Entrevista a García MC

Entrevista a García MC

0 comentários 🕔13:33, 03.Set 2014

- Palavra Comum: Que é para ti a música?

- García MC: Creación artística, externalización de sentimentos, de pensamento e de vontade. Manifestación cultural dos pobos que recolle cosmogonías acumuladas en evolución constante, unha arma liberadora, mais tamén xoga un papel importante pola utilización que fai o poder dela con fins de dominación. Considéroa unha ferramenta terapéutica para o auto-coñecemento e o crecemento persoal e que pode ter a capacidade de xogar un papel transformador socioloxicamente no que a xustiza social se refire. Para min a música é unha outra trincheira da loita.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?

- García MC: Estou en tempo de seca agora! Enténdoo como me vai ditando o corazón, a verdade, o intelecto póñollo despois normalmente, sabendo que os grandes procesos de creación son explosións onde se pon a traballar o plano emocional, o plano intelectual e é rematado coa habilidade que se teña para executar tecnicamente a obra en si.

- Palavra Comum: Que outras artes te chamam? Procuras diálogos com elas?

- García MC: Sempre procuro diálogos, si. No traballo discográfico que veño de editar hai un ano e medio dinlle moita importancia ao visual e aos materiais da edición, intentando ampliar o universo do que se pretende transmitir musicalmente a través do simbolismo, das cores, da poética a través da imaxe. O Rap de por si é un diálogo artístico entre musicalidade e oralidade e a Cultura Hip Hop, como movemento integral que é, recolle infinidade de formas expresivas que dialogan entre si. En Dios Ke Te Crew comezamos a nosa andaina reivindicando ademais tódalas vertentes artísticas do Hip Hop, xuntando nun mesmo espectáculo graffiti, breakdance, beat box… No persoal non me gusta facer moita énfase na separación das diferentes artes, aínda que exista, evidentemente, pero sería entrar nun terreo pantanoso pois a aspiración do creador artístico penso que debe estar por riba do vehículo que utilice para tal cometido.

- Palavra Comum: De quem te sentes, criativamente, filho ou irmão?

- García MC: Da totalidade.

- Palavra Comum: Que músicas/músicos reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?

- García MC: O Ghato Persa, MC membro de Alto Asalto que está por vir, aínda que como grupo os propios Alto Asalto xa son coñecidos. Sempre ata certo punto claro, porque os medios de comunicación “públicos” como a TVG funcionan como factorías de ignorancia masiva e como é sabido teñen censurado todo o que teña que ver coa música que produce pensamento crítico e por causas como esa grandes artistas deste país non os coñece o 95% da poboación… En todo caso eu reivindico o underground como trincheira, reivindico a autonomía como creador. A Outra Cultura que dicimos, a que está feita desde abaixo e para abaixo. Cómpre construír institucionalidades outras recuperando, mais tamén inventando, o novo mundo que pretendemos.

- Palavra Comum: Tens falado sobre as tuas experiências em Chiapas? Que estimas interessante delas para a arte e a vida?

- García MC: Para min a dignidade rebelde indíxena é a máis alta escola na vida. Son Comunidades que practican a arte da vida desde a súa cosmovisión e coas súas contradicións, pero, o que é máis importante, sendo suxeitos colectivos soberanos á hora de decidir, abrindo fendas no contexto de guerra global capitalista que todo o impregna. Destaco que elas e eles xa comezaron a camiñar, xa mudaron en grande medida as súas formas de relacións sociais: cambiando a competitividade polo cooperativismo e o apoio mutuo. Destaco tamén que levan adiante mudanzas desde unha perspectiva integral e a pesares das supostas diferenzas tan marcadas, que obviamente existen, entre Chiapas e outras realidades como a galega, o inimigo que enfrontamos é o mesmo. Chámase neo-liberalismo e vai contra o humano do humano e os dereitos de toda a Natureza. Cada realidade, cos seus xeitos e modos, ou emprende camiños radicalmente antisistémicos encetando verdadeiras democracias, liberdades e xustizas ou xa sabemos o que hai, o sistema actual non ten marcha atrás e só nos ofrece desprezo, espolio, represión e explotación. Os zapatistas levan a cabo o Terra e Liberdade, actuando ante calquera dificultade: onde eles destrúen, nós construímos é a súa praxe irrebatible para calquera humanista.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- García MC: Teño en mente pequenos grandes proxectos no que a música se refire, como unha viaxe musical de aquí a Guiné-Bissau por terra, novas experiencias con músicos que xa están en marcha, un novo traballo discográfico… e un pequeno grande soño, construír unha Comunidade rebelde e aberta ao mundo dende unha lóxica anticapitalista e do bon-vivir.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- García MC: Un espazo de Autonomía, necesario, acho xenerosidade e compromiso coa nosa cultura, só me queda agradecer, como lector da Palavra Comum, tanto esforzo e darvos os parabéns, beizóns e cante o merlo!

García Mc – Positivas Vibracións (Dios Ke Te Crew, Xénese, 2006) no Festival Son das Mámoas (Candeán, Vigo. Galiza) acompanhado por DJ Mil durante a Xira Abaixo e De Pé Tour. Foi em 2013.

García MC e Lengualerta em CCH Vallejo (UNAM), Regeneración Radio em México DF, o 18 de Fevereiro de 2014.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *