<em>Colleita de sombras (I): A Flor Vermella</em>, por Chelo Suárez

Colleita de sombras (I): A Flor Vermella, por Chelo Suárez

0 comentários 🕔09:30, 01.Out 2014

Ela estaba a tentalo dende alí embaixo.
A lle facer chiscos descarados cando asomaba ao abismo.
Unha mañá, o anxo, sen portar máis equipaxe que as súas níveas ás,
fuxiu do paraíso. E voou cara a terra,
alborozado e libre coma unha campá.

Conducindo unha moto roubada de grande cilindrada e brillante cor guinda, Ariel, o anxo Ariel, circulaba a máis de douscentos por hora pola autopista Sur. Malia saberen de sobra que o código xenético dos anxos non ten data de caducidade, cravada nos miolos coma se fose un puñal, levaba unha idea suicida. O abismo, unha vez que caeu nel, a parte de resultarlle moi pouco atractivo, estáballe a causar unha man de tropezos.
Por culpa da aterraxe tiña unha á medio esnaquizada, e unhas cantas mazaduras condecoraban a súa branquísima pel. Neses momentos en que experimentaba a tope a vertixe da velocidade en horizontal, a choiva golpeáballe inclemente o rostro, e as lamias da moto, ao rozar o garda medos, deixaban tras do vehículo unha constelación de rutilantes estrelas. A estrada despregábase ante el esvaradía e gris, asumindo a curvada e maligna anatomía dunha serpe. A serpe! Sempre, sempre a serpe, tentación ineludible no paraíso e insinuación mortífera abaixo, na estrada.
Por outra banda, a Flor Vermella que noite tras noite albiscaba dende o ceo, e que estaba sempre a lle facer chiscos sedutores, aparte de rirse del sen ningún recato cando coas ás caídas e o rostro acendido de roibén se lle presentou diante, resultou ser unha lurpia de primeira, con todo un catálogo de vicios pintado nun rostro cheo de engurras mal disimuladas por unha grosa capa de maquillaxe.
Si, Ariel circulaba a grande velocidade pola autopista porque ás sete en punto da tarde tiña unha misión que cumprir. No servizo do restaurante da área de descanso había un home que, sen sabelo, agardaba por el, distinguíndose dos demais por ter unha soa orella. Orella pola que só escoitaba todo canto de malo se pronunciaba no mundo. Farto de oír horrores polo único e esquerdo conduto auditivo, o individuo ía pór en práctica o seu cuarto e, con sorte, derradeiro intento de suicidio.
Logo de acudir a esa cita, Ariel tiña o firme propósito de atravesar os sete ceos e tornar ao paraíso do que nunca debeu fuxir.
O suicida pechárase no aseo do restaurante da autopista. As paredes estaban cheas de garabatos e frases soeces. Entre elas unha cita tan oportuna como esta: “Non te dispoñas a cometer o irreparable denantes de que o sol saia e se poña polo menos trescentas sesenta e cinco veces, e que ti o vexas, irmá!” Parecía escrita para el, mais non a tivo en conta, decidido como estaba a pasar definitivamente a mellor vida. Comprobou dúas veces a elasticidade e firmeza do seu cinto. Desta vez non había fracasar! De pé no retrete, fixou un extremo da correa ao cóbado da cisterna; logo, con dedos trementes, cinguiu o outro derredor do seu pescozo.
-Á de unha, á de dúas e á de tres! –Berrou pechando os ollos ao tempo que saltaba ao baleiro.
Foi nese xusto momento cando a sombra do anxo de esnaquizadas ás, anticipándose á acción do suicida, cortou o cinto.
É sabido que os anxos teñen a capacidade de desdobrarse, de estaren en lugares simultáneos á vez. Ariel, o anxo Ariel, aínda corría veloz pola autopista cando a súa sombra, adiantándoselle, impediu aquela morte.
En canto o home se decatou de que a sombra do anxo abortara a súa cuarta tentativa de suicidio, dubidaba entre rezarlle, darlle unha labazada ou maldicila…
De alí a pouco, o anxo, a súa sombra, e o home que tiña unha soa orella, curiosa trindade, departían amigables nun reservado do restaurante.
-Atraído por unha falsa ilusión, desertei un mal día da corte celestial. Alédome de que fose así, amiguiño, para te poder salvar. É ben certo iso de que Deus ás veces escribe dereito con ringleiras tortas, como dicides os do mundo.
Non ben os beizos do anxo murmuraron suavemente estas palabras na orella do home que tiña unha soa orella, este percibiu nos sons habituais un cambio radical. Foi coma se de súpeto mudase de sintonía. Unha música suave, moi suave, e unha engaiolante voz feminina coáronselle polo conduto auditivo. A voz, percibiuno claramente, estaba a chamalo dende o outro extremo do bar restaurante… Ariel! Ariel! Vén canda min, Ariel… Canta tenrura, Deus! E canto, canto tempo sen que ninguén pronunciase o seu nome… Case o tiña esquecido, oculto dentro de si coma un segredo. Con pasos de autómata saíu do reservado, e atravesou a curtísima e á vez infinita distancia que o separaba daquela voz… Ancorada no outro extremo da barra xunto a unha xerra de cervexa, as curvas ben marcadas cun traxe rutilante e atrevido, a Flor Vermella estaba a chamalo, a lle facer chiscos e acenos sedutores. A pronunciar docemente moi docemente o seu nome… Ariel…

Colleita de sombras gañou o segundo premio Modesto R. Figueiredo de 2008.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *