<em>As críticas literarias de Paul Lafargue (III)</em>, por Xesús González Gómez

As críticas literarias de Paul Lafargue (III), por Xesús González Gómez

0 comentários 🕔09:00, 16.Jul 2014

II

L’ARGENT

L’Argent pode ser considerada como a réplica e o complemento de Pot-Bouille, onde Zola, cunha acuidade e unha severidade implacábeis, describiu a pequena burguesía. O que a caracterizaba noutrora era unha vida ordenada, sabia e tranquila, unha estrita honestidade, un espírito limitado de filisteo, e esas virtudes que forneceron aos escritores do pasado modelos para os seus tipos cómicos. Hoxe aparécenos tal é como é representada en Pot-Bouille, completamente degradada e corrompida. Non é a sede de ouro o que modificou a fisonomía do pequenoburgués, senón a necesidade de dineiro que o agonía e o esmaga. Non é a prosecución dos praceres e das voluptuosidades, senón a loita por unha existencia miserábel, chea de preocupacións e tristezas. O pequenoburgués debe calcular, economizar parsimoniosamente antes de poder comprar unha lilaina á súa dona, un brinquedo ao seu fillo. Está obrigado, so pena de morte, a contar céntimo a céntimo.

Na súa novela L’Argent, Zola introdúcenos nun mundo diferente, en oposición completa cos ambientes pequenoburgueses, un mundo en que se cálcula non por céntimos, senón por billetes de a mil. Aquí, vemos o ouro líquido e móbil rolar en vagas máis rápidas, máis precipitadas, máis ferventes que as augas auríferas do Perú. Aquí o ouro converteuse no sentido e o fin de toda vida, de todo pensamento, de toda acción. Perséguese o ouro non para asegurar a existencia nin a da familia, nin para dar unha resposta á eterna cuestión :«Como conseguir comer e vestirse». Trabállase e sófrese non por necesidade, senón para acumular millóns sobre millóns, por amor ao ouro, polo ouro. O millionario xudeu Gundermann, que Zola presentou en L’Argent, non ten ningunha necesidade. Un estudante, mozo rexoubón que aparece nunha das obras de Balzac, tan pobre de cartos como rico de espírito, consólase do seu infortunio observándo filosoficamente que nin Napoleón, nin o home máis rico do mundo poderían almorzar dúas veces ao día nin ter máis amantes que un simple estudante de medicina. Gundermann non chega mesmo a engulir un almorzo por día, a muller non existe para el. O seu estragado estómago só atura o leite, e cando quere levar unha vida alegre, saborea zume de uva. O seu corazón só latexa para a alza e a baixa dos valores de Bolsa.

Mais o amor polo ouro, que caracteriza os personaxes do mundo descrito por Zola, non é o amor polo ouro metálico, polo ouro sólido, polo ouro que brilla e resplandece, que alegra e seduce os ollos polo seu radiante esplendor, os oídos polo seu tintileo harmonioso. Grandet, o avaro de Balzac, ama tenramente o ouro polas súas cualidades físicas, pola súa cor, polo seu son. Amorea brillantes pezas de ouro en lugar seguro, xoga con elas, fainas escorregar entre os seus dedos, sente unha voluptuosidade incomparábel ao mergullar as súas man no tesouro, ao sentilo, ao apalpalo, fala do seu ouro con palabras tenras, a éxtase do poeta arde co fogo da paixón. Veña, vai buscalo, di á súa filla. Deberías beixarme por te contar tantos segredos e tantos misterios de vida e de morte polos escudos. Verdadeiramente, os escudos viven e reméxense como homes : van, veñen, súan, producen.

Durante horas goza do espectáculo dos luíses de ouro amoreados uns sobre os outros, cuxo brillo tornasolado hipnotízao, de maneira que berra, entusiasmado: «Isto aquéceme!»

Os bolsistas xa non coñecen o ouro, «esa bágoa roubada ao sol». O que escorrega nas súas mans son soamente anacos de papel que fregan e engurran con xestos febrís. Para eles, a fortuna non é algo visíbel, tanxíbel, palpábel, é unha sucesión de cifras abstractas, de valores metafísicos. Cando se fala de accións de compañías de gas, de accións de ferrocarrís, de accións de minas de carbón, non se representan algún gazómetro xigante semellante a unha campá que recibe e aprisiona o gas fluído, extraído do carbón. Non ven, cos ollos da imaxinación, locomotoras fumexantes, vías férreas a estenderse até o infinito, galerías subterráneas e vagóns cheos de carbón… Non, diante das súas olladas danza a cotización abstracta deses anacos de papel, chamados accións, que o home da Bolsa considera como valores incorporais e supraterrestres: élle absolutamente igual que as cousas representadas existan ou non.

Zola debeu titular a súa novela non L’Argent, senón La Bourse, porque nos pinta o ambiente que a especulación bolseira mantén nunha tensión febril e nunha excitación perpetua, homes dos que estraga o sistema nervioso. No seu circuíto, os cartos reflicten todos os procesos e os fenómenos da sociedade capitalista. Por algúns francos, o obreiro véndese ao día, á semana, ao mes, entrega a súa muller e o seu fillo ao capitalista, condénaos aos traballos forzados da fábrica. Polo diñeiro, os fabricantes de raís falsifican o contraste de garantía e poñen así en perigo a existencia de millares de viaxeiros. Polo diñeiro, o presidente Grevy, nos sucios tráficos, usou da influencia política que lle outorgaba a súa situación de máis alto dignatario do Estado. Polo diñeiro, o oficial arrisca a súa vida, o caixeiro fica honesto, o poeta e o escritor compoñen as súas obras. O desenvolvemento capitalista fixo descender a un nivel tan baixo que xa non coñece e non pode coñecer xa máis que un único móbil : o diñeiro. O diñeiro converteuse no motor principal, no alfa e o omega de todas as accións humanas. Balzac chámao a «ultima ratio mundi»1. Zola non intentou nunca representar, no cadro da súa novela, as virtudes e os vicios enxendrados polo diñeiro rei.

Todos os personaxes do seu último libro gravitan arredor dunha especulación financeira : a Bolsa é o campo de batalla no que traban unha loita a morte. A Bolsa non é un laboratorio máxico onde se crean riquezas, é unha caverna de bandidos onde os financeiros, que rivalizan en astucia, en duplicidade, en mentiras e en perfidia, se reparten o botín : os millóns e miles de millóns creados polo traballo dos campos, nas minas, nas fábricas e nos obradoiros do universo. Os especuladores, que concentran nas súas caixas fortes e nos seus portafolios inmensas cantidades de riquezas, non produciron por si mesmos nada na súa vida. O seu único traballo intelectual consiste en tender insidiosamente trampas e redes nas que deben caer os millóns creados non importa onde nin por quen –e por quen, estes señores, non se preocupan!!

Saccard, o heroe da novela de Zola, encarna este mundo estraño. No momento en que aparece, non posúe xa nada, as xentes que coñece acólleno friamente ou aparentan non velo. E un home arruinado e, neste medio, non hai amigos. Obxecto do desdén xeral, consegue no entanto sair do apuro e de repente triunfa, adulado e incensado polos mesmos que noutrora lle viraran o lombo e se apartaran do seu camiño. A causa deste brusco reviramento? Saccard dirixe unha operación financeira favorecida pola sorte e coroada con éxito : as súas accións soben e malia os temores máis xustificados, malia as intrigas e as traizóns dos seus asociados, malia as combinacións astutas dos seus competidores, acadan prezos fabulosos. A paternidade da operación non pertence a Saccard, non se ocupou do lado técnico do asunto. É un modesto enxeñeiro, de alma mística caída nesta banda de estafadores, quen inventou e organizou todo. Saccard non é máis que o «fundador», o home das fórmulas máxicas que abren o moedeiro dos accionistas, o home que posúe a arte marabillosa de enredar as xentes e os que lle entregan o seu ouro, o seu ouro tintileante, a cambio de anacos de papel, aínda que este ouro lles sexa máis caro que a súa honra, a súa muller, o seu fillo e o seu can favorito!!

A novela de Zola está inspirada en feitos reais que el arranxou poeticamente : é a historia de L’Union Générale, sociedade financeira dirixida polos señores Bontoux e Fœder, que saqueaba Francia, Austria, Serbia e Romenia, creando bancos, minas, vías férreas e fábricas. L’Union Générale foi durante un tempo unha milagrosa caixa de aforro, protexida pola bendición papal. Pagaba aos bos católicos intereses fabulosamente elevados mesmo para o usureiro xudeu máis cobizoso. Ía converterse no banco do papa e de todos os católicos: o seu krach –un dos máis grandes que nunca se viu até hoxe– conmoveu o mundo da finanza e afectou aos medios máis diversos.

Saccard é un financeiro retorto, afeito a todas as estrataxemas, un animador de negocios corruptos. Sabe moi ben que unha especulación ten éxito cando é dirixida, non por homes honestos e cautos, senón por tafures que xogan un importante papel na Bolsa ou que, polo seu antigo brasón, o seu título de deputado ou mesmo unha simple condecoración, se impoñen aos imbecis, máis dotados de cartos que de cerebro. Elixe, en consecuencia, os membros do consello de administración para a sociedade corrupta que fundou. Saccard sabe tamén que o éxito dun negocio depende da súa publicidade.

Podía pensarse que Zola, que quere pasar por un escritor ultra-realista e que gusta das descricións máis repugnantes, que Zola, que, por desafío e sen dúbidas, emprega as locucións máis groseiras, tería esta coraxe : revelar toda a verdade, que coñece ben, sobre a publicidade financeira, esa estafa permanente, e sobre o papel que xoga a prensa.

Mais a coraxe faltoulle en L’Argent como en Germinal. Na primeira destas novelas tratou ben a prensa, ese «depósito de veleno», segundo a expresión de Balzac2. Non tivo a coraxe de mostrar como toda a prensa burguesa está vendida á alta finanza, como se esforza, semellante a unha prostituta, en merecer os seus favores mediante súplicas e ameazas. Maupassant é o único escritor moderno que ousou, en Bel Ami, erguer un anaquiño do veo e revelar a venalidade e as vergonzas da prensa burguesa de París3. Zola representou ben un xornalista, cheo de débedas e de vicios: escribe artigos de encargo no que hoxe o branco é negro e mañá o negro é branco, o que lle achega algunhas desventuras. Mais este xornalista pertence á bohemia literaria, non goza de ningunha consideración, non posúe ningunha influencia, a súa baixeza moral aparece como excepcional e a honestidade a regra da prensa burguesa. Cando Zola pasa baixo silencio a profundo corrupción dos xornais, non é por ignorancia. Coñece ben a prensa, el mesmo foi xornalista, mantén aínda relacións constantes con ela. Este medio, que observou, no que viviu, sobre o que posúe unha documentación exacta, tirada das fontes, teme mostralo tal como é. Zola que, como todos os seus caros colegas de pluma, é un bo comerciante, quere tratar ben os xornalistas que poden, pola súa propaganda, influír sobre a venda dos seus libros. Primeiro os negocios, logo, cando se pode, a arte ! Eis por que se coidou de mostrar como as follas máis respectábeis e as máis respectadas, as máis serias e as máis aburridas, poñen a disposición dos magnates da finanza a súa primeira páxina, a fin de que poidan enganar e atracar os burgueses, para os que estes xornais son a súa lectura favorita4. Pola contra, relata dúas veces con gran pracer, un caso que, se en verdade se produciu, é máis ben unha farsa que un anuncio5. Nada é máis digno, nada é máis moral que os prospectos dos especuladores: estes señores poderían dar aos xesuítas leccións de xesuitismo.

Na Bolsa, a banca católica de Saccard e a banca israelita de Gundermann –pseudónimo de Rothschild– enfróntanse. Retirado tranquilamente no seu antro, cheo de confianza na forza milagrosa dos seus millóns –«Deus sempre está a favor dos batallóns máis grandes», dicía xa Turenne–, o xudeu, frío e flemático, deixa ao cristián nervioso e febril usar as súas forzas nunha serie de especulacións que fan subir as accións da Universal de 500 a 3000 francos. Cando Saccard está esgotado pola súa pírrica vitoria, Gundermann lanza bruscamente os seus millóns no mercado, arruína e esmaga o seu competidor. Do cumio da felicidade rola até a prisión, e de novo todos os que enriqueceu abandónano e traizóano. Saccard está batido, mais non vencido. Na súa cela de La Conciergerie forxa planos para novas empresas, para novas especulacións. Soña que é rico, vese de novo amo e señor da Bolsa, con centenares de millóns nas mans.

No curso da segunda metade do século, houbo moitas veces encarnizadas batallas entre a casa Rothschild e os bancos que lle declararan a guerra e que atacaban a súa hexemonía. Nos primeiros anos do reinado de Napoleón III, Rothschild, enriquecido polo investimento dos empréstimos de Estado, mantíñase na antiga maneira de especular. Só emprendía operacións seguras e manipulaba exclusivamente millóns que lle pertencían ou polos que respondía a súa banca. Mais os Pereire e outros, imbuídos das teorías de Saint-Simon, dirixían a especulación noutras vías. Ao non posuíren fortuna, facían que o público lles transferise os capitais de que tiñan necesidade, e, como especulaban cos cartos dos outros e non tiñan nada a perderen, lanzáronse a cegas ás aventuras financeiras máis ousadas. E deste época que data a febre de especulación que mantén desde entón a nación francesa nunha axitación perpetua. Os especuladores da nova especie intentaron arruinar a Rothschild, mais este abateu un tras doutro, Péreire, Mirès, Philippart, Bontoux. O vello xudeu tiña unha fe tan inquebrantábel na súa vitoria final, que deixou desocupada, dise, a mesa en que seu máis terríbel inimigo, Péreire, traballara no tempo en que estivera empregado na súa banca. A unha observación que se lle fixo, Rothschild respondeu friamente: «Un día volverá ocupar o seu lugar».

Os vencidos de Rothschild eran innovadores no eido da especulación. As ideas, as combinacións e os métodos que aplicaron para se procuraren cartos revolucionaron o mundo dos negocios e a Bolsa. Centralizaron nas súas mans os aforros dos burgueses e das masas populares para dirixiren as vagas tumuluosas cara á industria e o comercio. Convertéronse nas bombas aspirantes e compresoras da fortuna nacional. O chamamento á asociación dos pequenos capitais é unha fórmula tomada de Saint-Simon: a súa realización convertérase nunha necesidade para o desenvolvemento do capitalismo. Os ferrocarrís e os organismos económicos modernos son empresas tan vastas que é imposíbel contruílas e facelas funcionar coa axuda de capitais individuais. Eran necesarios os capitais da masa, a súa concentración xigantesca. Os Péreire e os Mirès emprenderon esta tarefa, e poden fincharse de teren conseguido un milagre maior que a resurección de Lázaro: conseguiron persuadir aos pequenoburgueses e aos campesiños separarse dos seus cartos ben amados e confiarllos. Así puideron achar os capitais que necesitaba aos seus inicios a grande industria en plena expansión. Péreire e Mirès precipitaron o desenvolvemento industrial e comercial que topaba con certas dificultades baixo o Imperio. Traballaron sobre todo, contra a súa vontade, pola casa Rothschild, que, despois de contemplar durante moito tempo con ollo prácido o seu ascenso e o seu éxito, os abateu e se apoderou dos organismos financeiros e industriais que crearan.

Zola non coñece a historia da finanza e da Bolsa parisinas. En verdadeiro reporteiro, contentouse con pasar algunha horas na Bolsa, con estudar os lugares –e anotar as lerias dalgúns bolsistas tan pouco ao corrente como el da historia da Bolsa e da súa propia historia: con efecto, desde o momento en que esta historia non afecta a alza e a caída das cotizacións, só lles interesa moi mediocramente. Para Zola, a loita entre Saccard e Gundermann é soamente o duelo entre o capital de especulación católico e xudeu. Mais os Péreire e os Mirès eran tan bos xudeus como os Salomón e os Nathan da familia Rothschild. Acusaban a estes últimos de seren xudeus do Norte, Askenazis, mentres que eles atribuíanse a honra de representaren os Xudeus do sur, os Sefarditas, que, segundo eles, se distinguían por ideas máis xenerosas.

A casa Rothschild resistira todas as tempestades, saíra vitoriosa e máis potente que nunca da Revolución de 1848, que non obstante quixera a súa perda. Fixera fronte a todos os seus inimigos, protexidos e favorecidos polo Imperio e polos oportunistas, e vencéraos. Esta guerra e a loita entre os partidarios dos antigos e dos novos métodos de especulación puideron servir de transfondo á novela e darlle unha grandeza épica.

É difícil describir de maneira interesante as xentes de Bolsa e os seus tráficos. Zola, non obstante, soubo dramatizar a materia ingrata que tiña diante del. Se se consideran as dificultades superadas, a riqueza de detalles, a habilidade no plano, o releve dos caracteres, algúns son notabelmente observados, débese recoñecer que L’Argent é unha obra mestra. A exposición está moi conseguida. Zola, esta vez, non fixo un traballo de colexial, non copia un cadro, como en La Terre, debuxa do natural.

O lector, desde a primeira páxina, sumérxese no seo desta vida tumultosa. Zola lévao a un restaurante onde os que viven da Bolsa almorzan e esperan a hora bendita en que poderán adorar o Becerro de ouro. Aquí, no barullo, os especuladores comen, beben, fuman van e veñen, saúdanse mutuamente, interpélanse en voz alta ou intercambian en voz baixa os seus pareceres sobre o único obxecto que lles interesa, a única cuestión que os apaixona: as cotizacións da Bolsa e os acontecementos políticos que poden influílas. Deste universo ruidoso, onde cadaquén se isola nos seus cálculos e as súas combinacións, se choe no seu egoísmo, a figura de Saccard salienta en trazos vigorosos : infatigábel e desdeñoso, vibra e prepara na súa cabeza o plano dunha nova, dunha vasta especulación, e observa xa as persoas das que se servirá e que poden serlle útiles. Aínda que estea arruinado, sen crédito e sen protección, aínda que o seu irmán ministro queira liberarse del dándolle un emprego de subprefecto en provincia, deseña intrepidamente o plano que lle permitirá conquistar París.

Zola quixo dar ao lector unha idea dos personaxes estraños e especiais que xesticulan na Bolsa coma posuídos, ouvean até o enroquecemento e que se encontran a cada paso no barrio. A súa novela preséntanos unha multitude de siluetas prestamente executadas. Busch e a Méchain co seu bolso de coiro cheo de papeis, representan os tipos de pequenos trapeiros de valores caídos ao arroio. Compran accións de sociedades en quebra, declaracións de débedas impagadas, letras protestadas, clasifican e catalogan todos estes papeis sen valor, logo esperan pacientemente catro, dinco, dez anos, a ocasión de desfacerse deles con proveito, un proveito tan mínimo que non paga nin o tempo nin os esforzos gastados por esas aves de rapina dos campos de masacre da finanza. Ao lado do edificio da Bolsa, no interior do recinto que arrodea a esplanada, plantada de castiñeiros ananos, onde se ergue o Becerro de ouro, hai outra Bolsa chamada a Bolsa dos «Pés húmidos». Déuselle este curioso nome porque está a ceo aberto, como noutrora o mercado de valores antes da construción do edificio. Os «Pés húmidos» son individuos dos que non se sabe sempre de onde veñen e cuxo pasado, a maioría das veces, está lonxe de ser irreprochábel. Nos gabáns usados e miserábeis, os seus chapeus chamuscados, cotrosos, os seus botíns gastados que absorben, os días de choiva, máis auga que os seus propietarios, especulan con valores depreciados, caídos de 1000 e de 500 a 50 francos, e mesmo a cinco céntimos –así como os reis da finanza especulan coas rendas do Estado, as accións dos ferrocarrís, as accións de empresas de grandes dividendos. Os «Pés húmidos» venden títulos de sociedades en quebra a almas simples que esperan, contra toda verosimilitude, que suban un día. Moito máis a miúdo aínda, cédenas a trapalleiros que desexan posuír un capital ficticio para deslumbraren os pais dunha herdeira da que queren esposar o dote, ou para escaparen aos rigores da lei e enmascararen unha bancarrota fraudulenta. Neste último caso, preséntanse como vítimas inocentes dunha especulación que fracasou. Se non teñen, no momento en que hai que pagar, unha cadela na caixa para satisfaceren os seus acreedores, a falta é desa operación financeira fallida: compraron a 500 francos a acción –téñenas nas mans– que só valen cinco céntimos. Non se acha en L’Argent unha descrición desta baixa especulación tan interesante e tan característica, que é, por así dicilo, o reverso da Bolsa verdadeira. Só podemos lamentalo, porque a Bolsa dos «Pés Húmidos» é unha sátira mordaz dos reis do ouro. Mais Zola non ten a vea satírica.

As figuras episódicas da novela son numerosas e interesantes. Dejoie é o tipo de traballador honesto que aforrou durante anos cadela a cadela para amasar un dote para a súa filla. Despois de obter un empreguiño grazas a Saccard, sérveo con devoción, sacrifícase por el e ficalle fiel aínda que todos lle viran as costas despois da súa caída: o krach da banca engulipa as súas economías, froito de toda unha vida de mágoa e traballo. A condesa de Beauvilliers, que afirma descender de Cruzados, coñece as peores privacións, tan pobre de saúde como de cartos. Confía a Saccard os últimos restos da súa fortuna, o dote da súa filla e deposita na especulación a súa derradeira confianza en redourar o brasón dos seus devanceiros. Maugendre representa o pequenoburgués retirado dos negocios que goza dunha modesta posición, posúe todas as virtudes pequenoburguesas e unha gran dose de siso, odia a caste dos especuladores, despreza o xogo e no entanto se deixa convencer e despoxar completamente por Saccard. A nobre e orgullosa baronesa Sandorff, a muller dun conselleiro de embaixada, é collida nas tenaces da especulación, das que non escapa. Para cubrir as súas perdas na Bolsa, véndese a un procurador xeral a piques de ser nomeado ministro; convértese na amante de Saccard a fin de tirar informacións útiles e xogar sobre seguro, finalmente tamén o engana, rexistra os seus petos mentres dorme, corre a se reunir con Gundermann para lle revelar o segredo que descubriu. Espera obter unha recompensa conveniente, porque o Xudeu lle prometeu darlle un bo consello na caso de que ela lle fose útil. Este consello non se fai esperar: «Escóiteme ben, dille Gundermann. Non xoge, non xogue nunca. Faravos fea, é moi feo que unha muller xogue».

Estas palabras son toda a recompensa que obtén por causar a perda do seu amante. Sempre ao axexo de informacións bolsísticas, presa da súa paixón, cae cada vez máis baixo e finalmente convértese na amante de Jantrou, o xornalista de Bolsa corrompido e tarado, que brea e bate nela como nunha prostituta, ela, a nobre e moi orgullosa baronesa Sandorff. O capitán Chave xoga á Bolsa coa prudencia dun táctico consumado para redondedar a súa pensión e podes satisfacer os seus vicios de vello libertino. Maxime, o fillo maior de Saccard, é un tipo «fin de século» moi conseguido. É elegante e acicalado como unha cortesá pródiga. Aínda que só ten vinte e seis anos, a vida xa o esgotou, é egoísta e avaro con respecto aos outros, pola contra, non recúa diante de ningún gasto cando a súa preciosa persoa está en xogo. E un home aburrido e mira e observa a súa aburrida vida, e só é absorbido por esta contemplación. Xulga ben a seu pai: Mire, dille a madame Caroline, hai que comprender a papá. Non é, meu Deus!, peor que os outros. Só que seus fillos, as súas mulleres, en fin, todo o que o arrodea, todo isto impórtalle menos cós cartos … Ah!, entendámonos, non ama os cartos como un avaro, para ter un gran montón, para agachalo no seu rocho. Non! se quere facelo abrollar de todas as partes, se foza en non importa que fontes, é por todos os gozos que tira deles, de luxo, de pracer, de poder… Que quere? lévao no sangue. Vendería, a vostede, a min a non importa quen, se entrásemos en calquera mercado. E isto como home insconsciente e superior, porque é verdadeiramente o poeta do millón, de tal maneira os cartos vólveno louco e canalla, pero, ai!, canalla no máis grande!

Omito toda unha serie de figuras interesantes xa que non podo seguir aquí a novela páxina a páxina e analizala. Todos os personaxes, sen excepción, están cheos de vida e de movemento. Zola vinculounos habilmente á acción principal, a especulación de Saccard. L’Argent é unha novela solidamente estruturada.

Achamos, ao carón de Saccard, unha muller chea de vigor e de placidez, madame Caroline. Vive nun mundo de tafures e de estafadores como un lirio medra no esterco, sen perder nada da súa pureza orixinal. A súa candura presérvaa, en cada contacto indecente, de calquera mácula. Foi o anxo da garda e a intelixente amiga do seu irmán, o enxeñeiro Hamelin, un sabio místico, que ten grandes ideas mais necesita un financeiro para realizalas. E a conselleira lúcida, a excelente ama de casa de Saccard, con quen vive maritalmente e que ela admira polo seu ardor, a súa enerxía, o seu talento de organización, mais de quen teme as debilidades morais e sobre todo as arroutadas. Madame Caroline axuda e protexe a todos os que encontra; ao mesmo tempo non é molesta nin parva, distínguese así moi vantaxosamente da multitude de personaxes bos e virtuosos aflixidos habitualmente por estes dous defectos nas novelas, particularmente nas do noso autor. Zola non fallou tampouco ao nos presentar o xove matrimonio dos Jordan e soubo presentalo tan insignificante e parvo como era posíbel. O home é un novelista virtuoso que, sen sentir nin vergonza nin asco, escribe no xornal de Saccard. Págaselle por isto e a súa virtude declárase satisfeita. Cando a falta de cartos se fai sentir, a muller, que é dunha incríbel inxenuidade, exclama: Si, todo irá moi ben!… Volves comigo, non si? Será agradábel e compraremos, para mañá pola mañá, un arenque afumado, no recanto da rúa de Clichy, onde vin algúns soberbos. Esta noite, para cear, temos patacas con touciño.

Ese marabilloso arenque afumado e esas patacas con touciño! Que pedir máis como realismo e como detalle documental?

O mundo descrito en L’Argent non é fermoso. Non se pode, no entanto, facer a Zola o mesmo reproche que a Balzac, a saber, «facer o feo máis feo aínda». A realidade aquí é máis repugnante que todas as descricións feitas por Zola, cos seus detalles escatolóxicos e as súas faltas de gusto. É o desexo de se querer facer aceptar pola Académie ou o carácter especial do tema tratado que influíu ao autor? L’Argent non contén ningunha desas pasaxes inutilmente asquerosas que Zola introduce con tanto pracer na súa obra. A escena en que o fiscal xeral Delcambre sorprende a súa amante, a baronesa Sandorff, en flagrante delito con Saccard é, certamente, atrevida, mais é verdadeira, e era necesario esbozala a grandes trazos para facer resaltar plenamente o carácter dos tres personaxes. Balzac e Zola non intentaron eludir a representación do feo que se encontra na vida, mais Zola prácese verdadeiramente coas descricións superfluas e detalladas das cousas repugnantes e innobres, e esas descricións contribuíron ao éxito das súas novelas. Sen dúbida, cede neste sentido a Henry Monnier que, para reflectir toda a ignominia da realidade, recorreu non á novela, senón a curtas escenas dialogadas. O lector non aturaría descricións máis longas!

O que se pode, o que se debe reprochar a Zola é que pinta sen espírito, sen sátira e sen humor o que el pretende é a realidade. Escribe aburridamente, non é transportado pola súa obra, é máis ben un artesán concienzudo xunguido a unha tarefa que non lle interesa especialmente.

O riso e a ironía non alegran nunca as páxinas de Zola; non obstante, o home civilizado ri mesmo cando vive na podredume e na dor. A parvada humana por máis que sexa inconmensurábel, a boca do imbécil máis completo deixa escapar ás veces algúns trazos brillantes que manifestan o espírito. O mundo da Bolsa está composto por unha cuadrilla de individuos procedentes de todas as clases sociais, de todos os recantos da terra. Entre eles hai xentes espirituais, escépticos –escépticos, é verdade, supersticiosos– que son máis astutos que raposos, que saben saír con humor das situacións máis difíciles e que son chamados «desenredados» (debrouillards). Zola non coñece estas xentes: el que, non obstante, quere estar moi documentado, non se serve ningunha vez da palabra tan expresixa de «desenredado».

Entre eles hai moitas veces personalidades intelixentes e moi cutivadas que a súa desordenada vida –á que corresponde a miúdo un exterior bohemio– degradou moralmente. Nos seus rangos recrútanse os escritores que escriben sobre a Bolsa e para a Bolsa. Abonda lermos os boletíns da Bolsa e as revistas financeiras para recoñecer e apreciarmos o seu brío e o eu talento; saben animar o seu tema e darlle cores poéticas. Como xa subliñara Charles Fourier, a lingua da Bolsa é poética e moi inzada de imaxes, insufle vida aos valores bolsísticos, dótaos de todos os sentimentos que as variacións das cotizacións fan nacer na alma do especulador. Os valores (a Bolsa) son máis sensíbeis que a mimosa, desde o momento en que aparece a máis pequena nube, enrólanse, languidécense, múrchanse, debilítanse, agóchanse espantados e caen. Mais desde que aparece o primeiro raio de sol, reanímanse, ábrense, dispostos a loita, enderéitanse para recibiren o premio (prix) da vitoria.

Zola non salientou nada de todo isto e os seus personaxes son monótonos6.

A filosofía é o propio do home e a alegría do seu espírito. O escritor que non filosofa só é un artesán. O naturalismo, que corresponde en literatura ao impresionismo en pintura, prohibe os razoamentos e as xeneralizacións. Segundo esta teoría, o escritor debe permanecer completamente pasivo, rexistrar a sensación e entregala sen ir máis alá, non debe analizar a causa do fenómeno, do acontecemento, nin anunciar as consecuencias. O seu ideal é semellarse a unha placa fotográfica. Este método puramente mecánico de reproducir a vida na arte é moi fácil, non esixe ningún estudo previo e só demanda un débil gasto de enerxía intelectual. Mais se o cerebro, que interpreta o papel de placa fotográfica, non é nin moi sensíbel nin moi vasto, arriscámonos a obter unha imaxe imperfecta, incompleta, máis afastada da realidade que o cadro creado pola fantasía máis desenfreada. O seu método proba soamente que os escritores naturalistas teñen poucas facultades intelectuais.

Balzac filosofaba sobre todo e a propósito de todo. Ía ás veces tan lonxe que ateigaba as súas obras de consideracións xerais e as facía así indixestas. Era un pensador profundo que emprestaba o seu espírito e a riqueza do seu pensamento aos seus personaxes. La peau de chagrin, que non está entre as súas mellores obras, contén unha serie de conversas endiañadas entre xornalistas, políticos, artistas e cortesás onde expón sobre a sociedade, os costumes e a política ideas máis profundas que as que contén toda a nosa prensa moderna. Zola filosofa habitualmente bastante pouco. En L’Argent puxo, excepcionalmente, na boca de dous personaxes, Saccard e Sigismond Busch, consideracións xerais –o tema obrigáballo–, mais nin un nin outro se nos impoñen pola súa filosofía.

Saccard é un home ordinario. Tivo unha vida moi axitada, chea de vicisitudes. Viu moitos homes e moitas cousas atravesar as situacións máis diversas, foi alternativamente rico e pobre, experimentou as sensacións máis contraditorias, a embriaguez do combate e da vitoria, o desánimo momentáneo da desfeita, o aguillón do orgullo condenado á impotencia; foi divinizado e desprezado. O seu cerebro debeu almacenar unha multitude de observacións e de pensamentos, o seu corazón debeu rebordar de desprezo e de sarcasmos cara á humanidade.

Sigismond Busch é un home superexcitado pola enfermidade, un socialista imbuído, Zola afírmanolo, da sabia e potente teoría de Karl Marx. Podería suporse, xa que logo, que coñece a fondo o mundo da finanza e da economía capitalista, que comprende o desenvolvemento da sociedade e a necesidade da súa transformación. El e máis Saccard puideron interpretar de marabilla, dada a trama da novela, o papel de pensadores: un xulgando a sociedade moderna desde o punto de vista capitalista, o outro desde o punto de vista socialista. Mais no canto de expresaren pensamentos profundos, entréganse a unha va leria. Isto non abonda a Zola, que fai repetir por madame Caroline o que xa dixo Saccard. Madame Caroline é unha muller dunha erudición demasiado vasta, que perdera o seu tempo, noutrora, ardendo de desexos de coñecer o vasto mundo e tomando partido nas querelas dos filósofos.

Esforzarse en coñecer o mundo significa, por tanto, para Zola perder o tempo! O escritor non percibe que con semellante concepción coloca a ignorancia por enriba da ciencia e fai prevalecer a parvada sobre a razón.

Saccard fala moito e moito tempo: isto responde non soamente ao seu temperamento meridional, senón á maneira de Zola que prefire o monólogo ao diálogo. A Saccard gústalle de cando en vez proferir axiomas: así, cando se trata de publicidade, declara sentenciosamente que «todo ruído era bo en tanto que ruído». Quere que se divirta ao público e advirte a Jantrou que debe animar o seu boletín de Bolsa mediante xogos de palabras. Zola puido facer máis interesante a nulidade intelectual destes bolsistas póndolles na boca as sentenzas e as ideas que lles son habituais. A súa nulidade converteríase entón nunha particularidade característica e o lector podería aprezar así a intelixencia dos capitalistas. Non pensou niso. Saccard só desenvolve unha teoría, a teoría do xogo, da especulación: Necesítase a esperanza dun gaño considerábel, de que toque a lotaría que decuplica a achega de fondos, cando non a leva. O que inflama a cubiza do burgués e fai que se separe dos seus queridos cartos e os confíe os pillabáns e aos estafadores da finanza. Da mesma maneira que os nenos non serían creados sen a luxuría, sería imposíbel reunir os xigantescos capitais necesarios para o desenvolvemento económico e cultural, sen a especulación e as paixóns que encende, paixóns que se apoderan dos homes e os embriagan. Os cartos, esa porcaría, convértense no esterco en que medran as flores da civilización. Se corrompen todo, outorgan ao vicio un perfume agradábel, as coquettes e os seus lamentábeis amigos son as criaturas máis olorosas do mundo. Os cartos permiten ás boas almas, como a princesa de Orviedo, cuxo marido se enriqueceu mediante especulacións vergonzosas, realizar actos caritativos, colocar nenos pobres e enfermos en magníficas casas e lles dar camisas e doces. Tales son, brevemente resumidos, os pensamentos profundos que expresa o heroe de Zola, pensamentos repetidos por Caroline e que Zola reitera varias veces sen motivo, como para subliñar a pobreza de ideas da súa obra.

Sigismond Busch é áinda máis esbardallás que Saccard. Pode, xa que logo, dicir máis parvadas e non deixa de facelo. Zola, sen dúbida, quixo representalo como un home extraordinario: ademais do francés, a súa lingua materna, falaba o inglés, o alemán e o ruso. Con efecto, para o francés que non comprende a súa lingua materna, ése un home extraordinario desde o momento en que se comprenden varias. En 1849, en Colonia, coñecera Karl Marx, convertérase no redactor máis estimado da súa «Nova Gaceta Renana»; e, desde ese momento, a súa relixión fixárase: profesaba o socialismo cunha fe ardente, facendo o don de toda a súa persoa á idea dunha próxima renovación social, que debía asegurar a felicidade dos pobres e dos humildes.

Sigismond Busch escríbese regularmente co seu mestre, do que estuda con ardor apaixonado as obras, sobre todo O Capital, que chama a súa biblia. Revelemos aquí un erro divertido de Zola. Para semellar documentado a todo prezo, asegura ao lector que O Capital está impreso en letras góticas, aínda que as catro edicións alemás son todas en caracteres latinos.

Sigismond Busch, o discípulo de Marx, leu tan pouco O Capital como Zola o folleou. Se, non obstante, contra toda verosimilitude, o leu, tirou pouco proveito da súa lectura. Expresa algunhas ideas sobre a concentración de riqueza e o papel dos especuladores de Bolsa, porque o Estado colectivista só terá que facer o que vós facedes, expropiarvos en bloque, mentres que vós só expropiades ao pormenor. Di que o diñeiro deixará de servir para o reparto de produtos, como xa pasa na economía familiar. Mais hoxe estes son tópicos do socialismo, rebatidos desde hai dez anos, que se abriron camiño nos cerebros obstusos dos filisteos e que son repetidos mesmo polos anarquistas.

Estas ideas son razoábeis. Non poden, por tanto, abondar a Zola para facer de Sigismond Busch un socialista. Achou necesario pór na boca deste pretendido discípulo de Marx os erros de Proudhon que, precisamente, Marx combateu. Este lector asiduo d’O Capital ve, o mesmo que Proudhon, o sinal da desaparición do diñeiro na baixa de taxa do interese, o que proba soamente o aumento da masa de diñeiro en circulación. Este socialista científico está cheo de contradicións das que o seu papa Zola non ten nin idea. Explica como Marx e Engels demostraron peremptoriamente que a sociedade contemporánea crea no seu seo os elementos materiais e espirituais para a edificación da sociedade comunista do futuro. Ao mesmo tempo, pasa as noites e usa as súas forzas para imaxinar como será organizada a sociedade futura e como funcionará. Esfórzase en descubrir no corazón humano os móbeis que substituirán o egoísmo, creado e deenvolvido pola competencia, este motor do progreso na sociedade capitalista.

Busch é un idealista típico que non dubida mesmo que Marx, discípulo de Hegel, estaba convencido do desenvolvemento dialéctico de principios pretendidamente inmutábeis, que superara o seu mestre e mostrara como a aparición e a transformación destes principios no cerebro humano estaban estreitamente ligados ás relacións económicas. Mais Busch afirma que a nova organización social descansará sobre os principios inmutábeis da xustiza e dos dereitos recoñecidos e outorgados a cada un! Tomando como modelo a Karl Marx, co que estaba en continua correspondencia, esgotaba os seus días a estudar esta organización, modificando, mellorando sen cesar sobre o papel a sociedade de mañá, cobrindo de cifras inmensas páxinas, a basear sobre a ciencia a complicada elaboración da felicidade universal.

Nunha palabra, Busch é un cerebro confuso e encerellado, que se aferra ás utopías falansterianas e icarianas de 1848. Zola preséntao como un pensador científico, o discípulo preferido de Marx. Ora, Marx estaba firmemente convencido de que é van querer montar todas as pezas dunha sociedade, o mesmo que é imposíbel crear un animal: son as relacións económicas quen crean e desenvolven as formas sociais que corresponden a unha sociedade. Zola parece acreditar que Marx é un inventor de novelas. O «socialista» estraga a novela de Zola, é o produto dunha fantasía brumosa.

Unha obra como L’Argent, que se eleva de tal maneira por riba das novelas habituais e que se propón representar e analizar os fenómenos sociais, debería expresar algunha concepción da sociedade. Non existe nada diso.

L’Argent non terá o mesmo éxito que Nana e que L’Assommoir, porque a obra só atraerá os lectores que queiran coñecer o mundo da Bolsa. Tanto peor para o gran público se non sabe aprezar esta novela no seu valor!

Nos nosos días fálase tanto dunha renovación da literatura que calquera a quen se lle mete na cabeza escribir novelas ou versos se imaxina inxenuamente que funda unha nova tendencia, unha nova escola. Así, se poden formular as seguintes cuestións:

A novela á maneira de Zola7 constitúe a suprema tentativa realizada polos escritores burgueses para renovar a novela? Ou ben estes escritores están condenados a percorreren aínda a vía trazada polos seus predecesores, a retomaren as vellas fórmulas con algún cambios de detalle, adaptándoas ás esixencias do tempo e servirse así delas até que a novela, como xénero, se esgote, faga o seu tempo e desapareza, como desapareceron a traxedia clásica e a epopea?

Nun próximo artigo8 intentarei responde a estas cuestións.

NOTAS

1 «Viu o mundo tal como é: as leis e a moral impotentes nos ricos, e viu na fortuna a ultima ratio mundi» Balzac: O tío Goriot (Œuvres, t. IX).

2 Balzac: Illusions perdues, Œuvres, t. VIII.

3 Non hai moito tempo, Portalis, redactor en xefe de Le XIXe Siècle, xornal parisiense serio, que conta entre os seus colaborados a deputados e rexedores municipais, Marinoni, o administrador de Le Petit Journal, e Charles Laurent, rexedor municipal de París e redactor xefe de Le Jour, lavaron a súa roupa sucia en público. Nos seus xornais e en carteis colados en París e en provincia, tratáronse mutuamente de ladróns, de galopíns, de criados asalariados da finanza. Esta lama, lanzada a mans cheas, non suscitou ningunha indignación entre os outros xornalistas: tremían con só pensar en seren implicados na disputa dos tres energúmenos, porque temían revelacións sobre eles mesmos. Le Petit Journal que, probas na man, mostrara que Portalis estafara e roubara varios centenares de miles de francos a Secrétan, home de negocios do trust do cobre, reclamou a súa exclusión do sindicato de xornalistas. «Aposto que non o farán», foi a única resposta de Portalis. Aínda que fose estigmatizado e desenmascarado publicamente, pertence aínda hoxe á nobre confraría mencionada e mantén relacións fraternais e amicais cos outros xornalistas parisienses. «Quen se semella se axunta» (Qui se ressemble s’assemble), di un refrán.

4 O pasado mes de maio, o goberno viuse obrigado a facer unha lixeira concesión á opinión pública e consentiu en intentar dilixencias xudiciais contra os administradores de Panamá, que tirarán aos pequenos impositores mil cincocentos millóns de francos. O deputado Delahaye, que atacara a compañía no Palais-Bourbon acusándoa de que só podía xustificar seis centos millóns de francos, os novecentos restantes foran dilapidados ou roubados, declarou a un reporteiro de L’Éclair: «Ferdinand de Lesseps fixo do Parlamento, da prensa e da Academia os seus mellores cómplices, de maneira que se asegurou contra calquera persecución xudicial. Ninguén se arriscará a meterlle a man no pescozo». Lesseps, alcumado o « gran francés », comprara a todo o mundo. A instrución, aberta polo ministerio fiscal, eternízase. Lesseps, os seus fillos e os seus cómplices, gozan, nunha paz ben merecida, dos millóns que tan penosa e tan honorabelmente gañaron.

5 Jantrou, o xornalista ao servizo da finanza que aparece en L’Argent, «fixera tatuar estas palabras: comprade accións da Universal, nos recantos máis pequenos e máis delicados das damas amábeis, lanzándoas á circulación». [T. II].

6 Paul Alexis é un amigo perigoso. Como reprochaban a Zola privar de calquera espírito os artistas que puña en escena na súa novela L’Œuvre, Paul Alexis, que escribía en Le cri du peuple co pseudónimo de Trublot, quixo vingar a honra do seu ídolo e respondeu desta maneira: «Acredítase verdadeiramente que os artistas e os escritores teñen tanto espírito e humor? Tomádeme como exemplo. Non son nin divertido nin espiritual todos os días!». O alumno fai pensar no seu mestre…

7 Zola non sabe a que xénero pertencen as súas mellores novelas: Germinal, La Terre, Au Bonheur des dames, Pot-Bouille, L’Argent. Emprega por turno os termos: «naturalista», «realista», «experimental» e «documental». Estas designacións non son abondo precisas, poden aplicarse a novelas que non se semellan nada ás de Zola.

8 Tal artigo nunca foi publicado nin apareceu entre os papeis de Lafargue. Talvez nunca o escribiu (Nota do editor francés).

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *