<em>Recomendacións para un verán</em>

Recomendacións para un verán

0 comentários 🕔10:30, 13.Ago 2014

Se vas a París, papá… coidado cos surrealistas

xgg

Se este verán vostede vai a París, pode visitar un monte de exposicións e de Museus: o Louvre, Le Jeu de Paume (unha excelentes exposicións fotográficas espérano), o Musée d’Orsay (á parte das exposicións temporais, é de visita obrigatoria para todo aquel que queira coñecer o impresionismo ou, simplemente, ver o famoso cadro de Gustave Courbet A orixe do mundo), etc. Mais se vai a París, coidado cos apaches, como dicía a vella canción, ben que se xa estes non existen, os seus “herdeiros” non son nada “recomendábeis”. Mais se non debe preocuparse polos apaches e si polos seus herdeiros, non se preocupe, aínda que non dea con estes últimos, motivos de preocupación terá a cada recanto de cada bulevar: pode dar de fronte, sen querelo, nunha das múltiplas manifestacións que se están realizar na capital francesa co gallo da guerra israelo-palestina; guerra que, ás veces, dá a impresión de que se trasladou ás rúas parisienses. Nestas manifestacións topará vostede con homes e mulleres da extrema dereita e da extrema esquerda a ambos lados da “barricada”: o proisraelita e o propalestino: nunha das “barricadas”, antisemitas mesturados cos homes e mulleres que queren a paz xusta no oriente próximo. Na outra, antiislámicos mesturados cos homes e mulleres que queren a paz xusta no oriente próximo: apúntese á que máis guste, mais sen esquecer nunca que o actual goberno israelita (que non xudeu: un pode ser xudeu e antisionista ou non estar de acordo co Estado de Israel: un exemplo, George Steiner, que non é precisamente un voceiro da extrema esquerda), representantes dunha maioría da poboación israelita, é un goberno “enfermo de guerra”, como, talvez, enferma de guerra estea, infelizmente, a sociedade israelita. (Tamén, se acode a algunha destas manifestacións, teña coidado cos CRS, a política antidisturbios francesa: é como a de aquí ou peor: pode recibir unha malleira simplemente por ser vostede un “voyeur”.) Mais deixémonos de políticas, de guerras, de policías, nestes momentos, pois queriamos falar doutras cousas, aínda que ao mellor continuamos a tratarmos deses temas que afirmamos deixar de lado.

Á parte destas manifestacións, pode, se o procura, ou por azar, dar, tamén, cos surrealistas. Ou os pre-surrealistas. Sobre todo se camiña ou pasea polos arredores do Centre Pompidou, a carón do antigo mercado de Les Halles, hoxe centro cultural da modernidade parisiense, o Beaubourg.

Pode visitar Les Halles, nada a ver co que era. Pode, mesmo, entrar no vello restaurante para descargadores do mercado que visitaban os surrealistas: Le Chien qui fume, hoxe aínda está alí, mais é desde hai moitos anos un restaurante de luxo. Pode, por que non, visitar a igrexa de Saint-Étienne. E se se cansa cedo de les Halles, do seu Boulevard des Poètes, dos seus xardíns, da súas galerías comerciais, das súas explanadas, dos seus bares e restaurantes ou mesmo dos turistas como vostede ou coma min, visitar o Pompidou: tamén inzado de turistas até a cúpula. E cando acabe de visitar este centro, cruce a rúa: entrará de cheo en Le Marais, o vello barrio de apaches, xudeus, marxinados, etc., e hoxe barrio “chic” de copas e restaurantes, coas súas casas medievais restauradas, cos seus Archives du Temple, ou o Monte de Piedade… Visite París, sempre paga a pena. Mais, ante todo, demore no Centre Pompidou, na exposición estrela deste verán: Man Ray, Picabia et la revue “Littérature”.

Littérature foi unha revista que viviu de 1919 a 1924, fundada por Louis Aragon, André Breton, e Philippe Soupault. O primeiro número apareceu en 1919. Pouco despois Paul Éluard engadiuse ao trío coñecido daquela como “os tres mosqueteiros”. A revista tivo unha primeira serie, que acaba co número 19 (maio de 1921). Revista na que colaboraba a “flor e nata” da literatura francesa daquel tempo: André Gide, André Salmon, Jean Paulhan, Pierre Reverdy, Blaise Cendrars, Pierre Drieu La Rochelle, Jules Romains, Raymond Radiguet, Valery Larbaud, Leon-Paul Fargue, etc. En marzo de 1922 iníciase unha nova serie, xa reconvertida nunha revista, nun principio, totalmente dada, e todos eses “grandes colaboradores” desaparecen do seu índice, cando non son atacados brutalmente. Os últimos números, xa non dada, son a expresión de algo novo que se está a incubar e que vai nacer: o surrealismo.

Era o tempo, cómpre lembralo, de Dada en Europa e Nova York. En xaneiro de 1920 Tristan Tzara chega a París procedente de Zurich. Despois de tres números da segunda serie, e varias disensións, enfrontamentos, decepcións, proxectos non realizados, veladas dada, etc., en 1922 Breton toma a dirección de Littérature, con Soupault, que aos poucos a abandona, xa que non pode aturar un terceiro home que conta moito na revista: Francis Picabia.

Nese 1922, Picabia, máis que Duchamp, máis que Picasso, é o artista máis achegado a André Breton. Desde ese momento as portadas da revista serán realizadas por el, que tamén publicará poemas e escritos, do número 4 (1 de setembro de 1922) ao número 13 (xuño de 1924), o derradeiro.

Todo o que se leva escrito está en todas as historias de dada e do surrealismo, que nace cando Littérature desaparece. O que se ignoraba, até 2008, ano da venda do “fondo Breton”, é que os deseños orixinais de Picabia para as cubertas foran conservados polo autor de Nadja, e que tamén conservara 17 composicións do pintor que non foron publicadas na revista. O mecenado de Sanofi permitiu ao Centre Pompidou de París adquirilas e montar arredor delas esta exposición: Man Ray, Picabia et la revue “Littérature” (Centre Pompidou, de mércores a luns de 11:00h. a 21:00 h., entrada: de 11 a 13 €. Até o 8 de setembro).

A montaxe da exposición é simple: un espazo distinto para cada número, os debuxos e as portadas as revistas. Engádense diversos cadros: Dresseur d’animaux, de Picabia. Les amourex, de Picasso, algún Max Ernst, e unha serie de retratos fotográficos dos protagonistas realizados por un deles, Man Ray. Algún destes retratos e fotos son célebres: André Breton, René Crevel, Paul Éluard, Robert Desnos ou Marcel Duchamp, que aparece tres veces, unha como Marcel Duchamp, dous como Rrose Sélavy (Rose c’est la vie, segundo os entendidos).

Como toda exposición, hai diversas maneiras de mirala. Unha é, digamos, histórica: número a número, parándose diante de cada obra tomada separadamente e encerrada no seu contexto (ou gaiola?) intelectual, nos seus sobreentendidos. Por que, por exemplo, reparar nos deseños, de Robert Desnos? Porque os deseños de Desnos nos remiten a unha das grandes problemáticas do surrealismo. Desnos era o “rei” do automatismo psíquico, da escrita automática, do soño inducido (segundo Breton). Os deseños de Desnos introdúcenos nunha problemática: a perda de control do creador sobre a súa creación. A posibilidade dunha pintura automática é formulada xa en 1922, dous anos antes da aparición do Manifesto do surrealismo (coñecido como Primeiro Manifesto do surrealismo, ben que nunca levou tal título).

Outra maneira de proceder, tan lexítima como outra, é despreocuparse da orde cronolóxica, da crónica das empatías e antipatías dos protagonistas (recordemos, por exemplo, que René Crevel e Robert Desnos non se “tragaban”), das “gaiolas”, e saltar dun deseño a outro de Picabia. A inventiva picabiana é prodixiosa, e o espectador terá perante súa damas núas, un mono peludo, o Sagrado Corazón, un sombreiro de copa: Picabia pintaba o que quería e como quería. A burla, a broma da literatura, da pintura, da sociedade literaria e “civil” está nas palabras, nas relacións entre as figuras e as lendas. As portadas non publicadas son obscenas, sacrílegas, grotescas, mesmo ás veces irrisorias, con desbordamentos fálicos.

O espectador, decídase polo procedemento histórico ou polo procedemento “aleatorio”, comprenderá que Littérature, os homes que a facían, ían a contrapelo da súa época, que na Francia da posguerra (da primeira Guerra mundial que agora están a conmemorar un pouco cinicamente) aparvada de grandilocuencia patriótica, só podía, como aconteceu, escandalizar. A revista ataca os grandes nomes respectados por todos (dereita e esquerda): Anatole France, Maurice Barrés, Pierre Loti (o idiota, o traidor e o policía, en palabras de André Breton) e outros menos “populares” ou menos “patrióticos”: era necesario que o desespero ou o furor fosen feroces. E o espectador, diante das portadas de Picabia e as frases salvaxemente desprezativas de Breton, rirá, ou esbozará un sorriso –agardemos que cómplice. E que non esqueza que o seu riso está provocado polo riso duns artistas, dun poetas, duns homes que se sentían prisioneiros dun mundo inhumano. Como o actual, de aí que esta exposición sexa dunha actualidade feroz por, precisamente, intempestiva. Ou, talvez, non tan intempestiva (inactual), porque cómpre lembrarmos que o ultradereitista e parafascista Fronte Nacional é o primeiro partido de Francia na actualidade.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *