Entrevista ao mago Martín Camiña

Entrevista ao mago Martín Camiña

0 comentários 🕔12:00, 18.Jun 2014

- Palavra Comum: Que é para ti a magia?
Martín Camiña: As respostas ás preguntas, en moitas ocasións, dependen da época e do entorno. Ante esta cuestión profunda que me plantexas, hai uns séculos poderiamos falar de Da Vinci, ou de Giordano Bruno, ou anteriormente de Hermes, ou moi anteriormente, de moitas civilizacións e culturas, que posuían a sabedoría da conexión do ser coa natureza… esa era a maxia.
Actualmente, a maxia-ilusionismo é ese sorriso que queda na face do adulto ou do neno despois de ollar un bo número de maxia. Ou esa paixón a transmitir entre orador e receptores, ao igual que no pasado, e nalgunha sociedade do presente, cando un grupo de persoas, arredor dun lume, están dispostas a ollar máis aló do seu nariz.
Máis no presente, conquerir que durante hora e media alguén esqueza os seus problemas e se deixe levar polo espectáculo, é xa unha incríbel e profunda maxia.

- PC: Qual consideras que é a relação entre a magia e outras artes?
MC: Na antigüidade, magos, sabios ou eruditos eran considerados como algo unitario, persoas respectadas, cuns xigantes coñecementos de astroloxía, astronomía, medicina, etc., cun poder curativo derivado da súa sabedoría e a súa palabra, e absolutamente conectados co mundo que os rodeaba.
Xa no día de hoxe, moitos séculos despois do relatado anteriormente, e, por desgraza, esquecido e desprezado polo mundo actual ese coñecemento, acho que o ilusionismo ten que apoiarse na música, pintura, arquitectura, cine, teatro, etc., para poder avanzar como expresión cultural, como canal de comunicación coa sociedade. O ilusionista que non olla cara outras artes e pensa que non serve para nada, ademais de estar a perder unha parte vital importante, está a empuxar a maxia cara un recuncho cultural, sen saída.
Todas as artes están relacionadas, partindo da base de que todas elas tentar contar algo, fannos pensar, ou cando menos, ollar con outra mirada.
A música na maxia considéroa fundamental, xa que ademais de aportar ritmo, crea unha atmósfera máis atraínte e interesante coa propia palabra do narrador/ilusionista, en determinados intres.
O teatro tamén o é, xa que os ilusionistas precisamos mellorar moito neste terreo: na expresión corporal, a dirección e a expresión oral nas nosas actuacións… De nada serve mostrar un excelente número de maxia se o público non entende moi ben o que estás a dicir porque non vocalizas ben: isto sucede con moitos de nós… (temos que seguir mellorando).
A arquitectura, pintura, escultura, etc., sérvennos en moitos casos para pensar no espazo escénico, … escenografías ou imaxes coas que, simplemente encher unha obra, ou sorprender: coma os “trampantojos” pictóricos, dende hai séculos.
Nalgún espectáculo recente, un grupo de arquitectos, Tres Pés, realizaron a escenografía do noso espectáculo “A Outra Realidade”. E outro arquitecto, Óscar Pedrós, vén de expor a súa Tese Doutoral: “Arquitectura e Ilusión. As nove categorías máxicas do espazo”.
Ramón Mayrata ou Joan Brossa son excelentes exemplos de poeta-mago, que combinan estas dúas artes dun xeito maxistral.

- PC: De quem te sentes, criativamente, filho ou irmão?
MC: De moita xente: dos ilusionistas galegos que me axudaron moitísimo nos comezos e en todos estes anos, e outros ilusionistas como Pepe Carrol, Tamariz, Arturo de Ascanio, etc. Comecei só, cun pequeno libro que atopara en casa, e logo todo o empuxe da maxia en Galiza guioume cara grandes mestres, libros, seminarios, etc.

- PC: Que reivindicarias da magia que não é suficientemente conhecido (ainda)?
MC: Que é unha ARTE, é dicir: que é algo máis ca xogos e quebracabezas (pensamento que posúe moita xente, e do que temos moita culpa e responsabilidade nós mesmos, os ilusionistas).
A arte da maxia posúe estrutura dramática, teatral, ten unha grande historia de moitos séculos. Pode encher e emocionar tanto a un teatro de 1000 persoas, como a un, dous ou tres espectadores de xeito individual … Apóiase no guión, na música, na presentación, na técnica dixital e psicolóxica e ten o encanto, como o teatro, de ollarse ao vivo.

- PC: Fala-nos dos teus referentes…
MC: Referentes?……no ilusionismo?..na literatura?…pintura?….no cine?
Dende Tamariz a Dai Vernon, dende Pepe Carrol a Doug Henning. Antón abriu un camiño na Galiza e meteunos unha paixón no corpo; Tamariz é a arte da maxia na súa máxima expresión; Copperfield trasladou o ilusionismo a través da pantalla, chegando a moita máis xente, aínda que isto xa o fixeran moitos anos antes outras persoas, pero conseguiu que moitos espectadores ollasen a arte da maxia dun xeito diferente; os libros e a técnica de Ascanio parecen doutra galaxia…
Só falar de ilusionistas sería inxusto, xa que Castelao ou Vidal Bolaño, Cervantes, Woody Allen ou Edgar A. Poe influíron en min tanto como os anteriores … e deixo moitos sen citar.

- PC: Como percebe a realidade um mago?
MC: Afortunadamente igual que todo o mundo … e agora mesmo percebo unhas gañas tremendas de facer desaparecer a moitos políticos, banqueiros, etc., he, he, he!
Agora, entrando na cuestión realizada, imaxinamos moitos elementos cotiáns mais cambiámoslles o uso. Por exemplo: no mercado non ollas froita, senón o xeito de realizar algún xogo de maxia con ela, ao igual que con moitos elementos do día a día … Para os ilusionistas, as ferretarías, as tendas de teas ou os “todo a 100” sonche unha fonte de inspiracións … Ao sorprender cos elementos que temos ao noso redor, fan que a mente se atope viva e en movemento … (Ao igual que moitos poetas e artistas, tamén levamos unha libretiña pola rúa, por se se nos ocorre algo e poder anotalo).

- PC: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
MC: Proxectos que temos: espectáculos para facer en teatros e auditorios actualmente: “Momentos de Asombro” e “Fantasía dos Sentidos. A maxia de Fani Triana”; “Encantamentos de Rúa”, cun camión escenario nas prazas, estaremos en Ribeira e Carral proximamente; “Corcheas, Semifusas e Ilusións”, espectáculo de maxia e música en directo.
Temos actuacións, pero só como presentador-mago, de varios festivais, entregas de premios, etc., ou a mestura de maxia e lectura, na Semana do Libro e a Lectura de Lugo.
Proxectos que gostaría chegar a desenvolver:
Moitos: conquerir que o IVE baixe é un dos que teño na cabeza … He, he!
Realizar outro proxecto máxico-teatral, como “A Outra Realidade”, ou “Corcheas, Semifusas e Ilusións”; a realización de algún festival máxico; a entrada nalgunha escola do ilusionismo como actividade; conquerir que o ilusionismo estea presente en máis revistas coma esta, en máis publicacións culturais, etc.

- PC: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
MC: O certo é que facedes un grande traballo e está moi completa. Podería haber algunha sección literaria da Galiza máxica: lugares, narracións, historias orais que non queremos que se perdan, etc.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *