José Luis Abalo / Fotografía con retorno / 1 – Os espellos reflicten…, Xosé Enrique Acuña / Texto

0 comentários 🕔11:00, 26.Mar 2014

Os espellos reflicten un Ave María Purísima ou unha antiga e fría clase de catecismo. Tamén un cristo de talla menor, artesán, de andar por casa. Dos de maldecorar oratorios de beatas e cotrosas sacristías. Das mantidas cun remexido cheirento do peor dos viños de misa, incenso e alcanfor, e que nunca deixaron entrar, fanáticas, o concilio Vaticano II na súa escuridade integrista. Noutrora, os viandantes sentíanse obrigados a se persignar, humillarse, ante esta visión negra e escasamente peneirada polo grosor óptico, crepuscular e relixioso, do trinque dun comercio no que, á vista dos xentís e pecadentos, se mercadea con anxos, virxes e santos. E se cadra, nada de misericordia, mesmo se chegan a poñer de rebaixas ou se liquidan sen aplicar a súa piedade. Agora, os paseantes, desprendidos e liberados de tanta imaxinaría de altar e xerarquía, circulan ante as tallas sen mostrar non máis que sorpresa ante o retorno do pasado. Pero non poucos, evitan a visión, viran a cara. Están a lembrar, retórnanlle, exercicios espirituais obrigatorios, escapularios, oracións e medos infrinxidos desde as sotanas. Con accións de grazas, penitencia e sagrada comuñón. Con perdón dos pecados, confesión e propósito de emenda. Tiveran danos colaterais, moitos. Dos que tardarían anos en ser corrixidos ou superados.

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *