Da <em>cultura</em> dun home para quen <em>todos os vellos parecían Samuel Beckett</em> (Un exercicio de admiración)

Da cultura dun home para quen todos os vellos parecían Samuel Beckett (Un exercicio de admiración)

0 comentários 🕔12:00, 02.Abr 2014
[Laudatio do Doutoramento honoris causa de D. Manuel Rivas Barrós, ditada polo seu padriño, o Profesor Catedrático Carlos Paulo Martínez Pereiro, na sesión solemne celebrada no Paraninfo da Universidade da Coruña o 23 de marzo de 2012]

––––––––––––––––––––––––

Reitor Magnífico, autoridades presentes, prezados e prezadas colegas, miñas señoras e meus señores…
…En representación do Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística, que o propuxo, da Facultade de Filoloxía, que o informou de maneira favorábel, e do Claustro Universitario que, en representación do conxunto da institución, aprobou a concesión do doutoramento honoris causa, é para min unha honra apadriñar a D. Manuel Rivas Barrós e pronunciar, a seguir e como é de praxe, a súa laudatio neste acto en que, con tal grao, se formaliza a súa entrada na Universidade da Coruña.
Esta honra é maior, se couber, por nesta ocasión se facer efectiva tamén a mesma condición doutoral para o benemérito profesor John Rutherford, así como, debido aos relevantes e extraordinarios servizos prestados a esta institución, pola entrega da medalla de ouro da universidade ao moi prezado profesor José María Barja, magnífico –nos dous posíbeis sentidos da palabra– reitor desta universidade nos últimos oito anos.
No diploma, que no transcurso desta sesión solemne lle será entregue a Manuel Rivas, sintetízanse as indubitábeis razóns de excelencia que, nos espazos do literario, do cultural e do social, motivan esta distinción. O que nel está escrito, e pode facilmente ser verificado, alicerza o consensual parecer de que o doutoramento que lle é atribuído é unha adecuada e merecida forma de recoñecemento ao contributo impar deste home de letras singular –en tanto en canto consideremos que alguén só é singular cando é plural.

Pois ben, o lletraferit Manuel Rivas naceu, en outubro de 1957, no bairro de Monte Alto nesta cidade da Coruña; cidade e bairro, xunto coa “terra inefábel de Elviña”, a cuxo imaxinario cultural e social sempre permaneceu –e aínda se mantén– grandemente ligado. No transcurso dos seus case once lustros de vida, o acaso da escolla e a clara vontade do oficio fixeron del un ocasional dramaturgo –coa peza O heroe–, mais tamén, un pertinaz e excelente poeta e narrador e, desde que, con quince anos, comezara a traballar como ‘meritorio’, un creativo, lúcido e transgresor xornalista, razón pola cal a súa teimosa intervención social e cultural discorreu sempre en paralelo ao seu non menos constante exercicio da escrita.
Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, alén do seu traballo para a televisión e da creación, promoción e colaboración en emprendimentos e medios estritamente artísticos e culturais –entre os que, só a título de exemplo, sinalariamos Loia ou Luzes de Galiza–, exerce o seu diversificado e influente labor en diferentes medios de imprensa galegos e españois, estando recollida parte desta súa escrita xornalística en volumes como Galicia, bonsai atlántico, Toxos e Flores, Muller no baño, Os Grouchos ou Episodios Galegos, tendo sido merecente, neste ámbito, dos premios Fernández Latorre, Puro Cora ou Fernández del Riego.
De termos que suliñar un só e relevante aspecto en relación a este labor nos medios, fariamolo destacando que este sempre obedece ao clásico principio do eadem, sed aliter; isto é, á facultade artística de seleccionar e á capacidade comunicativa de escribir contra o trivial. Mais, deberiamos salientar aínda que, contra as flaubertianas “ideas recibidas”, di as mesmas cousas, as cousas comunais, e que as di dunha outra maneira tal, que as descifra, desvelando os seus sentidos últimos e, cando necesario, denunciándoos, sen obscenamente sobreexplicalos; quer dicir: negando ironicamente as “sesenta e dúas mil catro centas repeticións” que, n’ O mellor dos mundos de Aldous Huxley, pretensamente “fan unha verdade”.
Por outra parte, nunha época tan rica en xenuflexións, Manuel Rivas decidiu ter o menos posíbel a ver cos que exercen o poder, intervindo, con asentimento e sen resentimento, a favor das causas culturais e de interese social. Implícase na creación e na participación das máis diversas iniciativas e das máis variadas organizacións, como Greenpeace, Nunca Máis ou Queremos Galego, sumándose e axudando a visibilizar e efectivar o máis posíbel boas e relevantes causas comunais como, entre outras, a defensa da lingua e da cultura galegas, do medio ambiente, das liberdades –e, en especial, da liberdade de expresión–, dos valores republicanos, da recuperación da memoria histórica, da dignidade das persoas e dos pobos ou da paz –non por acaso, xa en 1980, o primeiro dos textos do seu poemario inaugural, Libro do entroido, vai precedido dos versos do sabio rei Afonso X “nen d’armas –ca hei espanto”.
Actividades e intervencións sociais contra o despotismo intolerante e a inxustiza que, aliás, foron recoñecidas con galardóns como o da Fundación Luís Tilve ou o do Quinquaxésimo Aniversario da Sección Belga de Amnistía Internacional.

“Era o mellor dos tempos, era o peor dos tempos, era a época da sabedoría, era a época da loucura, era a idade da crenza, era a idade da descrenza […] –resumindo, a época estaba tan avanzada como a época actual, de forma que algunhas das súas autoridades máis notorias insistían en que ela fose recibida, para o ben ou para o mal, só no grao superlativo de comparación” .
Como xa terán percibido, sendo estas algunhas das frases iniciais de Un conto de dúas cidades de Dickens, referidas aos anos de 1775 e de 1859, mais tamén transtemporais, no sentido en que poden e deben ser aplicadas ao desconcerto do mundo característico de todo e calquera outro tempo e situación humanos, son, portanto, tamén aplicábeis aos tempos e ás situacións que teñen acompañado o percurso vital e intelectual tanto de Manuel Rivas como de todas e todos nós.
En conturbados tempos de horrores sen forma, como aqueles ‘náufragos do paraíso’ que retrataran os cáusticos e exactos literatos Thomas Bernhard e Lois Pereiro, angustiados polo eterno retorno da barbarie e o espallamento da sombría miseria moral, se Borges afirmara que “a literatura non é outra cousa, senón un soño dirixido”, neste caso e mudando o punto de vista habitual, ese tal soño sería aquel a que o saldo de eticidade da grande literatura popular –o que talvez é un oxímoron– e da intempestiva cronística rivasianas nos conduce para podermos alcanzar un outro mundo, e mellor, posíbel.
Perante o flagrante paradoxo, a perpetua contradicción e mais a dificil percepción do real humano e natural que nos contornan, quen hoxe será investido doutor decide actuar e escribir, fuxir do superlativo e construír unha esclarecedora obra literaria (e non só) en demi-ton, substituíndo a horizontalidade pola profundidade e pola vertical intensidade.
Unha acción e unha obra que, sen renunciar ao lúdico e ao culto, se adentra no tráxico, batalla contra o carácter polimorfo e infinito da idiotez e, toute proportion gardée, se coloca, co seu implícito ou explícito sentido ético, máis ben do lado da xentiña e da xentalla de noso, aínda que tamén, por así dicir, da popullaccio, dos sans-culottes, dos favelados ou dos lumpen.

Para alén 2014 04 Carlos Paulo Martínez Pereiro RIVAS_PEREIRO _DHC_UDCdoutros poemas esparsos, o poeta Manolo Rivas recolleu os sete poemarios, que publicara entre 1980 e 2003 –nalgúns casos revisados porque revisitados–, no volume Do descoñecido ao descoñecido, continuando a súa escrita poética, en 2009, coa obra non por acaso plurilingüe A desaparición da neve.
Nesta súa variada produción poética, onde un certo expresionismo aliado ao referente galego e entretecido cunha nutrida enciclopedia poética, propia e allea, fusionan alquimicamente a mirabilia, o mito e o real, reinventando os espazos e os tempos visados até o extremo de que nós tamén nos poderiamos preguntar: como fixo Manuel Rivas para inventar o seu mundo? –na esteira daquel seu admirativo verso-pregunta a Cunqueiro na obra Ningún cisne: “Como fixo, don Álvaro, para inventar Bretaña?”.
É a súa unha poesía construída coas palabras do común e de todos os días, mais distribuídas con exultante precisión, e salferidas con esa cultura híbrida e heterodoxa en que “A esa hora, / naquela taberna, / todos os vellos parecían Samuel Beckett” –como el mesmo define nun conciso e extraordinario poema tamén de Ningún cisne, desta obra que foi Premio ‘Leliadoura’ en 1989…
Unha poesía de potencia reflexiva e a contracorrente das sucesivas tendencias à la page con que vai coexistindo, unha escrita límpida e perplexa na cal se afirman principios e presenzas incontornábeis. E isto é así porque o afirmado hai case trinta anos polo referencial John Berger, entre asombrado e esclarecido, é perfectamente axeitado para a escrita que nos ocupa; isto é, “un poema usar as mesmas palabras que o relatorio dunha empresa é a mesma cousa que un farol e a cela dunha prisón seren feitos con pedras da mesma pedreira. Todo depende da relación que as palabras establecen entre si. As varias combinacións posíbeis, por seu lado, dependen da forma como o escritor se relaciona coa linguaxe, non como espazo vocabular, sintáctico ou mesmo estrutural, mais como afirmación de principios e de presenzas”.

No entanto, por moito que poida ser discutíbel ou simplificador a respecto dunha obra moito máis rica e diversa na súa sinuosa coherencia, é a súa fulcral narrativa o principal alicerce sobre o cal foron edificados a repercusión e o espallamento do conxunto da súa literatura.
Desde que en 1985 aparecera a súa novela curta Todo ben até a moi recente edición recompilatoria O máis estraño. Contos reunidos, Rivas publicou máis dunha ducia de obras nos diversos xéneros ficcionais. Para non sermos cansativos, van permitirme que só mencione, de entre as novelas, as emblemáticas En salvaxe compaña, O lapis do carpinteiro, Os libros arden mal ou Todo é silencio, e, de entre os libros de relatos, os referenciais volumes Un millón de vacas, Que me queres, amor?, Ela, maldita alma ou Contos de Nadal.
Esta penetrante, perturbadora e perspicaz produción ficcional, distante das idílicas historias à l’eau de rose, foi, ademais, insistentemente recoñecida cos máis diversos premios, de todo tipo, lugar e condición –e, por veces, de maneira repetida–, como, por só citar algúns exemplos en caótica enumeración, o da Crítica Galega, o da Crítica Española, o Torrente Ballester, o da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Arcebispo Xoán de San Clemente, o Lousada Diéguez…
Por unha parte, xunto coa opción polo detalle e polo apagamento das certezas, a facultade de selección e de reelaboración ética e estética, que se deriva do exercicio da arte do iceberg e da memoria que emprende Manuel Rivas no conxunto da súa obra e, en particular, na súa escrita narrativa, devén cada vez máis necesaria, en tanto en canto xa hai tempo que sabemos –e podemos comprobalo máis, se couber, na omnipotencia da net– que a acumulación de coñecementos e o grande angular non son, de modo necesario, nin o coñecemento nin a única perspectiva iluminadora.
Por outra parte –digámolo tamén–, a substancial incorporación da Galiza das marxes á materia literaria é unha outra virtude (e virtualidade) da súa discursividade ficcional que, a pesar de abordada como un círculo en que o centro está en todas as partes e a circunferencia en ningures, privilexia o humus dos lugares da historia non pasteurizada, da memoria popular non poluída, da actualidade do mar e do campo, da aldea, da vila e da cidade, da persoa e da familia…

Ousariamos dicir sen desasosego que, no conxunto da súa obra vivida e escrita –refractaria, iso si, ao noso desexo de arranxar, de clasificar ou de etiquetar–, a variedade das liñas retrospectivas de interpretación do mutante pasado e de esclarecemento dos diversos presentes teñen un claro reflexo: o das liñas preditivas da memoria dun seu (e noso) “futuro que ten nostalxia” e que, obviamente, aínda non aconteceu… Ou, por sermos máis precisos, O’ Rivas deveu aos poucos, como Merlín, un profeta do pasado que, desafiando a aprensión ortodoxa da aparencia das cousas e calculando o improbábel, nos ten acostumado a vaticinar o agora e o despois desde a mudanza dos tempos idos.
Porque, de feito, Manuel Rivas escribiu –e segue a escribir unha e outra vez, teimosa e polimorficamente– aquel libro que ao poeta ruso Yevgeny Vinokurov lle tería gustado escribir: “Un libro só acerca do tempo, acerca do tempo non existir” en que “diría como pasado e futuro son continuidades do presente”, asumindo unha tradición da antitradición en “que todas as persoas –as que viven agora, as que xa viviron e as que están por vir– están todas vivas”.

De todo o que ficou dito neste eloxio, aínda que de maneira resumida e –espero– non excesiva –pois concordo con Talleyrand en que “todo o que é excesivo é insignificante”–, fácil será para todas e todos avaliar a invulgar importancia do polifacético labor de Manuel Rivas dilucidando o obvio e explicando o evidente.
Por un lado, porque a súa aportación para a dignificación do ser humano e para a cabal recuperación da integridade da súa memoria fan do seu labor interventivo e da súa disposición e dedicación infatigábeis ás causas dos “bos e xenerosos” un marco na historia e na continuidade da sociedade e da cultura galegas (e non só).
Por outro lado –ollo!, que non por outra parte–, porque a relevancia artística da súa obra literaria, a todos os títulos asinalábel e cun estilo presidido por unha díficil poética da contención, un veemente simbolismo e unha innegábel intelixencia estética, contribúe para ilustrar e dinamizar, através da literatura galega, a literatura tout court, dunha maneira que a todos e todas debe orgullarnos.
Contributo letrado este que, se pola súa verdade e cualidade xustifica a inxente tradución e difusión internacional da súa obra e a non menor traslación da mesma a outros modos de expresión artísticos, tamén motivou, en 2009, a súa elección como membro da centenaria Real Academia Galega e xerou a lectura, neste mesmo paraninfo, do seu evocativamente programático e duplamente poético discurso de ingreso sobre A boca da literatura.
É por todo isto que, como o seu padriño, mais especialmente como o seu teimoso lector e admirador de vello que son, só me podo congratular coa moi xusta atribución do grao de Doutor honoris causa a este ilustre escritor tanto da umana cosa bocacciana como, máis especificamente, dos deslocamentos das realidades e sentimentos de noso que el, tan ben como os mellores, ten axudado a engrandecer e facilitado comprender.

Van permitirme rematar este discurso, esta necesariamente condensada laudatio, este exercicio de admiración en que tan palidamente se pintou o retrato do home exemplar e tan difusamente se deseñou a radiografía do brillante escritor –paradigmático representante da excelente escrita literaria galega das últimas tres décadas–, pedindo a (re)lectura para os seus libros e a compañía para as súas indelébeis personaxes, imaxes, ideas ou aconteceres… Porque non son de papel, non: son tan configurada, transfigurada e distorcidamente reais que, tras a lectura, deixan, de maneira paradoxal, unha leda e dolorosa ausencia…
Porque, afinal, como figura nunha das Tisanas da escritora e artista plástica portuguesa Ana Hatherly, “Os libros están sempre sós. Coma nós. Sofren o terríbel impacto do presente. Coma nós. Teñen o don de consolar, divertir, ferir, queimar. Coma nós. Calan a súa furia coa súa farsa. Coma nós. Teñen fachadas lisas ou non. Coma nós. Fermosas, delirantes, horrorosas. Coma nós. Están alí sendo entretanto. Coma nós. No limiar do esquecemento. Coma nós. Cheos de submisión ao servizo do imposíbel. Coma nós”.

Teño dito.
Grazas.

Nesta ligazón pódese visualizar o discurso de Carlos Paulo Martínez Pereiro.
E nesta a resposta de Manuel Rivas.

Sobre o autor / a autora

Carlos Paulo Martínez Pereiro

Carlos Paulo Martínez Pereiro

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *