Entrevista a Rosalía Fernández Rial

Entrevista a Rosalía Fernández Rial

0 comentários 🕔13:45, 17.Set 2014

- Palavra Comum: Que supõe para ti a poesia/literatura?

- Rosalía Fernández Rial: Primeiro, unha maneira de entender a existencia, de estar no mundo. Vivir como poeta, para min, ha de transcender o acto de escribir e abrirnos novas perspectivas sobre a realidade que nos rodea. Logo, toda manifestación literaria supón, ao meu entender, un xeito especial de comunicación co/a “outro/a”, tanto no proceso de lectura como na transmisión oral ou visual das composicións. E, por último, aínda que non menos importante, a poesía que valoro como tal ten que sublimar a linguaxe, xogar con ela e darlle a volta.

Por outra banda, penso que a poesía ha de servir tamén para verbalizar o inexplicable, aquilo que resulta imposible de racionalizar. Mais non como medio terapéutico, senón como forma diferente de comprensión e cognición.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?

- Rosalía Fernández Rial: De moi diversas maneiras, en función do que se estea a crear. Non considero que exista un “método” aplicable a todo proceso de construción dunha peza artística. Ao contrario, será a propia obra a que nos reclamará un xeito de traballar determinado, diferente en cada caso. O que si penso é que nese camiño a formación é necesaria mais non suficiente. Explícome: estou a defender que para elaborar un discurso artístico con valía e fundamento son necesarios certos coñecementos e referencias que han de alimentar as capacidades innatas de cada persoa –en calquera campo- mais eses contidos e habilidades non han de ter un carácter “académico” e nin sequera sistematizado, pois iso condicionaría demasiado o camiño cara ao produto final. Trátase de optimizar as túas competencias naturais nun campo de maneira que che permitan resolver os interrogantes que van xurdindo da maneira máis achegada á utopía que te propós nun principio.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, fotografia, plástica, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?

- Rosalía Fernández Rial: Eu creo moi firmemente na interdisciplinariedade e deféndoa en todos os ámbitos do meu traballo. A arte é unha e moitas ao mesmo tempo. Mais penso que sempre vas ter unha que é a “túa”, o teu xeito natural de expresarte e de chegar, desde el, ás demais. É como unha lingua materna inicial que, logo, che abre paso a outros idiomas; sabes cal é a lingua un (L1) porque é a que dominas, a que levas dentro, non só de xeito racional, senón, sobre todo, intrinsecamente, forma parte de ti. Logo, desde aí, podes e debes entender o prisma comunicativo do que formas parte porque só así entenderás por completo a túa propia linguaxe.

Todos os poemarios que publiquei foron ilustrados ou “traducidos” a diferentes manifestacións plásticas –dentro e/ou fóra do libro- por distintos pintores; sempre os levei a escena e, nesas dramatizacións, sempre existiu unha banda sonora, unha música composta ex profeso para tales intervencións. Máis recentemente tamén ando a experimentar co ámbito audiovisual. Desde pequena, cursei acordeón no conservatorio e fixen teatro. Non obstante, entendo todas esas manifestacións desde a literatura, desde a poesía; cando subo a un escenario ou penso pezas teatrais, cando escoito música, cando vou ao Centro de Arte Contemporánea ou cando vexo un filme, se teño que explicar o que sentín, recorro á “lingua materna”, en xénero lírico e en galego. Logo, existen traducións, pero o natural é o primeiro.

- Palavra Comum: Que poetas e formas criativas, em geral, reivindicas por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?

- Rosalía Fernández Rial: Pois aínda que semelle un paradoxo, penso que na actualidade empeza a ser necesario reivindicar o “clásico”. Creo que unha debe ser creadora do e no seu tempo, avanzar sempre e esquecer excesos morriñentos que non conducen a nada. Certo. Mais, aclarado ese principio fundamental, defendo tamén que non todo vale. Non se pode crer que se está a descubrir novos universos cada día por dispoñer de medios tecnolóxicos se non se coñece e recoñece a Rosalía de Castro, quen sabiamente respondería a tal vicisitude: “Ben sei que non hai nada / novo embaixo do ceo, / que antes outros pensaron / as cousas que hora eu penso. / E ben, ¿para qué escribo? / E ben, porque así semos, / relox que repetimos / eternamente o mesmo.”

É que, ademais, Rosalía de Castro foi unha moderna no seu tempo e hoxe ben seguro que andaría rodando videopoemas e revolucionando a escena contemporánea galega. E ese debe ser o referente; medrar mais no lombo dos xigantes, léndoos e actualizándoos constantemente. Nós temos que mirar cara adiante e “romper” pero sen perder xamais a perspectiva; saber de onde vimos resulta imprescindible para saber cara onde tirar. Non podemos abrir camiño se non temos unha visión panorámica da cartografía literaria.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?

- Rosalía Fernández Rial: Tomando en consideración o afirmado anteriormente, penso que, enriba dos xigantes, quedan aínda moitos camiños por abrir. As TIC supuxeron unha revolución na forma de entender a recepción das obras artísticas e ningún creador pode vivir de costas a iso porque suporía negar unha realidade evidente coa que acabaría por colisionar antes ou despois. O libro impreso ha de transcender a outros medios, estender a súa existencia alén do formato papel e superar todas as fronteiras. Mais tamén é certo que aínda estamos moi perdidos nese aspecto e a min hai dúas problemáticas principais que me preocupan especialmente nese sentido: por unha banda o desprezo dun “vello mundo”, como se houbese que enfrontalo obrigatoriamente a algo novo que comeza xa. Como comentei antes, é inútil e contraproducente caer na morriña ou pechar os ollos ás infinitas posibilidades que as últimas décadas nos abriron, mais tampouco podemos correr o risco de perder o pasado nin de prescindir dun “canon” –que si, agora ten que abrirse, adoptar perspectivas de xénero, non discriminar- mais debe estar aí, ten que haber filtros de calidade mínimos en todas as esferas creativas. Sen iso non hai identidade nin consumación do feito artístico.

Por outra banda, os medios tecnolóxicos non poden reducirse a “novos soportes” en ningún ámbito do coñecemento nin da creación. De que serve seguir ensinando análise sintáctica de xeito estruturalista nun encerado electrónico? Non ten sentido. Pois na arte acontece o mesmo. Xa Cortázar ou Borges escribiran “hipertextos” en formato papel e, pola contra, atopamos libros en formato dixital que resultan do máis tradicional na súa construción narrativa ou poética.

En resumo, se fai falta moita formación para procesar a información que internet contén, tamén é necesario coñecer as fontes primarias e percibir as súas innovacións para avanzar con xeito e non en carreiras cara ningures. Hai que acceder a bibliografías fiables, preocuparse por saber de onde vén cada cousa e deixar de copiar e pegar sen sentido. Cómpre escoitar antes de falar. Do contrario, afogaremos entre a Marusía.

E a lingua galega, así como o seu panorama cultural ten que aproveitar todos os novos medios con siso, para atopar o sentido que ten no mundo; neste mundo.

- Palavra Comum: Que perspectivas tens sobre a língua galega (e também sobre a sua relação com a Lusofonia)?

- Rosalía Fernández Rial: Todas. Teño todas as perspectivas do mundo sobre a lingua galega hoxe, onte e mañá. O problema teno a xente, non a lingua. Cientificamente están máis que probadas as vantaxes do multilingüísmo, así como a capacidade de comprender linguas achegadas sen telas estudado nunca. Que galego non entende a un Brasileiro? Que catalán non entende a un francés? Non hai dúbida sobre a intercomprensión e a riqueza da diversidade cultural. O que abre suma, sempre e desde a tolerancia todas as opcións poden e deben convivir. Diso non teño dúbida, como tampouco do sentido da propia identidade na realidade globalizada actual.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Rosalía Fernández Rial: O que máis valoro e aprecio de Palavra Comum é a coherencia con moitos dos principios que veño expoñendo; os seus creadores e directores son persoas con ampla formación literaria e artística e cunha especial sensibilidade nese e outros ámbitos. De feito, penso que as revistas galegas que queiran ocupar un espazo importante en internet deberían estar levadas por persoas con ese perfil se queremos ocupar o lugar que a nosa cultura merece, hoxe, no universo cibernético. Ao noso favor debo dicir que tanto esta revista como outros portais culturais e xornais dixitais cumpren sobradamente tales obxectivos, o cal supón un orgullo para os navegantes galegos.

En canto ao que me gustaría ver aquí… Quizais algún debate máis sobre cuestións de actualidade vinculadas coas artes nas que houbese visións diversas e de altura, que contribuísen a guiarnos un pouco neses “camiños” que antes comentamos. Ben é certo que xa están presentes, pero quizais dunha forma contrastada, con outros formatos, poderían gañar aínda máis.

A fotografia pertence à Fototeca da autora na AELG.

Autopista, vídeo-poema arredor de Ningún amante sabe conducir.

Ponte móbil, vídeo-poema realizado por Delio Sánchez, com música de Pablo Vidal.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *