<em>Tres sonetos</em>, por Carlos Pereira Martínez

Tres sonetos, por Carlos Pereira Martínez

0 comentários 🕔11:30, 02.Jul 2014

A Isabel Pintado

No silencio profundo que pensas cos teus ollos
a ondulación do lapis nos anuncia
a silueta fugaz da primavera:
chega o tempo da antífona das cores.

E convocas, no templo no que madura a Idea,
nese ferver nupcial da creación que oficias,
a asistir á liturxia da xeración dos soños
(resurrección das formas disoltas no inefable).

Coa delicada danza que resulta dos xestos,
sobre esa seda láctea que teceron teus dedos
deslizas o pincel sereno da Poesía,

caligrafías horas, bordas flores,
esbozas xeografías e rostros de mulleres
unxidos coa atmosfera inmóbil da tristeza.

(Marzo de 2010).

A Lola Beade

Un solpor voluptuoso nos teus cadros:
coloración de sangue que desprenden
as floracións solares das mamilas
que degoiran o abismo das caricias.

Ebulición no tórax, e no ventre
o fulgor dun desexo que estremece,
ebriedade de axilas, plenitude
dos luminosos sexos na luxuria.

Labios que se contraen e se expanden,
en escorzos titánicos no Eros,
na noite en erupción, abrasadora.

Carnalidade, lume na epiderme,
erosión no pracer: senda que leva
á lenta combustión no desvarío.

(Marzo de 2010).

A Antón Sobral

Topógrafo do mar, contabilizas
o rítmico fluír das súas ondas,
coa túa retina azul bebes as xerfas
e a música dos cons nos lenzos gravas.

Arqueólogo das crebas e dos bosques,
calígrafo do efémero na area,
navegas polas dársenas da danza
e nas prazas barrocas serpenteas.

Oficiante das artes da conversa,
paladeas a cor dos alimentos
no templo xerminal, de luz, da terra.

Sumiller da amizade, saboreas
os viños das adegas da Poesía,
Epicuro de Helenes, meu amigo.

(21 de xaneiro de 2011).

A foto procede da Wikipedia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *