Palabras para Ana Romaní (notas a propósito do libro <em>Estremas</em>), por María do Cebreiro

Palabras para Ana Romaní (notas a propósito do libro Estremas), por María do Cebreiro

0 comentários 🕔11:30, 14.Mai 2014

Débolle a Paulino Vázquez unha consideración luminosa: as tradicións literarias non son simétricas. Onde nós temos o bosque e a madeira, o francés ten unha palabra que non se parece a ningunha destas dúas. Na época de Newton o latín era a lingua da ciencia, pero iso non fixo da poesía en romance un acontecemento de menor relevancia que o latín. As cousas teñen a desconcertante característica de ser como son. E as cousas, entre nós, apuntan a unha evidencia: cando menos desde o século XIX, a poesía é a forma literaria máis vizosa da literatura galega.

Sabemos o nome de quen fixo posible esa evidencia, e Ana Romaní ten sempre o tivo presente nos seus versos. Rosalía de Castro adoita aparecer dentro deles como se fose unha vella amiga da poeta, e teño para min que a Rosalía a faría feliz gozar da súa amizade. Pero a figura que alenta en Estremas non é a escritora do século XIX, a amiga de tantas mulleres das que sabemos tan poucas cousas, como a misteriosa galesa María Jones, que vive para sempre na dedicatoria da “Oda ao xeneral John Moore”. A Rosalía de Estremas é a muller solitaria do poema “Estranxeira na súa patria”, a que ve pasar diante súa un longo desfile de desaparecidos. Unha muller á espreita entre dous mundos.

Malia todo, o libro tamén nomea a posibilidade de construír o común. A poesía non só é a linguaxe do eu: ás veces pode ser a linguaxe do nosoutros e do nosoutras. O problema é que a comunidade non existe. Esa certeza, que pon medo e esperanza, lévanos á frase iluminada de Paul Klee, retomada máis tarde por Gilles Deleuze, e aínda máis tarde por Chus Pato: “o pobo falta”. A literatura non se escribe porque hai pobo. A literatura escríbese porque non o hai.

A comunidade, daquela, non existe. Pero aquí, mentres dure o poema, podemos imaxinala. Estremas, nese sentido, é unha visión. E ten, como todas as visións, o perigo da inminencia. Os narradores xogan a testemuñar o pasado, pero na literatura e na vida o verdadeiro desafío é testemuñar o futuro. E a visión que ergue o libro resulta abraiante: son os materiais pequenos e corruptibles os que lles dan forma ás vísceras do mundo. Para contar todo iso, Ana Romaní debe empregar a linguaxe da materia, que en ningún caso equivale á linguaxe natural.

Nun artigo moi suxestivo, o historiador Carlo Ginzburg referíase á importancia do que denominaba “paradigma indiciario” da comprensión humana. A pegada dos paxaros no chan, a pegada dos pés na neve: todo iso tamén nos fala, e debemos aprender a desvelar o que nos di. A poesía escríbese co alfabeto mais tamén para alén (ou antes) de calquera alfabeto. Estremas emprega a lingua dos fósiles e das dunas. Ese é o sentido no que podemos afirmar que Ana Romaní escribiu un libro que, case sen querelo, nos le.

A versión oral deste escrito foi dita na presentación do libro Estremas, de Ana Romaní, que tivo lugar na librería Couceiro, o día 16 de febreiro de 2011.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *