<em>Wrecking ball (¿ti que ves?)</em>, por Ramón Blanco

Wrecking ball (¿ti que ves?), por Ramón Blanco

0 comentários 🕔11:30, 25.Jun 2014

Aínda a risco de que algún espía de vida miserablemente aburrida gañe o pan remexendo na miña privacidade, esta mañá visitei, como case a diario, varias webs. Hoxe o rastrexo comezou especialmente cedo porque no medio da noite unha melodía veu derrubarme o sono: “Wrecking ball”, de Miley Cyrus. Como un autómata, conecteime a internet. A páxina de Google conmemoraba cunha das súas animacións o 129 aniversario do nacemento de Hermann Rorschach, cuxo apelido dá nome a ese test psicodiagnóstico que se realiza con láminas dobradas sobre manchas de tinta para obter figuras simétricas ás que o testado asocia un referente, avaliando así a súa personalidade. Os deseñadores da animación pensaran en todo: fixen o test e incluso me animaban a compartir nas redes sociais o que vira! Temendo algún uso inadecuado das miñas visións, optei por buscar a canción de Miley Cyrus en Youtube, pois á fin e ao cabo era o que me quitaba o sono. Puxen os cascos, subín o volume e escoiteina (e visioneina) varias veces seguidas. Mesmo perdín o tempo con algunhas parodias do vídeo.

Continuei o meu vagabundeo viral cun debate televisivo dos anos oitenta no que participaban, entre outros, Mario Vargas Llosa, Octavio Paz e Manuel Vázquez Montalbán (si, aquela televisión!). As alusións ao papel do intelectual e a situación europea na historia lembráronme o centenario de Albert Camus, que botaría pestes sobre tantos males da Europa de hoxe. Mais para que irnos a Europa se xa nos sobra con España, pensei mentres o cursor vagaba polas portadas dos xornais. “Hai tempo que perdín a inocencia e sei que os nosos políticos só defenden os seus propios intereses económicos. E canta vaidade e estupidez hai neses movementos que nos obrigan a presenciar nas súas televisións!”, e non o digo eu, senón Enrique Vila-Matas no libro Fuera de aquí. En efecto, varias noticias do día refírense ao peche da radiotelevisión valenciá: “Fabra recupera por decreto o control de RTVV”, “Canal Nou triplicou onte a súa audiencia”, “Canal 9 pide perdón ás vítimas por silenciar o accidente do metro”…

Un dos periódicos contén un anuncio publicitario de Canal + que me inquieta: “Quen provocou a destrución de EE.UU?”; trátase dun vídeo do Saturday Night Live, un famoso programa de humor estadounidense, onde a propia Miley Cyrus se parodia a si mesma. Casualidades da vida ou cookies informáticas? Supoño que o primeiro. Un pouco asustado, decido desconectarme. Mais daquela véxoo claro: “Wrecking ball” (“Bóla de demolición”) contén unha mensaxe cifrada e dispóñome a desvelala. Coloco os cascos e transcribo: Os cidadáns queren a determinados líderes políticos, aínda que os fagan sufrir. Votan por eles masivamente, nunca golpearan tan duramente na política (como unha bóla de demolición), e entréganlles a maioría absoluta. Queren romper os seus muros, é dicir, darlles carta libre. Pero o que fan eses políticos é esnaquizar incluso aos seus votantes. “Púxente no alto do ceo/ e agora, non baixas/ cambio lentamente, deixáchesme arder/ e agora, somos cinzas no chan”. Ti que ves?

8 de novembro de 2013

Ramón Blanco

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *