Poemas dedicados a Lois Pereiro (II)

Poemas dedicados a Lois Pereiro (II)

0 comentários 🕔11:50, 17.Set 2014

CABALGAR ENTRE SOMBRAS (II)

VII

Un clamor de campaíñas de prata
e cristais pequenos
escoitouse na hora en que ti marchabas.
Mentres o ceo amosaba a súa brillante nudez
callada de arestas de xeo, labios mudos, e lirios como lágrimas.

E a alborada díxoche adeus, coas pálpebras caidas e nome de muller.
E saias de oloroso limoeiro. E peites de cravo e luz.
E aneis de neve e canela en todos os seus dedos.

Inesperadamente
a risa do sol, vermella,
abriuse para ti, acolléndote
con todos os seus dentes.

Aquel amencer.

VIII

Un día pasearei polas rúas de Praga.
E sobrevoarei o Moldavia con ás de papel
a cabalo dunha estrela,
dixeches afastando de ti
as sabas suadas.
Mentres o termómetro
a carón da túa pel
marcaba corenta e dous
inclementes graos.

Aquel escuro
amencer.

IX

Dende a morte aínda estás a pensar,
seino.
A clamar por ese amor fuxidío
que tivo para ti
palabras de duro cristal
e deixou tatuadas na túa pel
imaxes de inertes crisálidas.

Embalsamadas nun licor de xeo.

X

E as cinzas azuis que quedaban do día
ían caendo lenes, silandeiras,
no colo do solpor.
Quizais buscándote.
Mentres ti, encadeado a un soño de vacas louras
e verdes vales mollados, marchaches
escalando o perfil acrobático
da lúa.
Sentindo na pel
o primeiro aroma que exhalan as roseiras.

Bicadas polo orballo.

XI

Lois. Trasnoitado Arlequín namorado, ensamblador de palabras e versos.

Nalgures soou unha música de níquel
e seco, solemne, redobrou un tambor…
E unha nube de iodo velou a lúa
mentres ti loitabas contra a morte
na penumbra dun cuarto de hospital.

Con ás de éter, e berros de algodón
naquel supremo instante, dos teus labios,
dúas pálidas violetas, abrochou un último poema.
Versos que deixaches
para nós beber deles
unha líquida espiña.

E un refacho de luz.

XII

Sobrevivirás
coa forza necesaria
para te proclamar e retornar a nós,
sombra, cabalgando
na enganosa realidade dos espellos.

Os teus versos
como plumas caendo na alborada, chegan ás nosas almas
sen peso e con vigor.

O teu perfil gravado
para sempre
na plenitude
do azougue.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *