<em>Con letras de pel (III)</em>, por Chelo Suárez

Con letras de pel (III), por Chelo Suárez

0 comentários 🕔09:30, 16.Jul 2014

I

Caer en ti, descender,
pechar os ollos,
verte, sentirte,
a través do tacto e das caricias.
Sentir
nese tránsito
brevemente inmortal
e tan animal, que me afunde, me leva
me eleva, e me volve
tan brillante e sensual.
Tan salvaxe e tan viva.

II

Por unha esquina da noite
aparecéchesteme
imprecisa, branca e núa.
Baixo a luz
dunha media lúa oriental
que estaba a sorrir aos
chiscos descardados dunha estrela.
Irrompiches, si,
nese meu alborecer da noite
cun recendo perverso a lilas e xasmíns.
Caín en ti, caín,
ao tropezar
na túa breve, suave
e perfumada
carne de pecado.

III

Anxo adolescente florentino,
quixera penetrar a túa carne impávida
para te derreter con caricias de sol,
pel de mármore.
Darche a vida,
esa vida que a min xa se me escapa
e ti non tes.
Bicarte, amarte ata o delirio…
Logo, a imposible loucura
de chegar máis aló…
ao te querer roubar
os soños de alabastro.

IV

Viaxeira en min,
a túa lingua percorre, invade
recónditos e rosados territorios
que, ata onte, ostentaban
en clave de pura hipocresía
unha palabra:
Prohibición.

V

Un saloucar vencido, un afastarme de ti
con trementes mans de seda
e dedos de papel.

Caiches baixo o meu peso.
Caíches.
A túa resistencia escudábase
tras un fráxil biombo de papoulas.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *