<em>Pola porta de atrás</em>: Dos libros sobre Álvaro Cunqueiro

Pola porta de atrás: Dos libros sobre Álvaro Cunqueiro

0 comentários 🕔08:35, 30.Abr 2014

LOS OTROS ROSTROS (1975-1981) EN SÁBADO GRÁFICO (1956-1983), Santiago de Compostela, Follas Novas, 20013.

O MUNDO QUE TEÑO DE MEU. ARTIGOS EN LINGUA GALEGA. PRENSA E REVISTAS (1930-1980), Vigo, Editorial Galaxia, 2011.

Hai xa un tempo déronse ao prelo diversos libros que conteñen escritos de Álvaro Cunqueiro, o que quere dicir que, pouco a pouco, se van recompilando os artigos do mindoniense aparecidos en prensa e revistas, ben que, infelizmente, moito nos tememos que dos publicados de 1937 a 1945 a maioría non verán luz, de momento, aínda que o lector pode encontralos en diversas hemerotecas dixitais: Galiciana (Biblioteca de Galicia), Biblioteca Virtual de Prensa Histórica, Biblioteca Nacional de España, Arxiu de Revistes Catalanes Antigues, Archivo de Prensa Digital de Canarias, Gipuzkoa Kultura (nas cinco primeiras «clicando» o nome Álvaro Cunqueiro, na última, buscar a colección completa do xornal La Voz de España). Tamén, como saben os lectores, pódense ler os artigos do mindoniense publicados en ABC, de Madrid, e La Vanguardia, de Barcelona, nas webs –hemerotecas– de ambos medios. Así e todo, moitos artigos do autor de Merlín e familia publicados nas innumerábeis revistas que aparecían nos anos 1940-1950 hai que ir buscalos ás hemerotecas. Tamén cómpre termos en conta que de 1937 a 1945 Álvaro Cunqueiro era un «colaborador nacional» da prensa do Movimiento, e ás veces artigos seus aparecían nuns xornais desta cadea e noutros non, polo que hai que mirar con coidado case a maioría destes xornais neses anos. Hai que lembrar de cando en vez que se ben a literatura de Cunqueiro non é unha literatura fascista, si que foi propagandista do réxime franquista. É máis, foi un dos seus escritores «mimados». Véxase, senón, esta noticia dada en La Vanguardia o 4 de xuño de 1940, p. 5: «La Secretaría General del Movimiento organiza un departamento especial de cultura, bajo la dirección del ilustre escritor Álvaro Cunqueiro». Tampouco se debe esquecer que foi un dos escollidos, con Antonio Tovar, Ridruejo e todos eles, logo grandes demócratas, para facer as crónicas do «paseo» por España do corpo do Ausente. Todo case acabou, non foi así, infelizmente, en 1944: eis a noticia de La Vanguardia do 24 de xuño dese ano, p. 4: «Una baja en el Registro Oficial de Periodistas. Madrid, 23. – Por haber cometido actos indignos de su calidad de profesional, ha sido eliminado del Registro Oficial de Periodistas, y privado, en consecuencia, del correspondiente carnet, don Álvaro Cunqueiro». E tamén outros xornais, como Última Hora, de Mallorca, onde colaborou, como colaborou en Baleares, este si xornal do Movimiento da mesma cidade, tanto nos anos 1940 como nos 1970; ou Los sitios, de Xirona, nos anos 1960 e 1970 –este tamén xornal do Movimiento. Despois de ser expulsado da profesión xornalística, aínda se acha algún artigo de Cunqueiro na prensa do Movimiento, como ese vergoñento «Franco, gallego», publicado o 1 de outubro de 1947 en Falange, de Las Palmas de Gran Canaria, e non sei se reproducido nalgún outro xornal falanxista, ou non falanxista. Desde 1937 até 1975, cada 1 de outubro a prensa española, falanxista ou non, celebraba a «exaltación a la Jefatura del Estado de Francisco Franco Bahamonde». Cada día 1 de outubro os xornais repetían, en portada, o ritual. En 1947 o réxime tiña dificultades no exterior e, por tanto, esa «exaltación» había que celebrala por todo o alto. Nese contexto publícase o artigo de Cunqueiro, que se inicia así: «Muchas veces, y al trasiego de los trabajos y los días, suelo, con más de un gallego natural, comentar y recomentar la patente galleguidad del español Francisco Franco, lo que en él hay de nuestra primitiva naturaleza, y lo que en el carácter suyo, a lo que nos es dable juzgar, hay del común carácter de la tribu gallega, del clan celta, romano y suevo que Dios acomodó en esta punta remota y final de las Europas […]», fala do «cancán» da ONU, da virtude galega de Franco, que foi «salvadora y providencial el 18 de julio de 1936», e continúa: «Nos alegra y exalta saberlo gallego. […] Desde Gelmírez no ha conocido Galicia otro hijo suyo más capaz de desatar los hilos de la entrama histórica de la Patria y del mundo que Franco». Continúan os ditirambos e a retórica franquistas. O Caudillo, di o escritor mindoniense, herdou a lealdade de «Andrade el Bueno», en cuxo epitafio se puxo aquilo de «Aquí xace a lealdade de España»; lealdade «humana e conmovedora, agobiadora para él y ejemplar para la comunidad española», de aí que, en 1936, Franco actuase como actuou. «Quizá para mí, gallego natural y por todas las sangres, no haya en este momento del mundo, y de España, más claras razones optimistas que la presencia de Francisco Franco al frente de los destinos de España», etc. E as revistas Fotos, Y (nesta revista publicouse un artigo: «Yo vi al Fhürer acariciar a los niños», de Felipe Fernández Armesto, que é toda unha xoia, sobre todo tendo en conta as gañas que tiñan os nazis de «acariciar» á súa primeira muller alemá de nación e xudía de condición –da que nunca divorciou, lembremos que era trígamo; sobre a «trigamia» de F. Fernández Armesto, máis coñecido como Augusto Assía, véxase Gaziel, Meditacions en el desert, Barcelona, Edicions 62/Orbis, 1984, anotación do 27 de maio de 1950, pp. 148-150; existe tradución española deste volume, altamente recomendábel, publicada por Editorial Destino, Barcelona, 2005–), Primer Plano, Jerarquía, Jano, etc. Todo un mundo aínda por recompilar para poder descubrir. Un mundo que a Editorial Follas Novas de Santiago vai entregando, xa que á parte de todas as colaboracións de Cunqueiro en Sábado Gráfico, ten publicado dous libros máis: Los días en La Noche e Prólogos, epílogos y otros escritos dispersos (neste último puido engadir bastantes máis textos, que os hai), e promete outros.

O outro libro que queremos comentar foi publicado por Galaxia, e recolle, teoricamente, e xa veremos porque afirmamos que teoricamente, os escritos publicados en galego por Cunqueiro en revista e xornais, agás os aparecidos en Faro de Vigo, que serán material para outro volume, de 1933 a 1981.

Los otros rostros, un volume de 750 páxinas, reúne todas as colaboracións de Cunqueiro no devandito semanario madrileño, do que se fai unha pequena historia (podiamos cualificalo de falanxista de oposición, dentro do sistema franquista, claro). O seu director, que escribe un pequeno artigo sobre Cunqueiro, foi un falanxista radical, e mellor será para todos esquecer, por exemplo, as crónicas que escribía durante os anos 40 na prensa falanxista. Recordo unha contra os guerrilleiros españois que loitaban contra os nazis a carón dos franceses: segundo Eugenio Suárez, tal é o nome do director e propietario do semanario, os españois estaban enganados, ah!, vale. Ou as crónicas que escribía desde Budapest en 1944-1945: o mínimo cualificativo que merecen é de penosas. Mais deixemos a figura de Eugenio Suárez, non vén ao caso.

O libro leva diferentes prólogos, de César Cunqueiro, Eugenio Suárez, José Antonio López Silva e Luis Alonso Girgado que, con Lorena Domínguez Mallo e máis Anastasio Iglesias Blanco, é tamén responsábel da edición. O libro féchase cun escrito de Luís Cochón e uns útiles índices cronolóxico e alfabético dos artigos.

Dos prólogos, interesantes dentro dunha media, salienta o de López Silva, de quen non podemos deixar de recomendar os seus artigos en Nordesía (o suplemento dominical de El Ideal Gallego, Diario de Arousa e Diario de Ferrol).

E que se pode dicir dos artigos de Cunqueiro? Como sempre que se recollen artigos do mindoniense en libro hai grandes xoias, pequenas xoias e algún que sobra, mais isto último é, como se di, «peccata minuta». Por outra banda, os artigos que conforman Los otros rostros (tamén se publican outras colaboracións do noso autor en diferentes etapas nesta revista), son dos grandes artigos do mindoniense, cando se afianzara nun estilo, nun mundo propios, esquecera os artificios retóricos vinculados á literatura falanxista (e que tomara emprestados de Sánchez Mazas, Mourlane Michelena e, sobre todo, Eugenio Montes, véxase: Dorinda Rivera Pedredo, De Dante a Cunqueiro, Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 2009). Se un lector curioso compara os artigos publicados nos anos 1937-1945 (deixando de lado os que tratan de «política»), ou mesmo a maioría dos publicados até 1955, notará unha clara diferenza. Cunqueiro volve, ou se mergulla de novo, no seu mundo; e como ese mundo é seu, non libresco, non emprestado, foxe de toda retórica e entrega así artigos de grande calidade literaria. Os artigos dos anos 40 son artigos ben escritos, onde de cando en vez salta unha faísca, mais fáltalles sentido de humor, ironía profunda e, talvez, a mestría de linguaxe á que chegou cos anos, e, sobre todo, o mundo propio que o galego só recuperará cando volte a Mondoñedo. Non acontece así nestes artigos de Sábado Gráfico: aquí está o mellor Cunqueiro articulista, dono dun estilo propio e, quizais, a usar dun «estilo tardío», mais este é un traballo que non ten cabida agora e aquí.

O lector gozará con estes centos de artigos, malia que o volume do libro pode cansarlle axiña os brazos: non hai que desfalecer, o esforzo, físico, paga a pena. E o esforzo literario moito máis.

Con todo, hai que lle pór algunha pega á edición: as notas. «Inútil como unha nota», reproduciamos a frase do filósofo francés Alain na nosa anterior recensión. Si, nesta edición hai notas inútiles, cando non completamente parvas. Vexamos unhas cantas, para gozo do lector amante de sandeces bibliográficas:

p. 61, nota 56, converten a Xesús Ferro Couselo en sacerdote: era doutor en teoloxía, mais vestiu algunha vez os hábitos?

p. 79, no artigo «De bomberos y pirómanos portugueses» Cunqueiro escribe «[…] y fieles a la cuádruple consigna que ha años les diera […]», apóñenlle unha nota un pouco parva: «En castellano el tiempo verbal más adecuado sería “había dado”» (Seguro? No contexto da frase, de sabor rancio, o tempo verbal que propoñen os editores estragaría o son e mesmo o ritmo: mellor non corrixir os clásicos.)

p. 88, nota 94: «”Pandorga”, figurón, hombre fantástico y entonado que aparenta más de lo que es”. Acepciones que aparecen en Leiras Pulpeiro, escritor mindoniense, que las recoge del Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano de Eladio Rodríguez López», Que artigo faría Cunqueiro ao saber que Leiras Pulpeiro, morto en 1911, era capaz de follear un dicionario publicado por vez primeira en 1958!

p. 96, no artigo «Los vendimiadores», escribe Cunqueiro: «Nuestros vinos no son grandes vinos […]». Nota ao canto: «Cunqueiro no podría escribir esta frase en 2013, cuando varios vinos gallegos están más que acreditados en la estimación de los sumilleres y en los índices de ventas por todo el mundo. Algo tuvo que ver don Álvaro en los comienzos de esta tan positiva renovación vinícola». Nota parva, a non ser que estea subvencionada pola Consellaría de Agricultura e Pesca ou pola Unión de Bodegueiros Galegos, se é que existe esta última.

p. 99. Escribe o autor: «[…[ y fabrico mis ocios a sabor […]», o lector non debe entendelo, de aí esta innecesaria nota: «A sabor: con gusto, con satisfacción».

p. 119. nota 135: «Gabriel J. de Lavergne (1628-1686), conde de Guilleragues, diplomático y escritor francés, autor de Lettres portugaises (París, 1669). Mesma páxina, nota 136: «Sor Maria Alcoforado (Beja, 1640-1723). Monja portuguesa a quien se atribuyen las célebres cartas portuguesas (1669). Por el contexto, Cunqueiro parece estar convencido de que la citada monja (de cuya existencia duda) no es la autora del epistolario» (noutros artigos, non deste volume, Cunqueiro nega que as Cartas de Amor da monxa portuguesa sexan da autoría da monxa e apunta que o seu autor é o citado Guilleragues).

p. 150, nota 189: «Daniel Sueiro: El libro al que se refiere Cunqueiro es la novela Los verdugos españoles (Alfaguara 1971), del narrador y guionista coruñés Daniel Sueiro (1931-1986), que aborda esa temática en títulos como El arte de matar (1968) o La pena de muerte: ceremonial, historia, procedimientos (1974). En 2011, y con el título Queridísimos verdugos, Basilio Martín Patino hizo un documental basado en la novela de Sueiro que citamos en primer término. El oficio, de marcados ribetes macabros, inspiró el filme El verdugo (1963), de Luís García Berlanga y la novela El verdugo afable (1952), de Ramón J. Sender, entre otras obras». Imos por partes: a obra de Sueiro non é unha novela, senón unha, digamos, reportaxe –ou un estudo, se se quer. Se os «anotadores» se fixasen no subtítulo, «Historia y actualidad del garrote vil», decataríanse axiña de que non é unha novela. No que respecta ao filme de Patino, non é de 2011, senón de 1977. E a que vén a última frase? O pedantismo anotador non ten límites.

p. 212, nota 234: «José Antonio Maravall (Játiva, 1911-Madrid, 1986 […] y otros trabajos sobre Menéndez Pidal, Velázquez y Ortega y Gasset (de quien fue condiscípulo) […]». Sería discípulo, máis condiscípulo, tendo en conta que Ortega naceu en 1883 e que tivo o seu primeiro fillo precisamente o mesmo ano en que naceu Maravall…

p. 225, nota 249: «Antonio Faílde Gago (Orense –sic–, 1907). Gran escultor, etc». Podían avisar que morreu en 1979.

Falando do pedantismo das notas, véxase a 258, p. 230, que me nego a reproducir.

p. 237, nota 265: «Estela: monumento conmemorativo en forma de lápida o pedestal». (E o lector de Cunqueiro sen sabelo!). Ou a nota 276, onde se nos avisa de que La venus de las pieles, de Sacher Masoch, se publicaba en 1993, na colección La Sonrisa vertical de Editorial Tusquets. A edición que eu teño, de Alianza Editorial, con prólogo de Carlos Castilla del Pino, de 1973, debe ser unha edición «fantasma».

Outra mostra de pedantismo semi-universitario: p. 305, nota 321. Non a reproduzo, para que?

p. 445, nota 406: «La frase [tristes son los vinos y los violines de Hungría] se atribuye al propio Cunqueiro, etc. [é dicir, unhas consideracións de erudición de pacotilla]». Non discuto que a frase sexa de Cunqueiro, mais convén lembrar que Fra Vernero, de Ramón Otero Pedrayo, libro que comentou en recensión o mindoniense, e que se pode ler no outro libro do que falamos máis adiante, se inicia co capítulo: «Os tristes viños de Hungría».

p. 446, nota 405: «Juan de la Coba, etc,…»; p. 693, nota 567: Juan de la Coba/Xan de la Coba, etc.»

p, 456, nota 417, «A Franciso Noy, amigo de Cunqueiro y amante de la gastronomía lo encontramos en la revista Destino (Barcelona) en el monográfico titulado “Los placeres de la sobremesa (café, copa y puro)” (nº 1559, de 24/VI/1967), donde firma el artículo “El café y sus modestas delicias”. En colaboración con Cunqueiro, redacta el diccionario de gastronomía que cierra el número». O lector pode encontrar a Francesc Noy en La Gaceta ilustrada e Historia e vida, fundador de ambas, e en La Vanguardia, de Barcelona, xornal do que foi director, de 1983 a 1987, ademais de ser cargo da Generalitat e un dos artífices do decreto que introducía o catalán no ensino con carácter obrigatorio, etc.

p. 560, nota 495, «Somoza y Macías: Anastasio Somoza Debayle (1925-1980) ejerció una aterradora dictadura en Nicaragua (1967-1972 y 1974-1979). En 1980 fue asesinado en Asunción (Paraguay). Sobre el dictador escribió Vargas Llosa su novela La muerte del chivo. […]». Todo isto está moi ben, aínda que o da novela de Vargas Llosa non vén a conto, e aínda máis tendo en conta que o peruano basea a súa obra na figura do ditador da República Dominicana Rafael Leónidas Trujillo.

E acabo aquí, ben que hai máis, demasiadas, pero non se trata de aborrecer a ninguén, a empezar por min mesmo. No entanto, e a pesar da maioría de notas, que sobran, o lector teno doado: non as le e vai ao que interesa, os excelentes artigos de Cunqueiro.

II

O mundo que teño de meu. Artigos en lingua galega. Prensa e revistas 1930-1980, recolle os artigos en galego publicados na prensa do país por Cunqueiro nos anos que se indican. Aquí, os encargados da edición, Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger, que xa fixeran a edición da poesía galega do noso autor, edición na que se introduciran algúns erros menores e un maior (no volume en que se axunta a poesía de 1933 a 1981, dáse, páxina 262, como non publicado en libro o poema «Lord Dunsany/Epitafio», cando o lector o pode encontrar no mesmo volume, dentro de Herba aquí e acolá, p. 102: o único que cambia é un guión); dicíamos, os encargados da edición cúranse en saúde e non poñen notas a rodapé, por se acaso, e fan ben. Ora, hai algúns erros que son case que imperdoábeis. Por exemplo, de El Pueblo Gallego, de antes de 1936 non se recollen os seguintes artigos, que deberán, acho, introducirse en próximas edicións: O mundo i-outras vísperas. H. Lutteroth, (7-VII-1935), Divagacións de vran. Cousas que pasan (4-IX-1935); Divagacións de vran. Século XIX (20-IX-1935); O mundo i-outras vísperas: a creazón. Os continentes (30-X-1935); O mundo i-outras vísperas. Diversos. Estampas (14-XII-1935); Diversos. Versión de don Johan (29-XII-1935); Notas. Diversas historias (23-II-1936); Escadas antigas. Versión de primaveira (29-III-1936); Vos de fermosura (30-IV-1936); Retratos (19-VI-1936). Non sabemos se falta algún máis, xa que a colección colgada na rede está incompleta.

Da revista Grial non se reproducen un monte de artigos ou traballos, publicados co seu nome ou coa variedade de pseudónimos (e siglas destes pseudónimos) aos que nos tiña afeitos Cunqueiro. Deixáronse para outro volume? Non se reproducen porque algúns deles xa foran publicados en Faro de Vigo e formarán parte do volume que reunirá as colaboracións en galego do noso autor no xornal vigués? Pode ser, mais algún dos traballos ou artigos que se reproducen aquí da revista Grial viran xa luz no xornal vigués, por tanto, como non se explica o criterio, non entendo a non inclusión dunha boa cantidade de artigos aparecidos, vicariamente ás veces, de Cunqueiro na devandita revista.

N’O mundo que teño de meu, como en todo libro que se prece, non faltan as erratas de imprenta, outras máis ben son debidas ao despiste ou impericia (non hai maneira de que se reproduzan ben os versos que aparecen en francés). Por exemplo, no artigo «O mundo i outras vísperas. As vidas ilumiadas. Johan Bén e Bóo», p. 61. Cunqueiro fala do Aduaneiro (Douanier) Rousseau: aquí podemos ler «o “Jovanier” Rousseau». De acordo, en El Pueblo Gallego (por certo, do 23 do XII, non do II, como anotan os editores, de 1934) aparece así, mais… volta o erro. No artigo «O mundo i-outras vísperas. As vidas ilumiadas: Landín», lemos: «Exaitamente Landín non é un “dovanier” ao Rousseau». Cambiando Dovanier por Douanier tampouco ten moito sentido, en todo caso, o ao debería desaparecer.

No que respecta aos textos de Cunqueiro, observará o lector que a maioría dos artigos de antes de 1936 son case nada, moi pouca cousa. O escritor estaba a facerse e aínda non dominaba, para nada, a técnica do artigo de xornal e, moito menos, a da narración. Vense indicios, mais pouca cousa máis: antes de 1936 era, sobre todo, poeta. Son textos que había que recoller, textos históricos, a prehistoria de Álvaro Cunqueiro como prosista, pouca cousa máis. Outro cantar son os artigos que se entregan aquí aparecidos despois de 1960, cando o mindoniense acada a súa madurez como escritor, a súa madurez literaria. Ás veces estes artigos, cando falan de literatura, son, sen querelo, polémicos, mais tamén é verdade que non lles falta certa lucidez. Por outra parte, o que habería que preguntarse era para quen escribía estes artigos Cunqueiro (e a maior parte da súa literatura): a súa recepción, nos anos 1960 e 1970 entre a mocidade era nula, e a literatura galega que aparecía por aqueles anos ía por outros camiños. O mindoniense, como todo gran escritor, escribía a contrapelo, fóra de modos e modas, creando un mundo propio a partir do seu mundo, do seu arredor, malia o que poidan pensar os nostálxicos do realismo social (anda pola rede unha entrevista cun deses escritores, onde afirma, así, impunemente: ««El mundo creativo de Cunqueiro es aristocratizante y mitificador, evasivo». Pode ser mitificador, como todo mundo propio, e mesmo, se se quere, evasivo, o que cabería discutir, mais «aristocratizante»?).

En fin, esqueza o lector notas e erros e intérnese nestes artigos de Álvaro Cunqueiro, uns artigos que, como na súa prosa, aborrece do mot juste, ese que tanto aman algúns escritores galegos (para quen adxectivo é sinónimo de literatura: prometo falar dalgúns deles, que teñen certo éxito entre a crítica e un pouco menos entre lectores, en próximas ocasións), esquecendo que o adxectivo é o maior inimigo do escritor. Goce cuns artigos dun escritor que sabía, aínda que non o teorizase, que ser subversivo (en literatura, en cultura) non é axeitarse ás actitudes máis de moda. Un escritor que soubo, desde os anos 1950?, que ninguén o escoitaba e fixo o único que podía facer: intentar vivir e escribir consonte as súas crenzas e… deixar que o mundo podreza, como escribía non hai moito G. Josipovici.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *