<em>Lugar de incendios (V)</em>, por Paco Souto e Serxio Moreira

Lugar de incendios (V), por Paco Souto e Serxio Moreira

0 comentários 🕔08:00, 07.Mai 2014

2014 Paco Souto ilustración 9

ÁFRICA

E despois de andar
O día enteiro
Andar ainda tres veces máis
Cos nenos ás costas
Ou colgando de ubre escasa
E saír unha
Ou sete ou mil
E despois furar fondo no barro
Para non atopar da auga
Máis que o nome

E volver
Co camiño da noite
A deitar o vómito na cama
E morrer de fame
Ou diarrea

E seguir a andar de morta
A vida enteira

2014 Paco Souto 9

2014 Paco Souto ilustración 10

METAMORFOSE

Vivo nun país de Marea baixa
Entre argazos e agullas de coral
Construímos a ilusión do solpor mentres
O sol debruza con quietude os seus pés
Na lagoa da tarde

De enchermos a lúa
O noso país cativo afogaría en sal océana
Apenas é un baixo
A romper a pedra azul das augas
Un salseiro de cobalto
Sen terra para a labranza
Sen augas de beber
Sen respiro apenas

Só nos queda
Arrincar a pel e que veñan as escamas
Empeñar brazos e pernas por aletas
E iluminar coa tuberculose
As galadas que nos dean alento
Mar adentro

2014 Paco Souto 10

Sobre o autor / a autora

Francisco Souto

Francisco Souto

(Galiza) A Coruña, 1962. Coeditor das edicións do Dragón nas que publica os cartóns colectivos Ao mar de adentro, A rota dos baleeiros e Dous bocetos. Coeditor tamén de Letras de Cal nas que publica Fado, 1998. É autor ademais de As árvores do incesto, Espiral Maior, 1995; Crebar cristais coa lingua, Caldeirón, 2003 e As horas de María, Espiral Maior, 2007. Ten no seu haber, entre outros, os premios Espiral Maior 1994, Johán Carballeira 2006, e foi accesit do III premio de poesía erótica Illas Sisargas co libro E alentar na túa rosa que verá a luz proximamente na colección Caldeirón. En 1993 realiza xunto a Kukas e Laura Quintillán o espectáculo pluridisciplinar América. En 2001 na sala galán do Compostela xunto ao piano de Serxio Moreira a montaxe Como águas de maio co que repite en Aviléscanto, 2003; As horas de María, 2007 e na homenaxe a Xelucho Abella por encargo da A. C. Monte Branco para a festa das letras 2008. Ilustra os libros Tortillas para os obreiros de Fran Alonso, Xanela ao bío de Paco de Tano, Arredor do teu corpo de Antonio García Teijeiro e Baile Átha Cliath de Alberte Momán e realiza portadas para o libro de Miro Villar, Ausencias pretéritas e Um corpo para a infância de Celeste Craveiro. Participa en exposicións colectivas como Botella ao Mar, ou as organizadas por adega arredor do lixo ou Artnatura, e individuais como Poemas suxos, ou no restaurante Mar de Ardora, Lugar de incéndios. Colaborou en teatro cos Monicreques de Kukas en Don Gaiferos e con Matarile en Hamletmaschine. Fai crítica teatral para A Nosa Terra, a día de hoxe ten un programa semanal de literatura A Escrita en Radio Roncudo, única radio libre da Costa da Morte.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *