<em>Con letras de pel (II)</em>, por Chelo Suárez

Con letras de pel (II), por Chelo Suárez

0 comentários 🕔10:30, 02.Jul 2014

I

Mutacións

O meu corpo, pensándote
esperta. E, todo unllas, espreguízase
cada anoitecer.
Alma de gata.
Logo, como flor nocturna
pétalo a pétalo
no leito, esperándote
ábrese de par, fragrante orquídea.
Para logo mudar
de seda a fonte.
onde ti apagar as sedes.

II

Elementos. Auga

O ceo
faime xeneroso
agasallo de chuvias.
O trebón cae…
Sedentas linguas de auga
sen pausa
esvaran cobizosas
pola miña pel.
Aberta
recíboas.
Cínguense ao meu van…
E lamben con devezo
o meu corpo nu.

III

Elementos. Aire

Azóutame.
Cínguete a min
cos teus brazos
cálidos, suaves,
plenos de aromas,
rumores e luz de estío.
Amante invisible.
Pégate.

IV

Elementos. Terra

Ámote, terra.
Sen temor
volvo, descendo a ti.
Acubillada
no teu ventre
feraz, escuro, posúome
mentres soño, soñamos flores.
Voluptuosa a miña pel
de carambelo.

V

Elementos. Lume

Lapa de corpo sinuoso
prende en min.
Quero,
abrazada a ti,
suar luz.
Arder.
Consumirme
no teu mesmo baile.

VI

Do teu corpo, acóllome a calquera recanto…
Ambos amamos a verde alegría dos días. O rostro do sol.
Baixo el, deitada núa na herba, coas coxas abertas, conságraste ao ritual da entrega.
Ábreste de par, para que poida con toda devoción
entrar en ti.
E, os dous, cheos de gozo
repenicaremos gloria.
Nesta hora litúrxica
plena de paixón e luz.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *