<em>Ideas sobre a novela, de Donatien-Alphonse-François Sade, marqués, ou máis ben, conde de Sade (I)</em>, por Xesús González Gómez

Ideas sobre a novela, de Donatien-Alphonse-François Sade, marqués, ou máis ben, conde de Sade (I), por Xesús González Gómez

0 comentários 🕔12:30, 21.Mai 2014

Señor de la Coste e Saumane, copropietario de Mazan, lugartenente xeral nas provincias de Valmory e Gex, coronel de cabalaría, Donatien Alphonse (ou Aldonze) François de Sade, coñecido como o marqués de Sade (1740-1814) nace en París e morre no asilo de Charenton. De 1744 a 1750 o xove marqués vive en Saumane, cun tío seu, o abade Sade d’Ebreuil, encargado da súa primeira educación. En 1750 volta a París e vai estudar cos xesuítas. En 1755, despois dun ano de exercicios na Escola de Cabalaría é nomeado subtenente no rexemento de infantaría do rei. Alférez e despois capitán, sempre na arma de cabalaría, Sade toma parte na guerra do Sete anos. En 1763 casa con Renée-Pélagie de Montreuil, que sempre será unha fiel e devota esposa e coa que terá dous fillos e unha filla1. Cinco meses despois do seu casamento, Sade é encarcerado durante quince días en Vicennes por excesos cometidos nun bordel. En abril de 1768 é novamente encarcerado debido á denuncia dunha mendiga, outros afirman que unha prostituta (Rosa Keller), que recolle na rúa e leva á súa casa de Arcueil. Rosa acúsao, entre outras cousas, de flaxelación; cando o fiscal se dispón a procesalo foxe, mais finalmente é detido e encarcerado. Liberado en novembro, regresa ao seu castelo de La Coste, onde se encapricha da súa cuñada, Anne de Launay, destinada pola familia a seguir unha carreira relixiosa. Segundo algúns biógrafos, esta foi a única muller á que realmente amou o marqués. Mais iso son suposicións. En 1772, en Marsella, Donatien-Alzonde é acusado de envelenamento, polo que foxe, coa súa cuñada, a Italia. O Parlamento de Provenza condénao á pena capital por envelenamento e sodomía: o 12 de setembro dese ano é executado en efixie na cidade de Aix-en-Provence. Refuxiado en Chambéry en outubro, é arrestado o 8 de decembro por orde do rei de Sardeña, atendendo a petición da sogra do marqués, madame de Montreuil, «A Presidenta», quizais a muller que máis «influiu» na vida de Sade, e conducido á prisión de Miolans. Cinco meses despois, en maio, evádese. A súa estadía en La Coste, entre 1774 e 1777, está marcada por diversos escándalos. Este último ano, a presidenta de Montreuil obtén unha «lettre de cachet» (é dicir, unha orde de arresto e prisión sen pasar polos tribunais) e consegue que sexa encarcerado en Vicennes en febreiro, sendo en xuño do ano seguinte transferido a Aix-en-Provence. Malia que a sentenza do Parlamento de Provenza é revogada, continúa en prisión durante once anos. O 19 de febreiro de 1784 é transferido á Bastilla, onde escribe Os crimes do amor, a primeira Justine, Os cento vinte días de Sodoma, Aline e Valcour e as Historietas. Pouco antes do 14 de xullo de 1789, tenta amotinar ao pobo parisino, berrando, desde a fiestra da súa cela, que os carcereiros querían estrangular os prisioneiros: é trasladado a Charenton. Liberado o 2 de abril de 1790, o ano seguinte publica Justine ou as desgrazas da virtude. En 1792 traballa na sección de Picas, como secretario; en agosto do ano seguinte é presidente da devandita sección. Como presidente desta sección, rexeita unha moción a favor da pena de morte, que coidaba inhumana, polo que é acusado de moderantismo e arrestado o 5 de decembro. Encerrado en diversas prisións, o seu nome figura na requisición colectiva de Fouquiler-Tinville, o 8 (é dicir o 27/28 de xullo) de Thermidor, mais ao non ser encontrado en ningunha prisión, Sade escapa providencialmente á morte. Liberado o 15 de outubro de 1794, continúa as súas publicacións: Aline e Valcour ou novela filosófica, A filosofía no toucador, A Nova Justine ou as desgrazas da virtude, Os crimes do amor… No 1801, considerado como autor libertino, o 6 de marzo é arrestado pola policía do Consulado. Despois dunha estadía de dous anos en Saint-Pelagie e Bicêtre, é internado administrativamente no asilo de Charenton, onde Marie-Constance Quesnet, a súa amante, obtén permiso para vivir con el. Grazas á benevolencia do seu director, élle permitido a Sade facer representacións teatrais ás cales asiste, até 1808, a aristocracia do Imperio. Tamén lle conceden permiso para escribir: son anos de grande actividade literaria. En 1813 aparece a súa novela menos «pornográfica», A marquesa de Gange, e ao ano seguinte, o 2 de decembro, morre: na súa pedra tumular non se inscribe ningún nome.

O marqués de Sade, como todo o mundo sabe, foi un grafómano consumado. Escribiu centos e centos de páxinas: novelas, relatos ou contos, escritos circunstanciais, un diario da súa estadía en Charenton, centos de cartas e mesmo obras teatrais. Foi «descuberto» xa a finais do século XIX, aínda que non se coñecían todas as súas obras. A pesar de ser coñecido por Baudelaire e que Guillaume Apollinaire publicou algunha obra súa na colección Bibliothèque des curieux e escribiu prólogos para estas obras, foron Maurice Heine e máis Gilbert Lély os seus primeiros grandes estudosos e editores. Os surrealistas elevárono, por así dicilo, aos seus altares, e hoxe o divino marqués, como o denominaba Valle-Inclán, é coñecido en todo o mundo, aínda que é pouco lido: máis pasto para filósofos e moralistas de que para estudosos da literatura. Para uns é un ser aborrecíbel, para outros un escritor pesadísimo, e algúns considérano como un dos cumios da literatura francesa de todos os tempos. (Entre estes últimos encóntrase a grande Annie Le Brun, quizais a máis orixinal intérprete do marqués hoxe en día, autora de tres libros sobre Sade: Soudain un bloc d’abîme, Sade, aller et détours e On n’enchaîne pas les volcans, á parte de diversos traballos en diferentes libros seus como Les chateaux de la subversion (talvez o mellor libro sobre a novela «gótica») ou De l’inanité de la littérature). Para Le Brun, Sade, como dixemos, é un dos grandes escritores e pensadores franceses de todos os tempos. Para outros, entre os que me conto, o marqués é un orixinal pensador e un novelista pesadísimo e aburrido, tomando emprestados os termos de Octavio Paz. Sade intentou en todos os seus libros esclarecer novelisticamente o seu pensamento –como por outra parte fixo, por exemplo, Sartre en Les chemins de la liberté: nin un nin outro puideron superar as dificultades que se lles presentaron.

Sade, nas súas novelas, constrúe cunha minuciosidade case que patolóxica os seus mundos, que están totalmente separados do mundo, mais, literariamente, as novelas non «resultan». Resulta, das novelas, outra cousa, a «pretensión extremadamente firme de fundar a soberanía do home sobre a negatividade» (Blanchot). Porque quere fundar esa soberanía e dala a coñecer aos seus contemporáneos, Sade bota man da novela, mais dunha novela que non pode ser «pura» e así o explica nesta incursión (ou excursión?) sobre a novela que puxo como prólogo a Os crimes de amor, outro deses insoportábeis, literariamente falando, «romans» do noso marqués.

Esta incursión teórica dun mal novelista e un pensador orixinal vale o que vale: unha curiosidade e, a pesar de Annie Le Brun –cuxos libros deben ser, é máis, son de lectura obrigatoria, porque van alén de Sade–, máis nada. Como curiosidade entregamos a versión desta «excursión» teórica sobra a novela ao galego.

IDEAS SOBRE A NOVELA

Marqués de Sade

Denomínase novela (roman) á obra fabulosa composta segundo as máis singulares aventuras da vida dos homes.

Mais, por que esta clase de obras leva o nome de novela?

En que pobo debemos procurar a orixe, cales son as máis famosas?

E cales son, finalmente, as regras que hai que seguir para chegarmos á perfección na arte de escribir?

Eis os tres problemas que nos propomos tratar. Comecemos pola etimoloxía da palabra.

Ao non nos dicir nada o nome desta composición nos pobos da Antigüidade, non debemos, paréceme, dedicarnos máis que a descubrir por que motivo leva entre nós o nome que aínda lle damos.

Como se sabe, a lingua romana era unha mestura do idioma céltico e latino, usada baixo as dúas primeiras estirpes dos nosos reis. É de abondo razoábel pensar que as obras do xénero de que falamos, compostas nesta lingua, deberon levar o seu nome, e debeuse dicir unha romane para designar a obra en que se trataba de aventuras amorosas, como se dixo un romance para falar das lamentacións do mesmo xénero. En van se procurará unha etimoloxía diferente a esta palabra; ao non ofrecer o sentido común ningunha outra, parece sinxelo adoptar esta.

Pasemos, xa que logo, ao segundo problema.

En que pobo debemos procurar a orixe desta clase de obras e cales son as máis célebres?

A opinión común acha descubrila nos gregos. Pasou de alá aos Mouros, de quen os Españois a tomaron para transmitila de contado aos nosos trobadores, de quen a recibiron os nosos novelistas de cabalarías.

Aínda que eu respecte esta filiación, e a ela me someta en ocasións, estou, porén, lonxe de adoptala rigorosamente: non é, con efecto, moi difícil en séculos en que as viaxes eran tan pouco coñecidas e as comunicacións interrompidas? Hai modas, costumes, gustos que non se transmiten; inherentes a todos os homes, nacen naturalmente con eles; por todas as partes onde existen, áchanse pegadas inevitábeis deses gustos, deses costumes, desas modas.

Non o dubidemos un intre: foi nas primeiras rexións que recoñeceron aos deuses que as novelas tiveron a súa orixe, e, xa que logo, en Exipto, berce certo de todos os cultos. Apenas os homes sospeitaron uns seres inmortais, fixéronos actuar e falar. A partir de entón, eis as metamorfoses, as fábulas, as parábolas, as novelas. Nunha palabra, eis as obras de ficción, a partir do momento en que a ficción se apodera do espírito dos homes. Eis libros fabulosos, en tanto se trata de quimeras: cando os pobos, en principio guiados polos sacerdotes, despois de degolarse polas súas fantásticas divindades, se arman finalmente para o seu rei ou para a súa patria, a homenaxe ofrecida ao heroísmo contrapesa a da superstición: non só se colocan, moi sabiamente entón, os heroes no lugar dos deuses, senón que se canta aos fillos de Marte como antes se celebraran os do ceo; engrandécense as accións relevantes da súa vida, ou cansos de se ocuparen deles, créanse personaxes que se lles parezan… que os superen: e axiña aparecen novas novelas, máis verosímiles sen dúbida, e máis axeitadas para o home que aquelas que só celebraron fantasmas. Hércules2, gran capitán, debeu combater valentemente aos seus inimigos: eis o heroe e a historia. Hércules aniquilando monstros, fendendo xigantes: eis o deus… a fábula e a orixe da superstición. Mais superstición razoábel, pois non ten outra base que a recompensa do heroísmo, o recoñecemento debido aos liberadores dunha nación, mentres que a que forma seres increados, e nunca percibidos, só ten por motivos o temor, a esperanza e a desorde do espírito. Cada pobo tivo, xa que logo, os seus deuses, os seus semideuses, os seus heroes, as súas verdadeiras historias e as súas fábulas. Algunha cousa, como acabamos de ver, puido ser verdade no que se refería aos heroes; todo o demais foi forxado, fabulado, todo foi obra de invención, todo foi novela, porque os deuses só falaron a través do órgano dos homes, quen, máis ou menos interesados neste ridículo artificio, non deixaron de comporen a linguaxe dos fantasmas do seu espírito, con todo o que imaxinaron de máis apto para seducir ou para aterrorizar, e en consecuencia co máis fabuloso: «É unha opinión admitida, di o sabio Huet3, que o nome de novela se daba noutrora ás historias, e que se aplicou, despois, ás ficcións, o que é testemuña irrefutábel de que unhas proceden das outras».

Houbo, pois, novelas escritas en todas as linguas, en todas as nacións, cuxo estilo e feitos se encontraron calcados sobre os costumes nacionais e sobre as opinións admitidas nestas nacións.

O home está suxeito a dúas debilidades que sosteñen a súa existencia, e que a caracterizan. En todas partes é preciso que rece, en todas partes é preciso que ame, e eis a base de todas as novelas. Fíxoas para pintar os seres a quen imploraba, fíxoas para celebrar a quen amaba. As primeiras, ditadas polo terror ou a esperanza, deberon ser sombrías, xigantescas, cheas de mentiras e de ficcións: como as que Esdras compuxo durante o cativerio de Babilonia. As segundas, cheas de delicadeza e sentimentos: como a de Théagène et Chariclée de Heliodoro4. Mais como o home rezou, como amou en todas as partes do globo que habitou, houbo novelas, é dicir, obras de ficción que tanto pintaron os obxectos fabulosos do seu culto como aqueles máis reais do seu amor.

Non hai pois que esforzarse para procurarmos a orixe deste xénero de escrita preferentemente en tal ou cal nación. Polo que se acaba de dicir, debemos convencernos de que todas o empregaron máis ou menos, en razón á maior ou menor inclinación que sentiron ben cara ao amor, ben cara á superstición.

Unha ollada rápida agora sobre as nacións que mellor acolleron estas obras, sobre as propias obras e sobre os que as compuxeron: estiremos o fío até nós para levar os nosos lectores a estabelecer mesmo algunhas ideas de comparación.

Aristide de Mileto5 é o máis antigo novelista de que nos fala a Antigüidade, mais as súas obras xa non existen. Sabemos soamente que chamaba aos seus contos Os milesiacos; unha liña do prefacio d’O asno de ouro parece demostrar que as producións de Aristide eran licenciosas: vou escribir nese xénero, di Apuleio ao comezar o seu O asno de ouro.

Antonio Dióxenes, contemporáneo de Alexandre, escribiu nun estilo máis puído os Amores de Dinias e de Dercillis, novela chea de ficcións, de sortilexios, de viaxes e de aventuras bastante extraordinarias, que Le Seurre copiou en 1745 nunha obra aínda máis singular, pois non contento con facer viaxar os seus heroes por países coñecidos, como Dióxenes, paseounos tanto pola lúa como polos infernos.

Veñen despois as Aventuras de Sinonis e de Rodhanis, por Jamblique; os Amores de Thêagène et Chariclée, que acabamos de citar, a Ciropedia, de Xenofonte; os amores de Dafne e Cloe, de Longo; os Ismene e Ismenia, e moitos outros, ou traducidos ou completamente esquecidos nos nosos días.

Os romanos, máis propensos á crítica e á malicia, que ao amor ou á oración, contentáronse con algunhas sátiras, como as de Petronio ou de Varrón, que será preciso gardarnos moi ben de clasificar como novelas.

Os gauleses, máis próximos de ambas debilidades, tiveron os seus bardos que se poden considerar como os primeiros novelistas da parte de Europa que habitamos. A profesión destes bardos, di Lucano, era escribir en verso as accións inmortais dos heroes da súa nación e cantalas ao son dun instrumento que se parecía á lira; moi poucas destas obras son coñecidas nos nosos días. Tivemos logo os feitos e xestas de Carlomagno, atribuídos ao arcebispo Turpin, e todas as novelas da Mesa Redonda, os Tristán, os Lancelot do Lago, os Perce-fôrets, escritas todas coa intención de inmortalizaren heroes coñecidos, ou de inventaren a partir deles outros que, adornados pola imaxinación, os superen en marabillas. Mais que distancia entre estas obras longas, aborrecidas, inzadas de superstición e as novelas gregas que as precederan! Que barbarie, que grosería sucedían ás novelas cheas de gusto e de agradábeis ficcións cuxos modelos nos legaran os Gregos! Pois malia que houbo sen dúbida outras antes que aquelas, cando menos daquela non eran coñecidas.

Os trobadores apareceron a continuación, e aínda que se deba miralos máis como poetas que como novelistas, a cantidade de lindos contos que compuxeron en prosa confírelles, non obstante, con xusta razón, un lugar entre os escritores de quen falamos. Para se convencer, basta con pousarmos os ollos sobre os seus fabliaux, escritos en lingua romana baixo o reinado de Hugo Capeto, e que Italia copiou con tanto apresuramento.

Esta bela parte de Europa, aínda xemente baixo o xugo dos Sarracenos, lonxe aínda da época en que debía ser o berce do renacemento das artes, non tivera case novelistas até o século X. Aparecen máis ou menos na mesma época que os nosos trobadores en Francia, e imitáronos. Mais ousemos recoñecer esta gloria: non foron en absoluto os italianos os nosos mestres nesta arte, como di La Harpe6, pola contra, foi entre nós que se formaron. Foi na escola dos nosos trobadores que Dante, Bocaccio, Tasso, e mesmo un pouco Petrarca, esbozaron as súas composicións; case todos os relatos de Bocaccio se encontran nos nosos fabliaux.

Non acontece o mesmo cos españois, instruídos na arte da ficción polos Mouros, que á súa vez a tiñan dos gregos, dos que posuían todas as obras deste xénero, traducidas ao árabe; fixeron deliciosas novelas imitadas polos nosos escritores. Volveremos sobre o tema.

A medida que a galantería cobrou unha nova face en Francia, a novela perfeccionouse, e foi entón, é dicir, a comezos do século pasado, que d’Urfé7 escribiu a súa novela L’Astrée que nos fixo preferir, con toda a razón, os seus encantadores pastores de Lignon aos extravagantes espadachíns dos séculos XI e XII. O furor da imitación apoderouse a partir de entón de todos aqueles a quen a natureza afeccionara a este xénero. O asombroso éxito de L’Astrée, que se lía aínda a mediados deste século, inflamara completamente as cabezas, e foi imitada sen igualala. Gomberville, La Clapranède, Desmarets e Scudéry creron superar o seu modelo, pondo príncipes ou reis no canto dos pastores de Lignon, e caeron no defecto que o modelo evitaba. Scudéry cometeu a mesma falta que o seu irmán: como el quixo ennobrecer o xénero de d’Urfé, e como el puxo aborrecidos heroes no canto de lindos pastores. En vez de representar na persoa de Ciro un príncipe tal como o pinta Herodoto, compuxo un Artamenes máis louco que todos os personaxes de L’Astrée…, un amante que só sabe chorar da mañá á noite, e cuxas languideces cansan no canto de interesar. Idénticos inconvenientes no seu Clélie, onde empresta aos romanos, que desvirtúa, todas as extravagancias dos modelos que seguía e que nunca foran mellor desfigurados.

Permítasenos retroceder un instante para cumprir a promesa que acabamos de facer de botar unha ollada sobre España.

Certamente, se a cabalaría inspirara os nosos novelistas en Francia, a que punto non subira igualmente ás cabezas alén dos montes! O catálogo da biblioteca de Don Quixote, agradabelmente composto por Miguel de Cervantes, demóstrao con toda evidencia. Mais aínda que poidan existir, o célebre autor das memorias do maior louco que puido imaxinar un novelista non tiña seguramente rivais. A súa inmortal obra, coñecida en toda a terra, traducida a todas as linguas, e que debe considerarse a primeira de todas as novelas, posúe sen dúbida, máis que ningunha delas, a arte de narrar, de mesturar agradabelmente as aventuras e particularmente a de instruír deleitando. Este libro, dicía Saint-Évremond8, é o único que releo sen aborrecerme e o único que gustaría ter escrito. As doce novelas do mesmo autor, cheas de interese, de sal e de finura, acaban por situar en primeira fila este famoso escritor español, sen o cal quizais non tivésemos nin a encantadora obra de Scarron9 nin a maioría das de Le Sage10.

Despois de d’Urfé e os seus imitadores, despois das Ariane, as Cléopâtre, os Polixândre, todas estas obras onde finalmente os heroes, a suspiraren durante nove volumes, casan moi felizmente no décimo; despois, digo eu, de todo este amasillo inintelixíbel hoxe, apareceu Mme. de La Fayette, quen, aínda que seducida polo lánguido ton que encontrou estabelecido nos que a precedían, non obstante abreviou moito: e facéndose máis concisa, converteuse en máis interesante. Díxose, porque era muller (como se este sexo, naturalmente máis delicado, máis feito para escribir novelas, non puidese neste xénero pretender máis loureiros do que nós), pretendeuse, digo, que infinitamente axudada, La Fayette11 só fixera as súas novelas coa axuda de La Rochefoucauld para os seus pensamentos e de Segrais12 para o estilo. Sexa como for, nada tan interesante como Zaïde, nin tan agradabelmente escrito como La Princesse de Clèves. Amábel e encantadora, se as grazas dirixían o teu pincel, non lle era permitido ao amor dirixilo algunha vez?

Apareceu Fénelon, e pensou facerse interesante ditando poeticamente unha lección a uns soberanos que non as seguiron nunca. Voluptuoso amante de Guyon, a túa alma tiña necesidade de amor, o teu espírito sentía a de pintar; se abandonases o pedantismo ou o orgullo de reinar, teriamos de ti obras mestras no canto dun libro que xa non se le. Non acontecerá o mesmo contigo, delicioso Scarron: a túa novela fará rir até o fin do mundo, os teus cadros non envellecerán xamais. Télémaque13, que só tiña un século para vivir, perecerá baixo as ruínas deste século que xa non existe; e os teus comediantes de Mans, caro e amábel fillo da loucura, divertirán mesmo aos máis serios lectores, en tanto haxa homes sobre a terra.

Cara o final do mesmo século, a filla do famoso Poisson (Mme. de Gomez), nun xénero moi diferente ao dos escritores do seu sexo que a precederan, escribiu obras que non por iso eran menos agradábeis; tanto as súas Journées amusantes como as súas Cent Nouvelles nouvelles están sempre, malia os seus defectos, na biblioteca de todos os afeccionados a este xénero. Gomez entendía a súa arte e non se podería refusarlle o xusto eloxio. Mlle. de Lussan, Mme. de Tencin, de Graffigny, Èlie de Beaumont e Riccoboni14 rivalizaron con ela; os seus escritos, cheos de delicadeza e de gusto, honran certamente o seu sexo. As Lettres péruviennes de Graffigny serán sempre un modelo de ternura e de sentimento, como as de milady Catesby, de Riccoboni. Poderán servir eternamente a quen só pretenden a graza e a lixeireza de estilo.

Mais volvamos ao século no punto en que o abandonamos, apremados polo desexo de loar a amábeis mulleres que daban neste xénero tan boas leccións aos homes.

O epicureísmo dos Ninon de Lenclos, dos Marion, dos Lorme, dos marqueses de Sévigné e de La Rare, dos Chalieu, dos Saint-Évremond, en fin, de toda esta encantadora sociedade, que, de volta das languideces do Deus de Citerea, comezaba a pensar, como Buffon, que non había máis amor bon que o físico, cambiou pronto o ton das novelas. Os escritores que apareceron a continuación sentiron que as frivolidades xa non divertirían a un século pervertido polo Rexente, un século desenganado de loucuras cabaleirescas, de extravagancias relixiosas e da adoración das mulleres, e, ao achar máis simple divertir estas mulleres ou corrompelas que servilas ou loalas, crearon acontecementos, cadros, conversas máis consonte co espírito do tempo; rodearon de cinismo as inmoralidades cun estilo agradábel e xogantín, ás veces mesmo filosófico, e, cando menos, se non instruíron, gustaron.

Crébillon escribiu Le Sopha, Tanzaï, Les Égarements de coeur et d’esprit, etc. Novelas todas que afagaban o vicio e se afastaban da virtude, mais que, cando apareceron, debían pretender o maior dos éxitos.

Marivaux, máis orixinal na súa maneira de pintar, máis nervioso, ofreceu cando menos caracteres, cativou a alma, e fixo chorar. Mais, como con tal enerxía podía ter un estilo tan preciosista, tan amaneirado? Demostrou de máis que a natureza non concede nunca ao novelista todos os dons necesarios para a perfección da súa arte.

NOTAS

1 A este respecto, léanse as cartas que lle dirixe o marqués á súa dona in Sade, Lettres choisies, preface de Gilbert Lely, Paris, UGE, 1970.

2 Hércules é un nome xenérico, composto de dúas palabras célticas, Her-coule, que quere dicir Señor Capitán. Hércules era o nome do xeneral do exército, o que multiplica infinitamente os Hércules. A fábula atribuíu despois a un só as accións marabillosas de varios. (Ver Histoire des Celtes, por Pelloutier.) (N. A).

3 Pierre Daniel Huet (1630-1721). Bispo de Avranches, autor dun Traité de l’origine des romans (1760) (Ndt.).

4 As Etiópicas ou a historia de Teaxeno e Chericlea, novela grega atribuída a Heliodoro de Emeso (Ndt.)

5 Aristide de Mileto, autor de numerosos relatos que tiveron grande éxito nos anos 100 a. C. (Ndt.).

6 J.-F. La Harpe (1739-1803). Polígrafo francés, autor de Lycée ou cours de la littérature ancienne et moderne (Ndt.).

7 Honoré d’Urfé (1567-1625). Poeta e novelista francés (Ndt.).

8 Charles de Marguetel de Saint-Denis, señor de Saint-Évremond (c. 1616-1703). Escritor e historiador libertino, un dos espíritos máis finos da súa época (Ndt.).

9 Paul Scarron (1610-1660). Poeta, autor dramático, libelista e novelista. Un dos grandes escritores franceses do século XVII (Ndt.).

10 Alain-René Le Sage ou Lesage (1668-1747). Novelista e dramaturgo, a súa obra mestra é a novela Historia de Gil Blas (Ndt.).

11 Martin Le Roy Gamberville (1600-1674), autor de novelas como La Cythérée e sobretodo Polixândre. Gautier de Coste La Calpranède (c. 1640-1663), autor dunha Cassandre en cinco partes. Jean Desmarets Saint-Sorlin (1595-1676). Poeta, teólogo, dramaturgo, novelista. En 1632 publicou unha Ariane en dous volumes. Marie-Madeleine Pioche de la Vergne, madame de La Fayette (1634-1639), novelista entre cuxas obras salientan Zaida. Unha historia española e, sobre todo, A princesa de Cléves (Ndt.).

12 Jean Regnaul Segrais (1624-1701). Poeta e novelista. Un dos catro poetas vivos que cita Boileau na súa Arte poética. Parece confirmado hoxe que retocou o estilo das novelas de Mme. de La Fayette (Ndt.).

13 Les aventures de Télémaque (1699), novela didáctica de Fénelon (Ndt.).

14 Mme. Gomez publicou entre 1733 e 1739 Cent Nouvelles nouvelles, novela sentimental. Mlle. De Lussan, autora de novelas históricas cuxa acción se sitúa na Idade Media. Mme. de Tencin autora de cinco novelas, a derradeira, Les malheurs de l’amour, anecdotes de la cour du régne d’Edouard II, roi d’Anglaterre, foi acabada por Élie de Beaumont. Mme. de Riccoboni, autora de novelas como Lettres de Milady Catesby. e Mme. de Graffigny, das no seu tempo famosas Lettres d’une péruvienne (Ndt.).

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *