Xavier Seoane: tres poemas inéditos

Xavier Seoane: tres poemas inéditos

0 comentários 🕔12:00, 26.Fev 2014

Estes tres poemas inéditos pertencen ao ciclo do libro Espiral de sombras.

DUNHA ZAFRA IMPOSIBLE

A Alfredo Ferreiro

Dálle ao ferreiro un fol para que cante.
Dálle un labio loador e un merlo de auga.
Unha trencha durmida e unha arroba de sal.

Dálle unha fragua oculta nas vésporas do sangue.
Dálle fanal e draga, dálle funil e favo.
Dálle escuma invisible nas gabias da mañá.

Dálle un designio escuro
para que abra o camiño da esperanza
e asente ferro vivo nas entrañas do mal.

Que ardan as citanias nas estrelas.
Que a hedra palpite na lingua substancial.
Que arrase a cicatriz meigos e cans.

Dálle, dálle ao ferreiro
mantel, trinchante e pan.

*

NINGUÉN CHE DARÁ TANTO

A Ramiro Torres

O que che dea a cinza non cho dará o cabalo.
O que che dea o cabalo non cho dará o alacrán.

O que o alacrán che outorgue non cho dará o gabián.
O que o gabián che diga non o oirá o lagar.

O que o lagar fermente non ten por qué cuspir sobre a borralla.
A borralla non ten por qué dar contas do machado.

Mais tampouco o machado poderá darche nada
que non che dea a risa pútrida do lagar,
que a cinza non arrastre no cabalo,
que o cabalo non moia no alacrán,
que o alacrán non encince no gabián,
que o gabián non chante na túa lingua abrasada.

*

REPARACIÓN DO HIME

Non aborrezas os pelos do pene do cervo
porque deles virá
fecundidade á terra.

Non rexeites o cuspe na lingua da cervela
porque dela virá
lentura ao ermo.

Foxe de esmagar nunca
un humilde vilano,
un tímido cempés.

Canta o alento do lagarto
e o tímpano do merlo.
Toda xema de luz traerá promesas
aos valados de pedra.

Deixa o romeu cantar baixo o lintel.
Vén a xeira de erguer un fogar para os teus
no tempo da inclemencia.

Regálalle á torcaza os ouricelos
da Torre de Hércules
agora que o solsticio vernal ergue no ceo
harpas de liño e tálamos de estrelas.

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *