Texto da presentación de <em>LP</em>, de Lois Pérez

Texto da presentación de LP, de Lois Pérez

0 comentários 🕔12:15, 16.Abr 2014

O maio do 68 irrompe na sociedade occidental cuestionando o suxeito moderno. Prodúcese unha crise social importante que se salda coa ruptura dos ideais modernos. Deste xeito, xorde un novo tempo, o postmoderno. O mundo postmoderno para Ritzer é tan diferente ao moderno que require formas de pensalo completamente novas. Aparece un novo modo de pensar fragmentado, prodúcese un descentramento que non deixa privilexio ningún ao centro. Para Augé o tempo e o espazo, na postmodernidade, contráense e expándense á vez. O espazo expándese na virtualización, globalizando a cultura identitaria, ampliando o mundo social da interacción. Iso fai que nos deslocalicemos e sintamos o mundo coma un espazo inabranguible. Jameson afirma que non existen mapas que permitan orientarse no hiperespazo propio da postmodernidade. O ser humano postmoderno non consegue, ao perder os referentes espaciais e identitarios, formar un eu que o defina e identifique.

Os postmodernos vivimos en non lugares que forman parte do consumo global, nacen condicionados e estereotipados para un fin. Nestes universos, o inesperado sinxelamente non ocorre.

Fronte a isto, no LP de Lois Pérez, a realidade non é inmutable, hai espazo e lugar para o inesperado. Como Gramsci, Lois tamén promove transmitir ideas diferentes ás do mercado de valores, posúe un pensamento alternativo con outras formas de pensar a vida e de sentir a arte. Para el, outros mundos e outras formas de vivenciar a realidade son posibles.

En LP, Lois fai a súa interpretación escenográfica da vida cotidiana e cóntanos o que acontece entre bastidores e é quen de atrapar os sucesos que desbordan o ser humano postmoderno.

As persoas só percibimos a propia identidade no noso lugar, neses outros que ao recoñecerse en parte co que somos, explícannos. O lugar, Lugo neste caso, a nós e aos lectores, permítennos facer lazo coa realidade, habitándoa. Lugo é o lugar ao que pertence Lois e que á vez lle pertence. E está presente en cada verso, cada coma, cada interlineado, cada espazo…

A xenialidade de Lois radica en que localiza os sentimentos, as vivencias universais nun Lugo, nun eu que se concreta na voz poética, nun entorno cultural concreto con gran destreza.

Estarei sempre agradecida a Lois, e en débeda con el, porque me convidase a acompañalo aquí hoxe. Porque ocupar un espazo é diferente a ter un lugar.

Ocupar un espazo é sinalar unhas coordenadas físico-temporais: deste lado da mesa, na Librería Trama, en Lugo, que non merezo, e non entre o público, que é onde debería estar, o día 4 de abril de 2014.

Pero ter un lugar supón indicar unhas coordenadas socio-afectivas: é a presentación do seu primeiro libro, na súa cidade, cos seus amigos e familiares. Este lugar de Lois, a súa deferencia para comigo, é a que me sitúa no mapa da diferenza. Grazas polo meu cambio de posición, polo papel que me outorgas.

Sobre o autor / a autora

Verónica Martínez Delgado

Verónica Martínez Delgado

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *