<em>Corpografías</em>, poemas de Chelo Suárez

Corpografías, poemas de Chelo Suárez

2 comentários 🕔09:30, 13.Ago 2014

I

Centro do meu universo
o teu embigo.
Enigmática, máxica flor
que abrocha
do teu terso ventre de alabastro.
Cunca para as miñas sedes…
Estigma impenetrable de segredos.
Paraíso de recónditos praceres.
Fin e principio
das miñas ansias.

II

Toda a túa beleza
cabe neles ao miralo.
Cos ollos
pódoche sorrir, acariciar, lamber
e expresar a paixón que me inspiras
seda núa
que esvaras lenta e sensual
entre os meus brazos.
Cos ollos
pódoche dicir, amada,
todo o que non cabe
nas miñas palabras.

III

As túas nádegas ao camiñar,
carnosos promontorios de seda
capaces de me atraer e resistir
a miña impetuosa arremetida.

Na preamar das tardes.

IV

Seos firmes e altivos
de plenitude lunar
cégame o voso parello esplendor.
Confésoo.

Pero amo e desexo
nuns seos
a xusta e tentadora redondez
da primeira mazá
furtada ao paraíso.
Que cabe,
doce e pequena
prometedora,
entre as miñas mans.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

2 comentários

  1. 🕔 18:55, 13.Ago 2014

    Sapoconcho Sapinho

    Que fermoso poema de amor !! Parabéns Chelo. Muito obigrado pe-la túa generosidade a-o compartir.

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *