<em>Julio Cortázar: razóns para unha celebración</em>, por Francisco X. Fernández Naval

Julio Cortázar: razóns para unha celebración, por Francisco X. Fernández Naval

1 comentário 🕔10:30, 27.Ago 2014

Onte, 26 de agosto, cumpríronse cen anos do nacemento de Julio Cortázar en Ixelles-Bruxelas. Antes, o 12 de febreiro, cumpríronse os 30 anos do seu pasamento en París. O pasado 2013, celebrábase o 50 aniversario de Rayuela, a novela que o proxectou ao panorama literario internacional. Tempos pois de lembranzas e conmemoración dun dos grandes escritores do século XX. En conversa mantida recentemente con Aurora Bernárdez, galega de orixe, tradutora de prestixio, dona, amiga, compañeira de vida e de morte do escritor, falábame da súa satisfacción porque todo o referido a el estaba legal e intelectualmente resolto para o presente e para o futuro.
Dende o ano 2005, Galicia forma parte do universo Julio Cortázar. A decisión de incorporar a Galicia a ese mapa de emocións e de literatura, foi de Aurora, administradora do seu legado. Foi ela quen acordou depositar no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), o seu arquivo fotográfico e o de Cortázar.
As razóns desta decisión foron explicadas por ela na inauguración da exposición Ler imaxes: O arquivo fotográfico Julio Cortázar, da que foi comisaria Rocío Santa Cruz, organizada a partir do legado recibido, acto celebrado no pazo de Fonseca no outono do ano 2006. Aurora invocou entón a relación mantida por Cortázar cos galegos da emigración e do exilio en Bos Aires, en particular con Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela e Rafael Dieste. Pero alí, en Fonseca, como para confirmar vínculos maiores, estaba o pintor Leopoldo Nóvoa, amigo dos últimos anos, quen acollía a un Cortázar só e enfermo, no seu estudio de Nogent sur Marne, nos arrabaldes de París.
Poderíamos lembrar agora que foron os galegos quen primeiro repararon na súa calidade como escritor e tradutor, publicándolle relatos e encargándolle traballos de tradución para a editorial Nova. Tamén as visitas que xunto con Aurora realizou a Galicia, onde soñou con pasar un tempo vivindo ao xeito de Rouseau, dedicándose á pesca e a herborizar; a consciencia do idioma, expresado en máis dunha ocasión, en particular cando no caderno de notas de Rayuela, á hora de anotar o nome do xogo en varias linguas, facía constar: Mariola (Galicia, Coruña). Amais dos nomes xa expresados, fóronlle próximos: Francisco Porrúa, o editor de boa parte da súa obra, nacido en Corcubión; Mariquiña Valle Inclán; Eduardo Blanco Amor; José Ángel Valente; Ramón Chao; María Casares; Xosé Neira Vilas ou Antonio Pérez Prado.
O dito sería razón abonda para celebrar o centenario, cousa que sucederá coa chegada do outono, cando a Secretaría Xeral de Cultura inaugure unha nova exposición na Casa da Parra; pero a todas as razóns coñecidas e xa esgrimidas sobre a relación de Cortázar con Galicia e cos galegos, habería que engadir o feito de que hoxe, probablemente, é o autor do boom latinoamericano con máis presenza na cultura galega contemporánea. E falo de cultura e non só de literatura, porque presenza hai no cine, nas artes plásticas, no teatro, na universidade, no mundo asociativo ou na música. E destaco o termo “presenza” e non influenza porque os autores que recoñecen os vínculos con el salientan nesa relación a liberdade, a tenrura, o fantástico do cotián ou sentido do humor, características que fan que o autor dos cronopios sexa lido hoxe pola xente nova, tanto en Galicia como no resto do mundo, tal e como foi lido en vida, cousa que o faría sorrir feliz.
Un novo libro, complemento daquel Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar, do ano 2006, sairá para finais de setembro, coincidindo coa exposición. Publicado como o anterior pola editorial Linteo, levará por título: O soño galego de Julio Cortázar, invocando un soño recollido nunha carta escrita ao amigo e pintor Eduardo Jonquiéres, amigo, tamén de Luís Seoane, a quen visitará anos despois no Castro de Sada. Nesa carta, escrita o 27 de maio de 1956, Cortázar cóntalle a Jonquiéres a súa impresión sobre Galicia, de onde acaba de regresar, logo de pasar aquí uns días con Aurora:

[…] De Salamanca nos largamos nada menos que a Santiago de Compostela, deliciosa ciudad donde comimos unos pulpos gloriosos. ¿Te acuerdas del Pórtico de la Gloria, en la catedral? Y los soportales, las plazas por la noche, ese tono tan distinto de Galicia. Creo que para mí el gran descubrimiento, por inesperado, fue el paisaje. Cuando volvíamos de Santiago a León el tren anduvo toda la tarde junto al río Miño. Pegado a las ventanillas, no podía creer que eso fuera verdad. Comprendí de golpe la poesía galaico-portuguesa, esa presencia del verde, de los ríos, del égloga. Orense, Redondela, las rías, los viñedos infinitos con las cepas apuntaladas por sostenes de granito, como pequeños dólmenes que brillan entre el verde. Me he prometido, si alguna vez tengo un “deux chevaux”, llevarla a Aurora a Galicia, instalar cuarteles de primavera en Redondela, y dedicarme a los paseos, a la pesca, y a herborizar como Rousseau. Pienso que la falta de propaganda me ha embellecido el paisaje; uno está un poco harto de oír hablar con grande aspavientos de las vegas andaluzas, que son muy hermosas sin duda, pero menos, mucho menos que el paisaje gallego. Y el Miño es un río como he visto pocos. Y la gente es como toda la gente de España, metida para adentro (aunque griten, aunque te ensordezcan en los cafés y en los trenes) y llena de verdad y de tristeza. […]

A Galicia regresarían ao ano seguinte. Non sería nun “deux chevaux”, pero pasarán quince días gozando do mar e do sol, ela, coma unha walkiria; loitando el coas ondas, coma un Poseidón, en Lourido, concello de Nigrán.
Neste novo libro, unha longa relación de escritores afirman e explican o vínculo que manteñen co autor dos cronopios, ao tempo que analizan o que supuxo para eles a descuberta da literatura cortazariana. Están dende Méndez Ferrín a Berta Dávila; dende Agustín Fernández Paz a Dores Tembrás, nunha relación que inclúe vinteún autores máis.
De todos os xeitos, a min paréceme que a verdadeira celebración sucede cada día, cando alguén lle pon a unha libraría o nome de Rayuela ou de Cronopio; cando un grupo de mozas e mozos abren un local que bautizan como Casa Tomada; cando nun club de lectura dalgunha biblioteca se len os seus relatos. E un boa maneira de celebrar podería ser achegarse a Cortázar en galego, comprobar como soan e que música entoan as súas palabras no idioma polo que, segundo el, os galegos respiraban, na tradución do relato Autoestrada do sur, publicada a principio de ano, como anticipo da conmemoración, pola editorial Trifolium, na súa colección Musa Pedestris.

Sobre o autor / a autora

1 comentário

  1. 🕔 12:30, 27.Ago 2014

    Amilamia

    Fermoso artigo, escrito por un dos mellores coñecedores da obra de Cortázar.

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *