Poemas dedicados a Lois Pereiro

Poemas dedicados a Lois Pereiro

0 comentários 🕔09:30, 27.Ago 2014

CABALGAR ENTRE SOMBRAS

I

Onte
viñeches a min
polos ríos da noite,
cabalgando na sombra da lúa
para me recitar
envoltos
nunha rara
e sombría luz
os teus poemas

II

Pero un día o amor habitoute.
E sentíchelo nos pulsos
cun pálpito de pomba…
E, agarimoso,
con brancas mans de seda
pousou un tempo en ti.
Logo
foi o laio do vento
e o berro rebelde das estrelas e as ondas
ao ver como marchabas
envolto no sudario
da pena máis azul.

III

E as cinzas azuis que quedaban do día
ían caendo lenes, silandeiras
no solpor, Lois;
mentres xiraba
o carrusel nocturno
da desesperanza
con saia de lunares negros,
e volantes tristes
de redor de ti

IV

Foi unha tregua azul.
Tal vez soñabas…
E, malia ser maio,
espertaches
ao sentiren o frío e o resío da noite
os ósos e a pel.
E, coma Thomas Bernhard
musitaches, o cuarto cheo de lúa
a modo de oración:
Estou enfermo desta flor que medra vermella no meu cerebro.
Sobre os meus soños.

Bolboretas con ás de papoula
sobrevoándote.

V

As noites esvaraban lentas polo teu insomnio
pobóandoo de medos incertos…
De anxos que viñan canda ti
sobrevoando con ás de pecado
e música de rock
soándolles nas veas.
Un vento adverso,
que xiraba ao redor dos teus pés
viña levarte
co ritmo extraviado dunha fuga.
Tí, febril, murmurabas con palabras
de Peter Handke:
e, nembargantes, estiven todo o día loitando
silenciosamente con atención e astucia contra a morte
.

VI

O amor e a morte conxugados
nun verbo imposible
por ti
celebraron coa música
crúa e núa, lúcida e profunda
dos teus poemas
unha íntima unión.

Todo o demais
foi un murmurio inútil
que ardeu un instante
nos labios sedentos
e tortos da noite.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *