<em>Anonimato</em>, fragmento de <em>Point Omega</em>, de Don DeLillo, traducido por María Alonso Seisdedos

Anonimato, fragmento de Point Omega, de Don DeLillo, traducido por María Alonso Seisdedos

0 comentários 🕔16:00, 05.Mar 2014

Anonimato

3 de setembro

Había un home contra o muro norte, apenas visible. As persoas entraban en parellas ou tríos e permanecían na escuridade, miraban para a pantalla e despois saían. Ás veces nin chegaban a traspasar o limiar, grupos maiores deambulaban polo interior, turistas pasmados, e miraban, mudaban de postura e despois saían.
Na galería non había asentos. A pantalla era portátil, de uns tres por catro metros, e estaba sobre o chan, situada no medio da sala. Era unha pantalla translúcida e algunhas persoas, poucas, ficaban o tempo suficiente para se deixaren ir indo ata o outro lado. Permanecían aínda un momento e despois saían.
Na galería ía frío e só estaba iluminada polo resplandor cincento e tenue da pantalla. Atrás, contra a parede norte, a escuridade era case completa e o home que se encontraba alí a soas achegou unha man ao rostro, repetindo, moi devagariño, o xesto dunha das figuras da pantalla. Cando se corrían as portas da galería e entraba alguén, coábase unha luz fugaz da zona adxacente, onde, a certa distancia, se xuntaban outras persoas, que espreitaban nos libros de arte e nas postais.
A película avanzaba sen diálogos nin música, sen banda sonora ningunha. O garda do museo permanecía pola parte de dentro da porta e ás veces as persoas que saían miraban para el, á procura de contacto visual, da comprensión que se puidese establecer entre eles e lexitimase a súa perplexidade. Había outras galerías, pisos enteiros, non tiña sentido demorarse nunha sala illada na que fose o que fose o que acontecese tardaba unha eternidade en acontecer. […]

Fragmento de Point Omega, de Don DeLillo: Scribner. Nova York. 2010
Tradución de María Alonso Seisdedos

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *