Un espello do home contemporáneo: o <em>Autorretrato</em> (1952) de Laxeiro

Un espello do home contemporáneo: o Autorretrato (1952) de Laxeiro

0 comentários 🕔13:00, 05.Mar 2014

Nos mellores exemplos do retrato pictórico galego de mediados do pasado século podemos ver reflectida, como noutros contextos de Europa e América, a tendencia ao retroceso da facialidade, á regresión da identidade e á manifestación dun déficit de humanidade, tal como sinalou Dominique Baqué (1), un proceso ligado ao contexto sociocultural posterior á Segunda Guerra Mundial que nos sitúa no final dunha tradición da representación do corpo. Como acontece con “retratos” de artistas como Francis Bacon, Jean Dubuffet ou Alberto Giacometti, que levaron este vieiro ao límite, semella que chegamos ao remate dun camiño principiado polos pintores do Quattrocento, e consistente na captación da figura en toda a súa plenitude, unha senda que levaba ao extremo a representación da imaxe humana, amosándonos frecuentemente a face como un trauma, un retrato ambiguo, desapiadado ou, como pouco, desacougante do home contemporáneo.

Un exemplo perfecto destas estratexias seguidas ao se achegar á representación da figura humana ofrécenolo a obra do pintor Xosé Otero Abeledo, Laxeiro (Donramiro, Lalín, 1908-Vigo, 1996).

En amplas facetas da súa obra encontramos unha omnipresenza do autorretrato, co artista a se interrogar obsesivamente entre a incerteza e o desacougo. O conxunto de autorretratos de Laxeiro presentan unha pautada retórica da representación; “Son eu” escribía o artista nun Autorretrato de 1936 (Fundación Laxeiro, Vigo), no que se retrata ollando de esguello, sorprendido de si propio, un estrañamento do eu que lembra a frase de Baudelaire cando afirmaba: “Teño unha alma tan singular que non me recoñezo a min propio”. Noutra obra, Autorretrato (ca. 1934-35, colección particular), o pintor de Lalín constrúe un auténtico espello do eu, en que o artista plasma as sombras e as liñas con emotividade, sen por iso renunciar a controlala por medio da rigorosa estrutura formal do xénero. Trátase dunha obra plenamente contemporánea que asimila conceptos de vangarda a pesar da pose clásica de autorretrato feito con espello. É un óleo alleo á afectación, plasticamente sobrio e que salienta psicoloxicamente pola caracterización interior, coa face ensimesmada, mergullado o pintor no seu mundo íntimo e transmitindo unha sensación de abraio sombrizo e melancólico moi característica da arte europea dos trinta. O outro título co que é coñecido o cadro O home, autorretrato, que implica un manifesto distanciamento, é ben característico dun tempo en que pensadores como Walter Benjamin ou Bertolt Brecht usan a distancia como estratexia, afastándose do obxecto de análise para favoreceren a reflexión e mellor focalizar (2).

Xa na posguerra, o artista galego, a partir de 1952, abandona Galiza para iniciar a súa xeira arxentina. Esta mudanza vital fai que se mova nun ambiente cosmopolita e ao tempo ligado á cultura galega do exilio e a emigración, aberto a todo tipo de influencias e contactos, mais cunha fidelidade intensa aos temas de tradición galega.

A súa obra vai abalar nesta altura entre unha continuidade nos presupostos da tradición do movemento renovador da arte galega de antes da Guerra Civil e unha maior agresividade da pincelada, máis achegada ao expresionismo abstracto. A estas fórmulas responde de xeito singular o seu Autorretrato (1952, colección Fundación Laxeiro, Concello de Vigo), unha obra principiada no noso país dentro da estética do granito e rematada en Bos Aires nun xestualismo que conecta coas correntes internacionais da abstracción informalista, mais sen perder o ar e a textura da súa obra anterior. Neste óleo, mantendo a fidelidade á súa linguaxe primitivista, disolve a realidade en cor e xesto, creando estruturas rítmicas, de trazo enérxico mais conservando do seu mundo peculiar a suxestión do seu universo referencial.

2014 03 Laxeiro Autorretrato, 1952 1000A ligazón co informalismo faise nesta obra evidente e acada un resultado de enorme potencia visual. Como noutras obras desta corrente, temos a sensación de que Laxeiro pretende “expresar” máis que “representar” no sentido de a súa pintura se esparexer polo lenzo como unha descarga de tensión acumulada. O pintor convértese, daquela, nun creador que deliberadamente renuncia á carga intelectual da pintura de tradición clásica, algo evidente no conxunto da obra do pintor de Donramiro, mais que se fai moito máis rotundo nesta obra. A intensidade do trazo e da pincelada non é puramente casual e desordenada xa que o pintor escolle as cores entre a súa paleta habitual, modula texturas e dirixe o xesto, de aí o cualificativo de xestual que lle aplicamos. O resultado, produto dunha intensa pulsión que é o auténtico real neste Autorretrato, confórmase como un punto de inflexión na súa traxectoria.

Na súa radicalidade de sentimentos esta pintura aproxímase ao retrato psicolóxico, reproducindo a sensación de sufrimento e de intensa dor. A dor do individuo encerrado nun espazo indefinido, facendo palpábel deste xeito a condición angustiada e dolorosa do home, un aspecto que liga a obra de Laxeiro aos movementos europeos de posguerra que amosan un retrato desapiadado do home contemporáneo, un home perdido na súa intensa soidade, anónimo como un heroe de James Joyce ou de Robert Musil, un “home sen atributos”, vencido polo absurdo dun mundo cruel e inexorábel, sen sentido, que se achega aos personaxes senlleiros entre as multitudes anónimas de Alberto Giacometti ou ao teatro de Samuel Beckett. Estamos perante unha obra que conecta cun tipo de pintura que poderiamos catalogar de existencialismo tráxico. Non enxergamos xa ideais, apenas fica unha presenza brutal, áspera e primaria. Hai nesta obra un evidente elo co primitivismo da estética do granito –como hai na mesma altura primitivismo, por exemplo no francés Jean Fautrier, pero alleo a calquera intención transcendente. É, sen dúbida, a face do Autorretrato máis espectral que autenticamente corporal. Laxeiro sitúase, daquela, a carón dos fillos da traxedia que viviu o mundo na década dos corenta presentando un mundo primario de trazos esgrevios e crus, toda unha radiografía dun tempo convulso e creativo, decisivo no asentamento da pintura do artista galego, sendo unha auténtica obra prima da nosa arte contemporánea.

NOTAS
(1) Baqué, Dominique, Du masque grec à la greffe du visage, Éditions du Regard, París, 2007.
(2) Bernárdez, Carlos L., Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950, Fundación Novacaixagalicia, Vigo, 2011, pp. 44-45.

Sobre o autor / a autora

Carlos L. Bernárdez

Carlos L. Bernárdez

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *