<em>Néboa</em>, por Chelo Suárez

Néboa, por Chelo Suárez

0 comentários 🕔10:00, 11.Jun 2014

O condutor do auto verde lima vén de chocar con algo… O golpe foi terrible… Detén o coche e mira inquieto ao redor… Sombras, só ve sombras; entón afina o oído… Aínda que feble, cre escoitar un laído… Contrariado, bota un xuramento e acelera. Foi culpa da néboa, moumea, e del, a culpa foi tamén do becho, por botárseme enriba. Seguro que me desfixo a chapa, escaralloume os faros! Funcionaban perfectamente… Escaralloumos el! Parecía un animal, un can, ou algo así… E se era un lobo? Ou un home… E se era un home? Cago na cona! Terei que dar volta e ir ver… A culpa foi del… Se era un home, pode que necesite axuda… Teño que ir ver… Pensándoo mellor, que ía ser un home! A estas horas e por estas paraxes… Non, que ía ser un home! Era un animal, seguro que era un animal, un becho escuro que saíu da néboa e bateu contra o coche. Deus, que ollos tiña! Si, si, era un animal, un animal do demo!

O tipo acende a radio do auto. A voz sufocada, arquexante, de Nina Simone, modula: “Ela ofrecía os seus labios de viño a quen puidese pagalos”. O condutor pasea a lingua polos beizos resecos. Neses momentos daría un mundo por ter algo que beber… Noutrora, a voz sensual de Nina poríao cachondo. Apaga a radio. Non está para festas, non neses momentos… “E se era un home e non morreu?” -pensa-. Teño que ir ver… Non, que ía ser un home, era un animal, seguro que era un animal… Cago na noite! Non se ve ren! O que teño que facer é saír desta maldita néboa, e da maldita estrada! E se non era un becho… E se era un home? E se levo os seus miolos, restos do seu sangue pegados á chapa ou ás rodas? E se me para a garda civil? Que vou dicir se me para a garda civil? Un can bravo, seguro que era un can… Ou un lobo, se cadra era un lobo, din que hai moitos por estas contornas inzadas de bosques. Velaí está a ponte!! Pasándoa, atropeleino. Todo ía ben, todo ía de carallo ata que apareceu a maldita néboa… Terei que ir ver… Deus me valla! Que quieto está… Pero que demo… Non vexo nada! Cago na néboa… Non, non pode ser un home… É un animal… Se cadra un can, ou un lobo…. Pero… E se é un home…?

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *