<em>Lugar de incendios (VI)</em>, por Paco Souto e Serxio Moreira

Lugar de incendios (VI), por Paco Souto e Serxio Moreira

0 comentários 🕔10:00, 21.Mai 2014

2014 Paco Souto ilustración 11

Para Lola

E se tes as mans cheas de arxila
Como non haberá ter o xinete
A dozura do teu aloumiño

E se o corpo
Se che enreda dorido na zorra da artrose
Como non saber do fume da terra
En cada ola

Gardarei as palabras de dicer
No ventre oco dun libro non escrito
E que veña a carroa de toxos e de flores
A cocernos arreo a vida nos poemas

2014 Paco Souto 11

2014 Paco Souto ilustración 12

Á miña nai dóenlle as cervicais
Dóenlle desde sempre
Desde nena
Desde que de nena
Xogaba co gavillo a coller herba
No prado das Casillas
Ou na Telleira
A canda as vacas a pastar beira do Seixedo
Pero sobre todo dóenlle
Desde A Coruña
Desde as bestas do leite
E o paxe á cabeza con brazados de grelos
Con coliflor
As malpicás
Coas patelas cheíñas de sardiña e xurelo
As de Corme
Co encaixe da noite por Camariñas
E veña camiños para abrir o día

Era Galiza
Un país en paxes
Na cabeza das mulleres

2014 Paco Souto 12

Sobre o autor / a autora

Francisco Souto

Francisco Souto

(Galiza) A Coruña, 1962. Coeditor das edicións do Dragón nas que publica os cartóns colectivos Ao mar de adentro, A rota dos baleeiros e Dous bocetos. Coeditor tamén de Letras de Cal nas que publica Fado, 1998. É autor ademais de As árvores do incesto, Espiral Maior, 1995; Crebar cristais coa lingua, Caldeirón, 2003 e As horas de María, Espiral Maior, 2007. Ten no seu haber, entre outros, os premios Espiral Maior 1994, Johán Carballeira 2006, e foi accesit do III premio de poesía erótica Illas Sisargas co libro E alentar na túa rosa que verá a luz proximamente na colección Caldeirón. En 1993 realiza xunto a Kukas e Laura Quintillán o espectáculo pluridisciplinar América. En 2001 na sala galán do Compostela xunto ao piano de Serxio Moreira a montaxe Como águas de maio co que repite en Aviléscanto, 2003; As horas de María, 2007 e na homenaxe a Xelucho Abella por encargo da A. C. Monte Branco para a festa das letras 2008. Ilustra os libros Tortillas para os obreiros de Fran Alonso, Xanela ao bío de Paco de Tano, Arredor do teu corpo de Antonio García Teijeiro e Baile Átha Cliath de Alberte Momán e realiza portadas para o libro de Miro Villar, Ausencias pretéritas e Um corpo para a infância de Celeste Craveiro. Participa en exposicións colectivas como Botella ao Mar, ou as organizadas por adega arredor do lixo ou Artnatura, e individuais como Poemas suxos, ou no restaurante Mar de Ardora, Lugar de incéndios. Colaborou en teatro cos Monicreques de Kukas en Don Gaiferos e con Matarile en Hamletmaschine. Fai crítica teatral para A Nosa Terra, a día de hoxe ten un programa semanal de literatura A Escrita en Radio Roncudo, única radio libre da Costa da Morte.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *