Dous poemas de Marta Dacosta

Dous poemas de Marta Dacosta

0 comentários 🕔12:00, 04.Jun 2014

NESTE LUGAR DO MUNDO

aprendemos a lingua do colonizador
como se fose a nosa lingua propia
adestrándonos na súa áspera pronuncia
memorizando todas as palabras alleas
que couberon na cunca do leite con galletas

ensarilladas na súa torpe pronuncia
xogabamos alleas ás nosas propias vidas
sen nos recoñecer nos lugares que nos rodeaban
sen entender as voces nos camiños

foi un tempo de mundos paralelos
a televisión e a escola construíndo un futuro imperfecto
unha rúa que se afastaba dos valados e o ouvear dos cans
no retorno á casa afastada entre os piñeiros

mundos que non se tocaban
realidades diverxentes en que non había espellos
porque nos pariran protoalbaneis dunha vida nova
que xurdía da nada e descoñecía
que, exactamente, a colocara nese lugar do mundo

como espertamos? picando as pernas nas pugas dos toxos
ou descubrindo a humidade das follas que durmían no chan
dos soutos?
como foi? caendo sobre as laxes do chan no camiño vello
que levaba a un cruceiro abandonado ou esmagando morotes
nunha cunca vella tintada de viño?
botando sucre nas sopas de cabalo canso mentres o fume
invadía o espazo desde o centro da lareira?
arrefriando as papas de arroz coloreadas de canela moída?
ensaiando o amor mentres o frío se ía cravando nos ósos aínda non danados?

se cadra foi no barolo dos libros que non estaban nos andeis
porque non tiñan a encadernación de pel que os igualaba
para adornar o moble a prazos do salón
ou mesmo na soidade urbana nacida nun arrecendo a salitre
que chegaba nunha volta do vento
que non podía pulsar os laios das árbores ausentes

tal vez na humidade dos teus beixos nun xardín botánico calquera
onde as raíces vexetais profundaban nas nosas entrañas
para descubrirnos a un tempo
a saiba que nutría a súa altura de sombras reparadoras e cómplices

quizais entón
como maceiras novas enxertadas no estripeiro
recompuxemos as células leñosas e comezamos a chuchar da terra
para preñar de flores brancas e rosadas, madurar despois
baixo o sol e a chuvia dos presentes sucesivos
aos que nos entregamos

foi así?, desaprendendo asperezas e halando
do fondo da memoria cada palabra pronunciada para que non escoitáramos?
foi así como recuperamos o sanguiño e as ervilles
o tormentelo ou o poexo?

a artesa gardaba o formento e a fariña terceada
até que erguemos a súa tampa e descubrimos
que aquel era o pan que nos saciaba
unha fame vella
que traíamos herdada na larinxe

garda sempre unha presadiña de masa
e sementa centeo e trigo, millo
para que a fame amaine
para que o vento encontre as árbores nas rúas
para que a rúa teña valados e cans que ouvean

para que xoguen a seren arquitectos
dun futuro que entenda as voces dos camiños
un futuro que se recoñeza
neste lugar do mundo

- – -

A SOMBRA QUE NUNCA SE DOMINA

cando esperto á mañá
ou cando agardo ao sono
xa lendo, xa en silencio
no medio do balbordo
o medo impón a sombra
que tan longa se estende
sen que o sol me permita
achar a súa medida
deseñar o artificio
que poida superala

como a vella da praza
cos pratos da balanza
poño e retiro pesas
sen que o fiel se deteña

así que sen sosego
bato na anca erguida
para chegar á luz

só a egua desbocada
que habita no faiado
pode saltar a sombra
que nunca se domina

Marta Dacosta Alonso, novembro 2011.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *