<em>Ulises</em>, por Chelo Suárez

Ulises, por Chelo Suárez

0 comentários 🕔10:00, 23.Jul 2014

E así foi como as ondas, aquel día dun tempo
sen memoria, trouxérono aos seus brazos

A chuvisca caía persistente. Unha néboa pegañenta adheríase ás altas ventás da fábrica matizándoas de gris. O son da bucina sobresaltou a Penélope. Tan ensimesmada estaba que non se enteirou de que cesara o movemento das máquinas.
Pestanexou… As cores das las bailábanlle nos ollos unha danza de arco iris.
Hora de descanso. As operarias dispoñían de hora e media para ir xantar.
Fóra seguía a chover. Pen consultou o reloxo. Se pasaba da comida podía achegarse á praia. En sete minutos estaría alí, aínda que xurara non volver, os pasos levábana sempre.
O mar perdera luz, ficaba inmóbil. As lanchas, de cores vivas, parecían debuxadas no areal polas mans dun neno. No horizonte, ceo e mar bicábanse. Malia ser dous planos contrapostos, buscábanse, uníanse nunha aperta.
Unha lanza de sol furou as nubes e, preguiceira, veu deitarse nas ondas. Nese intre, o sentimento de perda foi tan grande que Penélope se botou a chorar.
Ulises, por onde andaba o seu Ulises? Todo fora coma un soño… O rapaz apareceu un día na praia, fermoso e bronceado coma un deus mitolóxico. Enredadas nos longos e loiros cabelos, traía algas e cunchas de todos os océanos… Exhausto, viñera coa marea nunha lancha.
– De onde es? –preguntáralle ela- Como te chamas?
– Ulises– respondeu.
Non dixo outra palabra.
Penélope compráralle roupa, alimentárao. Non se sabía quen era, de onde viña, nin para onde ía. A todos intrigaba o seu silencio. “O mozo sen memoria” –chamábano na praia.
Penélope, cun amor egoísta, inventou para el unha nova identidade. Queríao ancorado para sempre xunto a ela. Pero Ulises, desconfiado, percorría constantemente o areal, na procura do seu verdadeiro ser. Das perdidas lembranzas.
Unha mañá, Penélope sorprendeuno sentado e pensativo frente ao mar. Un mar que arrastraba nas ondas, cun rumor monocorde, infinitas historias. Historias que xa foran, que pasaran, e deixaran as súas pegadas deitadas na pel do areal. Ulises tiña un libro nas mans… A odisea. O único que, de entre todos os libros, Pen lle prohibira ler…
Ulises, recuperada a identidade, mirouna en fite, colleu a súa lancha, e volveu perderse no mar, xa que aquela garatuxeira non era a súa verdadeira Penélope, e o seu reino de Ítaca tampouco estaba alí.
Arroupada na choiva Penélope voltou ao traballo. As portas da fábrica enguliron as operarias, denantes de que se apagase tras delas o último clamor da bucina de chamada.
– O mar tróuxomo, o mar levoumo… o mar tróuxomo, o mar levoumo… Ulises, quérote, quérote… Estareite a esperar coa miña infinita paciencia – murmuraba Penélope, mentres os seus brazos guiaban con rítmica monotonía as pancas que movían as agullas do tear mecánico.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *