Dous poemas de Rafael Catoira Rey

1 comentário 🕔10:30, 23.Abr 2014

Almas opacas

 As almas opacas, pingas de suor na pel da pedra ao sol,
visibles como a crina do cabalo cando os belfos se evaden deixando do río a escuma
As almas sen cara, un laio húmido reclama a labarada do berro.
Un berro opaco é o silencio do aire, unha nota pendurada no azar labiríntico do oído
O silencio é o eco opaco e a alma a lapa ardente baixo a auga.
Homes ocos, homes baleiros.

A tensión do arbusto en ser árbore, potencia do sol recadada en cada nervio da folla do outono, suspensión do tempo,
unha delgada liña a traspasar os limiares onde o corpo é fronteira e o pensar
a caducidade dun documento oficial.
Almas de fiúncho fresco, cravo, menta, o aderezo superficial do que emana
o cómodo desleixo nas hamacas sensoriais.

Teño no puño razóns, abeiros dun pensar que á razón fai tremer
e na xustificación perde a súa potencia,
as velas despregadas abrazando o vento e o meu barco á deriva.
Olla o meu corpo expectante de horizontes como se mergulla no traballo da araña
ningunha célula sintoniza alén da carne pero ardo o aire da miña intuición preclara
Vexo a sombra e unha pegada no barro, non vexo o fulgor da labarada

nin a chuvia bautismal. A auga xerminal afonda a raíz da vida para que a vida xermine
e bouréanse os corpos e as almas, as materias e os fenómenos danse á primavera,
espello de sal ao mar, o vento arrastra a montaña, no aire opaco reflíctense os corpos
e as almas ven pasar os traxes rotos en voo de baleiro, ocos de home.
Quédame un pasado sentimento, fondo na súa intención, un evocar a garganta do eco.

 * * *

  No solpor

No solpor queimase a cadencia da luz cunhas tonalidades que convidan á reflexión.

Son case sonoros os matices da lúa asomando a súa exquisita gadaña baixo as pálpebras das nubes.

Son os timbres dun astrolabio que nos guía cara a un magnetismo de ingravidez, somnámbulos coas portas pechadas, náufragos acollidos por unha illa que non se achega. A quietude dunha música serena que invade coa nocturnidade dos desexos incumpridos.

Sinto esa nostalxia do porvir como se o futuro tremera as experiencias nun reflexo de enganosa evidencia.

Un asomo de tristura. Unha ledicia meditada.

Conversión de sensacións sobre un acto de palpábel misterio.

E os dragóns que pechan o soño xa abren as súas ás para ese voo entre os túneles do vapor cos seus ollos de lume para o inverno da memoria.

Aquí o doce acougo das horas arrolan as cicatrices do día.

Aquí refulxen as lembranzas voraces

Aquí o chumbo das palabras busca arterias como fervenzas no limo derramándose devagar ata oasis onde vólvense a escribir no xiz sempre virxe.

Aquí as palabras teñen o seu destino e buscan xuntarse ao devir coma o agoiro ao profeta. Aquí as palabras invitan ao óxido do que se acaba e aquí se acubillan, agardando. Pez de escuma.

Pátina do mar encol do ceo sen azules acolle este énfases do vivir coa melancolía pendurada das árbores para a madureza dese froito en padal de xuventude co recordo imposible da senectude alongada nunha lembranza postremeira.

Vans son os intentos do vivir coa vida supeditada as confrontacións do solpor e os seus febles desacordos cos anhelos.

E non obstante increméntase esa tensión baixo ese arco de dourada epifanía e os peitos rachan os seus pulmóns de vento con hálitos de infinda elevación.

É retallo de algo inexplicablemente certo.

Música de mórbida elevación.

É unha tormenta na pel.

O solpor.

O escenario sensorial da virtualidade na pureza do soño.

Rafael Catoira Rey foi gañador do segundo premio de poesía do XXXIX Certame Literario de Vilalba. Tamén é colaborador ocasional de Galicia Dixital.

1 comentário

  1. 🕔 10:59, 24.Abr 2014

    Chus

    Gústanme muito, Rafa. Poética pura. Admírasme. A túa amiga Chus

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *