Retrato dunha amizade: Bal y Gay no ollar de Carlos Maside

Retrato dunha amizade: Bal y Gay no ollar de Carlos Maside

0 comentários 🕔14:00, 09.Jul 2014

O retrato do compositor e musicólogo Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905- Torrelaguna, Madrid, 1993) é un dos máis relevantes retratos realizados polo pintor Carlos Maside (Pontecesures, 1897-Santiago de Compostela, 1958) e testemuña a intensa relacion de amizade entre ambos os creadores.

Os dous artistas coñécense en Compostela onde Bal vai realizar o servizo militar en 1927, hospedándose -como sinala a investigadora Rosa María Fernández García- na casa das irmás de Maside. Esta estadía afondaría na relación do musicologo co nucleo intelectual de mozos que xiran ao redor do Seminario de Estudos Galegos1.

Temos o testemuño deste momento de man do propio compositor que, alén diso, manifesta a convicción da calidade do retrato realizado polo seu amigo:

En Santiago iba a encontrar nuevos y notables amigos. Allí conocí a Carlos Maside, del que poseo un retrato que puede clasificarse -y así me lo corroboró el ex Secretario General del Museo Carlos Maside- entre lo mejor de lo mejor de la obra masidiana. También conocí entonces a los hermanos Bouza Brey, a Domingo García-Sabell -en cuya casa toqué sólo, a cuatro manos y acompañando música para piano y violín (Domingo tocaba el violín)-, a Rafael Dieste, tan entrañable; a Luis Seoane, mi inmortal amigo; a Gonzalo Torrente Ballester, a José Filgueira Valverde, etc. Un “feixe” de jóvenes que prometían y cumplieron luego sobradamente2

Bal y GayO retrato xorde, pois, no cadro dunha intensa relación de amizade, que perduraría no tempo3 e dunha complicidade intelectual que ten como contexto a chamada polo propio Bal “Nova Xeración Galega”. O lugués non só achega a este ambito intelectual o seu traballo como musicólogo e compositor senón tamén moi variadas reflexións sobre o momento da cultura galega a sobre os procesos globais da cultura internacional. Nas páxinas de El Pueblo Gallego, onde escribe desde 1925 até 1932, deixa ducias de artigos sobre temas musicais, pictóricos, arquitectónicos, etc.

De por parte, a súa escasa produción poética -moi influída por Manuel Antonio no léxico, nos temas e en certo fragmentarismo formal- está chea de ecos musicais, velaí o poema “Jazz sonámbulos”, e plásticos, con títulos como “Naturezas mortas” ou “Estatuas”. Este último poema liga a presenza conxelada estatuaria e os adolescentes ciclistas, nunha temática moi afín ao realismos artisticos da Europa de entreguerras: “Ela é a que fai caer as follas do outono/ e a que lles rouba as roita ós paxaros./ A que leva os cegos deica os abismos/ e a que desacouga os instintos dos adolescentes ciclistas. A carón dela o noso amor trónzase as mans”4.

Retrato de Bal y Gay (1928, óleo sobre lenzo, colección particular, Madrid) é unha pequena pintura -36,5 x 27 cm- que representa a cabeza perfilada do músico cun fondo de matices azulados. A face ocupa case a totalidade do lenzo, destacando a leve expresión dos beizos que delata certa complicidade entre o pintor e o seu amigo.

A sólida construción do cadro lembra a tradición cezanniana -Maside estivera en París como bolseiro o ano anterior-. As pinceladas que subliñan aquí e acolá o rostro do modelo, dun verde pardo, sen dúbida proceden da liberdade de pincelada da pintura de vangarda que o pintor galego xa asimilara no seu camiño de construción estilística.

A ensamblaxe de diversos tons, escuros e luminosos, serenos e expresivos, semella recoller a personalidade do compositor. En conxunto salienta a sobriedade dos tons e a solidez da construción da cabeza do retratado.

phpThumbNo conxunto da obra de Maside, este retrato manten fortes afinidades co magnífico Autorretrato (1928, Museo de Pontevedra), realizado ese mesmo ano. Trátase, este último, dunha potente imaxe do artista aos trinta e un anos, sereno, concentrado no seu propio eu, cunha aparencia de seguranza. Interpélanos cun ollar intenso e analítico por medio dunha linguaxe formal na que domina a rexa estrutura e a solidez volumétrica, facendo destacar a face tridimensional e un colorismo expresionista. No caso do retrato de Bal y Gay, Maside proxecta esa mirada analítica sobre o seu modelo con indubidábeis afinidades no volume, a cor e a pincelada co seu Autorrretrato.

Ao pór en relación ambas as obras: o Retrato de Bal y Gay e mais o Autorretrato, percibimos como Maside acaba por configurar unha linguaxe que, vista coa perspectiva que o paso do tempo favorece, salienta pola súa intensidade, pola súa calidade plástica, case escultórica. A intensidade a que nos referiamos é a calidade iluminadora que o pintor posúe -o retrato masidiano ten sempre un movemento interior- que fai que calquera das súas obras transmita un intenso pulo vital, a pulsión dun tempo, unha pulsión con moito de complicidade ética, que resalta pola capacidade do pintor para comprender os modelos representados, como tamén se pode apreciar nos seus retratos de Alvaro Cunqueiro (1931, Museo Carlos Maside, O Castro, Sada) e de Domingo García-Sabell (1930, colección particular), ambos xa cunha textura granítica afín a obras de comezos dos trinta como a famosa Muller sentada (1930, colección particular).

NOTAS

1Fernández García, Rosa María, Bal y Gay. O seu pensamento antes de 1933, Ediciós do Castro, Sada, 2005, páx. 15.

2Buxán, Antonio, Nuestros trabajos y nuestros días. Jesús Bal y Gay y Rosita García Ascot, Fundación Banco Exterior, colección Memorias de la Música Española, Madrid, 1990. Citado en Fernández García, Rosa María, Op. cit. páx. 16.

3En 1933, por mor do casamento de Bal y Gay coa pianista Rosita García Ascot, Maside envíalle unha augaforte coa seguinte dedicatoria. “A mi mejor amigo Jesús Bal, en su boda. Compostela 1933”.

4López, Teresa, Sementeira de ronseis. Cinco poetas da vangarda, A Coruña, Espiral Maior, A Coruña, 2000, páx. 52.

Sobre o autor / a autora

Carlos L. Bernárdez

Carlos L. Bernárdez

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *