<em>O expresionismo alemán e a Primeira Guerra Mundial</em>, de René Eichenlaub (II)

O expresionismo alemán e a Primeira Guerra Mundial, de René Eichenlaub (II)

0 comentários 🕔11:15, 16.Abr 2014

O que impresiona antes de nada en Carl Einstein, se o comparamos a Döblin ou Marc, é que aborda a política antes da guerra, mais –e isto é revelador–polo nesgo da estética. E mesmo durante a guerra procura durante moito tempo fecharse aos acontecementos que considera como un derivativo que podería tiralo da súa propia vía. Volveremos ao tema.

Entre 1910 e 1914, Die Aktion publica a súa novela Bebuquin e numerosos ensaios nos que ataca a sociedade burguesa, mais tamén ao S. P. D.1. Son ensaios que permiten apreixar mellor a súa actividade, a dun artista á procura dunha arte radicalmente nova, destrutora da realidade e dos seus partidarios. O principal é a burguesía e os seus secuaces, entre eles precisamente o S. P. D., contaminado polo espírito capitalista. (Non inventou o pequenoburgués satisfeito, facendo así do obreiro un capitalista sen importancia?) Todos queren manter a realidade banal, fácil, mediocre, un mundo sen substancia espiritual e son, de feito, partidarios da estética do realismo, da arte imitación. O verdadeiro artista é, pola contra, un demiurgo e o pobre é o seu irmán, porque el tampouco ten nada a esperar da realidade que só pensa en aniquilar. O Pobre, nova idea platónica, é o protagonista dunha sociedade nova, é a antítese da sociedade mercantil e capitalista. Ao non estar ligado aos valores burgueses, actúa fóra da convención, a súa acción é creación, demostra a forza da liberdade creadora. En suma, o pobre fai na realidade o que o artista fai no imaxinario: elabora o mundo nunha liberdade total2. De aí, a condena do S. P. D., que dalgún xeito domestica o pobre. A maneira de considerar a política que achamos aquí é polo menos inhabitual. Einstein non semella interesarse, en compensación, na política estranxeira levada polo goberno alemán, non fala dos focos da crise. Repara soamente na indispensábel revolución cultural no interior de Alemaña.

Cando estala a guerra, Einstein fica estraño a esta, é mesmo máis ben refractario porque estorba aos seus proxectos artísticos. A pesar de todo, vese obrigado a tomar parte. Non sabemos gran cousa da súa carreira guerreira. Die Aktion sinala, o 2 de xaneiro de 1915, que está no hospital a consecuencia dunha ferida, o 1 de maio indica que se reintegrou ao seu corpo. As cartas enviadas á súa primeira muller infórmannos de que estivo en Neuf Brisach do mes de xuño de 1915 a decembro do mesmo ano3. Segundo toda verosimilitude, foi trasladado a Bruxelas, onde ocupa un posto menor na administración do goberno xeral, a principios de 1916. En todo caso, Gottfried Benn testemuña que Einstein estivo nesta cidade de abril de 1916 ao outono de 19174. Sabemos, por outra parte, que despois dunha interrupción durante os últimos tres meses do ano 1917 (S. Penkert avanza a hipótese de que é a consecuencia dunha denuncia política5), regresa a Bruxelas onde permanece até o final da guerra. No momento do afundimento do Imperio, xoga un papel de primeiro plano no Consello de soldados, como imos ver. Tamén nel semella que a revolución rusa provocara un compromiso directo, xa que antes non se quería mergullar na política.

Algunhas cartas conservadas do ano 1915 indican de maneira particularmente clara canto se aferra á súa posición de renovación cultural e estética. Reprocha ao poeta W. Klemm escribir «versos sen valor» sobre a guerra, falar dela como dun tema de folletín. A guerra, como fenómeno de masas, importa á socioloxía, non á literatura. O combate ao que se entregan dous homes pode ser máis intenso, declara. O fin do novelista é outro: debe crear outro sentido do tempo, achar homes e un tempo así feito que nos obriguen a unha viraxe. Sobre todo nada de política: as discusións afundiron o home na miseria, «o feito de querer ter razón, sen ser diferente. A violación recíproca de xentes semellantes, no canto de dirixir a súa vida, indiferente, para si, de maneira radical, é necesario que consiga inventar unha arte consonte ás leis, diferente. Sen isto, non conseguirei o meu obxectivo, e serei un xornalista, o que corresponde a un suicidio»6.

Ora, a partir de novembro-decembro de 1917, Einstein apaixónase pola Revolución de Outubro. Cómpre, xa que logo, falarmos de incoherencia? Sen dúbida non, porque a Revolución de Outubro é precisamente a negación da política tradicional, que aventura á sociedade en novas vías. Cada vez máis, a sociedade burguesa convértese no obstáculo a abater. Einstein emprégase á tarefa en concerto co dramaturgo Carl Sternheim traballando nunha Enciclopedia destinada a destruír a ideoloxía burguesa, unha especie de refrito do Dicionario de tópicos, de Flaubert7. Mais non se detén aquí, porque a partir do 10 de novembro de 1918 é o responsábel do servizo de prensa do Consello de soldados de Bruxelas (por este feito, controla os xornais, as axencias de prensa e as emisoras de radio). Aínda máis, representa o comité executivo do consello nos tratos coas autoridades belgas e os embaixadores estranxeiros con miras á evacuación de Bélxica polas tropas alemás e asegurar o avituallamento da poboación. Nesta cualidade participa, por exemplo, nunha reunión organizada polo Consello na que unha testemuña lle escoita dicir: «O abominábel réxime imperial desapareceu. Á opresión e tiranía que se fixo durante moito tempo pesar sobre Bélxica, o Consello de obreiros e soldados quere facerlle suceder desde hoxe un réxime de humanidade e de lealdade… O comité de obreiros e soldados é, no presente, o amo, e quere que as súas ordes se executen inmediatamente. A odiosa opresión que sufriu esta poboación debe cesar. Todos os civís belgas arrestados e encarcerados durante a ocupación foron, polas miñas ordes, liberados» e na que este «humilde empregado subalterno na administración alemá-valona de Namor» amoesta severamente os seus antigos xefes que teñen o medo no corpo8.

Einstein únese, xa que logo, á ala radical do movemento revolucionario, mais a título individual, sen adherir a un partido. Na primavera de 1919 participa activamente no movemento dos consellos en Alemaña e publica, co pintor George Grosz, unha revista satírica: Der blutige Ernst9. Mais, despois do fracaso da revolución en Alemaña e non sen escribir un último escrito iconoclasta, publica en 1921 A mala nova10, unha serie de escenas nas que fai regresar a Cristo á terra para mostrar como se perverteu o cristianismo –esta nova acusación contra a burguesía válelle, por outra parte, ser perseguido por sacrílego–, retírase, por así dicilo, na crítica de arte. Xa nos anos 20 exíliase e instálase definitivamente en París a partir de 1928, onde permanece despois da chegada dos nazis ao poder, semellando ignorar as peripecias históricas. E, non obstante, volve saír unha última vez do mundo estético. Cando estala a guerra civil en España, únese á columna Durruti e combate nos seus rangos. Despois da morte de Durruti11, pronuncia o seu eloxio público, que pode considerarse o testamento político de Carl Einstein. Celebra a guerra e a revolución, que van parellas. «Odiamos a guerra, subliña, mais comprendémola como medio revolucionario. A guerra –esta parvada anticuada– só se xustifica pola revolución social»12. Así, soamente ao final da súa vida se suma ao punto de vista de Lenin, aínda que continúa a se reclamar do anarquismo.

No fondo, Einstein foi toda a súa vida un anarquista. Un anarquista visceral, refractario a calquera autoridade, aínda que semella que non levou moi lonxe a reflexión teórica neste eido. A guerra non fixo del un pacifista como foi o caso de numerosos autores expresionistas, senón que o confirmou na idea de que a arte nova só podía nacer nunha sociedade nova e, manifestamente, en 1918-1919, pensou estar na alba destes tempos renovados. Xa antes de 1914 rexeitara a sociedade burguesa, mais estimara que o artista non debía intervir no eido político. O punto de vista cambiou entre 1914 e 1918, moi progresivamente, como vimos. Finalmente, intenta aproveitar a guerra e a derrota para cambiar as estruturas políticas e sociais.

Que se pode inferir do seu exemplo? Que ser próximo de Die Aktion non implica que se sexa pacifista: talvez esta veciñanza outorga unha sensibilidade máis política, mesmo se o ángulo baixo o que se enxerga a política é insólito, porque, en Einstein, é a obsesión da necesaria revolución estética e cultural que determina as eleccións políticas. É necesario transformar todas as estruturas que nos empobrecen e nos paralizan se queremos acadar unha cultura radicalmente nova. A revolución está á orde do día; a guerra é un factor entre outros que pode acelerar a súa chegada. Isto é o único que conta.

Non se pode dicir que Einstein se chante nas posicións dos secuaces da arte pola arte porque asigna un poder revolucionario á arte en tanto que manifestación fundamental do poder creador do home. A arte será a faísca que abrazará toda a vida humana para cambiala de arriba a abaixo. Non debe fecharse sobre si mesma, senón irradiar a súa forza espiritual.

Pfemfert publícao en Die Aktion porque é un adversario da sociedade guillermina e fustriga unha das bestas negras do director de Die Aktion: o S. P. D. É o seu anticonformismo que o converte en aliado, non o seu pacifismo. Mai este anticonformismo xa o encontramos en Döblin e en Marc, aínda que o seu rexistro fose menos vehemente e os seus brancos menos precisos. En Einstein hai unha singular mestura de radicalismo estético e de radicalismo político. En todo caso, nada nel do mozo prudente e moi dócil que foi o mozo Toller antes da súa «conversión»13.

*****

A evolución de Toller é sen dúbida moito máis típica que a de Carl14. Con efecto, saído na primavera de 1914 da súa apartada provincia –é orixinario do norte da provincia prusiana de Posen-Poznan, dunha terra convertida en prusiana en 1772– onde estaba afastado da vida intelectual e cultural alemás e onde se lle inculcara un nacionalismo ultra para facer estudos en Grenoble, a guerra, á que se presenta voluntario, vólveo levar a Alemaña, a Baviera. Despois dun período de instrución, está no fronte de marzo de 1915 a maio de 1916, combate principalmente en Bois-le-Prêtre, perto de Saint-Mihiel. Ningún malestar, ningunha dúbida é perceptíbel nel. Non se formula a pregunta sobre as causas da guerra, sobre as responsabilidades que corresponden a un e outro campo. Arrastrado polo entusiasmo, está disposto a defender a patria, aínda que sexa co sacrificio da súa vida. Pouco a pouco descobre o verdadeiro rostro da guerra, o dunha carnizaría absurda. É esta descuberta que o reconcilia coa poesía, que o contrariara, se temos que crelo, desde a súa adolescencia. Escribe poemas que describen a vida do soldado, a monotonía da morte anónima, a apatía que se instala diante do espectáculo sempre renovado –precisamente o xénero de versos que Einstein reprochaba a Klemm. E de repente, a iluminación: o soldado que está enfronte é un home, un irmán15. É o 6 de abril de 1918 que Die Aktion publica un dos seus poemas. Canto de marcha que mostra todo o cansazo do combatente. É o seu primeiro texto imprimido. Atrasado, de feito, con respecto ao estado de espírito de Toller nese momento.

Con efecto, instalado en Alemaña despois de ser licenciado, Toller non puido esquecer as visións do horror. En 1916 só ten unha necesidade: non pensar máis no que acaba de vivir, volver comezar a vida que levaba antes da guerra. Non o consegue, xa que a atmosfera de crise que caracteriza o ano 1917 o contamina. En todos os países belixerantes aspírase á paz. En Alemaña, o feito notábel é a escisión definitiva do S. P. D. e a unión dos pacifistas e dos socialistas revolucionarios nos rangos do U. S. P. D.: estamos en abril de 1917. No outono deste ano Toller participa nun congreso de política cultural organizado polo editor Diederichs e no que intervén principalmente o sociólogo Max Weber para cuestionar o emperador e o seu réxime e predicar a instauración do parlamentarismo en Alemaña (no cadro dunha monarquía constitucional). Non propón solucións para acabar coa guerra, defende simplemente unha reforma das institucións. Mais isto abonda para axitar a Toller e para espertar o seu espírito crítico. Timidamente, comeza a dubidar das teses oficiais e funda unha Liga de política cultural para a mocidade alemá. Agora está matriculado en Heildelberg, onde Max Weber ensinara. Segundo el, o obxectivo da Liga consiste en tirar os mozos da súa indolencia e en axuntar aqueles deles que están contra a guerra, o militarismo e a política de potencia. Debería tamén actuar alén das fronteiras. O que Toller ten en perspectiva é unha especie de Internacional da mocidade16. A tentación de constituír solidamente esta Liga é non obstante eliminada de raíz, xa que as autoridades militares inician dilixencias contra Toller e os seus camaradas (aparentemente o grupo comprende un máximo de vinte persoas).

É só en xaneiro de 1918 que Toller rompe definitivamente as pontes: únese a Kurt Eisner, que milita a favor da paz desde o fin de 1914 e que se adheriu ao U. S. P. D. desde a súa fundación. Eisner está instalado en Baviera desde 1907 e en Munich desde 1910, onde, segundo os seus propios termos, realiza un «traballo con miras á clarificación dos espíritos»17. É el quen anima en Munich a gran folga de xaneiro-febreiro de 1918 contra a guerra, na que Toller participa lendo aos obreiros poemas e extractos dun drama no que chama á paz. Eisner é encarcerado o 31 de xaneiro e permanecerá en prisión até outubro. Toller, polo seu lado, é aprehendido polas autoridades militares en febreiro de 1918 e endósanlle o uniforme. Baixo a influencia de Eisner pasou á acción política directa.

Mais para aplicar que programa? É, certamente, membro do U. S. P. D., non obstante, o seu maître à penser é Gustav Landauer, o principal representante do anarquismo socialista en Alemaña18. Ademais, Landauer concede aos intelectuais o primeiro lugar no proceso revolucionario. É a eles a quen incumbe cambiar as mentalidades e guiar o pobo. O socialismo de Toller levará sempre a marca do ideal anti-autoritario e anti-estatal, defenderá sempre o individuo contra o partido, admitirá a forza da idea antes que a da economía. Decatámonos, ao seguir a actividade de Toller, o grandes que son as afinidades entre anarquismo e expresionismo: ambos participan da aspiración á liberación e felicidade de todos os homes, e no plano das teorías estéticas, pódese mesmo afirmar que o principio esencial salientado polo expresionismo é o do anarquismo. É verdade que a súa sensibilidade propia empurra uns en dirección ao anarquismo individualista, outros en dirección ao anarquismo socialista.

Á espera, non pode traballar na realización das ideas xa que está en prisión. Mais pode proseguir a redacción da súa primeira peza, fortemente autobiográfica, na que nos presenta a «transformación» ou a «conversión» (o título da obra é Die Vandlung) dun tal Friedrich. Friedrich revive a aventura de Toller: evoluciona do nacionalismo belicista ao pacifismo e ao socialismo.

Liberado en setembro de 1918, está ao lado de Eisner mentres que goberna Baviera de novembro de 1918 a febreiro de 1919, despois do asasinato do seu mestre. Mesmo se converte en xefe da efémera República dos consellos en abril de 1919 (a República dos consellos de Baviera durou do 7 de abril ao 1 de maio de 1919; ao seu fronte estiveron, do 7 ao 14 de abril, os membros do U. S. P. D. e os anarquistas, os comunistas do 14 de abril ao 1 de maio). Despois da vitoria dos Corpos francos, é arrestado, xulgado e permanece na cadea de 1919 a 1924.

Evolución máis típica que a de Carl Einstein, dixemos. Con efecto, a conversión do belicismo en pacifismo é un trazo común a numerosos representantes do expresionismo, se non a todos. O noxo da guerra en todo caso é practicamente xeral. Non acontece o mesmo coa adopción do socialismo e aínda menos co compromiso activo na política. Porque moitos expresionistas coñecen a transformación interior que lles fai proclamar un evanxeo da fraternidade e lanzar un chamamento para o fin do combate fratricida. Pero, maiormente, non van máis lonxe, non teñen actividade militante nin posto directo de responsabilidade política. En Toller, podería dicirse, un compromiso leva ao outro. O soldado entusiasta cede o lugar ao pacifista non menos convencido e ao socialista radical. Constatemos que nel tampouco hai apertura cara á política antes de 1914 –é, por outra banda, moi novo–, non obstante, o seu nacionalismo é moito máis virulento que o de Döblin e de Franz Marc (non achamos a súa pegada en Einstein) porque Toller é máis maleábel que os seus maiores e tamén porque saiu dunha rexión fronteiriza na que os alemáns son minoría. Ademais, aumenta o seu patriotismo para ser admitido na comunidade dos alemáns, xa que é xudeu.

Por tanto, está moi claro que o único sentimento común aos nosos catro artistas é, de saída, o malestar diante da sociedade tal como existe, aínda que estea moi atenuado en Toller, mais non soñan con cambiala, a excepción, no entanto, de Carl Einstein. En todo caso, a situación política concreta interésalles moi pouco. Non ven vir a guerra, sorpréndeos e acéptana como unha fatalidade, a excepción de Toller que se lanza a ela con paixón. Non obstante cámbiaos a todos máis ou menos profundamente. A tres deles condúceos a escoller un campo, o campo do socialismo (non podemos saber cal sería a actitude de Franz Marc se sobrevivise). Sen se converteren forzosamente en pacifistas, tiran da guerra un apoio no seu esforzo para transformar as mentalidades. Pódese afirmar que volven dela coa vontade de evitar a calquera prezo o retorno dunha guerra futura? Isto só é verdade para Toller; Döblin non se pronuncia, aínda que Einstein a considera finalmente como unha auxiliar da revolución. No que respecta a Franz Marc, non exclúe de maneira ningunha que haxa unha nova por pouco que a humanidade se abandone de novo ao pecado. De todas as maneiras, sobre este punto tampouco hai unanimidade.

Todo o que se pode dicir, a fin de contas, é que a guerra obriga aos que vivían ao lado das realidades a reflexionar, a precisar a súa posición, algunhas veces a cuestionar as súas certezas, quizais a se comprometer nunha dirección. Un vínculo guerra-revolución semella estabelecerse a pesar de todo, mais a natureza da revolución prevista ou esperada é moi vaga. En suma, durante a guerra, Döblin, Marc, Einstein e Toller evolúen fondamente, son inicialmente as súas propias mentalidades que cambian antes de que poidan pensar en actuar sobre as dos outros.

******

Completamente diferente é a posición de Franz Pfemfert. Para el, a literatura e as artes son inseparábeis da política ou, máis ben, só teñen sentido se exercen unha influencia política. Dado o contexto dos anos 1910, esta influencia debe intervir a favor do mantemento da paz en Europa. En Alemaña a situación é particularmente grave porque o militarismo reina como amo e o nacionalismo exacerbouse. Todo o mundo está contaminado, comprendidos os socialdemócratas. Pfemfert é particularmente feroz contra o S. P. D., non se fai ningunha ilusión sobre o seu internacionalismo. O seu pacifismo intransixente de antes da guerra rompe coa actitude de Döblin, Marc, Einstein e Toller.

Ao longo dos anos 1911 a 1914 pon de releve as ameazas contra a paz, denuncia a política alemá, estigmatiza o S. P. D. Así, en 1911 mostra como o asunto de Agadir é utilizado polo goberno para activar o patriotismo, apelar á «honra nacional» (o 31 de xullo de 1911, por exemplo, fala francamente do «Marokko-Bluff»19) e todo isto en gran parte, segundo Pfemfert, para gañar as eleccións lexislativas de 1912, que non son, por outra banda, máis que un «carnaval político» nun Estado «semi-absolutista». O traballo político debe facerse fóra do Parlamento, «é necesario revolucionar as cabezas»20. O S. P. D. equivocouse ao se prestar a esta comedia parlamentaria e acreditar que pode chegar ao poder pola vía parlamentaria. Isto proba que non é un partido revolucionario. «Despois de Iena [o congreso do S. P. D. realizouse en Iena en 1911] só temos unha socialdemocracia nacional, dun radicalismo bo rapaz». Se a mobilización xeral se realizase, «o socialdemócrata educado marcharía, renxendo os dentes, contra os seus irmáns»21.

Incansabelmente repite as súas acusacións, atacando sen respiro sempre os mesmos fautores de guerra. En febreiro de 1912, trona contra «a loucura de Europa»22. Esta loucura é o patriotismo que se arrisca a desencadear «o asasinato metódico que deshonra a raza humana». Proclama o seu credo en 1913, no momento en que o centenario das guerras de liberación mobiliza conservadores e liberais. É dos que glorifican «o feito de non ter patria (Die Vaterlandslosigkeit) como un ideal cultural», dos que combaten «o patriotismo como un extravío perigoso da humanidade»23. Sabe que o goberno vai utilizar ao máximo esas disposicións para facer votar os créditos militares. E os feitos confirman a súa análise.

Pareceunos útil seguir máis de preto os artigos que Pfemfert publica en 1914. Desde xaneiro de 1914, constata que «Marte é o amo das horas»24. Os incidentes de Saverne de novembro-decembro de 1913 lembraron, segundo el, que Alemaña continuaba a ser un Estado militar, demostraron que os militares estaban por riba da lei. «É así como vivimos: dun lado érguese, na súa honestidade brutal, Marte. Tan longo tempo como do outro lado non exista unha burguesía de tendencias antimilitaristas disposta a se bater pola súa liberdade, Marte conservará o poder e, con este feito, o privilexio de tripar a lei en papel dos covardes civís». É necesario comezar por educar os nenos para facer seres responsábeis, enchelos do espírito dos tempos novos, ensinarlles o respecto da lei e da moralidade, «facer cidadáns, entón os cabaleiros saqueadores modernos non poderán facer de modernos lasquenetes, de inimigos da paz do pobo»25. En todo caso, o S. P. D. non fai nada para isto. Pfemfert ataca especialmente a un ou outro dos membros significados do S. P. D. ou defende, pola contra, aos que no S. P. D. loitan pola paz e o internacionalismo. Así –observación punxente cando se coñece a súa carreira– aconsella, por exemplo, ao deputado Noske intentar de se «largar a algunha parte como suboficial»26. Ou apoia a Rosa Luxemburg, condenada a un ano de prisión porque se atreveu a declarar que «os proletarios de Francia e de Alemaña se oporán enerxicamente a que se esixa deles que se maten entre si». No que ela, por outra parte, se equivoca, segundo Pfemfert. Pois, di: «…Rosa Luxemburg é unha incorrixíbel optimista. Coñece o noso socialismo militarista, coñece os Noske e consortes. Coñece o famoso eslogan do partido: “os socialdemócratas son soldados de elite”. Sabe que ao seu lado só Karl Liebknecht entra no haber como antimilitarista socialdemócrata serio»27.

Este número do 7 de marzo de 1914 remata cunha antoloxía de textos contra a guerra. Nela figuran tanto Pascal como Herder, Maupassant como Tolstoi28.

Unha única cuestión obsesiona cada vez máis a Pfemfert, a da defensa da paz, pero a súa indomábel enerxía abandónase cada vez máis á desesperación. A única solución para evitar a guerra sería a creación dos Estados Unidos de Europa. «Se ambicionades seriamente a creación dos “Estados Unidos” de Europa, é dicir, se queremos a paz duradeira entre os pobos, entón é necesario que só nos sintamos como europeos, ou máis ben como compatriotas, como usuarios cos outros do universo enteiro»29. Mais no momento en que estas liñas aparecen, o atentado de Saraievo xa tivo lugar, un atentado que non é máis que o resultado do nacionalismo, como o subliña Pfemfert. Un curto billete publicado o 18 de xullo leva o título de Princip, un Patriota: «…o patriota serbio Princip, escribe Pfemfert, encarna o principio da epidemia que devora os pobos, o “nacionalismo”… Eis ben o erro de razoamento de todos os “patriotas”, só se entusiasman cos delitos que realizan eles mesmos. Só quen, coma nós, está contra calquera asasinato ten o dereito a condenar o homicidio perpetrado por Princip. Mais aquel deberá tamén combater a causa deste delito, a causa da maior parte dos delitos –o “patriotismo”30». E o número do 1 de agosto censura os «posuídos», esperando que o irreversíbel será evitado unha vez máis, aínda que sabe que o perigo permanecerá aínda que a crise pase. «O louco azar pode chamar hoxe, mañá, a cada instante, e todos, todos virán… Ao inicio, lamentaranse ao ver se afundiren a súa pequena felicidade terrestre, mais axiña, mesmo se a súa roupa non está completamente limpa, serán posuídos polo delirio xeral e matarán e serán matados sen reflexionar; e se o partido de catro millóns de votos que ten a boca chea de grandes frases non sufrise durante decenios un adestramento nacionalista, poderiamos hoxe acoller con serenidade calquera ouveo guerreiro… O chauvinismo é o perigo que ameaza sen fin a vida da humanidade. Só el pode transformar dun día para outro millóns de seres razoábeis en posuídos»31.

O diagnóstico é lúcido, o rexeitamento da guerra radical e continuará a selo. Pfemfert non vira de rumbo, non se deixa arrastrar pola bebedeira guerreira como moitos outros, mesmo entre os seus amigos ou entre aqueles que defendeu no seu xornal. Non obstante, Die Aktion debe someterse a certas coaccións durante a duración da guerra: espacia a súa periodicidade, que de semanal se converte en bimensual e, sobre todo, non pode publicar artigos abertamente políticos. Desde o número do 15 de agosto Pfemfert anuncia estes cambios, precisando que o seu xornal vai consagrarse de agora en adiante unicamente ás artes e á literatura. A instauración da censura non lle deixa outra elección. Mais ninguén podería enganarse.

0 10 de outubro de 1914, por exemplo, Die Aktion anuncia a morte de Péguy e celebra nel «un amigo da liberdade, un home de confianza dos pobos, un dos máis grandes poetas vivos»32 (pode, por outra parte, estrañar de que Pfemfert non faga ningunha alusión á conversión de Péguy ao nacionalismo). E o 24 de outubro Pfemfert volve á carga: «Do que deixou detrás del, nós somos tamén os herdeiros. Charles Péguy viviu pola humanidade e morreu pola idea grotesca que os peores dos seus compatriotas se fan da honra nacional»33. O deseño da portada deste número débese ao austríaco Egon Schiele (1890-1918), un dos pintores máis orixinais da xeración expresionista, representa por outra parte a Péguy.

No mesmo número inaugúrase unha nova rúbrica. Inicialmente chámase Poemas do campo de batalla, máis tarde Versos do campo de batalla. De maneira simbólica, Pfemfert ortografía ao principio Schlacht-Feld, recordando así o sentido etimolóxico do primeiro termo: matar. Este campo de batalla é un campo de matanza. Schlachtfeld como Schlachthaus, o matadoiro.

Consonte os seus autores caen –e son numerosos os que non volven do fronte– Pfemfert réndelles homenaxe, principalmente a Ernst Stadler nos números do 21 de novembro e do 5 de decembro. No seu pequeno «buzón» dá novas dos autores mobilizados.

Esfórzase moi habilmente en eludir a censura. É así que en abril comeza unha rúbrica que titula: «Recorto o tempo». É unha especie de recompilación de parvadas das máis rimbombantes declaracións nacionalistas ou das citas particularmente chauvinistas descubertas nos seus confrades. Publicadas sen ningún comentario, o seu efecto é tan devastador como o de amplos ataques contra o belicismo. Pfemfert achará sempre facilmente con que alimentar esta páxina, á que dará termo en novembro de 1918, no momento en que se pode escribir abertamente o que se pensa.

Non contento con estes pinchacarneiros, publica unha serie de números especiais consagrados a Rusia (número do 23 de outubro de 1913, consagrado a Tolstoi, morto tres anos antes), á Gran Bretaña (o 27 de novembro de 1915; Pfemfert coloca o número baixo o padroado de dous pacifistas ingleses), a Francia (o 11 de decembro; os dedicatarios son Péguy e André Derain, «vítimas da guerra»). Séguenlle outros en 1916, consagrados a Bélxica, a Italia, a Bohemia, a Alemaña. Mais son tamén números especiais que presentan autores (por exemplo, Yvan Goll) ou pintores (entre outros Schiele). En maio de 1918 aparece un número Karl Marx. En 1917 e 1918 os números publicados en Pascuas levan o título de Golgotha.

Moi loxicamente, esta oposición constante e combativa fai de Pfemfert un partidario do movemento dos consellos, a quen advirte da política do S. P. D. e, con máis razón, dos outros partidos situados máis á dereita: todos queren desarmar o movemento saído da base impóndolle a convocatoria da Asemblea nacional o 30 de novembro de 1918. Pfemfert proclama: «A Asemblea nacional é a contra-revolución». Non contento con apoiar os Consellos, intentou por outra banda crear un Partido socialista antinacionalista que podería facer perder membros ao S. P. D. (a súa posición cara o U. S. P. D. non está clara, xa que, de feito, este partido perseguía aspiracións da mesma orde e, no momento en que Pfemfert lanza o seu partido, Rosa Luxemburg e Karl Liebknecht eran aínda membros do U. S. P. D.). Esta tentativa fracasa; só consegue reunir arredor del un grupúsculo. En adiante, Die Aktion declina irremediabelmente, convértese no órgano dalgúns esquerdistas.

******

Así pois, a diferenza de de Döblin, Marc, Einstein e Toller, Franz Pfemfert non acha ningunha xustificación á guerra e non espera dela ningún resultado positivo. A guerra, segundo el, non ten sentido, é un absurdo sen nome. Só ve as desgrazas xeradas por toda guerra e quixera evitalas. A actitude de Pfemfert non deixa lugar a ningunha ambigüidade. No momento en que funda Die Aktion, a súa escala de valores detívose definitivamente, sabe exactamente o que quere: cambiar a sociedade alemá, certamente, mais, sobre todo, salvar a paz. A súa moi lúcida análise da sociedade alemá de preguerra móstralle, non obstante, que unha cousa non é posíbel sen a outra, porque as taras desta sociedade son precisamente o nacionalismo, o militarismo, o predominio dos junkers. Esta Alemaña constitúe unha ameaza permanente para a paz. É por esta razón que combate a todos os que están polo statu quo social e político. Paradoxalmente, non considera que a guerra podería axudar a abalalo. Só ve os seus efectos no espírito dos homes, que rebaixa ao rango de bestas, que converte en asasinos protexidos pola lei. En nome dun socialismo libertario –abondo impreciso esta vez–, loita por unha sociedade máis humana e máis xusta, polos Estados Unidos de Europa, e non espera nada dun réxime parlamentario, non quere oír falar de reformas.

E é aquí que se encontra, non obstante, de acordo, sendo moito máis concreto que eles, con Döblin, Marc, Einstein, Toller: soña cunha revolución das mentalidades ao designar con precisión as debilidades conxénitas dos alemáns.

A súa acción –á que se engaden a experiencia da guerra vivida e o cansazo diante dun conflito que se eterniza– durante a guerra achega algúns froitos: arrastra a certo número de mozos na súa dirección ou, en todo caso, cara á esquerda pacifista, por exemplo Johannes R. Bêcher ou Erwin Piscator, que publica en diversas ocasións poemas na rúbrica Versos do campo de batalla e tamén Toller, claro, que coloca, nun primeiro tempo, o combate pola paz antes que o resto.

Por todas as partes a aura romántica da guerra esvaécese pouco a pouco alá onde existía, abonda para isto que os mozos sexan confrontados á guerra mecánica e á guerra de trincheiras. A fin de contas pensamos que, por contraste, o exemplo de Pfemfert pode mostrar a ausencia total de reflexión política e mesmo de sensibilidade política antes da guerra nos que se chama expresionistas (fóra, talvez, de Einstein), porque queren romper coa sociedade burguesa só no plano cultural. A guerra obrígaos a revisar a súa posición, é inicialmente unha escola de realismo, fainos saír da súa torre de marfil. Pfemfert sempre se bateu para que comprendesen o que estaba en xogo nunha Alemaña oligárquica, autoritaria, onde os intereses de clase empurran á guerra e onde o patriotismo é habilmente utilizado polos privilexiados como un cemento que une as clases e que crea unha comunidade nacional.

René EICHENLAUB

Apéndice. Bibliografía mínima sobre o expresionismo

O expresionismo alemán é, talvez, o menos coñecido, e editado –na península Ibérica: é dicir, en español, portugués, catalán; non coñezo a bibliografía euskera– dos grandes ismos de inicios do século pasado. Por outra parte, a maioría de títulos, adoitan ser catálogos de pintores expresionistas, con mínimas referencias á literatura. Entregamos, por tanto, unha mínima bibliografía, avisando, con todo, que a maioría dos títulos que se mencionan están esgotados, polo que o lector curioso ou interesado deberá procuralos na rede ou en bibliotecas públicas.

A grande antoloxía da poesía expresionista está, felizmente, traducida ao catalán: Kurt Pinthus: El crepuscle de l’humanitat, Barcelona, Edicions 1984, 2002. Se o lector non entende o catalán, recomendamos procure: João Barrento, Expressionismo Alemão – Antologia poética, Lisboa, Ática, 1978. En español existe, que coñezamos nós, só unha pequena antoloxía de tres poetas expresionistas: Stadler-Tralk-Heym: poesía expresionista alemana, Madrid, Hiperión, 1981. Existen en español, catalán e portugués diversas antoloxías xerais ou parciais da poesía alemá do século XX nas que se introducen poetas expresionistas, non as imos recensionar. Do gran poeta expresionista Georg Trakl hai diversas antoloxías en español, de diferente calidade no que respecta á súa tradución, no entanto, recomendamos, a nós parécenos a mellor das que limos, a tradución catalá: Obra poètica, Georg Trakl, Barcelona, Adesiara Editorial, 2012, trad. Feliu Formosa.

Sobre a polémica desenvolvida nos «arrabais» do Partido Comunista Alemán sobre o expresionismo e na que participaron Georg Lukács, Bertolt Brecth, Ernst Bloch e Anna Seghers, no canto de remitir aos textos de cada un dos autores, case todos traducidos ao español ou ao portugués, recomendamos: João Barrento (ed.): Realismo, Materialismo, Utopia (Uma polémica 1935-1940), Lisboa, Moraes editores, 1978.

E eis diversos libros sobre o expresionismo alemán. Para un bo ensaio introdutorio á poesía expresionista alemán, pode lerse con moito proveito João Barrento, A poesia do expressionismo alemão, Lisboa, Editorial Presença, 1989. Josep Casals, El expresionismo, Barcelona, 1988, é un libro «falido», mais como a bibliografía «ibérica» é tan pequena… O colombiano, e excelente crítico, cando non cae na arbitrariedade máis absoluta (arbitrariedade que semella herdada da súa mocidade falanxista en España, cando escribía sobre a importancia de José Antonio), Rafael Gutiérrez Girardot en Entre la Ilustración y el expresionismo. Figuras de la literatura alemana, Bogotá, Fondo de Cultura Económica, 2004, entrega algúns retratos críticos de poetas expresionistas, nun libro que vale máis polo conxunto que pola parte dedicada aos expresionistas. Manuel Maldonado Alemán, El expresionismo y las vanguardias en la literatura alemana, Madrid, Ed. Síntesis. 2006: o libro lese con proveito, aínda que ás veces se note que é un libro de «encarga». Do gran crítico suízo Walter Muschg publicáronse en España e en español dous libros de obrigado cumprimento: La literatura expresionista alemana, de Trakl a Brecht, Barcelona, Ed. Seix & Barral, 1972. Walter Muschg, Expresionismo, literatura y panfleto, Barcelona, Edicions Labor-Guadarrama, 1976 (como curiosidade, xa que a editorial quebrou a mediados dos 1980 e nunca foi reeditado. Digamos que a Martin Heidegger chámalle, nun momento dado: «delincuente da lingua».) Son imprescindíbeis, e non só para o lector francés, os libros dedicados ao expresionismo por Jean-Michel Palmier: L’Expressionisme et les arts. 1 –Portrait d’une génération, París Éditions Payot, 1988; L’Expressionisme et les arts. 2 –Peinture-Théâtre-Cinéma, París, Éditions Payot, 1988; L’Expressionisme comme révolte, París, Editions Payot, 1978; La peinture expressioniste, París, CNDP, 1982. (Palmier é tamén autor dun estudo, este si discutíbel, Situation de Georg Trakl, Paris, Belfond, 1982.) De Palmier, aínda que non trate directamente do expresionismo, pódese ler Lénine, a arte e a revolução, Lisboa, Moraes Editores, 1976. Tres volumes, traducidos por… José Saramago). Do italiano Armando Plebe, Qué es verdaderamente el expresionismo, Madrid, Editorial Doncel, 1971: unha boa introdución tanto para descoñecedores do expresionismo como para aquel que coñece algo deste «movemento» ou, mellor dito, grupo de artistas e escritores. Son tamén case imprescindíbeis os libros do francés Lionel Richard, Literatura y nazismo, Buenos Aires, Granica editor, 1972 e, sobre todo, De un apocalipsis a otro: del expresionismo al nazismo, Barcelona, Ed. Gustavo Gili, 1979: Richard é un grande coñecedor da Alemaña do primeiro terzo do século vinte e a ela e as súas artes ten dedicados multitude de libros. Tamén é autor dunha excelente antoloxía da poesía expresionista. Finalmente, tamén é recomendábel botar unha ollada a Peter Bürger, Teoria da vanguarda, Lisboa, Vega, 1993.
Historia de las literaturas de vanguardia, de Guillermo de Torre, en diversas editoriais no mercado: a máis barata, na rede, a edición de peto de Ed. Guadarrama-Labor: avisamos, curiosidade histórica, outra cousa é tomar en serio o que afirma unha e outra vez de Torre, e non só sobre o expresionismo. A mesma Editorial Guadarrama, talvez a editorial española que publicou, en conxunto, máis sobre o expresionismo, en 1970 deu ao prelo, a colección «Biblioteca para el hombre actual», o libro de John Willet El rompecabezas expresionista: unha moi boa introdución ao expresionismo en todas as artes; o libro goza, ademais, dunha moi rica contribución ilustrativa: cadros, programas, fotogramas de filmes, retratos de autores, reproducións de momentos escénicos, etc; a única dúbida que lle cabe ao lector é que o texto está traducido do… italiano. E da mesma editorial, Walter Falk, Impresionismo y expresionismo. Dolor y transformación en Rilke, Kafka, Trakl, Madrid, Ed. Guadarrama, 1963. Non é un gran libro (a pesar da cantidade de páxinas) e, acho, non acaba o autor de entender moi ben o que é ou foi expresionismo.
Son tamén moi interesantes os artigos de Hans Mayer: «El expresionismo en retrospectiva», recollido en De la literatura alemana contemporánea, México, FCE, 1972 (do que se recomenda, para unha visión de «contextualizada», La literatura alemana desde Thomas Mann, Madrid, Alianza Editorial, 1970); e o de Theodor W. Adorno, «El expresionismo y la veracidad artística», en Notas sobre literatura, Tres Cantos, Akal Ediciones, 2003.

Para unha crítica do expresionismo, desde un punto de vista de esquerdas revolucionario: «Cambio de destino del arte», de Siegfried Kracauer, in Estética sin territorio, Murcia, Colegio oficial de aparejadores y arquitectos técnicos de la región de Murcia, 2006. Un libro que estuda, entre outros, a diversos poetas expresionistas e que pasou desapercibido cando a súa publicación en español, é altamente recomendábel, malia o título: Profetas malditos, Frederic V. Grunfeld, Barcelona, Editorial Planeta 1987 (título orixinal: Prophets without honour –profetas sen honra). Para unha crítica dada ao expresionismo: Richard Huelsenbeck, En avant dada. El club dadá de Berlin, Barcelona, Alicornio Editores, 2000. No que respecta ao cine, de obrigado cumprimento: Siegfred Kracauer: De Caligari a Hitler: una historia psicológica del cine alemán, Barcelona, Ediciones Paidós, 2011. Se non se encontra este título, pódese ler: Lotte H. Eisner, La pantalla demoníaca, Madrid, Ediciones Cátedra, 1988.

(N. B. – Rógase ao lector do Diario 1921. Francia-Belxica-Alemaña, de Castelao, Vigo, Editorial Galaxia, 1977, os comentarios sobre o expresionismo, pp. 299 e ss: non pagan a pena, e un non acaba de entender como Castelao non comprendeu a pintura expresionista, que, en certos momentos, está tan perto da súa, sobre todo dos álbums de guerra e dos debuxos de negros.)

NOTAS

A foto foi obtida de Wikipedia Commons.

1 Para o estudo de Carl Einstein pódese ler Penkert, Sibylle, Carl Einstein. Beiträge zu einer Monographie, Gottingen, Vandenhoek & Ruprecht, 1969, 160 p. Os principais textos de Einstein están recollidos na edición de Limes Verlag, cf. supra, nota 11. Son particularmente interesantes na nosa perspectiva os ensaios Révolte, Politische Anmerkungen, Der Arme, Dos Gesetz, Die Sozialdemokrade, aparecidos todos en Die Aktion entre 1912 e 1914.

2 Cf. Der Arme en Die Aktion do 26 de abril de 1913, citado por Limes, pp. 55-59.

3 Cf. Penkert S., op. cit., p. 76.

4 Que Benn fora entón un amigo de Einstein e frecuentase o círculo dos Sternheim mostra ben que o cansazo da guerra é xeral. Sábese que, máis tarde, Benn achegarase perigosamente aos nacional-socialistas como outros autores que se converteran en pacifistas durante a guerra (o máis tristemente célebre deles é Hans Johst).

5 Penkert S., op. cit., p. 81.

6 Carta á súa muller do 30 de xuño de 1915, citada por Penkert, op. cit., pp. 77-78.

7 Sempre Penkert, p. 81. –Toda a obra de Sternheim é unha requisitoria contra a burguesía.

8 Louis Gille, Alphonse Dons, Paul Delandshere, Cinquante mois d’occupation allemande, vol. 4, Bruxelles, 1919, pp. 401-403, citado por Penkert, p. 82-84. A descrición dos poderosos de onte é moi curiosa e permite dar conta do seu desasosego: «Todos (entre eles o barón von der Lancken, o conde von Moltke, o conde Rantzau) despoxáronse dos seus uniformes… Vestíronse como macacos de feira, con vestidos usados procurados a toda présa Deus sabe onde. A súa principal preocupación, evidentemente, era non seren recoñecidos na rúa por soldados que, quizais, mallarían neles».

9 Seica a revista unicamente publicou seis números, dos que só os tres últimos son editados baixo a responsabilidade de Einstein e de Grosz. O título é intraducíbel: a expresión «es wird blutiger Ernst», «isto ponse serio», remítese ao seu sentido etimolóxico para denunciar a situación dramática dunha Alemaña presa dunha guerra civil larvada. Talvez visa tamén a Noske, que se encargara da tarefa do «Bluthund», do carniceiro, cando a insurrección espartaquista.

10 Die schtimme Bostchaft, na edición Limes, pp. 353-419.

11 Durruti morreu o 19 de novembro de 1936 na Cidade Universitaria de Madrid, segundo a Gran Enciclopèdia Catalana, Barcelona, 1974, vol. 6, o 21 de novembro segundo Broué Pierre-Témine Émile, La Révolution et la Guerre civile d’Espagne, Paris, Les Éditions du Minuit, 1961, 542 p., que precisan, p. 228, «O 21 Durruti é asasinado na Cidade universitaria, polas costas, probabelmente por homes da súa columna que lle reprochan os riscos que lles fai correr ou a disciplina que lle impón baixo este fogo de inferno». O personaxe de B. Durruti é o centro dunha obra do escritor alemán contemporáneo Enzensberger: Enzensberger, Hans Magnus, Der kurze Sommerder Anarchie. Buenaventura Durrutis Leben und Tod, roman, Suhrkamp Verlag, Frankfurt/M., 1972, 300 p.

12 Extracto de Buenaventura Durruti, Barcelona, 1936, 32 p. (Hrsg von Helmut Ruediger in Deutschen Informationsdienst der CNT-FAI), citado por Penkert, op. cit., pp. 146-149). Lembremos que Carl Einstein, regresado a Francia despois da vitoria de Franco foi internado cando a invasión de Francia polos nazis e que se suicidou en xullo de 1940 para non caer en mans dos seus compatriotas.

13 A primeira peza de Toller, publicada e presentada en 1919, titúlase precisamente Die Wandlung.

14 Sobre Toller, ver René Eichenlaub, Ernst Toller et l’expressionnisme politique, Paris, Klincsieck, 1980, 310 p.

15 Cf. Verse vom Friedhof, Vormorgen, Potsdam, G. Kîepenheuer Verlag, 1924, especialmente o poema Leichen im Prieslerwald, p. 17.

16 Ver R. Eichenlaud, op. cit., cap. V.

17 Citado par Schmolze Gerhard, Révolution und Räterepublik in München 1918-1919 Augenzeugenberichte, Düsseldorf, Karl Rauch Verlag, 1969, 426 p., p. 50.

18 Cf. supra, nota 28.

19 Die Aktion, 4. Jg. 1911, editorial do n° 24, Der Marokko-Bluff und unsere Zeitungen, pp. 737-738 do facsímil.

20 Politischer Kameval, n° 41 do 27 de novembro de 1911, p. 1282.

21 Cf. a editorial do nº 7, 2 de abril de 1911, Die revolutionàre Geste; o do n° 30, 11 de setembro de 1911, Sedan oder Jena? ; o do nº 31, 18 de setembro, Das Jena der Ehrlichkeit.

22 Europas Wahnsinn, no número do 26 de febreiro de 1912, p. 257.

23 Die Ungehemmten, número do 12 de marzo de 1913, citado por Raabe en Dtv dokumente, 195/96, op. cit., p. 111.

24 Die Aktion, 4. Jg. 1914, n° 3 do 17 de xaneiro de 1914, Mars regiert die Stunden, pp. 45-46.

25 Ibid., n° 5 do 31 de xaneiro de 1914, Zur Verfallsgeschicht Deeutschlands, pp. 89-92, cita p. 92 (liñas asinadas por Phylax).

26 Ibid., n° 9 do 29 de febreiro de 1948, p. 198, na rúbrica Kleiner Briefkasten.

27 Ibid., n° 10 do 7 de marzo de 1914, Das Frankfurter Urteil, pp. 199-200, cita p. 199.

28 Ocupa as páxinas 201 a 214 deste número co título Krieg!

29 Die Aktion, 1914, op. cit., n° 27 do 4 de xullo de 1914, Vom Patriotismus, pp. 579-582, cita p. 582.

30 Ibid., n° 29 de xullo, pp. 633-634, Princip, ein Patriot.

31 Ibid., n° 31 do 1 de agosto (liñas escritas o 27 de xullo, precisa Pfemfert), Besessenen, pp. 671-672.

32 Ibid., n° 40-41 do 10 de outubro de 1914, p. 809.

33 Ibid., n° 42-43 do 24 de outubro, p. 823.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *