<em>O expresionismo alemán e a Primeira Guerra Mundial</em>, de René Eichenlaub (I)

O expresionismo alemán e a Primeira Guerra Mundial, de René Eichenlaub (I)

0 comentários 🕔09:00, 09.Abr 2014

Movemento de múltiples ramificacións que nace cara a 1905 e se extingue, cando menos na escena, cara a 1925, o expresionismo é difícil de delimitar. Pódese definir, esquematicamente, como un anticonformismo que denuncia todos os tabús da sociedade burguesa, sexan estéticos, políticos, no sentido máis amplo, ou mesmo sexuais, sen que se saiba exactamente o que quere colocar no canto desta sociedade. A maioría dos que se vinculan a el están máis preocupados polos problemas éticos que polas investigacións estéticas. O seu ideal é un ideal humanitario moi influído polo cristianismo, mais centrado sobre o mundo inmanente. Visto no seu conxunto, o expresionismo é unha reacción contra a escola da arte pola arte. Quere arrancar a arte e o artista do seu gueto e mergullalos na vida social, crear tamén unha linguaxe que dea conta da modernidade. Mais está lonxe de ser unívoco.

Así cando, n’O home sen cualidades, Robert Musil afirma que a inmediata preguerra se caracterizaba pola ambivalencia1 (estariamos tentados de dicirmos a polivalencia), semella pór o dedo nun trazo fundamental do expresionismo. Dúas sensacións –contraditorias ou complementarias?– parecen marcar a moitos representantes do período: a obsesión dunha apocalipse inminente e a exaltación da vida, da vitalidade, a espera do afundimento dun edificio consumido e a esperanza tímida de ver xurdir unha humanidade nova2.

O poema que abre «a sinfonía da poesía máis recente»3 ten como título Weltende –fin do mundo? fin dun mundo? non se sabe; sen dúbida os eséxetas, por outra parte, descoidaron os trazos grotescos do texto– e esta antoloxía proclama o crepúsculo da humanidade no tempo mesmo en que anuncia a aurora dunha humanidade nova (o título Menschheitsdämmerung pode interpretarse das dúas maneiras). Nesta perspectiva, os poetas apelan tanto á imaxe da guerra como á da revolución4: a guerra, a batalla poden converterse en símbolos, metáforas ou sinónimos de vida dionisíaca, de apertura sobre un mundo en mutación. Coexisten, consecuentemente, o horror da guerra, da destrución e o atractivo pola guerra. Non obstante, non é a imaxe da guerra, orixe de toda cousa, que rexurde, senón a metáfora do vento que avolta as augas do lago que apodrece5 e o pensamento dun tempo en que o home pode vivir intensamente, á beira do precipicio que talvez o engulipe. O que importa, o esencial é que se viviu no cénit do desencadeamento das forzas vitais en que a vida e a morte se relacionan e se exaltan, aínda que só sexa uns instantes6.

Antes de 1914, por tanto, afirmaríase con razón que os expresionistas, cando falan da guerra –e non é, nin moito menos, o caso de todos, como veremos–, non a consideran, en xeral, en tanto que fenómeno político, como unha fatalidade, próxima ou afastada, destinada a resolver cuestións pendentes entre nacións, senón como un espectáculo grandioso ou unha escapatoria á monotonía cotiá, un momento de ebriedade. Para a maior parte dos expresionistas, a percepción política do acontecemento será o froito do conflito que se prolonga

Por outra parte, tamén fronte á política aparecen, cando menos nos inicios do expresionismo, dúas actitudes diverxentes: a que visa unha especie de apoliticismo consagrándose ante todo ás cuestións culturais e artísticas (non nos trae aquí examinar canto quimérica é esta procura dunha cultura cortada das súas raíces económicas e sociais) e a que se pode chamar a actitude activista que reclama o compromiso do artista. En función da súa sensibilidade, os expresionistas agrúpanse así arredor de dúas revistas, Der Sturm e Die Aktion, sendo a primeira representativa da vontade de crear unha arte moderna arraigada nunha cultura renovada7, mentres que Die Aktion8 afronta decididamente os problemas políticos. Mais son estas constatacións xerais e, ao ollarmos máis de perto, cómpre matizarmos moito.

No cadro deste artigo preferimos axustarnos a algunhas testemuñas máis que abranguer o fenómeno de maneira exhaustiva, o que non é posíbel aquí. Imos intentar mostrar as ideas duns e doutros antes da guerra, fronte ao seu desencadeamento e o seu desenvolvemento. Na nosa escolla esforzámonos en incluírmos personalidades de orientacións diferentes para darmos unha idea do arco das opinións e das actitudes. Incluímos a A. Döblin, un colaborador de primeira hora de Der Sturm, onde publica desde 1910 moitos dos seus textos teóricos e dos seus relatos9, o pintor Franz Marc, o co-editor con Kandinski do libro-almanaque O Xinete Azul, a un tempo defensa e ilustración da nova pintura10, Carl Einstein, un amigo de Franz Pfemfert, o editor de Die Aktion11, e Ernst Toller, un autor novo cuxo primeiro poema aparece en Die Aktion en 191812. En contrapunto, por así dicilo, evocaremos a Franz Pfemfert, cuxo órgano foi o soporte privilexiado do movemento expresionista13.

*****

Despois de rematar os seus estudos de medicina e abandonar a idea de facer carreira hospitalaria, Döblin instálase en 1911 en Berlín. Exercendo a súa profesión, non renuncia a escribir e participar na vida literaria. O pensamento da guerra non semella sequera rozalo, elabora a súa teoría da novela épica e expresa con forza o malestar da súa xeración diante da vida burguesa, especialmente nos seus relatos, o máis célebre dos cales aparece en 1910 en Der Sturm14. Apollinaire anímao, polemiza con Marinetti, o xefe dos futuristas italianos. Está afastado completamente da realidade política. Cando estala a guerra, abraza as teses extremistas, mais deplora sobre todo que o afaste de Berlín e da súa actividade artística. É, con efecto, médico militar en Sarreguemines e en Haguenau. E no entanto, traballa continuamente nas súas novelas e nos seus relatos. É durante a guerra, en 1916, que aparece a súa primeira gran novela, Os tres saltos de Wang-lun15, unha novela «histórica» sobre a China do século XVIII, en realidade unha longa meditación sobre a inanidade da acción humana e, dalgunha maneira, unha apoloxía da non-violencia ou, en todo caso, a demostración da imbricación dos principios do actuar e do non-actuar na existencia, tendo a última palabra o non-actuar (o menos que se pode dicir é que no momento da aparición da novela esta lección estaba fóra de lugar); durante a guerra publica tamén un segundo libro de relatos, cuxo rexistro é, en boa parte, fantástico e unha nova novela bastante diferente da primeira xa que a acción se sitúa en Berlín e mostra o home a loitar contra a técnica16. Mais sobre todo traballa en Wallenstein, a novela da guerra dos Trinta Anos que describe os horrores de calquera guerra e que repite que o home só achará a súa salvación no abandono de toda ambición, na fusión do individuo na Natureza17. Así, a súa obra literaria manifesta unha ampliación dos temas, unha irrupción da reflexión política e da existencia na trama novelesca.

Esta transformación está indiscutibelmente ligada á guerra. Polos espectáculos que se lle ofrecen no seu hospital, Döblin devén sensíbel á miseria humana (é verdade que esta sensibilización é anterior á guerra, mais diríase que Döblin a rexeitou para non se deixar desviar da súa obra) e comeza a se interesar na política. El mesmo anota que a política lle era estraña antes da guerra18. Esta toma de conciencia non significa, de maneira ningunha, unha toma de distancia crítica, pola contra, conduce, nun primeiro tempo, á adopción pura e simple dos slogans oficiais. Döblin xustifica a entrada en guerra de Alemaña no conflito e apoia o goberno imperial. Nun sorprendente artigo aparecido en decembro de 1914, escusa o bombardeo da catedral de Reims cunha argumentación enganosa: nunha guerra non podemos emprestar atención ás obras mestras artísticas e, sobre todo, engade: «Esta catedral edificouse para magnificar os pensamentos humanos e cristiáns: como alguén pode ter a pretensión de protexer esta construción no mesmo momento en que as súas palabras converten os seus pensamentos nunha burla?». Fustriga á Gran Bretaña e, por riba, fai do chanceler Bethmann Hollweg un novo Parsifal porque acreditou, na súa inxenuidade e na súa inocencia, deber facerse perdoar polo mundo a invasión de Bélxica19. O seu chauvinismo (a expresión alemá máis semellante: Hurrapatriotismus) acha outras ocasións de se manifestar, por exemplo, en febreiro de 1915, cando envía un telegrama a H. Walden, o editor do Sturm, no que estoupa de alegría por se meter os rusos nun illó20. Mais como a guerra se instala e non se ve o fin, a atmosfera cambia no curso deste mesmo ano. Desde setembro, fala do seu fastío (a vida noxenta que leva en Sarreguemines non é, por outra parte, o menor motivo deste fastío). Certamente, non intenta ir máis lonxe, iniciar unha análise da situación baseada no contexto histórico, análise que permitiría talvez tirar as causas da guerra. Continúa a considerar que a guerra é un fenómeno natural, inexplicábel21. Mais o que se impón pouco a pouco no seu espírito é o pensamento do futuro reservado a Alemaña despois da guerra –o que semella indicar que dubida dunha saída vitoriosa para o seu país. Porque, imaxinar como o fai Döblin, que a guerra debe carrexar unha profunda transformación da sociedade alemá, supón que as clases dirixentes sexan vencidas. Como, doutra maneira, se podería non proxectar a eliminación dos vestixios feudais no exército, na burocracia? Como podería Alemaña converterse nunha nación moderna se os seus exércitos gañasen a guerra?22. Non contento con expresar esta esperanza, Döblin tira do conflito un proceso de politización dos cidadáns, que van eles propios a se ocuparen do seu destino. Constátase, ao lermos as súas cartas e os seus artigos daquel tempo, que a guerra o conduce a cuestionar as estruturas sociais existentes, a propor reformas relativamente precisas para as transformar, en suma, a facer política, aínda que só sexa, de momento, no plano da teoría.

E esta apertura cara á política acelérase en 1917 baixo a influencia dos acontecementos de Rusia. En agosto de 1917 aparece, na Neue Rundschau, un artigo titulado: «É o tempo!», no que vemos Döblin descubrir un sentido á guerra de 1914. Mentres que até ese momento só percibía no desencadeamento e desenvolvemento do conflito a man da Moira, dun destino incomprensíbel e que espera o fin como se espera o fin dun cataclismo, os acontecementos inscríbense de repente nunha liña histórica. Segundo Döblin, a revolución rusa é o sinal que indica que estamos comprometidos nunha liña que conducirá a máis humanidade. As ideas «rusas», afirma, son unha nova manifestación do espírito humano na súa vitalidade. Se se relaciona coa historia alemá, percíbese que este espírito existía no Bundschuh (esta afirmación conduce a Döblin a condenar a Lutero que foi, en certa maneira, a contracorrente) e, en 1848, na Paulskirche de Francfort23. Esta análise implica, xa que logo, unha condena do réxime imperial.

Non pensemos, no entanto, que este Veni creator dun novo xénero indique que Döblin se convertese nun partidario de Lenin –aínda non estamos, por outra parte, na Revolución de Outubro–, é máis ben o signo que está impregnado do ar do tempo que espera todo dunha renovación espiritual. Así, Döblin non pensa que se poidan pór en práctica estas ideas, considéraas simplemente como un fermento capaz de axitar os homes. Mesmo non está curado do nacionalismo: estima que a guerra forxou unha comunidade nacional, apela ao patriotismo dos intelectuais, érguese contra os que trataron os alemáns de bárbaros (admira a Hindenburg que, «só el, substitúe dez exércitos»). Abóndalle acreditar que a guerra está a piques de acadar unha alma e que puxo as cousas en movemento.

O que interesa a Döblin non é a reforma da constitución, non é a instauración en Alemaña da pseudodemocracia das «democracias ocidentais», o que lle interesa é que espírito humano se espalle e prospere e que se encontren as pegadas deste cambio na Constitución24. É precisamente porque coloca antes de nada este enriquecemento interior e estas transformacións das almas que Döblin fica na órbita do expresionismo. O proxecto político é ante todo un proxecto moral no que se procurarían en van medidas concretas destinadas a edificar Alemaña sobre novas bases. Remarca, non obstante, que Alemaña estaba gobernada polos feudais e os clericais que privaban ao pobo da súa liberdade psicolóxica, moral e espiritual. Propón abolir a propiedade privada, facer os individuos responsábeis, eliminar o reino da frase feita en economía e política25.

Mais, pouco a pouco, as súas ideas «vermello sangue a ultravioletas»26 decántanse e empúrrano a se adherir ao U. S. P. D., o partido socialista disidente fundado en 1917 e que reúne «socialistas» abondo diversos. O seu socialismo intenta amalgamar o anarquismo individualista de Stirner e o anarquismo socialista de Kropotkin ou, en Alemaña, de G. Landauer27. Retomando unha definición de A. Adler28, proclama que «o espírito do socialismo é a formación e a acción do sentimento comunitario», o que constitúe, a pesar de todo, unha superación do anarquismo individualista, mais non permite saber que programa propón para realizar este socialismo.

É sempre abondo lúcido para se decatar que a revolución alemá de revolución só ten o nome, nega que se realizase29. Segundo o seu parecer, o novo sistema é unha República imperial que non vale nada. Rexeita este Estado fundado na violación do dereito porque masacrou os obreiros, condena os asasinatos políticos, deplora a falta de fe dos «demócratas». Está entre os que queren manter os consellos obreiros que son, di, «a lexítima defensa das masas contra as autoridades autocráticas»30. Afirma que a «restauración interior» vai a bo ritmo en Alemaña e que este país desenvolve «de novo libremente o seu carácter nacional propio. A mentalidade de servo e a ausencia de sensibilidade»31.

Así, a guerra non fixo de Döblin un pacifista, mais fíxolle adquirir a convicción de que a dimensión política é unha dimensión que é parte integrante da vida humana, que ninguén ten o dereito a se manter apartado da política, sobre todo os intelectuais, que deben actuar sobre os espíritos para cambialos. Ademais, achou un lugar no xadrez político: sitúase claramente á esquerda, mesmo se o seu socialismo está falto de contornos.

Moito máis tarde, na súa novela Novembro (remata a súa redacción en 1943), consagrada á análise do período crucial da historia alemá, os meses de novembro de 1918 a xaneiro de 1919 durante os cales o goberno de Ebert escolle o statu quo social e económico esmagando a insurrección espartaquista e eliminando os consellos de obreiros e de soldados, Döblin resume a idea que se facía da guerra e da revolución: «A guerra e a revolución eran berros de espertar provenientes dunha voz supraterrestre»32. É o sentimento que se impón cada vez máis nel, o sentimento de que a guerra debía provocar unha toma de consciencia das doenzas da sociedade e do individuo, mais este fin non foi alcanzado. En 1943, non obstante, a coloración que toma a frase vincúlase á conversión recente de Döblin ao catolicismo, do que estaba lonxe en 1918-1919.

Paradoxalmente, máis dura a guerra, máis a esperanza posta nela se exaspera en moitos espíritos. Tantos sufrimentos e tantas privacións non puideron ser inútiles, xúlgase. En todo caso, a xeración expresionista enteira espera cada vez máis o nacemento dun home novo nunha sociedade renovada e o seu fin marca o apoxeo efémero desta esperanza. En 1914, a maioría deles acolleron a guerra con entusiasmo, mais pensaban que sería curta (parece que o único poeta que tomou claramente posición contra a guerra foi Franz Werfel33). E despois séntese como un proceso de purificación cuxas probas cada vez máis duras deben producir un cuestionamento total do individuo e da sociedade. A revolución rusa é un chanzo importante nesta evolución: indica que as cousas se moven, revela o poder das ideas, a forza da esperanza humana. Mais antes de que estale, as cuestións formúlanse, a reflexión camiña. O exemplo de Franz Marc pode testemuñalo.

****

Un interesante documento permite precisar a actitude de Franz Marc antes da guerra. Trátase da correspondencia que intercambiou entre 1910 e 1914 con August Macke34, un bo colorista35. A lectura destas cartas revela claramente, por parte destes mozos artistas, a ignorancia total dos problemas de política exterior e interior que se formulan entón en Alemaña (observemos, por outra parte, que Marc está achegado a Sturm). Os mozos pintores falan, como é normal, da súa arte: toman posición con relación á nova pintura e os seus representantes, expresan a súa predilección por Daumier, Gauguin, Van Gogh, Cézanne, Munch, os Fauvistas, o Aduaneiro Rousseau, a arte dos pobos chamados primitivos, discuten técnicas pictóricas, relatan a visita a exposicións, evocan a súa vida privada, as súas relacións, as súas amizades. En ningún momento aluden á situación do país, aos perigos que ameazan a paz. O único feito notábel, desde a nosa óptica, é que consideran que o nacionalismo está superado no plano artístico e persoal (non é, por outra parte, Kandinski, instalado en Munich desde 1896, quen exerce a maior influencia sobre Marc?). E Marc viviu en París en 1903 –considera esta estadía como o xiro da súa vida– e volveu en 1906. En setembro-outubro de 1912, os dous amigos, respondendo á invitación de Delaunay e de Le Fauconnier, vannos visitar a París, mentres que Delaunay e Apollinaire lles devolven o cumprido indo a velos a Bonn na primavera de 1913.

Ao tomar partido contra unha arte que ignora as fronteiras, Marc protestou con vehemencia contra o libelo do pintor de Worpswede36 Cari Vinnen, Protesta dos artistas alemáns, aparecido en 1911, que cuestiona a influencia nefasta da escola francesa sobre a arte alemá e proclama que a arte internacional é unha arte dexenerada (o nacionalsocialismo dirá o mesmo). Non obstante, non renunciou á idea de que as obras dos artistas manifesten un carácter nacional específico e que os artistas non deban ir en dirección inversa a este carácter. Así escribe a Macke que os franceses son moito mellor coloristas que os alemáns, que son ante todo debuxantes37. Non se trata, para el, de se «transformar» en francés. Internacionalismo non quere dicir uniformización, senón colaboración entre artistas de diferentes países a compartiren as mesmas ideas.

Manifestamente, Marc non se sente a gusto na era técnica e a civilización urbana. É por esta razón que se estabelece en pequenas vilas da Alta Baviera e que as súas pinturas presenten case todas o mundo animal. Para todo o que non atinxe á arte vive case fóra do tempo. A guerra vaille achegar novos argumentos para rexeitar a civilización contemporánea e empurralo a procurar as causas do conflito nun fin determinado: se son o froito da civilización, será necesario emendala para evitar outras guerras.

Debido á súa mudanza e instalación noutra aldea bávara, os Marc non ven vir a guerra, e moito menos os Macke, que se instalan, no outono de 1913, por varios meses, nas beiras do lago Thoune de onde August se vai en abril de 1914 para emprender, en compañía de Paul Klee e de Moilliet, outro pintor suízo, unha viaxe a Tunicia, de maneira que non volven a Bonn até xuño de 1914. Curiosamente, a correspondencia interrómpese o 19 de xuño e só se reinicia o 3 de agosto. Non coñecemos a reacción de Marc á declaración de guerra. Só unha carta de Lisbeth Macke, a muller de August, datada o 6 de agosto, nos informa sobre o estado de espírito que reina daquela. Escribe aos seus amigos: «Todo aconteceu moi rapidamente e non obstante botamos agora un suspiro de alivio en comparanza cos días en que había como unha tempestade no ar. E cando se ve que todos van de bo corazón, é magnífico. Non se ten absolutamente dereito a pensar en si entre millóns. Soamente no país que está a piques de se salvar… Esperemos que todo sexa para mellor, mesmo se non o é para o individuo»38. Mais o 5 de setembro, a mesma Lisbeth Macke berra: «Non me podo alegrar desde o fondo do corazón da máis grande das vitorias…. É espantoso cando se imaxina que todo isto é un triste sinal para a humanidade que sempre se finchou da súa cultura, que unha guerra semellante sexa aínda posíbel»39. O 26 de setembro o seu marido cae en Perthes, en Champagne. Franz Marc, que está no fronte desde setembro mais nunha zona menos perigosa (en Alsacia), escribe entón un fermoso eloxio fúnebre á súa memoria, declarando principalmente que a perda de Macke é unha perda irreparábel para a cultura do seu pobo40. Desde o fronte, expide numerosas cartas á súa muller. É a través delas que se pode seguir a súa evolución durante a guerra e a súa influencia até a súa morte en marzo de 1916 na rexión de Verdún41. A guerra axitou completamente o seu pensamento como baixo o efecto dunha tempestade, declara en xaneiro de 191542, mais considéraa como un fenómeno natural, inevitábel, tanto tempo cando menos como o afán de lucro domina o espírito dos individuos e das nacións. Até o final fica convencido de que Alemaña vai gañala e está orgulloso de ser promovido a tenente (outono 1915). Non obstante, non por amor á vida militar ou á guerra43. Porque, ao seu parecer, estes non son máis que epifenómenos. No fondo, non comprende como puido estalar esta «guerra civil europea»44 . Todo o mundo desexa a paz45 e a guerra cada día é máis absurda ao se eternizar46. Considérase como persoalmente responsábel da guerra, na que ve un castigo divino. Para comezar, debemos facernos comprender humanamente polo noso próximo para que non haxa xa malentendidos47. En suma, o gran beneficio que lle achega a guerra é obrigalo a clarificar as súas ideas48.

Segundo el, a guerra é unha proba de purificación, a curación dunha doenza. Non se trata de atacala en tanto que tal, senón de a extirpar hic et nunc, cómpre remontarmos ás súas causas, é dicir, a si mesmo49. Marc trátase a si mesmo de platónico50. E, efectivamente, a guerra é para el un principio, unha idea, antes de ser unha realidade vivida, aínda que o seu movemento de retroceso diante do horror cotián vaia medrando. Estaríase case tentado a dicir que se achan nel as crenzas que Romaind Rolland descubrira en 1908 en Guillerme II, «a crenza case mística na guerra como o único medio de retornar o tempero á Alemaña decadente, de lavar as almas, de refacer no Imperio a saúde e a autoridade »51. De feito, a análise de Marc vai felizmente máis lonxe que a do emperador. Certamente, xulga que Alemaña debía cumprir unha misión particular: perténcelle manter un contrapeso espiritual ao materialismo que invade a civilización contemporánea. Non a cumpriu, pola contra, quixo «apoderarse dos negocios mercantís mundiais»52, sucumbiu ao pecado de Europa porque se deixou gañar polo espírito mercantil no canto de tomar partido polo espírito (der Geist, palabra clave do expresionismo). Toda Europa é culpábel. Abonda comparar a preguerra para se decatar: «A guerra é outra cousa que o estado de paz existente até hoxe, baixo unha forma diferente, máis honesta? No canto da competencia, agora existe a guerra»53. É necesario «dar un machadazo á raíz»54. Porque hai tanto tempo que un explota ao outro non se poden evitar os conflitos. E isto non vale soamente para os Estados, senón sobre todo para os individuos. Que cadaquén comece por se cambiar a si mesmo no canto de vituperar contra a guerra, sen se dar conta de que é responsábel55. Consecuentemente, a metamorfose dos individuos é a condición sine qua non para instaurar unha paz duradeira. Semella que se estea no centro da sensibilidade do expresionismo. Ao que se engade en Marc a utopía dunha saída posíbel da era industrial.

O pensamento de Marc, vémolo, é ambiguo; pódese enxergar tanto un eloxio indirecto da guerra como unha condena –non moi explícita, é verdade– do capitalismo como orixe dos conflitos. Mais hai que constatar a súa clarividencia canto ás consecuencias previsíbeis do conflito. El ve esencialmente dúas:

  • o ascenso do socialismo, que, por outra parte, lamenta, xa que, di, o socialismo significa unha nivelación dos individuos que implica a parálise da alma e do pensamento cristián do sacrificio e do dominio de si56;

  • o ascenso do pobo ruso. Marc pregúntase, con efecto: «se os eslavos, máis especialmente os rusos, non se converterán axiña nos guías espirituais do mundo, mentres o espírito de Alemaña se altera irremediabelmente nas liortas comerciais, guerreiras e ostentorias»57.

Se se considera o pacifismo como a vontade de manter a paz a calquera prezo ou de restaurala se, infelizmente, a guerra estalou, non hai en Marc conversión ao pacifismo xa que, como Döblin, acha virtudes na guerra. A guerra fai parte dunha visión de redención da humanidade, é unha vía de salvación ao mesmo tempo que o resultado inelutábel da enfermidade moral dos homes modernos. É isto que hai que comprender antes de poder soñar na paz. A guerra é o xusto castigo polas nosas faltas, debeuse ao esquecemento da nosa natureza espiritual, obríganos a nos converter.

Así, non desembocamos en solución política, senón nunha meditación relixiosa, incluso nunha experiencia mística. Non obstante, a guerra tamén obrigou o artista a afrontar a realidade, a saír da súa esfera. A ollar máis de perto, vemos que Döblin é máis concreto que Marc, porque intenta comprender como os acontecementos de 1914-1918 se inscriben na continuidade da historia alemá; xulga que fai avanzar a democratización de Alemaña, mentres que Marc é sobre todo sensíbel á salvación individual vinculada á proba xusta sufrida polos homes que fallaron na súa misión. É verdade que o pintor non coñeceu a derrota e o interregno entre a monarquía e a República de Weimar, mais ao velo a inicios de 1916 contar coa vitoria inminente dos exércitos alemáns, non se pode impedir pensar que o afundimento de 1918 o traumatizaría fondamente. Pódese sobre todo preguntarse como da vitoria alemá podería xurdir esa transformación espiritual na que puña todas as súas esperanzas, aínda que por outra parte, se acreditamos nel, Alemaña non estivo á altura da súa tarefa. Máis lúcido e máis lóxico que el, Nietzsche remarcara en 1871 que a vitoria das armas alemás non significaba de maneira ningunha unha vitoria da cultura alemá, pola contra, dicía, esta vitoria era máis ben un handicap para o espírito alemán58.

Podemos concluír provisoriamente que dous artistas en relación estreita co Sturm foron arrancados pola guerra ao dominio estético no que se acantonaban. É verdade que non concibían a arte nova máis que sobre a base dunha renovación espiritual, da que é á vez a causa e o signo. É así que se pode estabelecer o vínculo entre a arte e a guerra, que tamén manifesta que o espírito actúa. Sempre o papel motor regresa ao individuo, de maneira que a vinculación de Döblin ao socialismo libertario non é unha sorpresa. En canto a Marc, fica até o fin o idealista que proclama a superioridade dos valores espirituais.

A súa sensibilidade non é finalmente política propiamente falando, é máis ben ética, aínda que Döblin tome posición sobre a revolución de 1918, na que marca as súas preferencias polo sistema de consellos. Fronte á guerra, dubidan entre a auréola que lle confire un pensamento case mítico que fai dela o motor da marcha da humanidade cara a un futuro sempre máis «radiante» e unha condena da súa bestialidade, indigna do espírito humano (Observemos non obstante que Döblin vai máis lonxe no sentido da desmitificación que Marc, sobre todo en Wallenstein). De todas as maneiras, non conseguen superar verdadeiramente o seu nacionalismo visceral. Acontecerá de distinto modo nos representantes da segunda gran tendencia?

***

NOTAS

A fotografía é dunha obra de Franz Marc.

1 Der Mann ohne Eigenschaften, Reinbek bei Hamburg, Rowohlt, 1970, 1632 p., p. 265.

2 Existe tamén unha vontade de orixinalidade a calquera prezo. Así, A. Döblin, nunha carta aberta a F. T. Marinetti, o papa do futurismo, fala do seu «döblinismo» para opolo precisamente ao futurismo. Texto publicado en marzo de 1913 en Der Sturm, n° 150-151, pp. 280-282.

3 É o subtítulo da antoloxía máis representativa da poesía expresionista, a de Kurt PinthusMenschheitsdämerung, que data de 1920, cómpre non esquecelo. Reúne 278 poemas de 23 autores. Os textos están clasificados en catro temas: «Caída e berro» (Sturz und Schrei, 82 poemas), «Espertar do corazón» (Erweckung des Herzens, 102 poemas), «Chamamento e revolta» (Aufrufund Empörung, 43 poemas), «Amor polos homes» ou «Ama o home» (Liebe den Menschen, 51 poemas). O poema Weltende é de Jakob van Hoddis; apareceu en 1911.

4 Ver os dous poemas de Georg Heym, Der Krieg. Figuran na edición Reclam UB 8903, Stuttgart, 1964. Heym morreu accidentalmente en xaneiro de 1912. Estas cuestións foron estudados no moi bo libro de Martens, Gunter, Vitalismus und Expressionismus, Stuttgart, W. Kohlhammer, 1971, 310 p.

5 Cf. entre moitos outros, Hegel, Grundliniender Philosophiedes Rechts, § 324.

6 O poema de Ernest Stadler Der Aufbruch (que se pode traducir por «o afán novo, o sobresalto») (dá o seu título ao último libro do autor, caído perto de Ypres en outubro de 1914) é unha ilustración particularmente elocuente. É a proba tamén de que non se trata máis que de metáforas poéticas, non un berro de odio contra Francia, por exemplo, da que Stadler admira a civilización e a literatura: é o tradutor de Péguy e de Francis Jammes.

7 O subtítulo da revista indícao claramente: Wochenschrift für Kultur und die Künste. Aparece desde marzo de 1910.

8 Die Aktion publícase desde febreiro de 1911. Aparece tamén todas as semanas. O seu subtítulo é inicialmente: Zeitschrift für freiheitliche Politik und Literatur; en 1912 convértese en: Wochenschrift für Politik, Literatur und Kunst. Ningunha das dúas revistas falan exclusivamente de Alemaña. Asombra, pola contra, o seu internacionalismo cultural.

9 A. Döeblin (1878-1957). En 1910 aparece por exemplo o relato: O asasinato dun ranúnculo (Die Ermordungeiner Butterblume). Hai unha tradución bilingüe [alemán-francés] en Aubier.

10 Franz Marc (1880-1916), reedición do Almanach, Pipper, Munich. Unha tradución francesa apareceu en 1981 en Klincksiek.

11 Carl Einstein (1885-1940). Edición escollida das súas obras publicada por Limes Verlag, Wiesbaden, 1962, 426p.

12 Ernst Toller (1893-1939), Gesammelte Werke, en 5 volumes, München, Reihe Hanser 250-254, 1978.

13 Franz Pfemfert (1879-1954). Ver a introdución ao volume 1 do facsímil de Die Aktion, por Paul Raabe, publicado en Wissenschaftliche Buchgesellschaft, Darmstadt, por Cotta, Stuttgart, 1961, ou aínda o volume de Dtv dokumente 195/96, Ich schneide die Zeit aus (Hrsg. P. Raabe), München, 1964.

14 Cf. nota 9, supra. Michael Fischer, un comerciante, decapitou, durante un paseo, un ranúnculo. Toda a súa ordenada existencia mergúllase no caos.

15 Die drei Sprünge des Wang-lun. Chinesischer Roman, Berlin, S. Fischer. A novela acabouna en maio de 1913.

16 Die Lobensteinerreisen nach Böhmen. Zwolf Novellen und Geschichten, München, Georg Müller,1917. Wadzeks Kampfmit der Dampfturbine. Roman, Berlin, S. Fischer, 1918.

17 Wallenstein. Roman, Zwei Bande, Berlin, S. Fischer, 1920.

18 In Aufsdtze zur Literatur, Ausgewdhlte Werke, Oiten u. Freiburg/Br.,Walter Verlag, 1963,p. 208.

19 Artigo da Neue Rundschau, «Reims», in Schriften zur Politik und Gesellschaft, Ausgewdhlte Werke, edición Walter, 1972, pp. 17-25.

20 Telegrama do 22 de febreiro de 1915, reproducido en Alfred Döblin, 1878-1918. Eine Ausstellung des Deutschen Literatur archivsim Schiller-Nationalmuseum Marbacham Neckar, p. 141, «hurrah die russen in der tinte». Este catálogo dunha importante exposición organizada co gallo do centenario do nacemento de Döblin é unha mina de informacións.

21 Briefe, Ausgewählte Werke, edición Walter, 1970, pp. 78-79.

22 É así como a descobre, por exemplo, nun relato vivo aparecido en 1915 en Der Neue Merkur e titulado Die Schlacht! die Schlacht!

23 Briefe, op. cit., p. 87.

24 Artigo Es ist Zeit! Publicado pola Neue Rundschau en agosto de 1917, reproducido en Schriften, op. cit., pp. 25-33.

25 Ibid., pp. 33-44, Drei Demokratien.

26 Ibid., pp. 71-82, Vertreibungder Gespenster.

27 A expresión aparece nunha carta de Döblin a E. Frisch, o editor de Neuer Merkur. Citado no catálogo da exposición de Marbach, p. 22, carta do 23 de decembro de 1918.

28 Gustav Landauer (1870-1919) Cf., R. Eicchenlaub «L’anarchisme en Allemagne: Gustav Landauer», in Revue d’Allemagne, t. III, n° 4, out.-dec. 1971, pp. 945-969.

29 Semella tratarse do psicólogo Alfred Adler (1870-1937) alumno de Freud do que se separou cara a 1910 para fundar a Psicoloxía Individual.

30 Artigo de maio de 1919 en Die Neue Rundschau, in Schriften, op. cit., pp. 83-97.

31 Artigo de xaneiro de 1920, citado in Schriften, op. cit., p. 122.

32 En Der deutsche Maskenball, Berlin, S. Fischer, 1921, pp. 25-26 (volume publicado co pseudónimo de Linke Poot, i.e. a pata esquerda).

33 En November 1918, vol. 4, p. 351 da edición dtv, 1978.

34 Cf. principalmente o volume Einander, no que hai poemas moi antibelicistas, por exemplo, Der Krieg, pp. 162-164, ou Die Wortemacher des Krieges, pp. 164-165 in, Franz Werfel Das lyrische Werk, Frankfurt/M. S. Fischer, 1967. O volume Einander foi publicado en 1915.

35 August Macke-Franz Marc, Briefwechsel, Köln, Du Mont Dokumente, 1964, 240 p.

36 Situado nas portas de Bremen, é o Barbizon alemán. [Barbizon, aldea francesa onde se reunían os pintores impresionistas. Ndt.]

37 En correspondencia de Macke-Marc, op. cit., carta de Marc a Macke do 12 de xuño de 1914, p. 184.

38 Ibid., pp. 188-189.

39 Ibid., p. 190.

40 Ibid., pp. 196-197.

41 Briefe aus dem Felde, List Taschenbücher, 302, München, List Verlag, 1966, 155 p.

42 Briefe aus dem Felde, op. cit., p. 148.

43 Ibid., p. 129, 6 febreiro de 1916.

44 Carta de inicios do ano 1915, citada por E. von Kahler, in Die Prosa des Expressionismus, pp. 157-168, de Hans Steffen, Der deutsche Expressionismus. Formen und Gestalten, Gottingen, Vandenhoek & Ruprecht, 1965, 268 p., p. 163.

45 Briefe aus dem Felde, op. cit., p. 106, 1 de decembro de 1915.

46 lbid., p. 151, 5 de outubro de 1915.

47 Ibid., p. 117, para o primeiro do ano 1916.

48 Ibid., p. 120, 12 de xaneiro de 1916.

49 Ibid., p. 126, 3 de febreiro de 1916.

50 Ibid., p. 134, 17 de febreiro de 1916.

51 Carta a E. Wolff do 25 de xuño de 1908, citada por René Cheval, Romain Rolland, l’Allemagne et la guerre, Paris, P.U.F., 1963, 770 p., p. 181.

52 Briefe aus dem Felde, op. cit., p. 82, 12 de setembro de 1915.

53 Ibid., p. 74, 23 de xuño de 1915.

54 Ibid., p. 90, 9 de outubro de 1915.

55 Ibid., p. 126, 3 de febreiro de 1916.

56 Ibid., p. 101, 21 de novembro de 1915.

57 Ibid., p. 82, 12 de setembro de 1915.

58 Nietzsche, UnzeitgemäBe Betrachtungen, éd. Scheechta, vol. 1, München, Hanser, 1966, 5. Aufl., 1288 p.; é o inicio da primeira «intempestiva», p. 137.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *