<em>Ideas sobre a novela, de Donatien-Alphonse-François Sade, marqués, ou máis ben, conde de Sade (II)</em>, por Xesús González Gómez

Ideas sobre a novela, de Donatien-Alphonse-François Sade, marqués, ou máis ben, conde de Sade (II), por Xesús González Gómez

1 comentário 🕔11:45, 28.Mai 2014

O obxectivo de Voltaire foi completamente diferente: ao non ter outra intención que colocar a filosofía nas súas novelas, abandonouno todo a este proxecto. Con que destreza o conseguiu!, e malia todas as críticas, Candide e Zadig non serán sempre obras mestras?

Rousseau, a quen a natureza concedera en delicadeza, en sentimentos, o que só dera en intelixencia a Voltaire, tratou a novela dunha maneira moi diferente. Canto vigor, canta enerxía en L’Heloise! Mentres Momus ditaba Candide a Voltaire, o amor trazaba co seu facho todas as páxinas ardentes de Julie, e ben se pode dicir que este libro sublime nunca terá imitadores. Oxalá esta verdade faga caer a pluma das mans a esa multitude de escritores efémeros que, desde hai trinta anos, non cesan de nos daren malas copias deste inmortal orixinal; que sintan, pois, que para alcanzalo é necesaria unha alma de fogo como a de Rousseau, un espírito filosófico como o seu, dúas cousas que a natureza non reúne dúas veces no mesmo século.

No entanto, Marmontel1 dábanos contos que el chamaba moraux, non tanto (di un estimábel literato) porque ensinasen a moral, senón porque pintaban os nosos costumes, non obstante un pouco no xénero amaneirado de Marivaux. Por outra parte, que son estes contos? Puerilidades escritas unicamente para mulleres e nenos, e que nunca se acreditará que foron escritas pola mesma man que deu Bélisaire, obra que abondaría para a gloria do autor: quen fixera o décimo quinto capítulo deste libro debía, xa que logo, pretender a pequena gloria de nos dar uns contos ao auga de rosa?

Finalmente as novelas inglesas, as vigorosas obras de Richardson e de Fielding, viñeron ensinar aos franceses que non é pintando as aborrecidas languideces do amor, ou as aborrecidas conversas das alcobas, que se pode obter éxito neste xénero, senón trazando caracteres virís, que, xoguetes e vítimas desa efervescencia do corazón coñecida co nome de amor, nos mostran a un tempo os seus perigos e as súas desgrazas. Só a partir de aí se poden obter estes desenvolvementos, estas paixóns tan ben trazadas nas novelas inglesas. Son Richardson e Fielding quen nos ensinaron que só o estudo profundo do corazón do home, verdadeiro dédalo da natureza, pode inspirar ao novelista, cuxa obra debe facernos ver o home, non soamente como é, ou como se mostra, que este é o deber do historiador, senón tal como pode ser, tal como deben convertelo as modificacións do vicio e todos os pulos das paixóns. É preciso, pois, coñecelas todas. É preciso, pois, empregalas todas se se quere traballar neste xénero. Alí aprendemos tamén que non é sempre facendo triunfar a virtude que se logra interesar; que certamente hai que tender cara iso sempre que se poida, mais que esta regra, nin na natureza nin en Aristóteles, é en absoluto esencial na novela, nin mesmo a que debe conducir ao interese, senón soamente aquela á que quixésemos que todos os homes se sometesen para a nosa felicidade. Pois cando a virtude trunfa, sendo as cousas como deben ser, as nosas lágrimas secan antes de se derramaren; mais se despois das máis rudas probas, vemos finalmente a virtude vencida polo vicio, indefectibelmente as nosas almas esgázanse, e ao ternos a obra emocionado excesivamente, ao ter, como dicía Diderot, ensanguentado os nosos corazóns ao revés, debe indubidabelmente producir o interese, que é o único que asegura os loureiros.

Que se me diga: se despois de doce ou quince volumes, o inmortal Richardson decidise virtuosamente converter a Lovelace e facelo tranquilamente casar con Clarise, verteríanse á lectura desta novela, entendida no sentido contrario, as deliciosas lágrimas que obtén de todos os seres sensíbeis? É por tanto a natureza o que cómpre apreixar cando se traballa este xénero, é o corazón do home, a máis singular das súas obras, e en absoluto a virtude, porque a virtude, por moi bela e necesaria que sexa, non é con todo máis que un deses modos deste corazón sorprendente cuxo estudo é tan necesario ao novelista, e que a novela, espello fiel deste corazón, debe necesariamente trazar en todas as súas pregas.

Sabio tradutor de Richardson, Prévost, ti a quen debemos o pasar á nosa lingua as belezas deste célebre escritor; non se che debe, polos teus propios méritos, un tributo de eloxios cando menos tan merecido? Non é con razón que se podería chamarte o Richardson francés? Unicamente ti tiveches a arte de te interesar durante moito tempo por fábulas implexas2, mantendo sempre o interese, malia dividilo. Unicamente ti mediches sempre suficientemente ben os teus episodios para que a intriga principal gañase máis que perdese na súa proliferación ou na súa complicación. Así, esta cantidade de acontecementos que te reprocha La Harpe non é só o que produce en ti o máis sublime efecto, senón ao mesmo tempo o que mellor demostra a bondade do teu espírito e a excelencia do teu xenio. Les mémoires d’un homme de qualité, en fin (para engadir ao que pensamos de Prévost o que outros igualmente pensaron), Cleveland, L’histoire d’un Grecque moderne, Le monde moral, Manon Lescaut3 sobre todo, están cheas de escenas entenrecedoras e terríbeis que aflixen e atrapan irremediabelmente. As situacións destas obras, felizmente medidas, achegan eses momentos en que a natureza se estremece de horror, etc. E eis o que se chama escribir novelas; eis o que, na posteridade, asegurará a Prévost un lugar que non alcanzará ningún dos seus rivais.

Viñeron despois os escritores de mediados deste século: Dorant, tan amaneirado como Marivaux, tan frío, tan pouco moral como Crébillon, mais escritor máis agradábel que os dous a quen os comparamos. A frivolidade do seu século escusa a súa, e tivo a arte de apreixala ben.

Encantador autor da Reine de Golconde, permitesme ofrecerche un loureiro? Raramente houbo un enxeño máis agradábel, e os máis bonitos contos do século non valen aquel que te inmortaliza. A un tempo máis xentil e máis feliz que Ovidio, xa que o heroe, salvador de Francia, demostra, ao te reclamar ao seo da túa patria, que é tan amigo de Apolo como de Marte, responde á esperanza deste gran home, engadindo aínda algunhas bonitas rosas ao seo da túa bela Aline.

D’Arnaud4, émulo de Prévost, pode ás veces pretender superalo. Ambos mollaron os seus pinceis no Estixio. Mais d’Arnaud algunhas veces suaviza os seus nos flancos do Elíseo. Prevost, máis enérxico, non alterou nunca as tintas daquel con que trazou Cléveland.

R…5 asolaga o público, necesita unha prensa na cabeceira do seu leito. Felizmente só este xemerá coas súas terríbeis producións. Un estilo baixo e rastreiro, aventuras repulsivas, sempre tiradas das máis malas compañías. Ningún outro mérito que o da prolixidade… que os únicos en lle agradecer son os comerciantes de pementa.

Quizais deberiamos analizar aquí estas novas novelas, cuxo sortilexio e fantasmagoría constitúen case todo o mérito, colocando á cabeza O monxe6, superior, en todos os sentidos, aos estraños impulsos da brillante imaxinación de Radcliffe; mais tal disertación sería demasiado longa. Conveñamos soamente que este xénero, dígase o que se poida dicir del, non carece certamente de mérito; aparecía como o froito indispensábel dos impulsos revolucionarios dos que se resentía toda Europa. Para quen coñecía todas as desgrazas con que os malvados poden oprimir os homes, a novela aparecía tan difícil de facer como monótona de ler; non existía individuo que non padecese máis infortunios en catro ou cinco anos que os que podía pintar nun século o máis famoso novelista da literatura. Era preciso, xa que logo, chamar o inferno na súa axuda para compor títulos de interese, e achar no país das quimeras o que se sabía normalmente folleando só a historia do home nesta idade de ferro. Mais, cantos inconvenientes presentaba esta forma de escribir! O autor d’O monxe non os evitou máis que Radcliffe. Aquí hai que elixir necesariamente entre dúas cousas: ou é preciso desvelar o sortilexio, e a partir de entón xa non interesa, ou non levantar nunca o pano, eisnos na máis horrorosa inverosimilitude. Cando apareza neste xénero unha obra de abondo boa para alcanzar o seu obxectivo sen afundirse contra un ou outro destes escollos, lonxe de lle reprochar os seus medios, ofrecerémola entón como un modelo.

Antes de iniciar o noso terceiro e derradeiro problema: Cales son as regras da arte de escribir novelas?, debemos, paréceme, responder á perpetua obxección dalgúns espíritos atrabiliarios que, para se dar o verniz dunha moral da que frecuentemente o seu corazón está afastado, non cesan de dicir: Para que serven as novelas?

Para que serven as novelas? homes hipócritas e perversos, pois sodes os únicos en facer esta ridícula pregunta, serven para describirvos tal como sodes. Individuos orgullosos que vos queredes subtraer ao pincel porque temedes os seus efectos: sendo a novela, se é posíbel se expresar así, o cadro dos costumes seculares, é tan esencial como a historia para o filósofo que quere coñecer ao home, pois o buril deste só o pinta cando se deixa ver, e entón xa non é el. A ambición e o orgullo cobren a súa fronte cunha máscara que só representa estas dúas paixóns e non o home. O pincel da novela, pola contra, apréixao no seu interior… descóbreo cando abandona esta máscara e o bosquexo, moito máis interesante, é ao mesmo tempo moito máis verdadeiro: eis a utilidade das novelas. Fríos censores que non a amades, parecédesvos a aquel toco que tamén dicía: E porque se fan retratos?

Se é certo, por tanto, que a novela é útil, non temamos en absoluto describir aquí algúns dos principios que achamos necesarios para levarmos o xénero á perfección. Sinto perfectamente que difícil é realizar esta tarefa sen proporcionar armas contra min mesmo. Non me converto en dobremente culpábel de non telo feito ben, se demostro que sei o que é necesario para facelo ben? Ah! Abandonemos estas vas consideracións e que se inmolen por amor á arte!

O coñecemento máis esencial que esixe é certamente o do corazón do home. Ora, todas as persoas honestas aprobarannos, sen dúbida, afirmando que este coñecemento importante só se adquire a través das desgrazas e mediante viaxes. É preciso ver homes de todas as nacións para coñecelos ben, e é necesario ser a súa vítima para sabelos apreciar. A man do infortunio, exaltando o carácter daquel ao que esmaga, colócao na xusta distancia necesaria para estudar os homes, os ve desde alí como o pasaxeiro percibe as ondas embravecidas romperse contra o escollo sobre o que as lanzou a tempestade. Mais en calquera situación que a colocasen a natureza ou o destino, se quere coñecer os homes, que fale pouco cando está con eles: falando nada se aprende, só se instrúe escoitando. E eis porque os badueiros son comunmente estúpidos.

Oh, ti que queres percorrer esta espiñosa carreira, non perdas de vista que o novelista é o home da natureza. Ela creouno para facelo o seu pintor; se non se converte no amante da súa nai desde o momento en que ela o pon no mundo, que non escriba nunca, xamais o leremos. Mais se experimenta esta sede ardente de describilo todo, se entreabre con estremecemento o seo da natureza para procurar alá a súa arte e para tirar os seus modelos, se ten a febre do talento e o entusiasmo do xenio, que siga a man que o guía: adiviñou ao home, e pintarao. Guiado pola súa imaxinación, que o domina, que embeleza o que ve. O parvo colle unha rosa e depénaa, o home de xenio respíraa e píntaa: eis a quen nós leremos.

Mais ao aconsellarche embelecer, prohíboche apartarte da verosimilitude: o lector ten o dereito a se anoxar cando percibe que se lle quere esixir demasiado; ve perfectamente que se intenta enganalo, o seu amor propio sofre, e xa non cre nada a partir do momento en que sospeita que se quere enganalo.

Non contido ademais por ningún dique, usa á túa comodidade o dereito de ir contra todas as anécdotas da historia, cando a ruptura deste freo sexa necesaria aos praceres que nos preparas: máis unha vez, non se che pide ser verdadeiro, senón soamente verosímil. Esixir demasiado de ti sería prexudicar os praceres que esperamos: non substitúas nunca, porén, o verdadeiro polo imposíbel, e o que ti inventes estea ben dito: só se che perdoa substituír a verdade pola túa imaxinación baixo a cláusula expresa de adornares e cegares. Nunca se ten o dereito a dicir mal cando se pode dicir todo o que se quere; se non escribes como R…7, que como todo o mundo sabe, deberás como el darnos catro volumes por mes, non paga a pena que collas a pluma: ninguén te obriga ao oficio que fas; mais se o emprendes, faino ben. Non o adoptes sobre todo como unha axuda á túa existencia; o teu traballo resentiríase das túas necesidades; tería a palidez da fame: outros oficios preséntanse ante ti; fai zapatos, non escribas libros. Non por iso te estimaremos menos, e como non nos aborrecerás, quizais te amaremos máis.

Unha vez feito o teu esbozo, traballa ardentemente en estendelo mais sen te choeres nos límites que en principio parece prescribirte: con este método converteraste en magro e frío. O que queremos de ti son os arroutos, non as regras. Supera os teus planos, varíaos, auméntaos; as ideas só chegan traballando. Por que non queres que a que te acosa cando compós sexa tan boa como a ditada polo teu esbozo? Esixo de ti especialmente unha soa cousa: manter o interese até a derradeira páxina. Fallas o teu obxectivo se cortas o teu relato con incidentes ou demasiado repetitivos, ou que non se relacionan co tema: aqueles que te permitises deben estar aínda máis coidados que o fondo: debes desagraviar o lector cando o forzas a abandonar o que lle interesa para iniciar un incidente. Pode permitirche que o interrompas, mais non che perdoará que o aborrezas. Que os teus episodios xurdan sempre do fondo do tema e que volvan a el; se fas viaxar os teus heroes, coñece ben o país onde os levas; leva a maxia até o punto de me identificar con eles; pensa que eu me paseo ao seu carón en todas as rexións en que os sitúas, e que tal vez máis instruído ca ti, non perdoarei nin unha inverosimilitude de costumes, nin un defecto de vestimenta, aínda menos un erro de xeografía: como ninguén te obriga a estas escapadas, cómpre que as túas descricións locais sexan reais, ou é mellor que permanezas xunto á túa lareira. É o único caso en todas as túas obras en que non se pode tolerar a invención, a menos que os países onde me transportes sexan imaxinarios, e mesmo nesta hipótese esixirei sempre verosimilitude.

Evita o amaneiramento da moral. Non é nunha novela onde se procura. Se os personaxes que o teu plano necesita son ás veces obrigados a razoaren, que sexa sempre sen afectación, sen a pretensión de facelo, xamais é o autor quen debe moralizar, é o personaxe, e aínda só se lle permite cando está forzado polas circunstancias.

Chegado ao desenlace, que sexa natural, nunca forzado, nunca urdido, senón sempre nacido das circunstancias. Non esixo de ti, como os autores da Encyclopédie, que sexa conforme ao desexo do lector: que pracer lle queda cando adiviñou todo? O desenlace debe ser tal como o preparan os acontecementos, como o esixe a verosimilitude, como o inspira a imaxinación. E con estes principios que ao teu gusto e ao teu enxeño encargo de estender, se non o fas ben, cando menos faralo mellor ca min. Pois é preciso dicilo, nos relatos que imos ler, o atrevido voo que nos permitimos emprender non está sempre de acordo coa severidade das regras da arte; mais esperamos que a extrema verdade dos caracteres nos compensará, quizais. A natureza, máis estraña de como a pintan os moralistas, escapa en todo momento dos diques que a política destes quixese prescribirlle; uniforme nos seus planos, irregular nos seus efectos, o seu seo, permanentemente axitado, semella o centro dun volcán de onde xorden sucesivamente ou pedras preciosas que serven ao luxo dos homes ou globos de fogo que os aniquilan; grande cando poboa a terra de Antoninos e de Titus; horríbel cando vomita Andrónicos ou Neróns. Mais sempre sublime, sempre maxestosa, sempre digna dos nosos estudos, dos nosos pinceis e da nosa respectuosa admiración, porque os seus designios non nos son coñecidos, porque escravos dos seus caprichos ou das súas necesidades, non é nunca sobre o que nos fan sentir que debemos acordar os nosos sentimentos cara a ela, senón sobre a súa grandeza, sobre a súa enerxía, sexan cales foren os resultados.

A medida que os espíritos se corrompen, a medida que unha nación envellece, debido a que a natureza está máis estudada, mellor analizada, os prexuízos mellor destruídos, é preciso facer coñecelos mellor. Esta lei é idéntica para todas as artes: unicamente se perfecciona avanzando, unicamente alcanza os seus obxectivos mediante intentos. Sen dúbida non era preciso ir tan lonxe nos horrorosos tempos da ignorancia cando, dobregados baixo os ferros relixiosos, se castigaba coa morte a quen quería aprecialo, cando as fogueiras de Inquisición eran o premio dos talentos. Mais no noso estado actual, partamos sempre deste principio: cando o home sopesou todos os seus freos, cando con mirada audaz o seu ollo mide as súas barreiras, cando a exemplo dos Titáns ousa levar até o ceo a súa man atrevida, e armado de paixóns, como aqueles o estaban das lavas do Vesubio, non teme declarar a guerra aos que noutrora o facían tremer, cando os seus propios extravíos só lle parecen erros lexitimados polos seus estudos, non se debe entón falar coa mesma enerxía que a que el mesmo emprega en comportarse? Nunha palabra, o home do século XVIII é, pois, o do século XI?

Rematemos cunha promesa positiva, que os relatos que hoxe ofrecemos son absolutamente novos e en absoluto bordados sobre temas coñecidos. Esta cualidade ten quizais algún mérito nunha época en que todo parece estar feito, en que a imaxinación esgotada dos autores parece non poder crear xa nada novo, e en que só se ofrecen ao público compilacións, extractos ou traducións.

Non obstante, La Tour enchantée e La conspiration d’Amboise teñen algúns fundamentos históricos. Na sinceridade das nosas confesións vese que lonxe estamos de querer enganar o lector. Neste xénero hai que ser orixinal ou non meterse nel.

Eis o que nun e outro relato se pode encontrar nas fontes que indicamos.

O historiador árabe Abul-coecim-terif-aben-tario8, escritor moi pouco coñecido polos nosos literatos de hoxe, refire o que segue con motivo de La Tour enchantée: «Rodrigo, príncipe efeminado, atraía á súa corte, por razón de voluptuosidade, as fillas dos seus vasalos e abusaba delas. Entre elas estivo Florinda, que era a filla do conde Julien. Violouna. O seu pai, que estaba en África, recibiu a noticia mediante unha carta alegórica da súa filla. Sublevou os Mouros e volveu de España capitaneándoos. Rodrigo non sabe que facer, sen fondos nas súas arcas, sen ningunha praza forte, vai buscar na Torre encantada preto de Toledo, onde lle din que debe encontrar sumas inmensas. Penetra nela e ve unha estatua do Tempo que golpea co seu mazo e que mediante unha inscrición anuncia a Rodrigo todas as desgrazas que o esperan. O príncipe avanza e ve unha gran bañeira de auga mais nada de cartos. Retrocede; fai fechar a torre. Un lóstrego arrasa o edificio, do que só quedan os vestixios. O rei, malia estes funestos prognósticos, reúne un exército, bátese oito días preto de Córdoba e é morto sen que se poida encontrar o seu corpo».

Eis o que nos proporcionou a historia; que se lea agora a nosa obra e que se vexa se a multitude de acontecementos que engadimos á aridez deste feito merece ou non que consideremos a anécdota como se nos pertencese en propiedade9.

Canto a La conspiration d’Amboise, léase en Garnier e verase o pouco que nos emprestou a historia.

Ningún guía nos precedeu nos outros relatos. Fondo, narrado, episodio, todo é noso. Quizais non é o máis afortunado: que importa, sempre pensamos, e nunca deixaremos de estar persuadidos diso, que é mellor inventar, mesmo que sexa mal, que copiar ou traducir. Un ten a pretensión do xenio, que cando menos é algo. Cal pode ser a do plaxiario? Non coñezo oficio máis baixo, non concibo confesións máis humillantes que aquelas ás que están obrigados tales homes, ao se confesar a si propios careceren absolutamente de enxeño, xa que están obrigados a pedir emprestado o dos outros.

A respecto do tradutor, non queira Deus que lle tiremos o seu mérito, mais só fai valer os dos nosos rivais. E aínda que só fose pola honra da patria, non sería mellor dicir a estes orgullosos rivais: E nós tamén sabemos crear?

Debo finalmente responder ao reproche que se me fixo cando apareceu Aline et Valcour. Os meus pinceis, díxose, son demasiado fortes, empresto ao vicio caracteres demasiado odiosos. Quérese saber a causa? Non quero facer amar o vicio. Non teño, como Crébillon e Dorat, o perigoso proxecto de facer adorar ás mulleres os personaxes que as enganan. Quero, pola contra, que elas os detesten. É o único medio que pode impedilas ser enganadas, e, para conseguilo, fixen tan espantosos os meus heroes que seguen a carreira do vicio, que seguramente non inspirarán nin piedade nin amor. Niso, atrévome a dicilo, son máis moral que os que se cren permitido embelecelos: as perniciosas obras destes autores seméllanse a eses froitos de América que, baixo o máis brillante colorido, levan a morte no seu interior. Esta traizón da natureza, cuxo motivo non nos pertence desvelar, non está feita para o home. Nunca, finalmente, repítoo, pintarei o crime baixo outras cores que as do inferno, quero que apareza nu, que sexa temido, que sexa detestado, e non coñezo outra maneira de conseguilo que mostralo con todo o horror que o caracteriza. Malditos aqueles que o rodean de rosas! As súas intencións non son tan puras e nunca os imitarei. Que non se me atribúa, pois, segundo estes sistemas, a novela J.[ustine]. Nunca fixen tales obras e seguramente nunca as farei. Soamente os imbéciles e os malvados poden, malia a autenticidade das miñas protestas, sospeitar de min ou acusarme de ser o seu autor, e o máis soberano desprezo será a partir de agora a única arma coa que combaterei as súas calumnias.

[Incluído no tomo 1º da edición orixinal d’Os crimes do amor]

1 Jean-François Marmontel (1723-1799). Escritor, nado de familia pobre, foi íntimo á vez que editor de Voltaire. Colaborou na Encyclopédie e foi deputado durante a Revolución francesa. As obras que lle deron fama foron Contes moraux e a novela Bélisaire (Ndt.).

2 É dicir, compostas de acontecementos variados aínda que naturalmente ligados ao tema (Ndt.).

3 Cantas lágrimas se verten á lectura desta deliciosa obra! Como está pintada alí a natureza, como se mantén o interese, como aumenta por graos, cantas dificultades vencidas, canta filosofía en facer sentir este interese por unha perdida. Sería excesivo atreverse a asegurar que esta obra ten todos os dereitos ao título da nova mellor novela? Foi aí onde Rousseau viu que, a pesar das imprudencias e os atordoamentos, unha heroína podía aínda pretender entenrecernos, e quizais nunca tivésemos Julie sen Manon Lescaut. (N. A.)

4 Baculard d’Arnaud (1718-1805), autor dunha cantidade prodixiosa de dramas e novelas lúgubres e tétricas (Ndt.).

5 Nicolas Edme Rétif ou Restif de la Bretonne (1734-1806), autor de innumerábeis novelas entre góticas e eróticas, e que queren plasmar a sociedade pre-revolucionaria francesa, criticou duramente ao Marqués de Sade, quen lle replicou en diversas ocasións co desprezo absoluto (Ndt.).

6 Talvez, con Melmoth o errabundo, de Charles Maturin, a máis grande das novelas góticas inglesas, escrita por Matthew Gregory Lewis e aparecida en 1796.

7 Ver nota 4 (Ndt.).

8 Paréceme que o nome deste historiador, descoñecido polos especialistas aos que interrogamos, se debería ler máis verosimilmente así: Abul-selim-terif-ben-tariq (N. A.).

9 Esta anédota é a que inicia Brigandos, no episodio da novela de Aline e Valcour, que ten por título: Sainville et Léonore, e que interrompe a circunstancia do cadáver encontrado na torre. Os imitadores deste episodio, ao copialo palabra por palabra, non deixaron de copiar tamén as catro primeiras liñas desta anécdota, que se encontra na boca do xefe dos xitanos. É, pois, tan esencial para nós, neste momento, como para os que compran a novela, previr que a obra que se vende na casa Pigoreau et Leroux, baixo o título de Valmor et Lydia, e na casa Cérioux et Montardier baixo o de Alzonde et Korazin, son absolutamente a mesma cousa, e ambas literalmente roubadas, frase a frase, do episodio de Sainville et Léonore, que forma case tres volumes da miña novela Aline et Valcour (N. A.).

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

1 comentário

  1. 🕔 19:24, 28.Mai 2014

    Xulio

    Parabéns! Fantástico. Obrigado

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *