<em>Pola porta de atrás</em>: Un traballo de Leandro Pita Romero (I)

Pola porta de atrás: Un traballo de Leandro Pita Romero (I)

1 comentário 🕔11:30, 19.Mar 2014

A continuación traducimos da versión catalá un traballo de Leandro Pita Romero, aparecido na revista Quaderns d’Estudi. Publicació mensual de la Direcció d’Instrucció Pública de la Macomunitat de Catanunya i del Consell de Pedagogia de la Diputació de Barcelona, Any IV, Vol. II, Núme. 4, Maio de 1919. Quaderns d’Estudi era unha revista mensual, fóra dos meses de xullo, agosto e setembro, dirixida por Eugeni d’Ors, e que se dirixía, principalmente, aos mestres e profesores de Cataluña, sobre todos aos centros de ensino sostidos polas Deputacións catalás. A revista éralles enviada gratuitamente a estes profesores e mestres. Unha revista dedicada á filosofía, ensino, economía, etc.

Reproducimos a entrada dedicada a Leandro Pita Romero do Diccionario de Literatura Galega I. Autores, Vigo, Editorial Galaxia, 1995, coordinado por Dolores Vilavedra:

Pita Romero, Leandro (Ortigueira, 1898; Bos Aires, 1985). Estudiou Maxisterio na cidade da Coruña e licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago. Exerceu a avogacía na súa cidade natal e en Madrid. Participou en numerosas asociacións de movementos agruopecuarios e foi Secretario Xeral da Cámara Oficial de Comercio da Coruña. Deputado a Cortes, foi nomeado ministro de Mariña (1933), do Estado (1934) e sen carteira. Tamén foi embaixador acreditado pola República na Santa Sede; tras o triunfo da Frente Popular demitiu e na Guerra Civil exiliouse a Arxentina, onde continuou coa súa profesión de avogado, traballando como asesor xurídico de diferentes entidades. Participou en numerosos xornais e revistas. Foi redactor de El Liberal (Madrid) e director de El Orzán (A Coruña); xa en Bos Aires colaborou en La Prensa e La Capital, utilizando a miúdo o pseudónimo de Ortegal. En lingua galega publicou O anarquista (col. Lar nº 2, 1924), novela que se centra tematicamente na descrición dos abusos do caciquismo, con constantes alusións ás desigualdades sociais e onde agroman as tensións motivadas polo proceder grupal, cunha ollada crítica cara (sic) unha xustiza non igualitaria; texto nalgunha medida vinculado con precedentes finiseculares é, ademais, unha boa mostra das dotes e axilidade para o relato que posuía Pita Romero aínda que só se limitara a esta contribución; neste sentido CC [Carballo Calero] expuxo as súas dúbidas sobre a competencia literaria de Pita Romero en lingua galega sen que xurdisen outras argumentacións posteriores.

BIBLIOGRAFÍA
Vd. CC [Historia da literatura galega contemporánea], CF (Diccionario bio-bibliográfico de escritores gallegos, A. Couceiro Freijomil], GEG [Gran Enciclopedia Gallega].
Filgueira Valverde, X: «Pita Romero e a prosa galega», Adral V, Sada, Ed. do Castro, 1989.

*
* * *

Na introdución que lle puxo Carlos Casares á súa Antoloxía da novela curta, Vigo, Editorial Galaxia, 1991, curiosamente non citada na bibliografía do devandito Diccionario…, é quen, segundo o noso parecer, até hoxe percibiu o que significaba e era a noveleta de Pita Romero, O anarquista, escolmada en tal antoloxía. Entre outras cousas, Casares afirma que é «un relato escrito con vigor, nunha prosa clara e precisa, perfectamente axustada a un tema desenvolto con naturalidade». Valores, prosegue o finado Casares, que non deben ser desbotados, sobre todo hoxe en día cando moitas narracións falidas teñen máis a ver coa calidade da escrita que con cuestións relacionadas coa construción ou estrutura do relato. Por outra parte, engadamos que o título debería ir en feminino.

As achegas de Pita Romero á literatura galega foron, infelizmente escasas. Infelizmente dicímolo non só pola noveleta mencionada, senón porque o traballo que traducimos hoxe (traballo que, como dixemos, viu lume en catalán, nun catalán normativizado, mais a usar de expresións e dun léxico que non aparece nin no gran Diccionari català, valencià, balear, de Joan Alcover; e, por outra banda, dá a impresión de que o tradutor catalán manipulou ou deturpou o texto de Pita Romero nalgunhas ocasións para forzar a súa tradución) e presentamos ao lector galego –un traballo que só citou no seu día, e de pasada, Antón Capelán. Demostra este texto que, de se dedicar á nosa literatura, non só daría (xa sabemos que isto é unha ucronía) un bo narrador, senón algo máis, algo do que sempre andou falta a nosa literatura: un excelente crítico. Seguindo coas ucronías, estamos seguros de que se Pita Romero desenvolvese un labor importante no terreo da crítica, a historia da literatura galega (e cando falo de historia quero dicir a súa historización, non o seu desenvolvemento) sería outra. Porque, como demostra este traballiño –lembremos que é de 1919, ou de 1918– estariamos, e de verdade o estamos, ante o primeiro crítico de tendencia positivista-científica (é dicir, comtiano) da e na literatura galega. Máis que comtiana, a grande influencia sufrida, cando menos neste traballo, por Pita Romero é a de Hippolyte Taine, o discípulo máis directo de Comte.

Lembremos que Taine, cuxa influencia foi, por así dicilo, espectacular na crítica e na historización da literatura francesa na segunda metade do XIX e as primeiras décadas do XX; influencia que atrapou a marxistas como Paul Lafargue e a historicistas como Gustave Lanson, mais sobre todo Taine foi o maître à penser de Charles Maurras, o dirixente de L’Action Française, considerado, por outra banda, un grande crítico. Non debemos esquecer que a teoría taineana conduce directamente á teoría da patria, da nación, por parte de Action Française e os seus homes: Maurras, Barrès, H. Massis, Léon Daudet, etc.: a terra do sangue e dos mortos. Maurras, mais sobre todo Barrès, influiu directa ou indirectamente nos homes das Irmandades. Directamente en xente como Otero, Risco e outros –Losada Diéguez?– e indirectamente pola influencia que estes últimos exerceron sobre os seus coetáneos e «irmáns» das Irmandades. Influencia que tamén se fai notar no naturalismo francés, Zola e outros. Lembremos, dicía, que Hippolyte Taine, un dos promotores da «psicoloxía científica», que a pesar dos seus erros e algúns absurdos foi un camiño para chegar á psicanálise, foi quen deitou a famosa teoría da influencia da raza, do medio e do momento. Taine concibe as obras artísticas como efecto dun estudo espiritual de cada época histórica (Historia da literatura inglesa –tres volumes, 1863-1869–; Filosofía da arte, 1881). Para el a obra literaria non é só froito da imaxinación, senón tamén un reflexo dos costumes da época na que nace e un signo do espírito, e ademais, seguindo na esteira de Sainte-Beuve, a partir da obra literaria pódese reconstruír a biografía do seu autor. O home, e especialmente o escritor e o artista, a obra, pódese explicar mediante: a raza, noción coa que se alude ás características nacionais, ao xenio dun pobo; o medio: é dicir, as condicións climáticas, características sociais e calquera tipo de condicionamento social, incluíndo a relixión; e o momento: é dicir, a dinámica da tradición, ou, noutras palabras, a obra que un pobo foi producindo ao longo da súa historia. Esta tríade –segundo Taine– explica os grandes cambios das correntes históricas e a idiosincrasia das diversas literaturas.

A influencia taineana, e a confusión que se produciu, chegou tan lonxe, que moitos manuais que pasaban por marxistas (ou se titulaban marxistas) eran máis taineanos ou tainescos (que rima con sainetesco) do que marxianos ou marxistas. Algúns deses manuais aínda pululan polas librarías e aínda son, distraidamente, usados. Iso si, cambiando o da raza pola posición de clase, e a usar un léxico marxista ou pseudomarxista que dá a impresión os seus autores non entenderen, sen máis reviravoltas nin leas dialécticas ou de dialéctica, nada do marxismo. Na nosa literatura, por exemplo, hai quen se denomina o último marxista e non é máis que un discípulo, de pouca categoría, de Taine, sen el sabelo, por certo; ou por suposto.

No fondo, a teoría taineana, como esa pseudo-marxista, non era máis que un determinismo que estendía o seu dominio até o punto de querer explicar o vicio ou a virtude como quen explica a composición da pólvora ou do ar. Mais, con todo, as análises, os traballos literarios dos discípulos de Taine (polémicas á parte) serviron para acabar dunha vez por todas cunha crítica idealista de tipo cristiá ou cunha crítica anti-historicista que facía fincapé, sobre todo, na «inspiración» (sen, porén, esquecermos que a posición taineana nace do idealismo alemán; ou dunha lectura non moi correcta de Hegel). Ademais, a crítica taineana gozaba, ou tiña, dun impulso de modernidade que foi o que a fixo, no seu momento, triunfar. As explicacións taineanas escapaban ás misteriosas brumas do idealismo ou do cristianismo e, mesmo, querían, ou intentaban, pór orde onde non existía ningunha: eis outra das características do texto de Pita Romero.

A percusión (sic) nacionalista na literatura galega é un texto completamente taineano. A influencia do francés, máis que a pegada, nótase, é dominante, desde o inicio do texto e no pensamento do galego; e, como tal, como taineano, é un texto único na historia da crítica galega, infelizmente. Porque por vez primeira se entregaba, e tardaría en entregarse, unha visión real e realista, e coa intención de ser moderna, do desenvolvemento da literatura galega. Ninguén, en moitos anos, seguiu o camiño trazado por Pita Romero (sobre todo, porque case ninguén coñece este texto), e cando apareceron os discípulos de Taine no noso país, tomáronos (e auto-tomáronse) por marxistas. E así, a historia social da nosa literatura, sobre todo do Rexurdimento aos nosos días, está por facer: aínda somos debedores do «estilismo» e da teoría das xeracións, e así andamos como andamos: ranqueantes, coxos e trencos.

A PERCUSIÓN (sic) NACIONALISTA NA LITERATURA GALEGA (1)

Propuxerámonos presentar nesta conferencia unha táboa completa das letras galegas e observar as súas características. Mais houbemos de restrinxir o noso propósito, porque para o seu desenvolvemento natural sería necesario un ano de leccións. E para ofrecer un estudo completo nunha única sesión escollín o da literatura galega no derradeiro terzo do século XIX, idade do renacemento das literaturas rexionais.

Pasamos, xa que logo, por alto as épocas primitivas que nin afectaron ao idioma actual de Galicia nin poderiamos dar delas noticias concretas, só limitarnos a recoller o que Costa, Milà, Menéndez Pelayo e Said Armesto escribiron.

Avanzamos a idea de que ao falarmos de literatura galega hai que entender poesía galega. Aquel movemento de desintegración que realizou a literatura catalá non se verificou aínda en Galicia porque está retrasada na evolución literaria e porque o xénero poético –no seu sentido filosófico e musical– é máis natural para os galegos. Se este sentimento poético é, segundo afirma Menéndez Pelayo (Antología de poetas líricos castellanos, vol. 2, prólogo), connatural á xente española, resaltamos a condición imaxinativa do pobo galego e a súa predilección poética só evocando o seu tesouro musical, poesía e lenda popular, o seu variado arsenal de fermosas supersticións relixiosas, a interesante psicoloxía do actual campesiño de Galicia.

Debemos, por tanto, instituír a premisa de que –agás contadas excepcións– o xénero único da nosa literatura é a poesía rítmica. Actualmente hai unha Editorial Galega que fomenta o cultivo da novela breve con edicións e concursos periódicos. Nada considerábel, nada que dea a evidencia dun xénero aclimatado na nosa literatura podemos citar das letras dramáticas, porque este xénero foi máis escaso que a novela longa. Escribimos esta nota á véspera da estrea da farsa A man da Santiña do noso gran Cabanillas. Será o inicio dun florecemento da dramática galega?

Que aconteceu no Renacemento? Sabido é que desde o esplendor lírico da fala galega no eido trobadoresco, a nosa lingua perdeu a súa oufanía e ficou completamente muda. O que estivo a piques de ser o idioma oficial de Iberia (Oliveira Martins, Menéndez Pelayo), porque se falaba tanto como os outros e tiña o privilexio da expresión literaria, perdeu o seu predicamento na península na mesma hora de crise dos outros idiomas rexionais. Ten razón o vello Murguía cando afirma que non florecen as manifestacións espirituais dos pobos cando perden a posesión de si mesmos, por moito que os polacos nos mostrasen un admirábel exemplo a contrario. Cando as liberdades dos pobos de España eran borradas en nome dunha unidade circunstancial, esgotábanse as libres enerxías e era cortada a xenuína achega dos pobos que falaban en idioma propio. Cando o príncipe pirenaico saía da casa paterna a compartir un poder ilicitamente conseguido, portaba no seu título de soberanía o signo triste das independencias que morren e as preciosas individualidades que se desvirtúan. E a unión facíase da maneira máis desprezábel e fútil, polo casamento de dous príncipes. Era a época do Renacemento da política; era unha ollada retrospectiva na arte de gobernar os pobos, así como cen anos antes se producira o mesmo fenómeno na estética dos italianos e despois na de toda Europa, e na súa filosofía e nas disciplinas positivas. Talvez a forza daquela unión ibérica foi providencial e necesaria para empresas capitais. O que, porén, debía ser temporal constituíuse en réxime de vida española, e as rexións, sen deixar de estaren xunguidas a un centralismo absurdo, violento e artificial, afastáronse cada vez máis, espiritualmente, do centro.

É providencial o feito da pura conservación do espírito rexional en Galicia durante o Calvario secular do centralismo. Loitaba no espírito da Mancha para unificalo todo, pero o home abría os ollos á terra e ela envurullábao co seu alento, que era a súa lingua e a súa tradición de ouro puro e a súa poesía, e mesmo a súa relixión.

A Igrexa española foi así mesmo centralista e transmitía os seus mandatarios desde lugares forasteiros. E o campesiño galego, que rezou en castelán durante cinco séculos, dando a outro idioma a función de máis augusta intimidade, non acabou de perder a súa modalidade espiritual e lingüística.

Galicia non aceptou outro idioma senón o seu, e así a lingua, arraigándose na medula popular, marca as diferenzas e sinala patrias que, aínda hoxe, nos días en que sopra o cosmopolitismo en todos os lugares e especialmente no campo galego, se designa aquí a patria polo idioma, e ao catalán ou ao aragonés, como ao valenciano e ao andaluz, ou ao francés e ao ruso que falan a lingua de Castela se lles considera casteláns e casteláns se lles chama. Poderoso aglutinante e fatal separatista das almas, o idioma que ensina a falar a terra!

Aquela irritante perdurabilidade do centralismo achegou a reflexión aos pobos escravizados para procuraren remedio e solución. Así como as medicinas que obran a longo termo, o cáustico do centralismo obra a cinco séculos de distancia e o século pasado énchese de ares de renovación política que, evoluindo naturalmente, nestes momentos culminan en toda a súa intensidade. E así como aquela renovación da política foi precedida pola renovación noutros campos do pensamento, tamén a idea nacionalista foi precedida e espertada polo rexurdimento poético das rexións.

Consideremos o fermento deste vigoroso rexurdimento. Se a actuación literaria do idioma galego foi nula despois do século XV e a estima do idioma fóra de Galicia minguara tanto, poderá engadirse, en puridade de verdade, que a literatura ficou así mesmo en posta en dúbida? É evidente que non: porque durante os séculos XVI, XVIII e XVIII, nos que non hai historia de Galicia, en que case que non hai literatos galegos (figuras como o cura de Fruíme (2) son casos isolados), existe literatura, a que é literatura nai e máis preciosa, aquela que, ao saír do corazón do pobo sobe até a aristocracia de todas as literaturas, a informar a obra das individualidades mellores e é a súa base máis profunda e o seu testemuño de autenticidade.

Desta maneira, aquela etapa de desolación política, na que España, despois de ser aclamada, caía baixo a cruz do seu idealismo que a levaría cara a unha soñada redención civilizadora e relixiosa, asistiu ao fenómeno dun escuro Rexurdimento: o da Musa popular, preparatorio deste outro esplendoroso e definitivo do século XIX. Non foi o da Musa popular verdadeiro Rexurdimento, porque a súa voz nunca deixara de cantar. Chamámolo así impropiamente porque ventureiras épocas ficaban cubertas coa voz de tanto enxeño que, enriba do pobo, erguera unha arte persoal, nesta ocasión lutuosa era só a voz colectiva a que empurraba nos seus cantos a evidencia da vitalidade daquela lingua que soou nas catedrais de Castela cantando loanzas a María que compuxo o Rei Sabio. Era a musa popular así como os rumores da terra cuxa harmonía vive eternizada nas súas cantigas. Durante o día o tráfego apaga e eclipsa o seu rumor, mais ao chegar a noite, a cabalgar enriba do silencio dos afáns estridentes da vixilia, arriban claros e destacados o canto das cigarras e a luz dos vermes. Así, enriba do silencio e a tristeza da Idade Moderna, esta voz do pobo destaca nos seus cantares.

Lígase ao pobo coas cadeas dun réxime absurdo e desnaturalizador cando a imposición bélica dun idioma forasteiro por uns reis cuxa lexitimidade achou os seus máis duros inimigos precisamente en Galicia. Enriba da proscrición do idioma da terra e a suxeción a unha estraña hexemonía, así como o selo de todas aquelas abdicacións, como o signo da derrota, segundo facían os primitivos pobos guerreiros, a cabeza do marechal Pardo de Cela a rodar no cadafalso que fixeron construír aqueles reis que a historia chama católicos. Mais o pobo galego, por reacción natural do instinto de conservación, collía máis vigor na súa privativa personalidade. E, perdido o seu predicamento, cortada a súa expansión, choíase en si mesmo e facíase máis forte que nunca.

Non é, por tanto, diremos con Murguía, que fose interrompida, como se pensa, a nosa tradición poética porque faltan os nomes e non haxa producións persoais. O xenio popular encheu o baleiro, excepto algún nome notábel e as Festas Minervais do século XVIII (Ver Murguía: Desde el cielo, Madrid, 1902).

Velaí que, a mediados do século pasado, se erguen os catro soñadores de que falaba Prat de la Riba referíndose á Renaixença catalá, análoga no seu proceso ao Rexurdimento galego. Eran os románticos, os sentimentais, os que rían e choraban, eran os que amaban. E o amor non se engana, engadía Prat de la Riba. Tal como está construído non pode enganarse no corazón, raíz de todo sentimento e atravesado de fe, que son as virtudes do poeta. Amor que presinte, fe creadora que, ao topar co misterioso, o descoñecido, fai saltar o lume da poesía.

Viñeron os poetas e Galicia fixo un repaso histórico e tradicional, arrexuntando as particularidades rexionais para exaltalas fervorosamente. Despois viñeron os filósofos, despois os homes de acción, realizándose o proceso seguro e invariábel de todas as transformacións profundas.

Como apareceron os poetas? Que causa próxima, que pretexto circunstancial os colocou no estadio de Galicia? Uns Xogos Florais, que pagou un patricio, enlazaban a tradición trobadoresca e abrían as portas a unha potente riada de literatura nunha época nova da historia galega.

NOTAS
(1) Conferencia dada no Ateneo Barcelonés durante a Setmana Gallega por don Leandro Pita Romero. (Nota de Quaderns d’estudi).
(2) No orixinal, evidente erro do tradutor ao catalán, «Rector de Truisme» (Ndt.)

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

1 comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *