<em>Na chaira (Perfís)</em>, por Chelo Suárez

Na chaira (Perfís), por Chelo Suárez

0 comentários 🕔09:45, 28.Mai 2014

A paisaxe é dunha aridez recalcitrante, impregnada de calor e po gris. O día, un festivo de agosto. Acaso Santa María. A mañá nubrada non impide que a forza dun sol que non se ve caia sobre eles coma un abrasivo. A parella, allea á temperatura exterior e á sequedade que os rodea, perfílase con forza contra o esvaído telón de fondo da paisaxe chairega.
A negrura dos seus traxes, a solemnidade do momento, as súas expresións, a potente e escura silueta do coche que os respalda, éncheno todo. A personalidade do home concrétase nos seus zapatos. Eses enormes zapatos, negros, brillantes, que semellan dúas cascudas mordendo o chan. Tamén no sombreiro de feltro, grande de abondo, que medio oculta a mirada alongada que cae sobre a muller, como eclipsándoa, absorbendo con avidez o pálido e tímido sorriso do seu bonito rostro. O nariz afiado del, de anchas ventas, cae recto sobre un fino bigote e uns beizos estirados en exceso.
A ela séntalle ben a pamela negra, que se permite a frivolidade dun adorno floral na súa aba ancha. Tres camelias brancas enlazadas. Tres hieráticas e frías camelias. Nunha das mans (leva luvas negras) suxeita con desmaio un enorme ramo de rosas. É tan delgada e sutil que parece vai quebrarse nun momento, ou a desaparecer tras o adusto e negro traxe que a cingue, a esluirse repentina entre o alto colo de ríxido e branco encaixe, coma azúcar nun pozo. Indecisa, apoia un pé, calzado con elegante zapato negro de tacón alto, nun estribo do coche. Ese coche ao que subirá nun intre, empurrada pola firme e posesiva man que apreixa o seu van. Ese coche que vai partir nun momento, perdéndose cos acabados de casar, entre o po e as fochancas dunha longa estrada, aínda sen asfaltar.
“Vales moito, filla. Faime caso, e non cases con calquera. Elixe ben. Só tes que agardar o teu momento.” -repenicaba cansina a nai.
Era el, o seu momento?

O home segue a conducir. Despois de dúas, tres horas de silencio, ella comeza a ter a sensación de que ese coche vai cara a ningures. Todo foi tan precipitado! A situación tan irreal…
De súpeto, o coche detense cun freazo brusco. Asustada, mírao de esguello. Intimídaa o seu perfil de rasgos duros. Coñéceo tan pouco… De súpeto a man del, cae coma unha gadoupa entremedio das súas pernas… Os dedos móvense impacentes, as unllas rabuñan, rabuñan, a seda do vestido… Frenético, tenta chegar ás bragas de satén e encaixe, rachalas, e furgarlle nos adentros… Nese intre, todo o que se interpón entre el e o que busca, é un obstáculo. Esa man dura, sen miramentos, ábrese paso entre as coxas… Só quer comprobar, ten todo o dereito, a integridade da mercadoría… Non hai pisca de amor nesas caricias. Só agresión, posesión. Ela treme, treme coma un vimbio e ponse máis branca que as propias camelias da pamela. Branca coma o xiz, amortallada no negro traxe de voda.

El achégalle os beizos húmidos, ardentes, e preme, preme o fráxil colo… Busca logo os labios dela, lámbeos, mórdeos e cospe neles: Que o saibas. Mátote! Se outro me roubou a flor, mátote!
O coche arranca de novo, enfiándose aos escuros camiños da noite.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *