Plenitude do baleiro en Giacometti, por Antón Patiño

Plenitude do baleiro en Giacometti, por Antón Patiño

0 comentários 🕔11:30, 21.Mai 2014

“O adeus de Giacometti” vén ser unha consigna privada que coido condensa a plenitude dende o lonxe. O traballo de madureza do escultor (o máis coñecido e característico estilo de seu) despois da súa entrega surrealista de primeira época xurde da intuición cara ao lonxe. Dende os escuros simbolismos totémicos (arcaicos volumes alegóricos) na linguaxe cifrada dos primeiros anos, pasando polo hermético traxecto horizontal das pezas de chan no momento surrealista, deica a conclusión espida (austera mesmo ata o incríbel) das entregas derradeiras. Unha travesía sempre no misterio da percepción. Existe un dato salientábel no comezo deses traballos últimos. Auténticas esculcas no enigma da mirada. Conta o escultor que ao se despedir dunha amiga vai contemplar como vai desaparecendo (minguando aos poucos ao camiñar) ata ser dese xeito engulida paseniñamente polo baleiro. Desaparecendo literalmente da súa vista, aos poucos, nunha simbólica “morte” visual. Algo semellante ao que deixara escrito Pierre Hourcade do poeta Pessoa: “Nunca, ao me despedir, me atrevín tornar a cara; tiña medo de velo esvaecer, disolto no ar.” Percepción terminal, trazando a ausencia na fin da representación (mesmo de xeito ritual e solemne). Visualizando o traxecto no cerne derradeiro do baleiro. Exploración conclusiva onde agroma o rotundo triunfo da nada. O baleiro máis expansivo e voraz, coa hexemonía definitiva do espazo silandeiro. Fuxindo aos poucos da percepción o real esmorece paseniñamente nunha atmosfera de melancolía. Isa voracidade saturnal como misterio secreto. Ocultamento visual, anonadamento perceptivo. A plenitude do espazo (vivencia do sosego desértico) na compaña da tensa calma existencial dos espazos abertos vai ser o eixo central da súa intuición estética. “Grande mestre das distancias” ten escrito Maurice Blanchot nalgún apuntamento literario (onde trazou un penetrante e intenso perfil). Isa sensación que imos ter a cotío diante de moitos espazos e obxectos anónimos vén ser a que desprenden todas as esculturas de Giacometti: mesmo a máis cativa. As pequenas aínda máis se cadra, porque han reflectir unha cantidade meirande de baleiro. Unha porcentaxe meirande do matérico silencio envolvente do espazo ao seu redor. A capacidade de estrañeza (nos procesos de afastamento e estrañamento psicolóxico) coma unha das máis inquedantes estratexias creadoras na man dos artistas. Esa cotidianeidade transcendida pola visión metafísica vai dotar dunha demorada distancia conceptual á percepción. Ao tempo esa distancia psíquica (co seu espesor mítico) tingue á imaxe escultórica dunha intensa densidade.

Obxecto que vibra no espazo como acontecemento imborrábel. Dicía Walter Benjamin que a aura é a sensación do afastado no que está máis próximo. O sentimento do lonxe no perto. “A manifestación irrepetíbel do afastado (por achegado que puidese estar)”. Isa foi tamén a intuición creadora de Carlo Carrá ou Giorgio de Chirico, os pintores agrupados na revista “Valori plastici”. Asemade, toda a sensibilidade que foi axuntar como afortunada constelación de sentido o termo “realismo máxico” (aplicado á pintura europea de entreguerras). Cómpre reivindicar como farían Lezama Lima e mais Alejo Carpentier o concepto-pulsión do que chaman “real marabilloso”. Sentimento interior do real transfigurado. Aura inxel das cousas! Reverberación e vivencia do afastado mesmo no que temos a carón nosa. O lonxe vai expresar no perto o seu misterio máis grande, para quen saiba reparar níl. O segredo-imán que transporta o máis cativo obxecto. Pasar “ao outro lado das cousas”, como quería Rilke até acadar unha sorte de virtual transrealidade. Achegarse á indefiníbel sensación que propicia o estrañamento fronte ao cotián. Coido que ninguén ten expresado como Alberto Giacometti o sentido último desa vivencia case inapreixábel (a intensa cualidade dunha sensación de máxica irrealidade). A sensorialidade do que se esvae no espazo. A dimensión do propio espazo volúbel fluindo coma un enigma incesante. Velaí o está, envolvéndoo todo para que poidan existir a maxia das cousas e a distancia poética. O concepto-sentimento “Espazo” en JRJ ou a mirada da pintura á contorna próxima en Giorgio Morandi (sinxelas naturezas mortas como limpo microcosmos de arquitecturas despoxadas). Tamén nas fermosas pombas (case escultóricas) nun sinxelo vaso ou un cranio poscubista dos que pintaba con agarimo e lentitude ritual Luis Fernández, pintor asturiano amigo de María Zambrano transterrado a Francia, onde o espazo vive nos seus máis cativos pregamentos. O relato sosegado vai amosar a introspección perceptiva como intensidade (na apropiación máxica do contorno das cousas). Intimidade rexistrada na mente a través da mirada. A inmensidade no mínimo latexo do real. Pegada case táctil do enigma subtil, ronsel do tránsito do mundo no devalar da percepción. O ser humano como “Animal ao lonxe” ou tamén coma “Ser do afastado”, na expresiva, concisa e sinxela definición de Heidegger.

Sobre o autor / a autora

Antón Patiño

Antón Patiño

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *