<em>Labirinto de sombras (III)</em>, por Chelo Suárez

Labirinto de sombras (III), por Chelo Suárez

0 comentários 🕔10:30, 04.Jun 2014

IX

Dende o outro lado do tempo
ábrense e sangran as feridas
na pel da túa linguaxe.
Achegareime con lenzos de neve
a estañar as túas preguntas.
A descifrar
a clave musical
das túas palabras

X

Quero bicar a túa man de morta
e sentir o teu frío.
Chámame.
Chámame cada noite. Cada unha desas longuísimas noites
que caben
na máis pequeña migalla da túa luz.

Lenta, a túa voz enfíase ao corpo da noite.
Un rosario de estrelas negras cingue o teu van.
Mentres ves debullando para min
dun en un
os teus
misterios.

XI

Soa no vento
unha pianola de auga
mentres a choiva, pranto deshabitado,
esvara gris pola miña tristeza.
Nesta hora náufraga
unha mala luz, fero escintileo
asumindo a túa nudez
veu, e che arrincou do tempo.
Acubillándote
no pálido esplendor da lúa.

XII

Escamas de luz para o teu veo ausente.
Un féretro de choiva, para gardar os teus soños.
O amante, onde está ese amante, unha e mil veces imaxinado
o que te buscou mil veces e unha sen te atopar.
Vestido de marfil, para a vosa voda chega.
En vez de flores, arañeiras de néboa
ofrécenche as súas mans.
Achegaraste a el, espida de sorrisos.
A te perder na noite dun novo sentimento.
El, antes de te abrazar, demorándose intencionado,
irase desprendendo fronte a ti
de todas as palabras.
De todos os sorrisos.
De cada unha
das súas sombras.

XIII

Si, virá a ti, virá.
Rabuñarache a pel, ata debuxar nela sucos de sangue.
Pegada a el
sentirás o fluír das súas emocións.
correrán por ti, como unha corrente oculta.
E, con mans de óso, ha cavar no teu ventre un xardín.
Para enterrar nel flores e anxos.
As ás de todos os teus paxaros.

Atravesando o tempo fun buscala entre os seus versos. E con eles debuxei o seu perfil.

A noite, de novo a noite.
A noite ten a cor das pálpebras dun morto.
Pasos e voces do lado sombrío do xardín.
Esta espectral textura da escuridade,
esta melodía nos ósos.
Está escuro e quero entrar.
Paso espida cun cirio na man…
Quero existir máis aló de min mesma: cos aparecidos.
Terei tempo para me facer una máscara cando emerxa das sombras?

Alejandra Pizarnik (a súa voz)

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *