Entrevista a Juan Sebastián Carnero

Entrevista a Juan Sebastián Carnero

1 comentário 🕔10:00, 18.Jun 2014

Juan Sebastián Carnero nasceu em Argentina, em Buenos Aires, e ali é onde mora actualmente, mas Sebastián também é umbocadinho galego, pois seu bisavó era da nossa terra. É professor titular de gravado na Escola de Belas Artes Lola Mora de Buenos Aires, lecciona pintura e gravado na suaoficina Cromática e em escolas de primária e secundária, é ilustrador, ex-librista e desenhador. Obteveo título de Professor Nacional de gravado na Universidad de Lomas (Zamora) e é licenciado em artes visuais pelo instituto Nacional de Arte (UNA). Trabalhou quatro anos numa empresa de gestão da cor, de que tambén é especialista, algo bem presente nalgumas das suas obras que podempresentaratédez tintas diferentes. Recebeuinúmeros prémios e menções nacionais pela sua obra. Tem exposto, ademais de no seu país, em Paris, Rúsia, Portugal, Espanha, Dinamarca, China, México, Uruguai, etc.

03163CRN_1Há uns meses expus no nosso país na livraria Biblos de Betanços e durante o mês de Junho podem-se desfrutar algumas das suas xilografias na Biblioteca da Faculdade de Ciências da Educação da Universidade da Corunha.

Aproveitando sua estada na Galiza Inma Doval, do colectivo arteu, profundou na sua obra e fez-lhe uma entrevista para a Palavra comum. Acompanham o texto as fotografias que Xacobe Meléndrez tomou da sua exposição na Biblos.

ID: Comezaches moi novo no mundo do gravado, que foi o que che impulsou a desenvolver esta técnica?

Achegueime a esta técnica cando rematei a escola secundaria. Nese momento decidín comezar dúas carreiras a un tempo: deseño gráfico e Belas artes.
Desde o principio estiven interesado pola pintura , máis non atopei nesa técnica a imaxe que eu procuraba para a miña comunicación.

ID: Con que técnica te sentes máis cómodo: calcográfico, xilografía, litografía ou serigrafía?

SC: Gústame con diferentes técnicas. Neste momento estou a facer linogravados en gran formato, en branco e negro.
Hai xa algúns anos que estou desenvolvendo a miña investigación sobre a comunicación da cor nos ex-libris.

Coido que elixo a técnica en función da mensaxe que desexo transmitir.

03165CRN_1ID: Es profesor nacional de gravado, pero tamén xestor da cor, de feito traballaches catro anos nunha empresa deste sector. Como inflúe esta experiencia na túa obra artística?

SC: Inflúeme en grande medida: o tratamento da cor coa paleta cian, maxenta, marela e negra, conseguina traballando na pre-prensa dunha empresa de hocgravado e flexografía. Foi unha experiencia positiva para o meu traballo coma gravador, xa que aprendín a determe e observar, medir a cor, non só desde o expresivo, se non tamén desde o anecdótico.

ID: Aplicas a gráfica a moitos obxectos da vida cotiá, coiro, táboas de skate, roupa, mobles, abanos…, tes en mente algún traballo para aplicar o gravado a unha gran superficie, como puidera ser unha arquitectura?

SC: Que boa idea! Non o pensara.

Quedáronme varios proxectos no camiño, coma imprimir manteis con mapas ou panos de mesa. Pero recoñezo que fiquei moi satisfeito ao ver os meus linogravados nunha camiseta da marca Suba, e nos skates Don Juan, de Arxentina.

03170CRN_1ID: A túa obra varía moito en cor, pasas do branco e negro, no que a expresión é polo contraste brusco de cores opostas e a expresión do debuxo e a liña, a outras nas que insires ata dezasete cores, e nas que existe unha grande expresividade cromática. Con cal te sentes máis cómodo? Trátase de mudanzas ou evolución temporal?

SC: Penso que respondo a transicións, do mesmo xeito que a vida e as experiencias mudan, vou dun lugar a outro, viaxo, así tamén mudan os meus gravados. Neste espazo, na arte, atopei a posibilidade de ser contraditorio, de trabucarme e non ser xulgado.

Ao meu modo de ver, a evolución é outra cousa. Penso que evolución é seguir a vivir en sociedade, non isolarme e continuar a aprender e compartir con outras persoas.

03169CRN_1ID: Por que esa grande atracción polo mundo dos ex-libris?

SC: Fun alumno dun grande mestre dos ex-libris, Mauricio Schvarzman. El ensinoume o que sei sobre este xeito de ver o mundo. Benoit Junod, Mariano Casas Hierro e Fernándo Polito inspiráronme a seguir facendo ex-libris. A pesar de que me encargan ex-libris, non estou a participar en salóns. Sempre regreso aos ex-libris como unha posibilidade de homenaxear alguén. Gústame ese pequeno mundo que representa outra persoa.

ID: Ti es un grande creador de ex-libris, os teus deseños están en cantidade de librarías particulares, sabes cantas? Levas conta de todos os ex-libris que adicaches?

SC: Non, non teño un seguemento dos ex-libris que fixen. Aqueles que non vendo acostumo a agasarllar con eles alguén. Aínda me queda un grande camiño por percorrer. Supoño que cando teña máis idade poderei facer un balance (ou non) do que estou a facer como ex-librista, título que aínda me costa asumir, xa que non lle adico o tempo preciso aos ex-libris. Non quero perder a mentalidade que teño sobre o meu traballo: gózoo, conéctame co mundo cotián. Doutro xeito eu estaría mudo.

 

03172CRN_1ID: Es ademais coleccionista de ex-libris? Tes moitos que che adicaran outros artistas?

SC: Comecei a coleccionalos hai pouco tempo. Teño ex-libris que me adicaron algúns amigos, pero non moitos co meu nome.

ID: Un ex-libris é unha marca de propiedade dun libro, a súa tradución do latín é “de entre os libros de”, e ten que reflectir o mundo particular da persoa a quen vai dedicado. Cando tes que crear un exlibris para algunha persoa que non coñeces, unha encomenda, como fas para representar o seu carácter, afeccións e gustos?

SC: Cando fago un ex-libris que non é por encargo predomina a intención de xerar unha sorpresa no outro. Cando o ex-libris é por encargo fago bastantes preguntas ao seu propietario: A onde vai? De onde vén? É o que máis me interesa. Fago fincapé nos seus gustos persoais antes que na súa profesión. Pregunto cal é a cor que o representa, despois comezo a debuxar e tento formar unha composición entre as letras e a imaxe. Procuro símbolos que representen a persoa que me encarga o ex-libris, saio de min para pensar no outro. É interesante, porque é unha loita contra o egoísmo dun mesmo.

ID: Pasas moitas horas no taller? Tes un tempo cada día para llo adicar ao gravado?

SC: Paso moito tempo no taller! É o que máis me gusta facer. Se non estou debuxando estou lendo e escoitando música, pensando en novos proxectos. Son profesor en diversas institucións, nutro a miña actividade artística do que aprendo dos meus alumnos. Faime ben impartir aulas. Gozo coa fusión do traballo individual e o colectivo. Actualmente traballo para min e xestiono exposicións doutros artistas. Esta capacidade de conectar xente descubrina hai pouco. Renata Carneiro, Inma Doval e outros amigos están no mesmo camiño, é unha actividade que vai máis alá do traballo, é humanismo.

03174CRN_1ID: Ademais de impartir aulas na universidade, tamén ensinas gravado a xente miúda, rapaces e rapazas de primaria e secundaria. Pensas que os máis pequenos se senten atraídos por esta técnica?

SC: Si! Moito. Prefiren facer ex-libris, serigrafía ou xilografía que pintar. O gravado ofrécelles múltiples posibilidades. Durante tres anos seguidos preparei o meu alumnado para expoñer en Serbia e Polonia. Estás exposicións motiváronnos moito, foi un grande impacto recibir catálogos escritos noutros idiomas sendo elas e eles de Arxentina.

ID: Tamén es ilustrador, tes ilustrados un libro de poemas de Vivi Campos e un de contos de Darío Semino, ademais dun disco, e tamén colaboras puntualmente cunha revista. Tes algún proxecto novo nese campo? Como xorden os proxectos, a partir da lectura dun texto pola túa parte ou a petición do escritor ou escritora? Ou trátase de proxectos que nacen para realizar en conxunto?

SC: Estou por imprimir algúns afiches para unha banda de rock. E, ao mesmo tempo, edito unhas carpetas de gravado, nas que 20 gravadores de Arxentina nos reunimos para deixar unha apegada do panorama do novo gravado actual no noso país. Este proxecto, que está bastante avanzado chámase “La huella impresa” (a pegada impresa) e será exposto por primeira vez no Museo da cidade de Tres Arroyos, Arxentina, en outubro de 2014.

Durante a primeira semana de maio sairá un libro con tres linogravados que fixen para un libro de poemas sobre Berlín. Viaxarei a esta cidade para asinar a edición e para coñecer persoalmente a Schoko Casana Rosso, un artista polifácetico que se adica ao mail art e con quen intercambiamos gravados e postais. El é quen me estimulou a editar a carpeta de gravados.

03175CRN_1ID: Poesía, relatos, discos, revistas… Algunha vez pensaches en ilustrar literatura infantil? Tes contacto diario con nenos e nenas nas aulas, nunca che ven á cabeza realizar algún proxecto enfocado a eles?

SC: Aínda no xurdiu a idea, pero non a desboto, todo é posible!

Gustaríame ensinarlles a encadernar. O que ocorre é que o meu alumnado da escola primaria sempre é máis orixinal que as consignas que eu lles dei! E iso alégrame moito.

ID: Outro dos teus proxectos xira en torno a unha botella, no medio do océano, podes falarnos un pouco de como xorde esa idea e en que consiste?

SC: É un xogo, outro xeito de comunicación. Xunto a Mariana de Castro, de Portugal e Gustavo Roig García, de Galicia, decidimos rexistrar un momento no que envasamos un texto e unha imaxe sobre papel nunha botella baleira e lanzámola ao mar. Tivemos la intención de xerar unha ponte ao azar, prescindindo dos medios tradicionais de comunicación. Hai pouco tempo recibín a resposta da muller que atopou a miña mensaxe. Foi algo incríbel!

03177CRN_1ID: A botella viaxa nun inmenso océano ao encontro de alguén que queira ler a mensaxe que leva dentro. Ti tamén es un gran viaxeiro e tamén é fermoso ler na túa obra. Como inflúen as viaxes na túa creación artística?

SC: As viaxes definen o meu traballo rotundamente. Cidades como Porto e Granada marcaron o meu xeito de ver o mundo. Eu vivo en nun lugar onde todo é chairo. Ao non ter nada exterior para ver, miro cara dentro. As perspectivas do Porto e a xeometría de Granada foron algo que determinou o meu debuxo. Gústame moito vaixar para estudar sobre a historia de cada lugar.

Sinto unha ligazón enorme con España e Portugal. Hai pouco un galego díxome que os galegos son do mundo, non de Galicia, nese caso, eu tamén son galego. As viaxes inspíranme moitísimo. Lugares como Sintra, Lisboa, Porto, Cecebre, A Coruña, París, Tarragona, Palaiseau Villebon, son espazos nos que a conexión comigo mesmo é moi fonda.

A primeira vez que estiven en Andalucía sentinme como na casa, como se xa tivera estado alí. Foi un momento único e moi forte. Lembro a miña chegada, a visión dunha exposición de Escher, cando coñecín a Miguel Carini, cando entrei na Alhambra… marabilloso!

ID: Artista novo, skater, gran debuxante e ilustrador…, nunca pensaches entrar no mundo do cómic ou a novela gráfica? As ilustracións para o libro de Darío teñen moito de novela gráfica.

SC: Deseñei unas personaxes inspirados en vellos skaters do meu bairro, Remedios de Escalada, pero nunca os publiquei.

Penso que debo estudar algunhas cuestións técnicas para desenvolver ben un cómic.

ID: Cales pensas que son os teus referentes artísticos? E literarios?

SC: Teño moitos: Fernando Pessoa, Bioy Casares, Cortázar e Oliverio Girondo son os que leo con continuidade, aínda que os sego a descubrir.

Fernando Polito, Matías Amici, Clara Muslera, Raúl Villullas, Renata Carneiro, Pablo Flaiszman e moitos outros artistas contemporáneos son as persoas que admiro actualmente.

Recentemente vin a obra de Ovidiu Batista e a obra de Alí Alí. Impactoume moitísimo ver a linguaxe gráfica que dominan eles, sendo expresivos e contundentes a un tempo.

ID: Para finalizar, como definirías a túa arte, que mensaxe é a que che gustaría transmitir ao público?

SC: A miña arte… cambiante. Espero non atopar fórmulas que me fagan crer que estou ante algo especial, ese sería o meu fin.

Gústame transmitir optimismo, e neste optimismo, a posibilidade de viaxar por outros mundos visuais e sensoriais.

Fotos: Xacobe Meléndrez Fassbender

Sobre o autor / a autora

1 comentário

  1. 🕔 16:41, 22.Jun 2014

    Céu Costa

    Depois de ler esta entrevista feita pela artista e amiga Inma Doval fiquei conhecendo melhor SebastianCarnero . Admiro a sua obra e espero continuar a acompanhar a sua evolução.

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *