<em>A metamorfose das libélulas</em>, por María José Fernández López

A metamorfose das libélulas, por María José Fernández López

1 comentário 🕔15:00, 05.Mar 2014

Todo estaba dispuesto, aunque nadie lo supiera, porque la vida no avisa…
José Luis Sampedro (El río que nos lleva)

Hai un río
sempre hai un río
O río que nos leva…

Na casa que ulía a manteiga e mel
hai un reloxo parado
colgado na cociña
e pequenas flores violeta
invaden a pedra

Un río idealizado
que contempla impasible
a metamorfose das libélulas

A nena que miraba as montañas
deulle corda ó reloxo
e arrancou as flores
nun acto de rebelión
contra o tempo

A metamorfose necesaria
pintada sobre un lenzo escuro
de palabras esquecidas

O pai amaba a madeira
O pai sabía da silueta dos piñeiros entre a néboa
O pai falaba a linguaxe das raíces
para que a moza-paxaro que vai marchar
tatúe nas plumas a memoria da orixe

O río arrastra
as palabras que non escoitamos
as que non escollemos para nós

A moza-paxaro encheu os ollos de horizonte
e a muller-poeta aprendeu a escribir
os silencios
na linguaxe das raíces
Terra e sangue, filla, ti e máis eu…

Hai un río
Sempre hai un río

O río que nos leva o reflexo
dunha nena que miraba montañas
dunha casa de pedra
e dun pai que falaba
na linguaxe das raíces

Terra e sangue
Ti e máis eu
sangue e terra

1 comentário

  1. 🕔 0:27, 12.Mar 2014

    Iolanda Aldrei

    Poema a fluir, água que encanta!

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *