<em>Lugar de incendios (I)</em>, por Paco Souto e Serxio Moreira

Lugar de incendios (I), por Paco Souto e Serxio Moreira

1 comentário 🕔10:17, 12.Mar 2014

Este que tes nas mans é un catálogo de incendios. Un lugar para as paixóns máis íntimas. Un acobillo certo para o lume que nos ilumina a palabra, o son, o azar da tinta.

É no incendio onde refulxe arreo o labor creativo, a simbiose próspera das linguaxes en irmandade, o crepitar alucinado da materia atinxindo de vez a forma. Unha e múltipla.
Arxila do seu tempo.
Xinete dos delirios.

Aquí as ferramentas que adoitamos usar:
Aquí a lingua.
O piano dos soños.

A vontade de sermos.

OS AUTORES

P. S.
Queremos agradecer a cantos de seu trouxeron leña especialmente a Xosé Regueira, a Manolo Varela, a Peter Schneider (autor das fotografías das ilustracións) e a Zuriñe Mendicote.

2014 03 Paco Souto 1 700

Veño da fin do mundo
Coa cabeza aberta
E as mans cheíñas de paxaros

Veño nas coitelas do solpor
Onde o voo dos mascatos
E os corvos anunciadores do trebón
Tecen a noite
E na morte
Souben
Que Mar non era de augas
Senón da rosa nosa das tristezas

2014_03_Paco_Souto_34_Veño da fin do mundo1

2014 03 Paco Souto 2 700

SE ANA MENDIETA

Abrirei un oco na terra
Do tamaño exacto do meu alento

Da promíscua floresta
Ao leite do río
Propagarei o rito deste incendio
Luz nefasta

Eu son
O galo degolado
Que esmorece nos teus peitos
Son o barro calcinado
A cicatriz e a pólvora

Abrirei
Abrirei na terra
Un oco do tamaño exacto
Do meu verso

2014_03_Paco_Souto 2 Se Ana Mendieta

Sobre o autor / a autora

Francisco Souto

Francisco Souto

(Galiza) A Coruña, 1962. Coeditor das edicións do Dragón nas que publica os cartóns colectivos Ao mar de adentro, A rota dos baleeiros e Dous bocetos. Coeditor tamén de Letras de Cal nas que publica Fado, 1998. É autor ademais de As árvores do incesto, Espiral Maior, 1995; Crebar cristais coa lingua, Caldeirón, 2003 e As horas de María, Espiral Maior, 2007. Ten no seu haber, entre outros, os premios Espiral Maior 1994, Johán Carballeira 2006, e foi accesit do III premio de poesía erótica Illas Sisargas co libro E alentar na túa rosa que verá a luz proximamente na colección Caldeirón. En 1993 realiza xunto a Kukas e Laura Quintillán o espectáculo pluridisciplinar América. En 2001 na sala galán do Compostela xunto ao piano de Serxio Moreira a montaxe Como águas de maio co que repite en Aviléscanto, 2003; As horas de María, 2007 e na homenaxe a Xelucho Abella por encargo da A. C. Monte Branco para a festa das letras 2008. Ilustra os libros Tortillas para os obreiros de Fran Alonso, Xanela ao bío de Paco de Tano, Arredor do teu corpo de Antonio García Teijeiro e Baile Átha Cliath de Alberte Momán e realiza portadas para o libro de Miro Villar, Ausencias pretéritas e Um corpo para a infância de Celeste Craveiro. Participa en exposicións colectivas como Botella ao Mar, ou as organizadas por adega arredor do lixo ou Artnatura, e individuais como Poemas suxos, ou no restaurante Mar de Ardora, Lugar de incéndios. Colaborou en teatro cos Monicreques de Kukas en Don Gaiferos e con Matarile en Hamletmaschine. Fai crítica teatral para A Nosa Terra, a día de hoxe ten un programa semanal de literatura A Escrita en Radio Roncudo, única radio libre da Costa da Morte.

1 comentário

  1. 🕔 12:57, 12.Mar 2014

    Amilamia

    Que cousa máis fermosa!, gústame moitísimo. Moitos parabéns.

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *