falando, Pound, Céline ou Pessoa –xa coñecemos as súas escollas políticas– ou Carl Sandburg, Henri Barbusse ou Joaquim Namorado? A longa posguerra foi como foi e cómpre estudala como tal, analizando acertos e erros desde a perspectiva de hoxe: o demais, son bromas.]
No que se refire as notas, aquí Axeitos falla flagrantemente. Vexamos unhas poucas, sobre todo no apartado de traducións. «Stéphane Mallarmé […] foi o autor dunha poesía oscura (sic) e enigmática, etc.» (subliño eu, XGG): Jacques Rancière, Alain Badiou, Paul Bénichou, Henri Meschonnic e toda unha restra de xente talvez non estaría de acordo. Falando dunha tradución de Manoel-Antonio, escribe: «O outro texto literario é o comezo dunha novela do autor francés Eugène-Melchier Vogue, Le maitre (sic) de la mer […]» e en nota escribe: «Josep Pla (Barcelona Maucci, 1905) foi o traductor desta novela ao castelá (sic)». Home, o tradutor sería un tal José Pla –porque me estraña moito que o tradutor puxese o seu nome en catalán, cousa que non fixo ningún dos escritores cataláns que traduciron para Maucci–, mais o Josep Pla que todos coñecemos tiña, en 1905, a infausta idade de oito (8) anos e dubidamos que se dedicase, alá no Empordà, a traducir a este aristócrata. E as notas sobre Apollinaire, Philippe Soupault (na páxina 300, Saupault), Paul Éluard ou Benjamin Péret, por non falar da de Phileas Lebesgue –que falaba de literatura galega e portuguesa en Le Mercure de France e outras revistas francesas e a quen Antón Figueroa lle dedicou un importante libro– son máis que penosas. Como se pode presentar, por exemplo, a Benjamin Péret da seguinte maneira: «Benjamin Péret (Rézé, 1899 – París, 1959), un dos máis importantes poetas surrealistas. Durante a Guerra Civil estivo en Barcelona, onde chegou a loitar co POUM. Na vila condal coñeceu o pintor galego Euxenio Fernández Granell, ao que chegou a prologar dous catálogos xa no exilio» (os subliñados son nosos, XGG). Evidentemente, o lector queda «in albis». Por outra parte, coñeceu Péret a Granell en Barcelona ou en Madrid? A primeira carta que Péret lle envía a Granell, desde México, o 9 de agosto de 1942, iníciase así: «Cher camarade,/ Je pense que nous nous sommes connus à Madrid, au début de la guerra, en 1936. De toute manière, Julian Gorkin et Victor Serge m’ont dit de m’adresser à toi et, d’autre part, Manuel Martinez me connait […]» ) O. C., tomo 7, p. 366. Péret estivo en Madrid, onde foi locutor, en portugués, idioma que dominaba, da radio do POUM que emitía na capital do Estado; logo exerceu o mesmo traballo na radio do mesmo partido en Barcelona, antes de ir para á fronte de Aragón: finalmente abandonou o POUM e foi loitar cos anarquistas. (Non se trata, nas notas, por exemplo, de dicir que en 1955 Péret estivo un ou dous días en Vigo: dígoo eu para solaz do lector que guste do poeta surrealista, e das curiosidades).
As notas, aínda que «inútiles como unha nota», segundo afirmaba o filósofo francés Alain, poden ter a súa importancia. Ás veces póñense, simplemente, porque alguén quere demostrar a súa erudición. Outras por proído de non sei que. O problema é cando se colocan por simple erudición. Por exemplo, na Biblioteca das letras galegas, de Edicións Xerais, alá polo 1990, publicáronse dous volumiños que contiñan a poesía completa de Luís Seoane. O texto estaba inzado de notas, ás veces un pouco parvas: Eo: río galego que desemboca entre as provincias de Lugo e Asturias. Far-West, voces inglesas que significan lonxano (sic) Oeste. Cid: Rodrigo Díaz de Vivar. Famoso heroe da Reconquista española. Tango: Baile arxentino, executado por unha parella enlazada que evoluciona nun espazo amplo. Música e letra que o acompaña; etc. Do poema «Outro canto ós emigrantes» son estes versos: «En 1910. / Por 1900, ou polo centeario, / en 1910, / cando o viaxe da Infanta Isabel, / ten sido o “camiño de Buenos Aires” / o do reporter Albert Londres, / e das mozas que se facían prostitutas», as curadoras da edición avisan de quen era a Infanta Isabel; de Albert Londres, nin palabra, cando Londres ten unha importancia capital nesta parte do poema, que fala da trata de brancas. O «reporter» francés escribira sobre o tema, de aí a referencia de Seoane, afirmando que Buenos Aires era o «maior mercado de carne do mundo», e non se refería, precisamente, ao gando vacún. Evidentemente, ás curadoras escapóuselles o «toque» de Seoane, ou non sabían quen era Albert Londres.
Non se trata de mallar ao lector con notas. Máis dentro da súa expresión mínima, Axeitos tamén o fai: véxase a nota dedicada a Éluard ou a Tzara e as súas «aparicións» en revistas «peninsulares», cando quere dicir estatais españolas, xa que non cita unha portuguesa nin por asomo. Ou cando sinala que o poema traducido de Apollinaire pertence ao libro Alcools: e os traducidos doutros poetas, a que libros pertencen? E ás veces faltan notas esenciais: quen era Xavier Soto (Valenzuela), que asina con Manoel-Antonio o panfleto Terra ceibe! (p. 202-205) (1)? Acho que o lector debería ser informado, dalgunha maneira, da personalidade deste político e escritor, fusilado en Viveiro, onde era concelleiro, como fora concelleiro en Vigo –curiosamente, tanto no tempo da Ditadura de Primo de Rivera como durante a República, pertencendo nun principio á Alianza Agraria, pola que foi elixido concelleiro en Vigo en 1931, logo ao Partido Radical e finalmente a Izquierda Republicana, cesado como concelleiro durante o Bienio Negro. Tamén participou, representando ao concello de Vigo, na Asemblea de Municipios polo Estatuto en xullo do 32, onde apoiou a Bóveda. E autor de dúas pezas teatrais: O lóstrego e, precisamente, Terra ceibe. Mais outro día falaremos del. Xulgo que merecía, como mínimo, unha pequena nota, aínda que só fose para lembrar que foi asasinado polo fascismo español.
Por último, dúas curiosidades. O poema que Manoel-Antonio traduce de Paul Éluard, foi publicado, informa Axeitos, na revista madrileña Reflector, no seu único número publicado no Nadal de 1920: pode enviarlle o dato aos editores das obras completas do poeta francés, que non o coñecen, xa que o entregan como un dos poucos poemas non publicados antes de ser recollido en libro: Les nécessités de la vie et les conséquences des Rêves précédés de Exemples (1921) –o poema pertence a Exemples. E unha curiosidade. Os poemas de Péret e Tzara foron traducidos a partir da versión publicada na revista lionesa Manométre (sic), segundo sempre escribe Axeitos, número 5, febreiro 1924, unha revista senlleira da vangarda lionesa dirixida por Émile Malespine, inventor, fronte ao surrealismo, do «superidealismo». Nesta revista, da que saíron 9 números, de 1922 a 1928, colaboraron escritores españois e latinoamericanos, en español e traducidos ao francés: Guillermo de Torre, Julio J. Casal (o director da primeira xeira de Alfar), Borges, e… o ourensán Juan González del Valle, quen no número 6, agosto de 1924 publica o poema en prosa «La sirvienta negra». Digamos que nalgún número desta revista se publicitan tanto Alfar como Ronsel, e que no nº 4 (agosto 1923), no apartado «livres», se pode ler: «EUXENIO MONTES. Céltiga, Ferrol, O vello mariñeiro toma o sol. O anino da Debesa. Como unha parábola de Peter Breughel. 3 contes inédits écrits… en galicien», e que no número 8 (decembro de 1925) se sinala a aparición de «El milano y la rosa, por Correa Calderón (Ronsel, Lugo). Petite histoire galicienne, très couler local e très fraîche. E. Malespine». (Manomètre, prólogos: Jean Cathelin e Michel Carassou, edición facsímil, Paris, Jean-Michel Place Éditeur, 1977.)
Dos escritos inéditos do poeta rianxeiro que se publican neste volume, pouco falamos deles. Xa adiantamos que os escritos narrativos son borradores, máis nada. Nin obras feitas nin obras acabadas: mágoa, porén, que non insistise máis. Talvez pensou que non era o seu camiño. Por outra banda, cómpre non esquecermos que unha parte da «vangarda» europea renegaba da novela, non así do «conto». E no que se refire aos escritos políticos, poucos máis interesantes, sobre todo o dedicado ao Estado, no que se albisca, como se albiscaba nunha das súas cartas que García-Sabell publicou sen datar, unha certa propensión, ou algo máis que propensión, cara ao anarquismo. Canto ás traducións, sinalemos que á parte de iniciar a tradución dos libros La poésie d’aujourd’hui, de Jean Epstein, e Du cubisme, de Albert Gleizes e Jean Metzinger, tamén iniciou a tradución dun conto de Poe, dun artigo de Henri Rambaud sobre a «Poética de Mallarmé», e a novela de Eugène-Melchior, Le maître de la mer (por certo, á parte de que nunca se cita correctamente, en francés, o título desta novela, produce, este título, a primeira gralla do volume, índices, p. 9: La maite de la mer). E os poetas traducidos son os seguintes: Apollinaire, Éluard, Jack Judge, René Kerdyk (apelido correcto, aínda que no índice e na páxina 303 apareza Kerdik, mentres na 302 aparece Kerdyd: erro de imprenta, erro de Manoel-Antonio?), Phileas Lebesgue, Hrand Nazariantz, Péret, Tzara, Émile Verhaeren (un poema cada un), Verlaine, Philippe Soupault e Adrien Rambaud (2 poemas), e Rimbaud (10 poemas). Por último, digamos que o título «Coarteta» que lle pon Manoel-Antonio a un poema que traduce de Rimbaud, é pura invención do rianxeiro, xa que os catro versos –que non se saben se constitúen un poema autónomo ou pertencen a un poema que nunca acabou ou se perdeu– do orixinal, que se encontraba entre os papeis de Verlaine, non levan título ningún.
En fin, só cabe esperar que os anunciados volumes da obra de Manoel-Antonio non se fagan esperar demasiado, aínda que nos tememos o peor.

NOTA
(1)
Por sorte, reproduce a folla voandeira, xa que na transcrición esquece pór a data.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

1 comentário

  1. 🕔 10:16, 26.Fev 2014

    Amilamia

    Ben interesante o artigo, voume facer co libro. Concordo tamén en qeu moitas veces editores e familiares publican moitos inéditos que de seguro o autor ou autora non desexaba publicar. Todoas/os gostamos de ler inéditos dos nosos favoritos, pero , estamos violando a síua memoria? Grazas Xesús.

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *