Entrevista a Carlos Penela

Entrevista a Carlos Penela

0 comentários 🕔11:00, 16.Jul 2014

- Palavra Comum: Que é para ti a poesia/literatura?

- Carlos Penela: A irresolubilidade desa cuestión é tal que trascende case á da propia pregunta sobre a vida mesma, pero a literatura, a poesía, ensaríllanse tamén nela, na vida, dunha maneira perpetua, desafiante. Na urdime da poesía pode estar agochada a vida toda; tal vez nun par de versos repouse a maior felicidade á que se poida aspirar…

Sospeito que a cifra última da literatura é esa descoñecida raíz común, cuxa orixe permite ollarnos, pese a todo, os uns aos outros e recoñecernos mutuamente, aínda que isto apenas sexa ás veces unha iluminación moi fugaz.

E tamén a poesía é un desvelamento, un acaso que pode (non sempre o consegue) colocarse por riba da sordidez e o fracaso dos días e reordenar o mundo máis íntimo de cada quen, as nosas expectativas, as nosas arelas, esa sede constante e tan humana por comprender, por sentir, por procurar… A linguaxe poética é unha corda moi fráxil e moi potente ao mesmo tempo, tensada nas marxes da comunicación e do coñecemento, e que permite situarse máis lonxe das devastacións da vida, para ollar esta con outra sorte de fondura.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?

- Carlos Penela: Tampouco é nada fácil responder a isto… Tentarei facelo citando unhas palabras de Paul Celan que conteñen unha imaxe que eu acho ben fermosa: “O poema, sendo como é unha forma de manifestación da linguaxe e, polo tanto, na súa esencia dialóxico, pode ser unha mensaxe na botella, lanzada ao mar da convicción –certamente nin sempre moi esperanzada– de que un día vaia dar a algunha praia, tal vez a unha praia do corazón. Tamén neste sentido os poemas están en camiño, teñen un rumbo”.

Pois ben, facendo unha síntese con materiais diversos que proceden da simple evocación, da vontade por renovar a linguaxe, dunha noción determinada, dunha referencia (ás veces apenas un aceno ou un nome…), da música e do alento do idioma en que se escribe, da procura dunha liña de fuga -ou coincidencia- dentro dunha tradición textual e cultural que aletexa por riba de nós, desde todo iso, eu entendo que podo comezar a darlle corpo ao poema…

Logo, sométese ese resultado quizais a unha espera, a unha relectura, a unha reescrita. Así, esas palabras que ordenaron unha parcela da vida, ou que constituíron unha intuición determinada, acaban dentro da botella da que fala Celan, unha botella que é lanzada ao mar, a un mar onde nós xa non levamos leme ningún… E o tempo exerce logo a súa erosión e, tal vez, alguén recolla un día esa mensaxe nunha praia moi lonxe. Non podemos esperar moito máis do que escribimos, é abondo xa. Ademais, un poema pode que non sexa tanto o que pretendemos dicir, como tal vez ese rastro que nos queda entre as mans, ese rastro de todo aquilo que non podemos alcanzar.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou poderia ser- a relação entre a literatura e outras artes (fotografia, artes plásticas, música, etc.)?

- Carlos Penela: É unha pregunta ben interesante que eu penso que non ten tanta centralidade no sistema literario galego como sería preciso… Para min, a relación entre todas esas disciplinas non é xa que sexa unha hipótese máis unha menos lícita ou desexable, senón que acho que debe ser xa case indispensable -todo o normal e o libre que sexa posible-, e máis aínda na contemporaneidade.

Persoalmente tento nutrir os meus textos desde aí; todo ese depósito cultural, que nos explica e que dá testemuño do que foron as nosas olladas sobre o mundo (e do que esas olladas aínda nos deparan), renova tamén o proceso da escrita de maneira moi suxerente.

Dicía Nietzsche que a vida sen a música sería un especie de errabundia sen sentido… Eu estou moi dacordo con esa afirmación e tento aplicala tamén á literatura e á propia experiencia da creación; e, xunto á música, igualmente outras estéticas (o cine, a pintura…)

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde todos os pontos de vista)?

- Carlos Penela: Se me teño que referir a un autor ou a unha autora que para min sempre foi un modelo de honestidade, fondura e calidade intelectual e estética na súa escrita, entón lembrarei con moita emoción o nome de Marguerite Yourcenar. Outro autor que sempre vai comigo é o de Elias Canetti, para min cunha significación especial por vivir eu en Viena, que é a topografía central desde onde xorde o seu mundo.

Pero concretamente na poesía, non sei, hai tantos… Heine, Mallarmé, Celan, Trakl, Yeats, Rilke, Anna Akhmátova… Máis contemporáneos, por exemplo, Adam Zagajewsky, Sebald, Méndez Ferrín, Elisabeth Bishop, Cunqueiro, Seamus Heaney… Ampliando a ollada para elaborar unha linguaxe poética propia: a tradición do Barroco, a linguaxe dos Libros Sapienciais, o cinema de John Huston, a pintura de Klee ou de Vermeer, Herodoto, os acmeístas rusos, o mundo de Borges, o estilo dun Lobo Antunes, a narrativa de Cormac McCarthy, de Faulkner, de Sabato… Hai tantas manifestacións da vida, tantas procuras fondas onde se acubilla o tremor da beleza que a escrita nos descubre e, por desgraza, sempre tan pouco tempo para dar conta de todas as que quixeramos, non si…?

- Palavra Comum: Que poetas (ou artistas, em geral)  reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?

- Carlos Penela: Por acoutar un pouco a resposta limitareime a un par de referencias (xa case clásicas hoxe en día) do contexto literario austríaco que, tal vez, non sexan tan coñecidas no espazo galego. A saber: a poesía da autora da Carintia Christine Lavant, os ensaios literarios e as crónicas de exilio da vienesa Hilde Spiel ou a obra de pensamento e memorialística de Jean Améry -outro vienés-.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje?

- Carlos Penela: Non creo que nisto haxa tanto un “onte” e un “hoxe”… Ao meu ver, hai dous parámetros básicos que se deben cumprir sempre nesa tarefa de creación: a liberdade e o rigor no que se fai, a procura de achar algo novo e sólido exercendo ao mesmo tempo a independencia creativa.

A partir daí, penso que as estratexias son moitas e o tipo de discurso pode (e debe) ser variado… Pero sen perder de vista, cando menos, eses dous elementos citados. A honestidade e a esixencia que se mostraren ao empregar a linguaxe é o que ao final vai permanecer… Moitos outros elementos aos que, a miúdo, se apela a min parécenme bastante banais, ou mesmo case un sofisma.

- Palavra Comum: Qual é a perspectiva que tens sobre a língua galega (e sobre a sua relação com a Lusofonia)?

- Carlos Penela: Entendo que se formule a pregunta, pero, se se me permite certo paradoxo, tal vez deberiamos considerar nisto o emprego de certa displicencia, actuar como se esa pregunta non tivese que ser formulada nunca, escribindo e falando nese idioma coa normalidade que se lle presupón a calquera outra lingua culta da Europa e do mundo.

Eu sei que o ruín panorama sociolóxico obriga a ir máis alá e a actuar no plano cívico e político dunha maneira máis marcada; no entanto, penso que se cada un fixer iso que digo, actuar con normalidade e con liberdade de conciencia, tal vez moitos prexuízos que, incomprensiblemente, existen aínda sobre a lingua galega quedarían ao descuberto dunha maneira aínda máis intelixente e eficaz.

Para dicilo con outras palabras: eu non me teño que dar por aludido e, moito menos, xustificar por escribir en galego, sexa no espazo onde se fundou ese idioma, sexa en Viena, ou sexa onde for… Ás veces, inconscientemente, interiorizamos de maneira excesiva certos prexuízos que proxectan sobre nós, agrilloándonos demais. Eu optaría ás veces por unha maior ironía, porque certas polémicas a respecto disto non dan para moito máis, hai demasiada ignorancia ou mala intención, ou unha mistura das dúas cousas…

Sobre a cuestión da Lusofonía… Ben, resulta bastante insólito que o portugués continúe a ser visto como se houber entre el e nós un abismo ou un estrañamento insalvables. Fóra de cuestións normativas (ao meu ver, enrocadas nun debate moi estiñado xa) para un cidadán galego minimamente formado debería ser normal ler e escribir tamén en portugués… Pero sospeito que isto non é así e considero que debe mudar definitivamente.

Sen embargo, non comparto moito o argumento do número de falantes á hora de decidirse por un modelo normativo ou outro, de tentar resolver os problemas que espreitan á lingua galega ou de concederlle maior ou menor presenza ao portugués e á súa cultura na vida dos galegos. Non é necesario recorrer a ese tipo de argumentacións para ver que o coñecemento do portugués debería ser algo absolutamente natural entre nós.

O rumbo dun idioma e o da súa produción cultural non está marcado só polo seu número de falantes. Hai comunidades con linguas de millóns e millóns de falantes (mesmo cun Estado por tras) que non ofrecen máis ca unha produción moi deficiente. Pola contra, hai nacións pequenas cunha vitalidade cultural enorme, isto é ben sabido. Islandia, por exemplo, é un país con menos pobación ca Vigo e é un dos países do mundo con maior número de publicacións periódicas per cápita.

Repetir clichés –nun sentido ou noutro- que non explican a realidade do que acontece, soamente porque lle acaen mellor ao modelo previo onde nos sentimos máis á vontade, paréceme acomodaticio e, ao final, tampouco vai resolver nada.

Sobre esta cuestión direi tamén que o interese terá de ser recíproco… Eu pregúntome se é que o mundo lusófono está disposto realmente a ollar con máis atención a cultura galega ou non. Non o sei, habería que ver o que opina a outra parte. Agora ben, se un lle bota unha ollada á axenda cultural en lingua portuguesa -e nin só- que pode ter unha metrópole como São Paulo ao longo dunha semana, por exemplo, será algo inxenuo pretender que as institucións culturais brasileiras se boten aos nosos brazos sen máis. Teremos tamén de ver o que ofrecemos e en que condicións o facemos, hai que facer autocrítica.

Levo matinado bastante sobre todo isto e, modestamente, así é como o vexo. Pero, en fin, eu tampouco teño un teorema perfecto para dar conta de todo ese sarillo… Sexa como for, en calquera ordenación cultural e educativa galega debería estar definida, co maior rigor e amplitude posibles, unha relación normal co mundo lusófono, sen dúbida… Pero isto, na verdade, nunca foi algo alleo aos autores e aos intelectuais galegos desde o século XIX.

- Palavra Comum: Resides em Viena desde há tempo. Que aspectos da cultura que conheces ali são relevantes para ti -e, por extensão, para tod@s nós-?

- Carlos Penela: Pois, o mundo cultural vastísimo que ofrece a lingua alemá e, de xeito máis específico, tamén a ponte que se establece desde aquí co mundo balcánico e coas literaturas limítrofes (polaca, checa, húngara, italiana…), que son literaturas con obras excelentes e ás que se pode acceder desde o alemán porque aquí están moi presentes nas editoras, nas conferencias de temática literaria, nos xornais, etc…

Ademais, tamén é interesante a presenza de certos escritores alófonos (fundamentalmente chegados da ex-URSS ou do antigo bloque do Leste) ou de escritores que se moven xa entre dúas linguas con naturalidade, cunha ollada transnacional, escritores que, ao mellor, están escribindo desde Viena en búlgaro, en turco ou en hebreo.

Para nós, como galegos, penso que tería tamén certo rendemento ollar á relación existente entre os escritores en alemán do Südtirol coa literatura austríaca ou os escritores da minoría eslovena de Austria en relación á Eslovenia.

Nese sentido, pola súa localización xeográfica e o seu pasado histórico, Austria é un lugar privilexiado para nos achegar a todas esas manifestacións culturais. Penso que isto nos pode ofrecer novos temas e propostas para a literatura galega do noso tempo.

Por sorte, nos últimos anos, e grazas a varios tradutores galegos excelentes e ao labor esforzadísmo de novas editoras centradas na tradución –que a min me parecen dun valor enorme-, podemos acceder algo máis a obras desas linguas traducidas directamente ao galego.

Para rematar coa miña resposta… A música interésame moitísimo e, neste sentido, vivir aquí tamén ofrece unha morea de satisfaccións, porque o calendario é moi amplo e dunha grande calidade. Tamén é posible visitar exposicións e retrospectivas de fotografía ou de arte de maneira constante e realmente moi variada. Todo isto eu valóroo moito. Ese contacto sérveme mesmo como material para a propia escrita, tento interiorizalo e incorporalo dalgunha maneira ao que vou facendo.

- Palavra Comum: Como escritor, que estimas que ganhas e/ou perdes ao estares aí?

- Carlos Penela: En liñas xerais, para exercer a escrita en si, non creo que perda tanto, ao contrario… Tal vez, desde un punto especificamente galego, si que perdo non poder estar en contacto directo con outros autores, non presenciar tan de primeira man certos debates e non ter tampouco a posibilidade efectiva de contribuír aos mesmos… Pero, pola contra, penso que gaño en independencia nalgúns xuízos e en certa distancia sobre o que acontece no panorama galego.

Poderíase considerar que perdo a relación máis inmediata e viva co idioma… En parte é certo, claro… Por razóns obvias, fago unha grande parte da miña vida noutra lingua que non é o galego e, por motivos de traballo e de intereses varios, debo empregar ata catro diferentes de xeito habitual.

Sen embargo, procuro non deixar de ler e reler nunca outros autores en galego. Aquí en Viena mesmo podo falar en galego con certa frecuencia con algunha persoa amiga que tamén é falante nativa… E desde Internet podo ver unha palestra dunha Universidade galega ou presenciar un recital de poesía que se organice aí con total normalidade. En fin, non é tan dramático.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Carlos Penela: Agradezo moito a pregunta porque, precisamente, logo de ir rematando o meu último poemario, “Arte de fuga”, decidín reabrir as gavetas dun vello proxecto que tiña en prosa e que, ao final, apareceu en forma de blog hai uns meses (“Vieiros de Kakania”, que se ocupa de cuestións diversas de historia cultural de Centroeuropa). Neste sentido, no futuro gustariame moito publicar máis textos en prosa e misturar mesmo xéneros (a fotografía interésame tamén moito e mesmo barallara hai tempo un proxecto en colaboración onde se misturasen textos e imaxes).

Eu nun principio era moi reacio, pero coincidindo coa elaboración dese blog, e para tentar combater certo desalento e aillamento, decidín estar presente nas redes sociais (ben, só en Facebook) para poder darlle así máis visibilidade ao que estaba facendo e ofrecerllo a máis persoas… Coas precaucións necesarias ante certos fascinios gorados que este tipo de medios pode agochar, ata o de agora, a decisión de estar na rede para min foi bastante positiva. Serviume para estar máis ao día das noticias relacionadas coa literatura galega e para falar e discutir con outras persoas desas cuestións desde a distancia.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Carlos Penela: Pois enlazando coa anterior pregunta, a verdade é que sabía xa de “Palavra Comum” grazas á Internet, pero, por esa rede social que antes nomeaba, a miña atención cara ela aínda se fixo maior e agora a acompaño moito máis.

Paréceme que ten unha ollada realmente ampla e multidisciplinar, con textos de calidade, dando espazo a moitos nomes, sen prexuízos, e iso é ben positivo… Tal vez boto algo en falta unha maior presenza de asuntos audiovisuais, pero supoño que é ben difícil tocar todos os paus.

Sexa como for, a existencia de revistas online como “Palavra Comum” é moi necesaria e soamente así é que poderemos ampliar e enriquecer o discurso cultural galego con normalidade.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *